Paxina Principal da UPG
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
::
::
::
::
::
::
::
::
::
::

[ MEDIDAS DE TIPO ECONÓMICO ]

Desde a primeira redacción do programa do Partido aprobado no primeiro Congreso, pasaron case 15 anos, que aínda que non mudaron a eséncia da nosa dependéncia económica, si foron abondo para dar novas formas ou novos elos á mesma cadea, polo que cumpre té los en conta á hora da redacción das medidas de política económica para un governo soberano.

Hoxe podemos contar cunha experiéncia, procedente doutras nacións, que accederon á sua soberania e deron pasos na criación de relacións económicas anti imperialistas.

Nos primeiros dos aspectos citados cumpre sinalar como mais importantes:

1.- Os efeitos da crise económica capitalista e as suas repercusións na economia galega.

2.- A integración española na CE, cuxo significado foi analisado xa en moitas outras ocasións, fai necesário erguer un programa económico derivado dunha alianza de clases plural.

De calquer maneira, é arriscado redixir hoxe unhas medidas que dentro dun tempo non volvan a adoecer do lastre da conxuntura. Por iso cumpre ter presente, que, para nós, segue sendo certo o princípio fundamental de que a organización da produción e a capacidade de dispor da mesma sexa feita en función dos intereses da sociedade da nación galega e non viver de acordo co papel asignado na planificación que a nível mundial fan os monopólios.

Portanto, o rexime democrático nacional ten que se entregar a acabar co monopólio e para iso debe adoptar as seguintes medidas de tipo económico, como modificación das xa redixidas:

1.- Nacionalización dos bancos, caixas de aforros, seguros ou calquer intermediário financeiro.

2.- Nacionalización das explotación e xacimentos mineiros, asi como dos recursos hidráulicos, forestais, mariños, enerxéticos e tecnolóxicos.

3.- Nacionalización do solo urbano, nun proceso de estatalización progresiva das edificacións urbanas, e fixación polo Estado do prezo do aluguer. Suprimindo os atrancos que se derivan da propriedade privada do solo e da edificación urbana, asi como a secuela da especulación, procedendo á ordenación dos espazos territoriais. No primeiro caso, quer dicer, da mesma maneira que se nacionaliza a empresa correspondente, fica nacionalizado o recurso financeiro, pasando directamente a un consórcio de bancos, a formar parte do Banco Público Estatal Galego que, con carácter de único, rexeria a disposición do uso e destino do capital incautado, asi como da futura distribución do financiamento. Nos outros casos, a nacionalización fai referéncia á propriedade que será Estatal Galega, aínda que o uso, desfrute o aproveitamento económico sigan en mans dos seus actuais proprietários, sempre que non sexan da rede monopolista.

4.- Nacionalización de todas as empresas de titularidade ou participación monopolista. Distinguimos dous casos diferentes na indústria: aquelas que comezan e rematan na Galiza o proceso produtivo, e aquelas outras que só realizan unha parte. O tratamento lexislativo seria diferente na regulamentación das actividades económicas e nas suas relacións coa banca Estatal.

En todos os casos de nacionalizacións de empresas, con accionariado diverso, respeitarán se os direitos do pequeno e mediano accionariado, asi como os seus depósitos.

Regulamentación da actividade económica mediante un Plano ao Servizo dos Intereses da Galiza, quer dicer: organizarmos de acordo coas nosas necesidades a nosa produción, planificarmos o que nos interesa producir, cando e como; a quen vendemos, e o máis importante, a que prezo o vendemos. Para realizá lo cumpre erguer unha empresa pública estatal que cubra as enormes lacunas que existen no noso tecido produtivo, tanto na transformación industrial como na comercialización do aqui producido, sexa ou non transformado aqui.

O sistema de tributación a implantar tenderá a mobilización do excedente en proveito da sociedade galega, de acordo cos princípios de gravame diferencial e progresiva.

Os eixos básicos da Reforma Agrária que o Estado democrático popular ten que levar adiante, serán os seguintes:

1.- Elaboración dun Plano de Ordenamento das Producións que teña como critérios:

a) O servizo ás necesidades actuais e futuras da sociedade galega.

b) O desenvolvimento da nosa capacidade produtiva.

c) A diversificación e o respeito ecolóxico, frente ao monocultivo agresivo e ao produtivismo a ultranza, sexa no eido agrícola, como gandeiro ou forestal.

