Partido comunista que enlaza,
porén, coa tradición política do galeguismo
nacionalista da II República española, pois parte
da asunción teórica e práctica de que
Galiza é unha nación. Foi durante a fase de emerxencia
da burguesía monopolista española –década
dos sesenta– cando apareceron sintomas de ruptura coa
inactividade política e organizativa do galeguismo culturalista.
Así xurdiu a Unión do Povo Galego (UPG), primeira
organización desde Galiza que pensa na solución
do problema nacional galego dunha perspectiva marxista.
Nace en 1964, momento no que
non hai partidos nacionalistas galegos, xa fosen burgueses
ou pequeno-burgueses. É, pois, a primeira resposta organizativa
do nacionalismo galego despois da Guerra Civil. O camiño
da UPG non foi fácil desde entón. A súa
orixe, o campo que tivo que cobrir e a falta de continuidade
organizativa do nacionalismo histórico anterior levaron
a UPG a ter que cobrir ou promover campos e alternativas a
un tempo frentista e partidarias.
Loxicamente o primeiro esforzo
da UPG consistiu en procurar as conexións entre nacionalismo
e marxismo, isto é, aplicar o marxismo á explicación
política, económica e cultural dunha nación
que considera colonizada, un dos criterios básicos da
concepción que este partido ten de Galiza. Pártese
da tese de que os principais atrancos para o desenvolvemento
da economía galega veñen provocados polas específicas
relacións de dependencia que soporta a sociedade galega.
Estas relacións de dependencia colonial determinarían
que a formación económico-social galega, ao servizo
do modo de produción capitalista do Estado español
e, en xeral, ao servizo dos Estados imperialistas europeos
e norteamericanos, industrializados e cun capitalismo monopolista
desenvolvido, cumpra a función de subministradora de
forza de traballo, enerxía e materias primas sen transformar,
e capital. Precisamente, esta situación, caracterizada
a nível económico polo subdesenvolvemento, pola
dependencia, pola desarticulación da súa economía
cara ao exterior, complétase a nível social pola
ausencia da clase dominante autóctona, a nível
político por non se autogobernar, isto é, por
non ter independencia política, e a nível cultural
por ter a súa lingua e cultura nacional sen normalizar,
dominadas.
A UPG ten como obxectivo, neste
etapa histórica do imperialismo mundial, a consecución
da liberación nacional de Galiza. Así pois, considera
que a revolución nacional-popular supón a alianza
das clases populares, obreiros, campesiños, mariñeiros,
sectores da pequena burguesía, fronte aos seus inimigos
de clase, a grande burguesía monopolista dos Estados
imperialistas e os seus aliados. Desta maneira, a loita de
clases populares pola liberación da explotación
de que son vítimas baixo o rexime do capitalismo colonial,
coinciden obxectivamente na fase histórica actual e
non son máis que as dúas caras do mesmo proceso.
Nos primeiros anos da súa
existencia a UPG era sobretodo un grupo de formación
e sensibilización ideolóxica nacionalista, centrado
en Vigo e en Madrid especialmente, con pouca acción
sistematizada e escasa práctica a nível social.
Mesmo semellaba máis o seu desexo galeguizar a esquerda
españolista existente en Galiza que asumir a construción
desde si dunha esquerda nacionalista. Aínda que a actividade
axitativa da UPG se notou xa durante os sucesos de Castrelo
de Miño, na oposición á construción
do encoro con que FENOSA inundou aquel val ourensán,
así como en 1968 (Día da Patria Galega), 1969
(estado de excepción), etc, a primeira vez que deu unha
resposta articulada a nível galego consistiu na solidariedade
cos folguistas, procesados, detidos e asasinados do ano 1972
(folgas obreiras de Ferrol), durante a ditadura franquista.
Parece que tales sucesos evidenciaron o retraso con que chegaba
o nacionalismo para se introducir entre a clase obreira galega
fronte a unha esquerda comunista española. É nesta época
cando se integra nas filas da UPG un grupo obreiro de orixe
cristián asentado en Vigo: Galicia Socialista.
