Paxina Principal da UPG
Apoia o Manifesto a prol da convivencia ling|mstica e a da igualdade de dereitos para o galego
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan

Análise do “Tratado de Lisboa”.
Moitas razóns para non ratificalo

As Cortes Xerais do Estado deberán de proceder a ratificar antes de xuño de 2009, ao igual que o resto dos Parlamentos da Unión Europea, o Tratado de Lisboa, asinado na capital portuguesa o 13 de decembro de 2007 polos Xefes de Estado ou de Goberno dos 27 estados membros da Unión. Este Tratado modifica o Tratado da Unión Europea e o Tratado Constitucional da Unión Europea.

Este proceso, realizado exclusivamente pola vía parlamentar, é froito dun acordo adoptado aínda durante a Presidencia Alemana co que se pretende retomar a mal chamada “Constitución” Europea –en rigor un Tratado Constitucional, derrotada polos resultados dos referendos en Francia e Holanda, vestíndoa de Tratado a fin de garantir a súa entrada en vigor antes das eleccións ao Parlamento Europeo. Temos que destacar a posición que no referendo celebrado no Estado español mantino o nacionalismo galego. A súa posición crítica adiantouse as posturas que logo terían lugar noutras poboacións. Non reincidiremos na valoración analítica mantida no seu momento polo BNG, perfectamente recollida nas resolucións da XI Asemblea Nacional (2003) e no Programa para as eleccións ao Parlamento Europeo (2004).

Lembremos, eso sí, que este novo Tratado é un chanzo máis na construción económica desde o Tratado de Roma (1957). Onde as propostas no terreo político-social, fanse en beneficio do capital e sempre sustentándose nos principios liberais, sexa cal for a forma que adopten en cada momento histórico (v.g. neoliberalismo). É por isto que cando falamos de institucións da Unión Europea, como o Consello, a Comisión ou o Parlamento, moi pouco teñen a ver –desde unha perspectiva democrática- cos existentes coa mesma denominación noutras zonas xeográficas, mesmo coas súas limitacións, no caso do Estado español ou de Galiza. Este “defecto” estrutural acompaña sempre a todos os Tratados. Que ninguen se leve a engano: o económico non só é básico, é o esencial na criazón deste artefacto institucional.

Un Tratado Constitucional bis sen referendo

Na exposición de motivos do “Proxecto de Lei” orgánico polo que se autoriza a ratificación por España do Tratado de Lisboa (Boletín oficial das Cortes Xerais do 9 de maio de 2008) indícase: “O Tratado de Lisboa deriva da citada Constitución Europea, que foi aprobada en referendo polo pobo español. De aí que as bases, valores, obxectivos, dereitos, políticas e institucións do Tratado sexan substancialmente semellantes ás da non nata Constitución.” Un pouco máis adiante continúa “En primeiro lugar, a Unión precisa maiores doses de lexitimidade.”

Valéry Giscard d'Estaing, pai do fenecido proxecto de Tratado Constitucional da UE, non pode ser máis explícito á hora de valorar o que comunmente coñecemos como Tratado de Lisboa, chegando a afirmar que “os gobernos europeos puxéronse de acordo sobre mudanzas cosméticas na Constitución, para que ela sexa máis doada de dixerir”. Así, o ex-mandatario francés escribía: ”No Tratado de Lisboa, redactado exclusivamente a partir do Tratado Constitucional, as ferramentas son practicamente as mesmas. Só cambia a orde de colocación das ferramentas na caixa. Por outra banda, a caixa mesma volveuse a decorar, botando man dun antigo modelo que consta de tres caixóns, nos que hai que furgar para atopar o que se está buscando.”

Escapar do referendo, utilizando diversos pretextos, revela o medo ao sentido de voto dos cidadáns europeos. Saben que o contido do “Tratado de Lisboa” é a copia da referida constitución europea, á que mudaron o nome para tentar de enganar á poboación europea, o que representa un auténtico fraude político. Acontece que ese proxecto de Tratado Constitucional debía ter sido abandonado, tendo en conta os resultados dos referendos de Francia e Holanda, en 2005. Ou acaso non abondaba con que un Estado membro non ratificase o Tratado para que este non puidese entrar en vigor?. Non hai problema, se para ganar a partida hai que mudar as súas regras no medio da mesma, múdanse.

Agora, queren evitar a repetición dunha situación idéntica e o posíbel efecto dominó que tería o referendo no caso de que algúns dos estados da Unión se posicionasen en contra. Recean particularmente do Reino Unido e Francia, onde todos os dados indican que o resultado do referendo sería negativo, o que abondaría para impedir a entrada en vigor do novo Tratado da Unión Europea. Sarkozy, de todos xeitos, xa logrou que o lexislativo francés aprobase o texto do “Tratado de Lisboa”.

