Paxina Principal da UPG
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan

Discurso de apertura de Francisco Rodríguez Sánchez
membro do Secretariado Político da UPG

Señor Presidente Bautista Álvarez,camaradas do Comité Central,compañeiros e compañeiras da Unión do Povo Galego,delegación en representación do Bloque Nacionalista Galego,delegacións convidadas, amigos e amigas.

 

Francisco Rodrmguez Sanchez, membro do Secretariado Polmtico da UPG Francisco Rodrmguez Sanchez, membro do Secretariado Polmtico da UPG

Debo comezar lembrando que estamos nun momento crítico da evolución do capitalismo. Un momento crítico tamén para os valores democráticos. Un momento crítico para a imensa maioria da Humanidade. A pesar das aparéncias, non podemos deixar-nos arrastar inconscientemente e resignadamente pola eufória irresponsábel dos que predican que vivemos no mellor dos mundos posíbeis. Dentro dos Estados centrais do sistema capitalista e, fóra, na sua periféria, a desigualdade social e a dependéncia e marxinalidade de moitas nacións non fixo máis que aumentar. Como homes e mulleres que pertencemos a un Partido que tenta transformar a realidade social e económica da Galiza, sabemos que a norma é a exclusión, a pobreza, a deterioración, en contraste cunha fabulosa acumulación de capital, de poder e de riqueza en poucas mans, en poucos centros de decisión. Tamén sabemos que as aspiracións a termos un mundo mellor son cada vez máis universais, mália as confusións, desorientacións e erros padecidos polos que son os máis interesados en que as cousas muden. Neste contexto, os nacionalismos son a resposta da periféria do sistema contra unha estrutura hierarquizada do mundo que conduz ao mesmo tempo ao aferrollamento de nacións, de povos, e á correlativa exclusión de populazóns e amplos sectores da sociedade. É indubitábel que no centro do sistema chegan os ecos do festin a todos. É tamén máis que probábel que no centro como na periféria o maior luxo contraste coa maior ruína humana.

Nesta atmósfera actua e expresa-se a rebeldia nacionalista a escala mundial. A nosa é a própria dun país periférico da Unión Europea, dependente dun Estado cunha longa tradición imperialista, marxinalizado dentro da estrutura unitária do mesmo. Nós sabemos que o défice de peso político da Galiza no Estado é unha consecuéncia da sua integración subordinada no mesmo, da sua desvertebración social e económica, do seu submetimento a deseños que nunca foron pensados para nós, senón en función dos intereses doutros. Non tivemos, por cinxirmo-nos aos dous últimos séculos, nengunha clase dirixente ainda que o fose asentada na explotación das nosas clases populares. Eis a causa do nacionalismo galego. É a resposta máis natural e lóxica a non ser que queiramos ter vocación suicida, como xa dixo noutrora Castelao. Hai un abismo entre as potencialidades da Galiza e o seu desenvolvimento económico, somente explicábel por razóns políticas. Esta deficiéncia no noso desenvolvimento económico a prol do noso próprio povo ten provocado no nacionalismo galego desde sempre unha aguda sensibilidade para defender os intereses materiais do país: o direito a podermos producir, o direito a contarmos cunhas infra-estruturas axeitadas, a necesidade de dispormos de servizos públicos adaptados á nosa realidade social, e a necesidade de impulsarmos unha cultura mamada da própria realidade en contraste co mundo e non unha cultura negadora da nosa própria existéncia que só nos esperpentiza. Nós formamos parte dun elo histórico, o dun movimento nacionalista hoxe ascendente que só comete o pecado de rebelar-se contra o proceso de desnacionalización da Galiza, que vai parello ao proceso de deterioramento das potencialidades económicas e sociais do noso país. Cometemos o pecado de rebelar-nos contra a mentalidade sucursalista e subordinada. Cometemos o pecado de pensar por nós mesmos. Pensando por nós mesmos, non aceitamos a secundarización, postergación e eliminación dos intereses da Galiza como adoitan facer os gobernantes do Estado, que se din representantes nada menos que da pátria comun de todos os españois, e ainda por riba en nome do princípio de solidariedade. Como adoitan facer os que proclaman aos catro ventos que a Galiza vive moi ben asi, grazas aos subsídios que benevolamente nos concede o Estado. Son, sen dúbida, almas rendidas por séculos de doma e castración e moitos deles cucos interesados que confunden a sua fortuna individual coa sorte do país. Non necesitamos solidariedade, necesitamos como moitos povos da Terra, podermos exercer o princípio de igualdade, sermos suxeitos políticos activos como tais e enunciar as nosas alternativas con independéncia de critério. Velaí o «pecado» crucial do nacionalismo nesta fase histórica.