Os anos 1972, 73 e 74 son decisivos
na conformación orgánica e ideolóxica
da UPG como partido comunista, e tamén para a súa
expansión por toda a Galiza. Coa aparición en
1974 da Xunta Democrática de España, que defendía
para Galiza o Estatuto de Autonomía do 36, a UPG mostrou
a súa oposición a tal formulación, considerándoa
inaxeitada por sucursalista, e ineficaz por colonialista, xa
que no contemplaba o dereito de autodeterminación nacional.
No terreo práctico, dirixiu os seus esforzos en levantar
unha alternativa democrática, patriótica galega
e anticolonial, que consistiu na promoción e creación
en 1975 da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Esta organización
serviu de rápida expansión social do nacionalismo
popular e de aumento da súa capacidade mobilizadora.
Era a primeira formulación dunha frente patriótica,
alicerzada na defensa da soberanía nacional e do anti-colonialismo.
En 1975, a represión abátese
sobre a UPG co asasinato dun cualificado militante, Moncho
Reboiras, o encarceramento (Brañas, Marisa, Manolo,
Xan) e o exilio de outros (Margarita Ledo, Elvira Souto...).
A UPG dera luz verde, por necesidades económicas, para
aumentar a súa infraestrutura organizativa e para protexer
e reforzar os movementos e loitas populares contra as agresións
dos monopolios, a un grupo armado que realizara algunhas accións
até entón. A imprensa, a raíz das detencións
e do asasinato de Moncho Reboiras pola policía, divulgou
que se estaba a preparar o secuestro da Condesa de Fenosa,
para paralizar a que se consideraba inminente construción
da Central Nuclear de Xove. É desde este ano de 1975,
unha vez que existen sintomas claros de descomposición
do rexime franquista, cando a UPG se ve na necesidade de facer
política táctica para os tempos que se aveciñan:
organizar unha alternativa rupturista e nacional galega que
non aceite a reforma nen unha transición pactada coas
forzas do anterior rexime. A esta dinámica responde
a aparición do Consello de Forzas Políticas de
Galiza e o seu programa de Bases Constitucionais da Nación
Galega (1976).
Fiel a este posicionamento, a
UPG non aceitou a Constitución española (1978),
por considerala anti-galega, anti-nacionalista, anti-democrática
e favorábel á economía dos monopolios.
A Constitución española efectivamente representaba
a negación radical do proxecto de Bases Constitucionais
da Nación Galega, isto é, da soberanía
do povo galego e do dereito a un proceso constituínte
proprio. Consagraba a unidade da patria española, a
estrutura unitaria do Estado, impondo a alternativa de rexionalización
e descentralización administrativa, vía estatutos
de autonomía, segundo este partido, para neutralizar
a loita de liberación nacional das nacións oprimidas.
Institucionalizaba os valores ideolóxicos, culturais
e sociais da burguesía dentro do que se cualifica pola
UPG como democracia formal represiva, para abrir paso á integración
española na Europa comunitaria.
Consecuentemente, a UPG opúxose
ao rexime de concesión de estatutos de autonomía.
Tanto no proceso plebiscitario de 1978 (Constitución)
como no de 1980 (Estatuto), a UPG formando parte no primero
caso do BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego), e no segundo
integrada na coaligación do Bloque co histórico
PSG, defendeu o voto negativo nas urnas.
A
posición anti-imperialista
da UPG foi clara desde os seus comezos, mais ficou perfilada
sen nengunha ambigüidade, sobretodo, cando o proceso
de reforma franquista comezou a andar. Foi, neste aspecto,
sintomática a súa posición contraria á integración
da Galiza na Comunidade Económica Europea (CEE), clarificada,
cando menos, desde 1974. A UPG advertiu de que, coa política
económica comunitaria, os desequilibrios espaciais
agravaríanse, acentuándose así as diferenzas
existentes entre as zonas máis ricas e as menos desenvolvidas.
