Paxina Principal da UPG
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan

A Unión do Povo Galego perante a XII Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego

A UPG considera que a actual situación política está cargada de grandes potencialidades para o BNG. A combinación de presenza no Goberno, coa execución de políticas dentro das liñas programáticas nacionalistas, co axeitado funcionamento da organización na sociedade, contando coa interrelación necesaria entre os dous, abre posibilidades coas que nunca contamos. É moi importante estarmos en disposición de aproveitalas. Para tal fin, cómpre ter claros os obxectivos políticos que perseguimos e concebir o Goberno como un instrumento ao servizo dos intereses de Galiza e, consecuentemente, dunha maior conciencia nacional na sociedade.

A situación exixe manter posicións construtivas fundamentadas na disposición a traballar con incidencia na sociedade, mellorar a actuación do BNG en todos os eidos, rectificar erros, expresarse con claridade internamente para actuar no exterior coa debida eficacia política.

O BNG necesita unidade baseada na lealdade e na disposición a actuar conforme a principios, programas e obxectivos, acordados colectivamente. Os últimos tempos teñen demostrado a inviabilidade dun proxecto político nacionalista que non se fundamente no frontismo, única estrutura capaz de posibilitar a convivencia. Temos que lograr que esta convivencia acade niveis de maior cohesión e respecto polas decisións democraticamente tomadas.

A UPG considera a unidade como un dos valores fundamentais para que o nacionalismo poida ser operativo na Galiza e para a fortaleza do Goberno nacionalista. Coa mesma enerxía, acredita que esta unidade debe fundamentarse en criterios básicos. De cara á XII Asemblea Nacional do BNG, a Unión do Povo Galego promoverá a alianza de todas as correntes ideolóxicas e persoas do BNG que compartan a idea de que este momento é chave, que non pode ser desaproveitado e que, desde unha óptica construtiva, deben ser rectificados algúns erros ou deficiencias para a alternativa nacionalista cubrir os obxectivos sociais, transformadores e de consolidación que son posíbeis.

Deixando á parte o acordo da UPG co que son liñas políticas xerais de actuación do BNG como organización con presenza na sociedade (posición crítica perante o Tratado que estabelece unha

Constitución para Europa, campaña a prol dun Estatuto de Nación para Galiza, posicionamento reivindicativo a prol doutra política lingüística, posicións contra as sucesivas reformas laborais, política internacional cunha orientación antiimperialista…) e con gran parte da acción de goberno nacionalista, pensamos que debemos pór sobre a mesa algúns problemas orgánicos e algúns outros de orientación política, co gallo da próxima Asemblea Nacional, que foron xa obxecto de formulación en varias ocasións dentro dos órganos de dirección do BNG, concretamente na súa Executiva. Asemade, expor con claridade cales son os principais aspectos que deben ser obxecto de análise política para mellor clarificar a acción do nacionalismo a curto prazo.

Entre os problemas orgánicos con clara incidencia política están os seguintes:

  1. A necesidade de distinguir entre portavocía do Goberno e portavocía da Organización, evitando confusionismos, esvaemento e absorción do BNG, que debe ter o seu propio perfil e capacidade de marcar posicións. Esta distinción é chave para manter unha organización viva, coordenada co Goberno, soportadora da súa acción política, pero debidamente informada e non limitada politicamente á acción gobernativa. En todo caso, a portavocía fundaméntase sempre na lexitimidade orgánica, isto é, representativa da Organización ou do Goberno nacionalista.
  2. A coordinación do Goberno co BNG como organización debe mellorarse sensibelmente, de forma que as estruturas orgánicas do BNG, a comezar polas nacionais, seguindo polas comarcais e locais, sexan interlocutores privilexiados para levar adiante a acción do Goberno, aparecendo claramente vinculados na presenza social.
  3. Deben ficar claros os criterios básicos para o nomeamento de cargos no Goberno, no que atinxe á capacidade de decisión da Executiva e de control do Consello Nacional. En todo caso debe deixarse claro que os nomeados, nun chanzo claramente político, débense á organización.
  4. Os órganos de dirección (Consello Nacional e Executiva) deben caracterizarse pola súa capacidade, experiencia, activismo e lealdade á organización.
  5. O BNG debe seguir impulsando relacións privilexiadas con organizacións sociais, sindicais e culturais nacionalistas, tecendo unha estratexia política coordenada e comunmente acordada.
  6. Cómpre facer unha avaliación do noso papel no Goberno, tirando as conclusións oportunas e as rectificacións necesarias, concretamente:
    • Perfil político do BNG fronte ao PSOE.
    • Enumeración das grandes liñas de actuación nas nosas áreas de goberno. Coñecemento e difusión polo BNG e a sociedade.
    • Información á sociedade da nosa actuación e dos nosos obxectivos programáticos.

Respecto da temática política a debater na próxima Asemblea Nacional, a UPG considera que o debate político debe centrarse nas seguintes cuestións:

  1. Contexto político no Estado e debate territorial.
    • Importancia do debate estatutario na sociedade galega, nas circustancias actuais.
    • Unha estratexia política ao servizo da consecución dun estado plurinacional: O proceso de autodeterminación na práctica.
    • Soberanía, autogoberno, necesidade dun sistema de financiamento axeitado: Fluxos fiscais e capacidade de Galiza.
    • Escenarios políticos que se poden producir e a posición do BNG: Os mínimos irrenunciábeis do BNG.
  2. A situación política de Galiza: O Goberno bipartito:
    • Un Goberno galego para servir ao país e aos seus intereses.
    • A acción do BNG no Goberno e os seus obxectivos
  3. A expansión orgánica e social do BNG: As eleccións municipais como reto.
  4. Información e formación dunha conciencia social, colectiva, galega.
  5. Os avances do movemento antiimperialista no mundo. A pol ítica de alianzas do BNG.

Esta é a posición da UPG. Consideramos que o afortalamento do BNG, nestas circunstancias de tanta potencialidade e responsabilidade, e a meses dun proceso electoral como o das municipais, non exixe ningún tipo de censura, nin de autocompracencias acríticas, pero si exixe –como sempre–, debater dentro das canles orgánicas, expresarse con clareza e lealdade dentro, mantendo un espírito construtivo formulando propostas para mellorar.

icono pdf
Descarga o documento maquetado