Unhas políticas ao servizo do capital

O “Tratado de Lisboa”, tal como expresamos ao comezo, non é un axente pasivo no avance da axenda liberal ou na globalización, reducindo ao mínimo os dereitos das clases traballadoras, para dar resposta así ao proxecto do grande capital europeo. Moi ao contrario, este Tratado é un propulsor avanzado, unha punta de lanza mundial, nese proceso neoliberal que xa coñecemos, dándolles unha visión aínda máis conservadora, cos protocolos que son parte integrante do mesmo, nomeadamente sobre a política de competencia. Por iso eliminan o concepto de “servizo público”, de servizos esenciais, para susbstituireno polos “Servizos de Interese Económico Xeral”, que non se trata dun eufemismo, senón dunha modificación substancial, que ademais implica o desprazamento do público cara o privado, ampliando os espazos de valorización do capital europeo e minimizando o público.

Política monetaria
Á par institucionalizase a Estratexia de Lisboa e o Pacto de Estabilidade insistindo nas políticas que están a ser practicadas, con consecuencias xa coñecidas. Sabemos o que significa o control do déficit orzamental: recortes nos salarios reais e nas pensións, menores investimentos nos servizos públicos e maiores ganancias para os grupos económicos. A badalada definitiva atopámola na dubidosa teoría, que se substancia no pacto de estabilidade, que vén afirmar que é o mesmo cubrir os déficits das finanzas públicas con endebedamento que con impostos, receita que o FMI só se atreveu a aplicar nos países semicoloniais.

Igualmente, a propósito da política monetaria, amplíanse as competencias do Banco Central Europeo (BCE), até o de agora limitados a loita contra a inflación -eis a grande diferencia coa Reserva Federal Americana (FED)-, “conferíndolle atribucións específicas nas políticas referidas a supervisión prudenciais das institucións de crédito e outras institucións financeiras, con excepción das empresas de seguros”. Non debe estrañarnos logo o diferente comportamento do BCE e da FED diante da actual situación económica, nin tampouco interpretar as diferentes receitas á crise como discrepancias entre o capital americano e europeo; pola contra as alternativas van nunha mesma dirección na xestión da crise, e sobre todo no escenario que se pretende abrir unha vez superada. O matiz hai que buscalo nas funcións que os respectivos marcos normativos definen para o FED e para o BC. Lembremos a aparente contradición do recente auxilio público ante as necesidades de liquidez do sector financeiro. Ulo aí o liberalismo?

Política laboral
A lóxica neoliberal desenfreada na que está inmersa a Unión Europea está directamente vencellada ao ataque aos dereitos laborais, onde o “Tratado de Lisboa” significa unha nova volta de porca respecto das diferentes normativas estatais e a propia Carta Social Europea do Consello de Europa, da que é boa mostra a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea onde se pon en cuestión o despedimento sen causa xusta, a negociación colectiva ou a limitación horaria da xornada laboral.

Xa aprobado o “Tratado de Lisboa”, a finais de decembro de 2007, o Tribunal de Xustiza de Estrasburgo fallou contra os sindicatos suecos e fineses no caso que estes mantiñan aberto contra a empresa letona Laval que estaba a traballar na cidade sueca de Vaxholm, por negarlle aos seus traballadores os dereitos e os salarios que establecía a lexislación sueca, e xa que logo obrigándolles a operar conforme ao disposto polas condicións laborais de Letonia. A fundamentación xurídica que levou aos maxistrados do Tribunal de Xustiza Europea a tal decisión non pode ser máis clara: “o mercado interno, tal como establece o artigo 2 do Tratado da Unión Europea, inclúe un sistema de seguridade en que a libre competencia non pode ser falseada”; así conforme a esta interpretación, os traballadores de empresas estranxeiras destacados noutros Estados, fican ligados aos mínimos legais pero nunca aos acordos colectivos  do sector e do Estado onde van traballar.

Outravolta os tribunais rematan e precisan o traballo do lexislador, xa está aquí a directiva Bolkestein, que desde un principio xogou contra os dereitos da clase obreira en beneficio da liberdade de empresa e que rematan por colocar aos traballadores das diferentes nacións ou estados da Unión en competencia entre si, para diminuír os seus salarios e dereitos laborais.

Competencias
O “Tratado de Lisboa” vai fixar competencias exclusivas ou compartidas cos Estados nos diferentes sectores da actividade económica, que inclúe o establecemento das regras de competencia necesarias ao funcionamento do mercado interno, o que vai socavar a capacidade de planificar ou intervir na economía pola diferentes nacións ou estados.