Concretamente, a UPG denunciou, desde entón, o proceso
irreversíbel de agresión que a integración
na CEE significaría para o sector lácteo, pesqueiro
e da industria naval galegas. Por outra parte a súa
denuncia céntrase en que o Mercado Común Europeo é un
organismo supra-estatal de carácter imperialista,
tanto no plano económico como no ideolóxico
e o político, sen que se poidan negar as súas
vinculacións co aparello militar da OTAN, organización á que,
tanto antes como despois do referendo de 1986, a UPG se continúa
a opor, defendendo a retirada do Estado Español da
mesma. As razóns para a UPG son:
Significa un compromiso formal co campo
imperialista.
Control das loitas de liberación
nacional.
Planos de militarización específicos
para Galiza polo seu especial papel xeo-estratéxico.
Aumento da presenza de bases
estranxeiras en Galiza.
Maiores gastos militares,
claramente antisociais.
Nuclearización e militarización
da sociedade, así como control das organizacións
populares combativas.
Hai que salientar o importante
papel que cumpriu a UPG no proceso de restauración do
uso público, oral e escrito, da lingua galega, desde
o ano 72. Á súa actividade e conduta lingüística
debéronse os primeiros pasos para rachar, contra vento
e maré, as normas de uso que facían do español,
o idioma formal, oral, en mitins, escritos, en asuntos de importancia,
conferencias, intervencións en asembleas,... Así apareceu
o galego á luz pública en ambientes de estudantes,
obreiros e traballadores do ensino, especialmente. No transcurso
dos anos 72 ao 78 esta actitude obrigou a unha galeguización
formal dos diferentes partidos políticos, especialmente
da esquerda española. Pode dicerse que os logros idiomáticos
están moi vinculados ao combate teórico práctico
do nacionalismo, e concretamente da UPG.
A forma de transición á democracia
burguesa no Estado Español condicionou a táctica
da UPG. Así, por exemplo, en 1977, ante as primeiras
eleicións xerais, tivo que recorrer a legalizar por
medio de sinaturas unha coaligación eleitoral, pois
non fora aínda legalizada polo Goberno en Xuño
do mesmo ano, como tamén non o estaba a AN-PG. Foi deste
modo como xurdiu o Bloque Nacional-Popular Galego. A UPG comprendeu
a necesidade de que a loita política, entendida como
de organización e mobilización de masas, así como
de comparecencia en todos os ámbitos da vida pública,
pasaba a primeiro plano, como o demostran as teses aprobadas
no I Congreso do Partido en 1977, celebrado na ilegalidade
e semi-clandestinamente. Deste programa dedúcese que
a identidade de intereses deste partido e da frente (a AN-PG
entón) era total. A introdución e incidencia
social do nacionalismo popular aumentou de 1977 a 1979, traducíndose
mesmo a nível eleitoral: o BN-PG pasou de 22.771 votos
en 1977 a 61.701 en 1979; presentou 167 candidaturas nas eleicións
municipais deste mesmo ano, conseguindo nove alcaldías
e 260 concelleiros e concelleiras. A celebración do
Día da Patria Galega converteuse no bo termómetro
da súa capacidade mobilizadora, cunha data especialmente
senlleira, o 25 de Xullo de 1978, no que máis de 25.000
manifestantes, contra a autonomía por caciquil e colonialista,
e en favor das Bases Constitucionais, percorreron as rúas
de Santiago. En xullo de 1980, a UPG xunto coa Mesa de Forzas
Políticas Galegas, inician un achegamento entre dous
partidos que iniciarían a restauración do nacionalismo
na posguerra. Aliado o Bloque (UPG e AN-PG) co PSG, conseguiu
nas primeiras eleicións autonómicas (Outubro
de 1981) 62.000 votos e tres parlamentarios, Claudio López
Garrido, Lois Diéguez e Bautista Álvarez, cando
aínda non pasara un ano do intento de golpe de Estado
do 23 de Febreiro e despois dunha importante crise no seo do
nacionalismo popular. Non faltaron por estes anos as tentativas
do Goberno de acabar coa manifestación patriótica
do Bloque do 25 de Xullo: en 1980 o Gobernador Civil da Coruña
prohibe que entre no casco vello de Santiago, igual que en
1981 e 1982. Será no 1983 cando se produza unha sentada
de resistencia de milleiros de manifestantes que acabarán
sendo, despois de máis de cinco horas, atacados pola
forzas da orde pública, co conseguinte enfrentamento.