2.- O Estado garantirá o cumprimento do Plano de Ordenamento de Cultivo, asegurando ás explotacións que o cumpran vantaxes significativas, como axudas económicas,garantias de recollida, primas ou prezos diferenciais. Asi mesmo asegurará a conservación ecolóxica, garantindo un nível de renda axeitada aos labregos que vivan nas zonas obxecto de protección.

3.- A elaboración dun Plano Director para a industrialización e comercialización dos produtos agrários, que defina número, localizacións e dimensións máis axeitadas dos estabelecimentos industriais e as canles de comercialización máis eficaces.

4.- Criación dun ente público encargado de efectivizar o Plano Director, definido anteriormente, prioritariamente através de empresas estatais ou mixtas. En calquer caso, as empresas privadas, cooperativas ou particulares, deberán axustar se aos obxectivos do Plan Director, e o Estado asumirá directamente a comercialización dos produtos artesanais dos pequenos produtores, que sobarden a sua capacidade.

5.- Procederá se á reestruturación das explotacións de cara a mellorar a sua eficácia produtiva, de tal xeito que se evite a destrución da sociedade labrega.

Os eixos básicos da reestruturación serian:

  • O fomento do cooperativismo a distintos níveis.
  • Modelos de organización de produción que respeiten a explotación familiar, como núcleo produtivo, ali onde a eficácia está demostrada (gandaria de leite, horticultura, certa gandaria industrial...)
  • O aumento da base territorial e a concentración de terras ali onde for indispensábel (producións agrícolas extensivas, gandaria extensiva...)
  • A recuperación de terras improdutivas.
  • O mantimento do aproveitamento colectivo dos montes viciñais.

6.- Un ente público asumirá a coordenación das actuacións en matéria de infraestruturas (electrificación, rede viária, telefonia, saneamento, abastecimento de auga...) asegurando a eficácia dos investimentos através dun Plano de Dotación Infraestrutural.

7.- Nacionalizarán se as empresas de subministración de insumos (sementes, adubos, fitosanitários), fomento á investigación que rache a dependéncia tecnolóxica e permita unha produción própria axeitada ás nosas necesidades e características, capaz de asegurar unha subministración suficiente ás explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.

8.- As explotaclóns agrárias de propriedade privada serán gravadas cun único imposto revisábel periodicamente, en función dos níveis de prezos e da rendibilidade média das explotacións. En todo caso ficará isento de impostos o património familiar labrego.

9.- Un organismo central especializado dirixirá as grandes liñas de ordenación do território rural en todo o país, coa participación no planeamento e a execución de todos os organismos de base interesados, tanto administrativos (parróquias e concellos democráticos), como sindicais e políticos. A ordenación do território rural abranxerá todo o relativo aos servizos públicos no meio rural: estradas e outros meios de comunicación, electricidade e outras fontes de enerxia, auga para regos e consumo humano, médicos e saúde en xeral, escola e ensino.

A reforma pesqueira ten de ser outra das tarefas a encarar polo rexime democrático. Ademais de medidas de índole institucional, xa citadas, nacionalización das grandes empresas, fomentará se o cooperativismo entre as pequenas e medianas empresas que operen no sector pesqueiro, acometerá se unha reforma integral que abranxa tanto as actividades extractivas e transformadoras como o tocante á comercialización e financiamento da produción pesqueira, habida conta da distinta problemática que encerra a pesca de baixura e litoral, por unha banda, e a pesca de altura e grande altura, pola outra, e partindo do princípio de que o futuro do mundo do mar depende fundamentalmente da nosa capacidade para desenvolvermos a nosa riqueza pesqueira e marisqueira, hoxe submetida a unha explotación irracional, agredida polos monopólios capitalistas en desprezo total dos intereses dos traballadores da beira mar, e aturando uns índices de contaminación crescente; neste sentido, a revolución democrática nacional atribuirá ás comunidades de mariscadoras e de mariscadores os parques e viveiros naturais de explotación e cultivo, suprimindo as concesións existentes a favor dos monopólios, e garantirá a protección das augas litorais contra a contaminación. Asi mesmo, a nacionalización das empresas monopolistas e da modernización da indústria conserveira será obxectivo prioritário do Estado democrático.