Agora ben, a Unión Europea non é unha xuntanza de iguais, na súa mesa séntanse clientes e vendedores e a hora da verdade os intereses destes últimos son os que contan. Sabémolo ben os galegos, pero tamén o saben o conxunto dos territorios que non participan dos privilexios que lle son propios aos Estados centrais ou do espacio económico que deron en chamar a banana europea.

Nun marco no que a libre competencia, como se preve no protocolo, inclúe un sistema que asegura que esta non sexa falseada, vai deixar en mans da Comisión a política enerxética, a de transporte e a comercial común. Isto non vai representar outra cousa que seguir afondando nas desigualdades rexionais no espazo comunitario.

A Europa dos Estados

O “neoliberalismo” non se constitúe como unha realidade unívoca. Baixo un mesmo termo estámonos a referir a unha realidade obxectiva, á forma do sistema económico capitalista na actual etapa histórica e, fundamentalmente, a unha ideoloxía. Parece conveniente comezar por afirmar –para non facer lecturas reducionistas que só xeran confusión- que o neoliberalismo nega a diversidade cultural e a pluralidade nacional do planeta. Tal como afirma Eduardo Galeano, “nunca o mundo foi tan desigual economicamente e tan igualador en cambio en relación coas ideas. Hai unha uniformidade obrigatoria hostil a diversidade cultural do planeta”.

O proceso de construción da UE é a concreción en Europa da dialéctica mundialización-rexionalización que caracteriza a actual etapa do capitalismo. Mesmamente Samir Amin, a finais de 2003, escribía que “a Unión Europea funciona como a rexión máis perfectamente globalizada do mundo no sentido máis brutal do termo” en comparanza coas outras áreas do mundo capitalista. Na medida en que os movementos de liberación nacional son a negación da lóxica mundialización-rexionalización, que no caso que nos ocupa converte a Europa nun espazo privilexiado para a expansión do capital, fica claro o caracter antitético do proxecto europeo coas formulacións do nacionalismo. 

Dereito de autodeterminación de Galiza
A Comunidade Económica Europea primeiro e a Unión Europea despois construíronse mediante acordos entre Estados polo que, seguindo a mesma liña, o “Tratado de Lisboa” só recoñece a estes como suxeitos de dereitos políticos, negándolle os mesmos as nacións e aos pobos das mesmas que carecen de aparello de estado. Na liña do “Tratado Constitucional”, inspirado na vontade dos cidadáns e dos Estados da Europa, o novo mandato dos rexedores europeos nega a posibilidade de alterar as fronteiras dos estados membros e non recoñece o dereito de autodeterminación. Eis a auténtica face de Europa, que alenta a autodeterminación nos Balcáns para maior proveito de Alemaña ou recoñece a soberanía do Kosovo, e lle nega o pan e o sal as nacións sen Estado propio.

As aspiracións históricas das nacións do Estado español a ser recoñecidas como libres e iguais en dereitos aos actuais estados da Unión sofren con este texto un duro revés. Así o “Tratado de Lisboa”, esixe o respecto a “integridade territorial” de cada Estado, polo que a plasmación práctica do dereito de autodeterminación queda impedido. Esta postura ten antecedentes no Informe Napolitano no cal se escribe: “Inaceptábel sería a pretensión de que se recoñecese o dereito de autodeterminación dos pobos para aqueles entes territoriais da Unión Europea nos que os cidadáns teñan un sentimento forte e compartillado de identidade nacional, lingüística e rexional”.

O “Comité das Rexións”
O “Comité das Rexións”, xa instituído no Tratado de Maastricht, segue a ser o único organismo que quere dar acubillo a diversidade europea. Mais alí conviven concellos e rexións, os seus membros son nomeados pola Comisión a proposta dos Estados, o seu carácter é consultivo e a súa competencia limítase a posibilidade de interpor recursos diante do Tribunal de Xustiza. Non pode estar máis claro; o “Comité das Rexións” é calquera cousa menos un órgano de representación e participación democrático, sequera fose só consultivo, das propias rexións europeas. Ao sumo non pasa dunha cifra de “representantes rexionais” que expresan o peso político dos estados membros da Unión sen atender a articulación territorial e institucional de cada un deles conforme a criterios dunha mínima democracia.