A partir deste ano, conseguiuse de novo a entrada no casco
vello da cidade, notándose unha recuperación
mobilizadora tanto no ano 1984 como no 85.
O 22 de novembro
de 1982, os deputados do Bloque-PSG foron expulsados do Parlamento
Autonómico, ao lles ser aplicado retroactivamente
un regulamento que obrigaba, por decisión de AP, PSOE
e UCD, a prestar promesa ou xuramento de acatamento e fidelidade á Constitución
española e ao Estatuto de Autonomía, ao cal
se negaron os nacionalistas. En outubro de 1982, o Bloque-PSG
concorreu ás eleicións xerais na que había
de ser a última alianza entre estas forzas políticas.
Débese ter en conta que xa en abril do ano 82 a AN-PG
aprobara nun plenario a reformulación da frente patriótica,
que foi promovida, entre outros, pola UPG; daquí xurdirá o
actual BNG (Bloque Nacionalista Galego), conformado en base á militancia
con que contaba a AN-PG, coa UPG, independentes, ERGA e o
Colectivo Socialista, sector do PSG que decidiu colaborar
na construción desta frente nacionalista. O BNG concorreu ás
eleicións municipais no 1983, obtendo 120 concelleiras
e concelleiros e 5 alcaldías. Nas eleicións
autonómicas de 1985, o BNG consegue, tras a obrigada
e imposta ausencia dos deputados nacionalistas durante tres
anos do Parlamento Autonómico, 53.000 votos e un deputado
(Xosé Manuel Beiras Torrado). A UPG, pola súa
parte, reconsidera nun congreso extraordinario a súa
posición táctica a respeito da promesa ou xuramento
de acatamento e fidelidade á Constitución
e o Estatuto, por considerar que, de non facelo, poñen
en xogo outras necesidades do nacionalismo popular, sen que
isto signifique a súa aceitación teórica
ou práctica. A mesma decisión tomouna
o BNG, tamén en asemblea extraordinaria celebrada
en Santiago en decembro de 1985.
Cómpre resaltar o importante
papel desempeñado pola UPG na promoción e desenvolvemento
de organizacións de masas nacionalistas, sindicais,
estudantís, culturais, xa nos últimos anos do
franquismo (SOG, UTEG, ERGA, CCLL,...). Precisamente a partir
de xermes sindicais da clandestinidade creouse a ING (Intersindical
Nacional Galega, primeira central sindical nacionalista que
existiu en Galiza. O sindicato de Comisións Labregas,
especialmente entre 1976 e 1980, realizou as maiores mobilizacións
labregas de posguerra (mobilizacións e boicote contra
a cuota da Seguridade Social Agraria, folga polos prezos do
leite, contra as agresións dos monopolios, etc).
Como todos os partidos, e concretamente
os comunistas, a UPG pasou, até o de agora, por varias
crises de conformación e de adaptación. En 1973,
en forma de desviacionismo do que o partido considerou intentona
de integración na esquerda españolista; en 1976,
por causa do que se considerou o final dun certo caudillismo
e adaptación acelerada a unhas novas necesidades organizativas,
que conduciron ao nomeamento por vez primeira dunha Secretaría
Xeral do partido; en 1977, en forma de abandono dun pequeno
sector pro-autonomista e moderado; en 1981, despois do 23-F,
aínda que ao parecer latente desde había un ano,
a que significou expresión de dificuldades para avanzar
cohesionadamente, producindo tanto na vertente moderada e abandonista
clara, como outra de confusos obxectivos no conxunto. En 1986,
por defensa nominal da solución independentista e por
discrepancia aberta a respeito da decisión maioritaria
da UPG, un grupo de militantes abandona o Partido e funda o
PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional), grupo
que formaria parte do BNG até a IIIª Asemblea
Nacional celebrada no ano 1987, no Carballiño, en que
o abandona. O liquidacionismo, desta volta, adoptou a forma
dun entreguismo indisimulado a alternativas exteriores á propia
Galiza (lémbrese o apoio nas primeiras eleccións
europeas a HB), en contra da decisión adoptada polos órganos
e asembleas do BNG, de participación autónoma
e como forza nacionalista galega.