En termos concretos, nesta xa longa traxectória do nacionalismo galego, os seus princípios xerminais seguen estando vixentes porque estamos sen dúbida na fase cualitativamente superior do sistema económico, social e político que os fixo agromar como alternativa de redención. Galiza, nación, isto é, somos un povo específico, diferenciado, que é negado como tal; Autodeterminación, isto é, direito e deber consciente a actuarmos como tais galegos e galegas e aspirarmos a unha mudanza e a unha transformación das estruturas políticas en que estamos imersos, de maneira que apareza como suxeito opinante e actuante a sociedade galega, con garantias de decidir libremente o seu futuro; Democrácia, isto é, a fundamentación da política ao servizo do benestar da maioria da sociedade e coa sua participación e compromiso; Pacifismo, isto é, a actuación social e política, desterrando a violéncia e o terror como armas coercitivas para conseguir obxectivos políticos, mália a violéncia e o terror que empregan moitos sistemas políticos para impedir o avanzo da Humanidade e dos povos e a superación do status quo actual; o Anti-imperialismo, isto é, a visión contrária a unha orde hierarquizada de Estados, nacións, povos e razas a escala mundial, e a opción por unha orde mundial baseada no diálogo, na colaboración mútua entre povos e no estabelecimento dunha estrutura institucional, claramente internacionalista, libremente aceitada, autenticamente democrática, e relativa a problemas de escala mundial. Xa se ve que estes obxectivos moven moitos povos da Terra con maior ou menor fortuna, con maior ou menor respeito polos princípios enunciados. Falar de Palestina. Falar do movimento de liberación de África do Sul, o Congreso Nacional Africano. Falar de Chiapas. Falar de grande parte das expresións políticas da América Latina. De grande parte das expresións políticas da África. Comprender dialécticas políticas de Estados centrais da Unión Europea. Explicar o mapa político e a sua evolución futura, xurdido da desaparición da URSS. Explicar o mapa actual da Ásia e seguramente tamén a sua evolución futura. Todo isto é imposíbel sen termos en conta o fenómeno político do nacionalismo.

O nacionalismo é, pois, a expresión política de povos sen Estado próprio que defenden o direito a existiren como tais. Mesmo pode ser que, ainda após conseguir un Estado próprio, as gadoupas do imperialismo sexan tan fortes que provoquen reaccións ou movimentos de transformación social e política que manteñan moitos elementos tipicamente nacionalistas, porque o obxectivo central segue a ser liberar-se da dependéncia para transformar social e economicamente o país ao servizo das suas clases populares. Eis por que a UPG sempre considerou o nacionalismo a antítese do imperialismo. Nesta etapa histórica, a contradición principal está entre a dependéncia, a submisión, o tipo de explotación que estas conducen e o imperialismo. Unha fase superior da evolución do sistema capitalista que ten as suas manifestacións económicas e políticas na transnacionalización mundializada, na libre e brutal circulación de capitais e na cada vez menor marxe de autonomia política da maior parte dos povos do mundo. Dicede-me se ten lóxica, razón de ser, se non é unha resposta natural, incardinada na própria dialéctica da História como necesidade, a resposta nacionalista. É a condición sine qua non para existir. Unha condición que se traduz en termos de auto-organización, de alianzas internas contra os deseños externos, de interclasismo, de oposición ao poder económico e político oligopólico. Pode haber algo máis progresista nesta etapa histórica? Pero é que estamos a loitar pola subsisténcia colectiva, por unha visión da Humanidade baseada na diversidade, o pluralismo, o direito de todos a existir, a viver na sua Terra, do seu esforzo, e da relación con outros en benefício mútuo, face á outra visión uniformizadora, economicista, arrasadora dos direitos de todos en nome dos intereses duns poucos, empobrecedora intelectual e culturalmente, hierarquizadora racialmente e fundamente clasista.