Presenza do idioma galego
Na liña do camiño aberto polo Tratado Constitucional, o texto aprobado polos mandatarios europeos no Pazo dos Xerónimos de Lisboa, en Decembro de 2007, representa un paso atrás de primeira orde no recoñecemento na esfera internacional da lingua galega. Así a Unión Europea desméntese ou ignora textos, como a “Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias” ou a “Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos”, asumidos no primeiro caso polo Consello de Europa ou polo Goberno Español e no segundo pola UNESCO ou diferentes cámaras lexislativas europeas. As únicas linguas oficiais son as oficiais dos estados, estabelecéndose unha división ou xerarquización entre as mesmas atendendo unicamente a criterios políticos administrativos. Isto é nesta Europa en construción, o elemento para determinar a visibilidade dunha lingua é o Estado; é dicir, o corsé estatal determina a existencia ou non dun idioma.

Neoliberalismo versus democracia

A arquitectura institucional que se articula co Tratado de Lisboa é unha das expresións máis claras do xeito no que os neoliberais entenden -desde aqueles primeiros momentos dos cumios de Mont Pelerin- a forma de organización do Goberno, algo que está directamente vinculado a teoría e ao carácter do estado neoliberal. Non estamos, polo tanto, diante de algo novo ou que é alleo a tradición do proceso europeo, ao contrario, o modelo que se institucionaliza é consubstancial ao camiño iniciado tras o Tratado de Mastricht.

A pesar do discurso dos propagandistas do libre mercado empeñados en estabelecer unha relación causal entre liberdade de mercado e democracia, a experiencia histórica demóstranos outra realidade ben diferente. Ao exemplo recorrido de Chile, a onde as receitas dos Chicago Boys chegaron da man da ditadura militar de Pinochet, cómpre engadir o caso máis recente do Iraq, cuxo proceso de privatización dos recursos enerxéticos e desmantelamento do sistema sanitario e educativo imposto polo Administrador Bremer foi posíbel pola invasión americana.

Os teóricos do neoliberalismo albergan profundas sospeitas cara a democracia, chegando a considerar case que un luxo o goberno da maioría. Xa que logo, tenden a favorecer formas de goberno dirixidas por elites e por expertos; á par amosan unha forte preferencia polo exercicio do goberno mediante decretos ditados polo poder executivo e decisións xudiciais en lugar das adoptadas en sede parlamentaria. O seu modus operandi pasa por baleirar de contidos ao poder lexislativo, tanto no proceso de toma de decisións como na súa capacidade de control sobre o executivo e o conxunto do aparello do estado.

Un super-Estado
A inscrición dun novo artigo que dá a Unión Europea personalidade xurídica, tal como se pretendía no Tratado Constitucional, senta as bases para a creación dun super-Estado, do que é ben indicativo a aparición dunha Presidencia do Consello de Europa, pondo fin as presidencias rotativas, o Alto representante da Unión para os Negocios Estranxeiros e a Política da Seguranza e a mudanza no procedemento de ducias de decisións, até agora tomadas por unanimidade, por unha simple maioría cualificada (55% dos Estados e 65% da poboación), o que dá aos estados centrais un papel determinante.

Unha Comisión europea plenipotenciaria
O Tratado de Lisboa vai reforzar os poderes da Comisión en detrimento das cámara de representantes, cuxa función queda limitada a fiscalización previa do principio de subsidiaridade no proceso de elaboración das normas europeas. Tanto é así, que se quebra o principio básico do funcionamento dos réximes parlamentares, ao transferir como norma a iniciativa lexislativa á Comisión en detrimento do Parlamento. Unicamente a Comisión terá que contar co Parlamento europeo á hora de lexislar naqueles actos no que os burócratas europeos deron en chamar “o procedemento lexislativo especial”, porén o propio Tratado establece a posibilidade de delegar na Comisión, previa decisión do Parlamento, a modificación de “elementos non esenciais” destes actos.

Restricións nos dereitos fundamentais
O empobrecemento da democracia tamén é visíbel no encaixe institucional da Carta dos Dereitos Fundamentais, non incluída no Tratado se ben este lle dá un caracter vinculativo, cuxa leitura dos dereitos é  aínda máis restrinxida que a estabelecida no Tratado Constitucional cuxo relatorio toma como base. Tanto é así que os dereitos recollidos fican a anos luz, xa non da Declaración Universal de Dereitos do Home ou da propia Constitución Española, senón mesmamente da Carta Europea de Dereitos Sociais, aprobada polo Consello de Europa.

O dereito ao traballo e ao emprego non existen, simplemente aparece o “dereito a traballar”. O dereito á protección social é substituído por un mero “dereito de acceso ás prestacións da seguranza social e aos servizos  sociais”. Sabemos que no que se deu en chamar o estado social a aplicación práctica destes dereitos eran unha quimera, pero tiñan o mérito de existir; a nova forma que se lle dá na Carta de Dereitos Fundamentais  significa a quebra teórica do modelo de estado transaccionado polo capital e o traballo, constitucionalizado de xeito xeralizado após a II Guerra Mundial.