A UPG réxese, como partido
comunista, polos principios do centralismo democrático.
O seu I Congreso celebrouse, como dixemos, en Agosto de 1977,
na ilegalidade e con persecución gobernativa, xa que
non foi legalizada polo Goberno até Xullo de 1978. O
II Congreso celebrouse na Coruña en Outubro de 1979;
o III en Decembro do 81 en Santiago; o IV en Decembro do 83
no mesmo lugar, e o V en Marzo do 86, tamén en Santiago.
Dos acordos e resolucións tomados en cada congreso fanse
publicacións en Edicións Terra e Tempo, nome
que leva tamén o órgano informativo do Comité Central
da UPG através do que se pode seguir a historia deste
partido, especialmente nos chamados Informes do Comité Central.
No I Congreso foi nomeada secretaria xeral Elvira Souto Presedo,
a primeira muller que ocupaba tal cargo político nun
partido no Estado Español; o II Congreso ratificou como
secretario xeral a Pedro Luaces González Rosón;
o III, a Francisco Rodríguez; o IV, a Mariano Abalo. É presidente
da UPG, desde o seu I Congreso, Bautista Álvarez Domínguez.
Como resulta mítica e
equívoca a lista de presuntos fundadores deste partido
en 1964, mencionamos a continuación os que redixiron
entón os pontos programáticos (os famosos 10
pontos): Xosé Luís Méndez Ferrín,
Raimundo Patiño, Xosé A. Arxona, Bautista Álvarez
e Mª Xosé Queizán. No acto de Santiago,
do 25 de Xullo de 1964, estiveron presentes: Xosé Luís
Méndez Ferrín, Raimundo Patiño, Xosé A.
Arxona, Luís Soto, Celso Emilio Ferreiro.
Proseguimos
agora esta apertada síntese histórica da traxectoria e
praxe política da UPG, no ecuador dos 40 anos que,
no presente, cumpre o noso Partido (1964-2004). Desde os
primeiros momentos da (re)fundación do BNG (Outubro
1982), a UPG apostou claramente pola expansión e consolidación
da frente. É fundamental lembrarmos, a este respeito,
que a UPG –xusto ao contrario do que análises
mal intencionadas e intereseiras pregoan– sempre foi
unha forza política vocacionada –como o seu
nome indica– para a consecuión da unidade e
acción conxunta do nacionalismo galego –en coherencia
co principio de autoorganización– en calquera
das súas vertentes, como desmostran a redacción
das Bases Constitucionais da Nación Galega (xa
mencionadas) ou a constitución do Consello de Forzas
Políticas Galegas (a que xa fixemos referencia). Na
mesma liña, a UPG declara, após a formalización
do BNG, que toda a súa política se desenvolverá no
seo da frente nacionalista e ao seu servizo. Así,
no IV Congreso (Decembro de 1983), inmediato á constitución
do BNG, proponse:
Consolidar o BNG, participando
decididamente no mesmo e asegurando o seu funcionamento,
en especial, de órgaos como os consellos comarcais.
Así como fomentar a actividade de base, co fin de
aumentar a incidencia social, actividade que ten unha especial
importancia nas cidades e vilas grandes; neste sentido,
ten importancia a criación de grupos de traballo
que sexan efectivos e que cubran os distintos campos de
actuación do nacionalismo.
Conseguir definitivamente a participación
activa de todos os sectores que están hoxe no BNG,
aumentando o compromiso que teñen con el. Atraír
persoas e colectivos que se identificquen coa frente, cunha
política de afiliación.
Consolidar, desde o
BNG, un traballo efectivo en todos os campos políticos,
desde o viciñal, sindical, institucional ao ecolóxico, á mocidade, á Paz,
que teñen unha fonda importancia no crecimento
da conciencia anti-imperialista e nacional. Fomentar
campañas de mobilización para descobrir
conflitos encobertos que deben pór en contradición
tanto o poder central como o autonómico.
Reafirmámonos en que
a participación nos procesos eleitorais tanto municipais
ou autonómicos como estatais temos que enfrontalos como Bloque
Nacionalista Galego.
