Bautista Álvarez naceu o ano 1933
en Loucía, pequena aldea da parroquia de Lás,
no concello de San Amaro, perto do Carballiño. É o
menor de tres irmáns dunha familia de modestos labregos.
Aos 10 anos ingresa no Seminario de Ourense,
onde estudou Humanidades e Filosofía. O acceso a publicacións
chegadas da diáspora arxentina e textos sobre o Estatuto
de 1936 xunto coa represión lingüística
alí vivida, servironlle para consolidar unhas teorizacións
que até ese momento viñera interpretando como
achádegos ideolóxicos meramente persoais. Posteriormente
trasladase ao Barco de Valdeorras.
Participa como membro fundador da Unión
do Povo Galego (UPG) o 25 de Xullo de 1964, sendo un dos que
redactaría os famosos “10 puntos” programáticos.
Nestes primeiros anos de vida a UPG era sobre todo un grupo
de formación e sensibilización ideolóxica
nacionalista centrado en Vigo e en Madrid especialmente.
No 1965 parte para Madrid, onde fai o servizo
militar e inicia estudos de Filosofía e Letras na Complutense. É aquí onde
entra en contacto coa colonia galega, na maioría estudantes.
Será membro cofundador do grupo “Brais Pinto” de
Madrid. Foi promotor e presidente do Seminario da Cultura Galega
do Clube de Amigos da Unesco de Madrid.
A principios de 1973 transladase a Vigo, entrando
a traballar nunha empresa d´O Porriño. Nesa altura
pasa a formar parte –dentro da clandestinidade política-
do Comité Executivo da UPG. Perseguido durante varias
veces polas forzas represivas, durante o estado de excepción
de 1969 ingresa na prisión de Carabanchel, acusado de
manter ideas “separatistas marxistizantes”. Morto
o ditador é detido por participar nunha manifestación
pro-amnistía en Vigo, no mes de decembro de 1976. Durante
1977, ademais de permanecer 15 dias no cárcere de Vigo
e de ser procesado polo Tribunal da Orde Pública (TOP),
pasou polos cuarteis da Garda Civil de Cangas, Verín
e Pontevedra, tendo como consecuencia das bárbaras torturas
sofridas unha rotura de costela. Presidente da Asociación
Cultural de Vigo de 1975 a 1978. Sobre temas culturais e literarios
ten colaboracións en varias revistas de ámbito
estatal, destacando un ensaio sobre “Os vellos non deben
de namorarse” de Castelao, na revista Primer Acto. Sobre
temas políticos son inumerábeis os artigos publicados
en diversas publicacións nos últimos 30 anos.
A fins de Agosto de 1977, durante a celebración
do Iº Congreso da UPG resulta electo Presidente, data
desde a que ocupa este cargo até a actualidade sendo
reelexido nos sucesivos congresos, o último o XIº en
xaneiro de 2005 e formando parte ininterrumpidamente dos órganos
de dirección deste Partido. Así mesmo participou
na fundación do Bloque Nacionalista Galego, sendo membro
da súa Comisión Permanente desde 1982 até o
2002. Na actualidade é o representante oficial da UPG
no Consello Nacional da formación frontista.
Pronunciou conferencias sobre temas do país
en numerosas asociacións da Galiza e do extranxeiro.
Entre elas destacan as pronunciadas en Madrid, Barcelona, Xenebra,
Zurich, Basilea e Rotterdam. Participou en simposios de política
internacional do BNG, como na fundación da CONSEO (Confederación
de Organizacións de Nacións sen Estado de Europa
Ocidental) en decembro de 1985, representou por dúas
veces ao BNG na London Dumping Convetion, na que se debateu
o tema dos verquidos radiactivos na fosa atlántica a
meiados dos 80.
Nas primeiras eleccións ao Parlamento
galego celebradas o 20 de Outubro de 1981 sae electo deputado
pola circunscrición da Coruña, sendo expulso
do Parlamento, xunto cos compañeiros da coalición
electoral Bloque (AN-PG/UPG)-PSG, Lois Diéguez Vázquez
e Claudio López Garrido por negarse a prestar xuramento á Constitución
española de 1978, con carácter retroactivo, pois
xa levaban varios meses exercendo o seu labor como representantes
nacionalistas. Volverá a resultar electo deputado pola
circunscrición de Pontevedra na IIIª, IVª,
Vª e VIª lexislatura. Sendo Vice-secretario da Mesa
do Parlamento na IVª e Vice-presidente segundo na Vª.
No ano 2004, na celebración do 40 aniversario
da constitución da UPG, este Partido promove a constitución
da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas,
que pasa a presidir desde o primeiro momento. Así mesmo
son variados os recoñecementos á súa traxectoria
intelectual e de compromiso social e político desde
diversas instancias do país; un dos últimos foi
o lograr o Iº premio Manuel María á dignidade
nacional, entregado en marzo de 2006.