Desexo subliñar a importáncia da diferenza cultural e lingüística como arma da intelixéncia criativa, como parte e expresión da matéria do país. Certamente todos os homes e mulleres somos iguais en calquer parte do mundo. Cando a nosa intelixéncia, a nosa sensibilidade, a nosa criatividade se expresan en consecuéncia da liberdade, crian unha cultura que sempre ten a marca, a especificidade da colectividade á que se pertence. Somos persoas na medida en que nos recoñecemos e asumimos a nosa realidade nacional e queremos partillá-la conscientemente coas outras realidades do mundo. Nengun proceso de asimilación provocada polo domínio e a anulación poden ser satisfactórios e reconfortantes. Do ponto de vista colectivo e persoal se aspiramos a ter unha sociedade na Galiza capaz de sustentar-se nun traballo persoal e colectivo de desenvolvimento das nosas capacidades haberá que facé-lo tendo en conta o fenómeno de coesión e coeréncia social e de representación da nosa realidade máis senlleira que temos que é a nosa língua. Nela se expresou a imensa maioria das manifestacións artísticas e culturais que o noso povo foi quen de producir desde a sua própria dialéctica e esforzo cultural específicos, por suposto, existente grazas a enfrentar a cultura hexemónica e dominante en língua española que o Estado amparou e impuxo. É a nosa, pois, unha política que, como xa se ten dito, persegue expresar hoxe o carácter plurinacional, plurilíngüe do Estado desde a perspectiva, as necesidades e as aspiracións da Galiza.

A función do noso Partido é colaborar a pensar o país por nós próprios, a pensar o mundo desde Galiza. Velaí porque temos contribuído á fortaleza dos postulados nacionalistas. Sempre tivemos como norma a independéncia de critério ao servizo do próprio país e a atención á contradición principal neste momento histórico. A independéncia de critério levou-nos á auto-organización; a auto-organización, a unha actuación consecuente cos obxectivos; e todo, a esforzarmo-nos polas alianzas máis amplas dentro do país, pola oposición ao sucursalismo. Para unha sociedade habituada á mentalidade sucursalista e subordinada, é moi importante o esforzo por non mimetizar-se. Observamos todos os outros povos e as suas manifestacións políticas. Analisamos as suas virtudes e deficiéncias como facemos coas nosas. Pero nunca mimetizamos porque sabemos que hai que aprender da própria realidade. A expresión do nacionalismo galego actual, o Bloque Nacionalista Galego, é a mellor proba desta capacidade de criar os instrumentos políticos e de definir os obxectivos máis prementes e acuciantes. Nen o esquerdismo nen os prexuízos ideoloxistas fanaron a prática política do noso Partido na sua traxectória. Sendo as circunstáncias difíceis e as realidades moi afastadas ainda ás potencialidades do próprio país, non nos agochamos como redención no ideoloxismo maximalista, senón na confianza de que no esforzo prático e no acerto nas actuacións tácticas está a garantia de conseguirmos cada vez máis povo detrás do proxecto do Bloque Nacionalista Galego. Permitide-me advertir que a clave do éxito dos postulados nacionalistas e dos obxectivos que perseguimos tan obxectivamente adecuados ao que o país necesita está en manter a unidade do nacionalismo galego ou, se quixerdes, da estrutura orgánica, actuante e coesionadora do Bloque Nacionalista Galego. Nel reune-se todo o nacionalismo relevante no eixo dun comun denominador nacionalista que está moi ben definido en función do contexto internacional e estatal e das necesidades máis urxentes que ten o país. O que nunca seria perdoábel é grupusculizar ou atomizar o nacionalismo. É o único erro que non seria subsanábel neste momento histórico. A nosa finalidade fundamental é actuarmos no seo da sociedade, chegando a todos os sectores da mesma. Facermos o noso discurso asumíbel non porque se adapta ou integra no discurso hexemónico e dominante, senón porque se expresa en termos de poder ser comprendido e nos eixos que son hoxe necesários para dar un paso adiante. Só asi poderemos elevar o nível de consciéncia do país e mostrar-lle ainda máis a validade prática do nacionalismo na Galiza.