O V Congreso, celebrado en 1986,
fai repaso da política fraudulenta do Goberno do PSOE
para coa Galiza, e máis das consecuencias previstas
para a nación, polo ingreso de España na CEE
(Comunidade Económica Europea). Encarecese como só hai “unha
vía para atinxir os obxectivos que como comunistas galegos
defendemos: lograr a liberación nacional do país,
tarefa na que están comprometidas todas as clases sociais
interesadas en remataren coa dependencia e non é exclusiva
daqueles que asumimos o nacionalismo desde unha ideoloxía
determinada”.
Particularmente activa foi a
función da UPG na identificación e conseguinte
mobilización social, dos problemas e consecuencias que,
para a Galiza, traía a entrada do Estado español
na Comunidade Económica Europea e na OTAN, sendo o nacionalismo
galego a única formación política que
definiu claramente toda a negatividade económica, cultural,
social e política que tal ingreso reportaría
para a nosa nación –como o tempo se encargou de
confirmar.
No verán de 1989, a UPG
vive unha das maiores agresións perpetradas contra a
consolidación e ascenso do nacionalismo galego, na persoa
de Francisco Rodríguez, detido e encarcerado durante
catro semanas, até ser admitido a trámite o recurso
de amparo, por violación de direitos, apresentado perante
o Tribunal Constitucional. Con comezo en 1984 (detención
após os actos de protesto celebrados contra a traída
dos restos mortais de Castelao), a situación de persecución
e calvario xudicial perdurou até case unha década
despois (primavera de 1993). En Decembro de 1989, o BNG consegue,
por vez primeira, grupo parlamentar proprio no Parlamento galego,
cos seguintes membros: Bautista Álvarez, Xosé Manuel
Beiras, María do Pilar García Negro, Francisco
Trigo e Alberte X. Rodríguez Feixó, séndolle
furtado o escano correspondente a Alfredo Suárez Canal,
pola circunscrición de Ourense.
O VI Congreso (“25 anos
ao servizo da Galiza”), que se celebrara en Xaneiro deste
ano ratifica o valor do BNG non como unha alianza eleitoral
conxuntural, senón como unha alianza social que ten
como fin a soberanía da Galiza. Defínese o rol
da UPG como instrumental, aglutinador e dinamizador ao servizo
do BNG para este ser influente e decisivo na sociedade galega.
Non foi tímida a UPG nen desatenta a todas as frentes
ou campos de loita social e política en que cumpría
actuar: cultura e política lingüística;
sindicalismo; feminismo; ecoloxía; todos os ramos da
economía produtiva... Foi, por isto, fundamental nestes
anos, non só a análise e determinación
ideolóxica dos problemas da nación, senón
o esforzo persistente e perseverante por alargar todos os formatos
de autoorganización social, en clave galega, en todas
as actuacións; como significativa foi a fundación
da UMG (Unión da Mocidade Galega) en 1977, organización
xuvenil do Partido, unha estrutura autónoma, mais ideolóxica
e politicamente ligada a el. Na orde internacional, foi a UPG
o único partido que alertou do apioramento para a vida
dos povos da antiga URSS e doutros moitos povos do mundo que ía
supor a disolución deste bloco e a súa depredación
a mans do capitalismo imperial, desaparición que conlevaría –como
a historia confirmou– o medro e poder do modelo USA e
satelización dos Estados da Europa Occidental.
Na abertura do VIII Congreso
(1994), o Presidente da UPG, Bautista Álvarez, lembraba
que se ela –no seu trixésimo aniversario– pervivera é porque
a súa existencia respondía “a unha necesidade
obxectiva da nosa nación, xa que a pervivencia non se
deriva de nengunha vontade ou liderado persoal, senón
que responde á virtualidade do proxecto que a UPG criou
e contribuiu decisivamente a afortalar”.