O Tratado non recoñece o dereito ao aborto e á anticoncepción e reafirma o “dereito á vida”, o que está a servir de argumento aos movementos antiabortistas de todo o continente para poñer en marcha unha estratexia contra a interrupción do embarazo, dunha agresividade e carga reaccionaria sen precedentes nos últimos anos. Non son apriorismos ideolóxicos, pénsese senón no recurso plantexado diante do Tribunal de Xustiza de Estrasburgo, onde se recorre a estes supostos como fundamento xurídico para tentar anular o dereito ao aborto.

No esencial, a aplicación dos dereitos contidos nesta Carta é transferida ás lexislacións estatais. En definitiva, aquí non se está criar dereito social europeo susceptíbel de reequilibrar o liberalismo que continuará dominando no marco comunitario –realmente nunca se pretendeu-, peor aínda, a Carta permite a limitación dos dereitos comúns, algo que xa plantexaron e están a facer Estados como Reino Unido, Irlanda ou Polonia.

Unha europa xeneticamente subalterna

O “proxecto europeo” naceu como capitulo europeo do proxecto atlantista dos Estados Unidos, concibido inmediatamente despois da segunda Guerra Mundial, no marco da “guerra fría” levada a cabo por Washington, proxecto ao que as burguesías europeas –debilitadas e ao mesmo tempo temerosas do peso da clase da obreira e das súas organizacións partidarias- se adheriron. Trátase logo, dun proceso longo, a veces aparentemente multiforme, que ten haber coa evolución do sistema capitalista e que se vincula ao proceso mundial de integración imperialista.

A pesar do despegue de Europa, que lle  permitiu “recuperar” o retraso económico e tecnolóxico con respecto aos Estados Unidos, da tradición política dalgúns estados do vello continente, onde o pacto capital-traballo formaba parte da súa xenética política, ou de tratarse dun proceso como é obvio non exento de contradicións, a Unión Europea non representa ningún contrapeso ao proxecto americano. O camiño iniciado en Maastricht, que tivo continuación nos sucesivos tratados europeos até o que hoxe nos ocupa, non deixa dúbidas sobre a natureza do modelo europeo e do seu carácter subalterno e complementario dos outros bloques imperialistas.

A Europa realmente existente asumiu o proxecto neoliberal e participa da dialéctica da mundialización, operando as institucións europeas como un dos seus instrumentos. Mesmamente actúa como unha mera sucursal do proxecto político estadounidense, algo que se visualiza no electoral no xiro atlantista da maioría dos seus dirixentes políticos, no económico nas políticas públicas, no modelo social ou no financiamento que fai do déficit estadounidense, e xa por último, na asunción dos valores culturais norteamericanos.

O exemplo palpábel deste carácter de sucursal que xoga Europa fronte ao hexemonismo ianqui ten reflexo no papel que se lle asigna á OTAN na definición da política exterior real de Europa. A nova formulación que se fixa en Lisboa estabelece que a Organización do Tratado do Atlántico Norte é o marco “para os Estados que son membros desta organización, continúa a ser o fundamento da súa defensa colectiva e a instancia apropiada para a concretizar”.

MUDEMOS O CURSO DO PROCESO EUROPEO

Van aló quince anos da aprobación do Tratado de Maastricht e apenas catro da celebración do Tratado Constitucional, e vai sendo hora de que os nacionalistas galegos, os únicos que nos opuxemos con todas as súas consecuencias aos mesmos, pidamos contas a cantos nos falaban dunha nova era de prosperidade para Galiza e para os pobos de Europa.

As consecuencias para as galegas e galegos están a vista, e abonda con reparar que neste período fomos das poucas áreas europeas que perdemos emprego neto e poboación, certo é que medrou a nosa economía e o nivel de vida –vinculados á mellora dos índices produto da incorporación de novos paises do leste con peores datos-, pero nestes dous indicadores diverxemos das zonas máis desenvolvidas. Agora ben, o máis grave é que Galiza pode atoparse cada día que pasa con máis dificuldades para axir fronte esta situación.

É hora de mudar o curso do proceso europeo, de pór a economía ao servizo das persoas, de atopar un encadre no continente para as nacións sen estado, de artellar estratexias que contribúan a construír un mundo multipolar, de espertar esperanzas. Non se trata dunha mera construción doutrinal ou dunha brincadeira teórica. Ao pobo galego, ás clases traballadoras de Europa e do mundo, vailles a vida nisto.

Galiza, xuño de 2008