Somos un partido fundamentado en moitos princípios do marxismo e do leninismo, mais non somos un partido submetido á falta de criatividade ou a versións catequéticas e dogmáticas sobre a evolución socialmente progresista e revolucionária da Humanidade. Aqui e agora, para nós é clave o interclasismo, a participación de todos os sectores sociais da Galiza situados obxectivamente de forma contraditória en relación coa economia oligopólica e a transnacionalización desnacionalizadora. En todos temos que buscar aliados. Nunca foi a UPG atranco para a interlocución, diálogo e atracción dos sectores da pequena e média burguesia mercantil ou industrial do noso país. Teñen neste momento histórico un papel a desempeñar tan lexítimo e válido no proxecto nacionalista como os traballadores en xeral. Pretender articular unha alternativa política verificábel na Galiza sen contar coa imensa maioria da sociedade seria imposíbel porque estaria negando precisamente un dos princípios da análise do nacionalismo nesta situación histórica: a necesidade de converxéncia en nome de intereses comuns para que o país poda desenvolver as suas potencialidades, estar auto-organizado, expresar-se con voz própria e definir as suas perspectivas de futuro. Ninguén debe esquecer que as contradicións internas á própria sociedade galega temos que as resolver entre nós e que hai distintos níveis para a resolución das mesmas.

O mundo sindical é un dos veículos para canalizar as demandas dos traballadores a curto prazo, para chegar a acordos beneficiosos para as clases traballadoras sen facer aventureirismo ou negar en ocasións as evidentes limitacións de certos sectores empresariais, tanto asi como para non consentir níveis de sobreexplotación, de precarización ou inestabilidade laboral que só unha concepción empresarial selvaxe pode defender. Non debemos esquecer tampouco nunca que ainda hoxe os sectores labregos capaces de viveren da agricultura e do sector lácteo son unha das bases esenciais de calquer formulación democrática na Galiza porque o son dunha base económica que nós queremos diversificada. Labor do bon facer político será primar o que nos une na estrita acción política frente ao que nos arreda, e asumir como normal que os conflitos de intereses internos se han resolver negociando desde os intereses de cada quen con vontade de chegar a solucións que melloren o benestar da maioria sen negar o papel que cada quen cumpre na estrutura económica da Galiza tal e como é hoxe en dia. Está claro que o nível de consciéncia da nosa sociedade pode e ten que aumentar moito. En princípio os sectores sociais económicos que hoxe optan por investimentos en economia produtiva deben ser ollados non só con simpatia, senón protexidos politicamente polo nacionalismo porque neles está unha das claves da auto-organización do país e da sua capacidade para avanzar. Unha auto-organización que foi pioneira no seo das clases traballadoras, o sindicalismo obreiro e labrego inicialmente, e que debe ser considerada outra das colunas vertebrais da construción da nación. A esta articulación a UPG ten que dedicar máis esforzos e, sobretodo, máis vitalidade e impulso, máis debate positivo para que o sindicalismo nacionalista sexa a mellor defensa das clases traballadoras hoxe e asemade non perda a orientación que debe guiá-lo a prol de que a Galiza sexa governada tamén a curto prazo con critérios de seu en todas as instituizóns do actual rexime democrático.

