Paxina Principal da UPG
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan

[ Extracto ]
[ Princípios Ideolóxicos-Políticos ]

Artigo 1

A UPG, fundada en 1964 é un partido que defende prioritariamente os intereses de todas as clases traballadoras da nosa nación. A UPG é un partido comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional, na perspectiva da instauración dun Estado galego democrático popular, para rematar coa colonización que padece o país, como paso indispensábel para a construcción do socialismo.

Artigo 2

A UPG como partido comunista e patriótico que asume a loita de liberación nacional ten por obxetivos:

A) O impulso e apoio dunha ampla frente nacionalista que mobilice e organice ao noso povo na loita pola autodeterminación e o exercício da soberania nacional.

B) A autoorganización do noso povo a nível político, sindical, asociativo, etc... que implique a total independéncia orgánica e política necesária para garantir a liberación nacional e social de Galiza.

C) A defensa dos direitos sociais e democráticos dos traballadores galegos e a procura da sua unidade de acción, que impulse e máis ampla democrácia e o desenvolvimento do noso país en todas as esferas, na procura dunha orde social máis xusta no marco dunha economía independente e planificada ao servizo dos traballadores galegos, na que se satisfagan as necesidades do Povo.

D) A defensa da identidade e património cultural do noso povo, pola recuperación da nosa própia história e a restauración social e oficialización do noso idioma, asi como dos nosos recursos nacionais e o seu aproveitamento racional ao servizo do Povo.

E) A cooperación e a solidariedade con quen, respeitando o ideário e programa do Partido e a sua independéncia ideolóxica, política e orgánica, compartan, no interior, a defensa prática dos intereses das clases populares galegas e con quen, no exterior, desenvolva procesos orientados á emancipación das clases traballadoras e á liberación nacional dos povos oprimidos polo imperialismo, por ser á sua vez, obxectivamente solidários co combate que libra a U.P.G. na nación galega. En todo caso a UPG, como partido internacionalista, solidariza-se con todos os povos do mundo en loita contra a explotación e pola democrácia , a paz e o socialismo e, singularmente, con aqueles, que como o noso, sofren a agresión do imperialismo.

F) A instauración dun Estado galego democrático e popular que articule as medidas que den fin á colonización que padece o país, materialice o poder da alianza das clases populares galegas e sente as bases para a construción do socialismo camiño da sociedade comunista. O respeito aos direitos humanos, recoñecidos polas Nacións Unidas (ao traballo, a saúde, a educación, a expresión...) e a loita contra toda forma de discriminación son igualmente base da convivéncia. A UPG considera como valores conquistados através da loita histórica, protagonizada fundamentalmente polas clases populares, a liberdade, a igualdade de oportunidñades, a democrácia e a xustiza social, valores que como tais asume e defende a todos os níveis.

Artigo 3

A U.P.G., fundamenta o seu programa e guia a sua acción política nos princípios do Materialismo Histórico e da Dialéctica, aplicando-os criativamente ás condicións concretas de Galiza. Partindo das realidades do noso próprio país., o Partido toma en consideración a experiéncia histórica do movimento obreiro e anti-imperialista internacional e emarca a sua teoria e prática nos princípios ideolóxicos e políticos de Marx, Engels e Lénin, ao tempo que incorpora o ideário político de Castelao e dos precursores do nacionalismo galego, que loitaron pola consecución dunha pátria soberana e liberada da opresión nacional.

Artigo 4

A U.P.G., como partido nacionalista galego, considera que o inimigo principal do povo galego é a burguesia monopolista española, que domina o aparatao do Estado, através do cal, contando coa colaboración da burguesia intermediária interna, mantén unha opresión capitalista colonial en Galiza. Por tanto, na presente etapa histórica, cando no proceso revolucionário internacional o antagonismo principal se manifesta nas loitas das nacións e dos povos oprimidos, colonizados e dependentes contra o imperialismo internacional, a estratéxia e táctica da U.P.G., están orientadas a potenciar o Movimento Nacionalista Galego contra o imperialismo español e os seus aliados na Galiza, considerando o que esta é unha loita anticolonial e antimonopolista, especialmente dirixida ao corazón do imperialimso occidental e as suas estructuras políticas, económicas e militares.