En 1996, por vez primeira, o
nacionalismo galego obtén representación no Congreso
dos Deputados, con Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez,
pola Coruña e Pontevedra, respectivamente. A UPG contribuiu,
con toda a súa militanza e o seu traballo, para un obxectivo
político fundamental, cal era o de completarmos a representación
do nacionalismo galego en todas aquelas institucións
en que, por acción ou por omisión, se dirimen
intereses galegos, por tradición reaccionaria e españolista
ausentes durante longo tempo histórico dos intereses “xerais” do
Estado. Foi, por isto, significativo, no ano 1998, a sinatura
da Declaración de Barcelona, após contactos e
debate tripartitos (Partido Nacionalista Vasco, Convergència
i Unió, Bloque Nacionalista Galego), en preciso revival do
Galeusca histórico; como decisiva foi a obtención
de escano, no Parlamento europeu, en 1999, que até este
mesmo ano 2004 ocupou Camilo Nogueira.
As Resolucións Políticas
do IX Congreso, celebrado en 1997, daban fe dunha novidade
que comezaba a se perfilar na estrutura plurinacional do Estado:
Galiza existía grazas á acción do nacionalismo
galego. Prevíamos xa daquela como para a Galiza a solución
non residía no relevo no poder de partidos españois
senón na diferenza incontornábel no ponto de
partida: servir ou non ás necesidades da sociedade galega,
reivindicar o que é noso, non aceitar o que nos aplican.
Era consciente a UPG, a esta altura, de que todos os logros
conseguidos polo nacionalismo até aquela non podían
obviar o facto de a existencia de Galiza, o seu direito a existir
na prática, apresentar serios problemas para a política
dominante no Estado e na Unión Europea. Foi, por isto,
pioneiro o nacionalismo galego na exixencia de reforma da Constitución
española para facer efectiva dunha vez a democratización
do Estado, en termos de recoñecemento dos dereitos colectivos
e das nacións que o compoñen. Brilla máis
unha vez o movemento nacionalista galego –e, dentro del,
a UPG– na diagnose duns poderes públicos, no Estado
e nas institucións europeas, entregues ao poder das
multinacionais, dos monopolios, das grandes corporacións
financeiras..., tan lesivo para sectores vitais da economía
galega, como a pesca, o agro-gandeiro ou a construción
naval, para alén de residualizaren e marxinalizaren
a nosa lingua e a nosa cultura.
En Outubro de 2000, a UPG escolle
Pontevedra como cidade en que celebrar o seu X Congreso. É ben
ilustrativo comprobarmos, catro anos despois, como as análises
que o Comité Central realizaba do momento político
que daquela se vivía cumpríronse con exactitude
para a Galiza e para a Humanidade. No contexto deste recente
século XXI, “os nacionalismos –en palabras
de Francisco Rodríguez- son a resposta da periferia
do sistema contra unha estrutura hierarquizada do mundo, que
conduz ao mesmo tempo ao aferrollamento de nacións,
de povos, e á exclusión de populacións
e amplos sectores da sociedade.” Nunha tal atmosfera,
segue máis viva que nunca a necesidade de actuación
política e unitaria do nacionalismo galego, para quebrar
as consecuencias da integración subordinada da Galiza
no Estado e en Europa e para curar a súa desvertebración
social e económica e o seu submetimento a deseños
que nunca foron pensados para nós senón en función
dos intereses de outros, mesmamente por sermos un povo –como
Castelao afirmara– que no quer ter vocación suicida.
Eis a razón de seu –onte como hoxe– do nacionalismo
galego. Resposta, necesidade e alternativa.
Concluímos este percurso –esquemático
de máis, a forza de sintético– coa recordación
dun contributo fundamental da historia e da obra da UPG: a
publicación ininterrompida, desde 1965, do voceiro Terra
e Tempo, desde este ano até 1990 como órgao
informativo do Partido e, desde 1991 aos nosos días,
como “Revista cuadrimestral de información, análise
e interpretación”, aberta aos estudos e colaboracións
de prestixiosas e documentadas asinaturas tanto internas como
externas ao Partido. Enfin: continúa en pé aquel
berro que no número un do Terra e Tempo proclamaba
a necesidade da loita por “unha Patria verdadeiramente
nosa, nova, popular e democrática”. Neste 40º aniversario,
a UPG reafirma, para todas as galegas e todos os galegos, o
seu compromiso de nacemento.