Velaqui a importáncia do debate ideolóxico-político. No debate para construir e actuar está unha das fontes da capacidade de incidir cada vez máis na sociedade. Asi, nunca o pesimismo será quen de vencer-nos. Nunca o realismo se converterá nunha xustificación da inacción, o burocratismo ou a adaptación resignada. Temos que impulsar sempre a acción positiva através do debate en todos os organismos das organizacións nacionalistas. Volverei a incidir na importáncia do problema da língua e o seu papel vertebrador no movimento nacionalista. E quero facé-lo relembrando unhas palabras de Castelao en 1931 no Congreso dos Deputados de España durante o debate sobre o anteproxecto de Constitución republicana. Son palabras que, se ben poden parecer superadas na terminoloxia porque a evolución social non transcorre en balde, non están en absoluto ultrapasadas no seu significado último: «Tenemos en nuestra tierra gallega muchos propagandistas en magnífica buena fe, que hablan siempre en castellano en sus propagandas, en un castellano muy malo, por cierto, porque quieren ignorar que la dignificación de la lengua materna corresponde al grado superior de la conciencia política y social y proviene de una capacitación para gobernar. El desprecio de la lengua materna significa un renunciamiento de derechos y proviene de una anestesia de la dignidad colectiva». Recordemo-lo todos: o uso da nosa língua, o esforzo prático por normalizá-la, é un sintoma de capacitación para governar. Diria máis: un sintoma de que queremos facé-lo con vontade firme, ao servizo do país. Non vou convencer-vos de que un futuro governo nacionalista será medíbel na sua coeréncia e na sua función de vertebrador e coesionador do país, mesmo tendo en conta os actuais limites constitucionais e estatutários, através da sua política de normalización de usos do galego. Ha ser tan realista como para partir dos limites e deficiéncias dun presente produto de 20 anos de abandono e hipnose, como voluntariamente decidido a estabelecer uns mínimos de protección, amparo e uso das Administracións públicas e os seus servizos que posibiliten o compromiso individual coa língua e o seu avanzo nos usos sociais.

Non deixarei de advertir que estamos convencidos de que governar o país na actual situación non é só unha aspiración politicamente lexítima, senón que é unha necesidade vital para a Galiza. Cumpre que a Galiza teña un governo nacionalista para que as competéncias da Xunta podan ser empregadas a prol dos intereses do país, dos seus sectores produtivos, da sua cultura e língua, da sua interrelación con outros povos do mundo, a comezar polo máis próximo, o portugués, para a sua proxección internacional, para que os meios de titularidade pública sexan empregados conforme ao mandato legal veiculizando información plural desde a Galiza e para a Galiza, e sobre o mundo, através do noso idioma e non como un ferrollo e unha deformación de nós mesmos. A marxe que existe para unha acción positiva desde as instituicións autonómicas como a que hai hoxe desde os concellos non podemos prescindir dela, mália a nosa aspiración sexa contar cun marco competencial moi diferente, aquel que se sustentaria na federación de nacións en igualdade de condicións na Península Ibérica. Non podemos escoller entre esperar máis no tempo e os deberes derivados do mandato democrático que o povo galego poda pór en mans do nacionalismo a curto prazo. Na política, as cousas dan-se tendo en conta un feixe de circunstáncias que non sempre teñen por que reunir as condicións óptimas en todos os aspectos. En todo caso, debe ficar claro que o país necesita un cámbio de governo que por moi mínimos que aplique de democrácia e sentido de país, terá valido a pena, será un cámbio revolucionário porque na Galiza os mínimos non só non están garantidos, senón que son violados en todos os aspectos continuamente. Ter a dignidade de poder ser galegos no próprio país. Ter a certeza de que se vai obrar amparando os intereses do povo galego e non con servilismo aos deseños externos e cos governos de España supostamente amigos, é unha via de oxixéno da que este país está moi necesitado. Laboremos para que este obxectivo se cumpra canto antes. Fagamos unha piña para lográ-lo. Será unha proba de que existe outra posibilidade, ainda sendo conscientes das limitacións, contradicións e eivas que non farán esvaecer que pagou a pena.

Para isto, todo o nacionalismo ten que ser consciente da importáncia da unidade e da cooperación, do diálogo e da colaboración, porque non van sobrar nengun contributo e porque non vai ser indiferente o seu resultado para ninguén. Saiba-se que a nosa presenza nas institucións en tarefas de governo debe ter presente que o nacionalismo é un proxecto de máis longo alcance e que o que fagamos agora vai condicionar non só o noso futuro, senón que vai ser a clave de que o nacionalismo se consolide como movimento social de fundo na Galiza, perdendo certas características de fraxilidade, derivadas da desvertebración e da falta de coesión social e, correlativamente, dunha consciéncia nacional expresada coa requerida contundéncia. Non é de estrañar que para os que aspiramos pacificamente a erguer unha nación como necesidade material da imensa maioria da populazón e, en especial, das suas clases populares, estexa preparada e posta en acción continuamente a artillaria demonizadora. Demonización que sofreu e sofre de maneira máis colateral hoxe o denominado comunismo. Nós diríamos mellor as aspiracións políticas formalizadas desde o que é a concepción do mundo marxista. Animo todos e todas as militantes da UPG, e en especial a nosa mocidade, a que teñan unha consideración desta filosofia da sociedade e da História non dogmática, que sexa un metódo de análise e de orientación, como deben sé-lo moitos contributos do leninismo. Digo-o desde a traxectória e o corpus teórico criado por un Partido que non formou parte nomeadamente do movimento comunista internacional nunca. Que precisamente por analisar a realidade concreta da Galiza desde unhas perspectivas marxistas e leninistas criativas, vencelladas coa tradición interpretativa do nacionalismo galego, non padeceu as deflacións e deformacións doutros partidos comunistas do mundo. Ante todo, non hai que ser miméticos. Antes que nada, hai que viver no próprio país e ter a convición de que mália sexa difícil a política hai que facé-la nas actuais condicións en que nos toca viver.

Demonización que hoxe vai orientada contra o nacionalismo. Por algo será. Simplesmente porque é un factor de mudanza decisiva. Seria grave que interiorizásemos esa demonización autoculpabilizando-nos perante a forza brutal das estruturas de poder mediático e económico dos oligopólios e da transnacionalización. Seria grave que acabásemos con síndrome de Estocolmo perante o abafo ideolóxico do pensamento único. Non pensemos que a clave está en ceder e adaptar-nos. Seria tanto como desaparecer por desnecesários, o que non quer dicer que non haxa que utilizar a intelixéncia, o matiz, a táctica máis axeitada e, sobretodo, ter en conta o prioritáio e o secundário en cada momento. Sexamos conscientes de que a prudéncia que caracteriza o nacionalismo galego é unha prudéncia característica de quen sabe que está defendendo princípios mínimos, asumíbeis colectivamente, por máis que os tempos sexan demoniacamente adversos. Teña-se en conta que a artillaria anti-nacionalista é basicamente un asalto aos princípios democráticos máis elementares. Teña-se en conta que a análise da realidade é a que debe guiar a nosa conduta, non as imaxes deformadas ou anuladoras dun mundo mediático e mediatizado. Outra cousa é que seria de desexar que a Galiza contase con meios públicos e privados máis centrados nas necesidades informativas do país e máis respeitosos coa sociedade que os sustenta.

Remato incitando-nos a agrandar a Unión do Povo Galego como ferramenta positiva ao servizo do Bloque Nacionalista Galego. Fago un apelo colectivo a mellorar o noso traballo na sociedade a prol da causa nacionalista, representada polo BNG. Debemos praticar a opinión clara e sen tabus no interior do noso Partido. Falarmos a tempo. Non interiorizarmos as desconfianzas. Actuarmos con prudéncia, pero sen complexos na defensa do proxecto colectivo que excede con moito a própria Unión do Povo Galego, isto é, a alternativa orgánica e política que representa o Bloque Nacionalista Galego. Combatamos o individualismo, como expresión da desorganización e da falta de compromiso político, a atomización como expresión da falta de respeito polo proxecto colectivo e nacional e o burocratismo como expresión de rotina e falta de presenza social activa. Combatamo-lo con feitos, isto é, coa actuación e con compromiso. Precisamente só de forma organizada seremos quen de vencer sobre as dificuldades, as contradicións e as discrepáncias mantendo a unidade, o respeito e a consciéncia de que todos os homes e mulleres de boa vontade teñen cabida no proxecto político no que o noso Partido está integrado, de forma moi íntima, e ao que quer seguir servindo de forma entusiasta nun período histórico que vai sen dúbida superar a vida de moitos de nós.

Amigas e amigos, camaradas, sobre todo isto, e máis cousas, debatemos no proceso pré-congresual, empreguemos estes dous dias na cidade de Pontevedra, governada por unha rexa equipa nacionalista co seu alcalde Miguel Lores á frente, para mellorarmos as nosas teses e análises de forma que podamos continuar con máis brios e, sobretodo, con orientación máis clarificada e a coesión necesária o noso contributo á causa do Bloque Nacionalista Galego, que é a causa da Galiza.

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ,
Membro do Secretariado Político do Comité Central.