|
Xosé Ramón Reboiras Noia
naceu o 19 de xaneiro de 1950 na parroquia de Imo, no
Concello de Dodro, nunha familia labrega que como tantas
na nosa Patria, tivo que trasladarse á cidade en
percura de mellores condicións de vida.
En Vigo e mentras o pai traballaba embarcado, Moncho
estudaba o bacherelato e atendía o bar que a súa
familia puxera cos seus aforros, cun breve periodo de
traballo na construción cando tiña 15 anos.
Pouco a pouco vai sentindo no seu propio corpo a opresión
nacional de Galiza: o baixo nível de vida do agro,
a superexplotación, o conflito lingüístico…
tomando conciencia do asoballamento colonial do noso povo.
Posteriormente matricúlase na Escola de Inxeñeria
Industrial de Vigo, onde se titula con moi boa calificación.
Xosé Ramón, que contaba con grandes simpatías
no ambiente estudiantil pola súa seriedade profisional
e o seu compañerismo, desempeña un papel
moi activo nas reivindicacións do estudantado naqueles
anos e na defensa da cultura e dos intereses do povo galego.
Daquela é un dos fundadores da revista “Des…tornillo”
que desempeñou un grande papel de concienciación;
formando parte do grupo cultural “O Castro”
que aborda –dentro das dificuldades daquel tempo-
o problema nacional galego; e no ano 1969 ingresa como
militante na UPG.
Rematada a carreira, é becado pola Escola para
facer un traballo de especialización en “Asteleiros
Barreras” – xeito de explotar aos recén
titulados-, alí convive coas masas obreiras e ten
ocasión de coñecer a explotación
capitalista, situación que aproveita para estudar
a fondo os mecanismos utilizados pola patronal (xefes,
confidentes..), así como o xeito de combatilos.
Neste tempo, 1972, ten lugar a Folga de Setembro e Moncho
xoga nela un grande papel revolucionario, tanto de combate
como de organizador.
Perdida a beca por esta causa e entregado de cheo á
loita pola liberación da Galiza, traballa en “Alvarez”
de Vigo, tendo que deixalo por razóns de saúde
xa que ao estar operado de pleuresía o ambiente
da fabrica éralle moi perxudicial. Trasladase entón
a Ferrol onde traballa en “Astano” e posteriormente
á Coruña entrando como obreiro na plantilla
de “Intelsa”.
Moncho procede por este tempo, por encargo da UPG a organizar
o Frente Cultural Galego. É en grande maneira o
responsábel do que o Frente Cultural foi naquel
entón e do importantísimo papel que desempeñou
no panorama cultural de Galiza. Por primeira vez existiu
unha coordenadora efectiva entre a maioría das
Asociacións Culturais de Galiza e o voceiro do
Frente Cultural.
Polas mesmas datas, anos 73 e 74 é un dos organizadores
dos grupos sindicais –as reunións de traballadores-
que orixinarian no ano 75 o Sindicato Obreiro Galego (SOG)
logo integrado na Intersindical Nacional Galega e antecesor
máis lonxano da actual Confederación Intersindical
galega (CIG). E a alma do grupo da Coruña que arredor
do voceiro “Xerme” desempeña naquel
entón un papel fundamental no camiño cara
un sindicalismo especificamente galego. O “Xerme”,
dunha extraordinária calidade, crea un novo estilo
dentro da prensa obreira en Galiza.
Tamén é Moncho, membro do Comité
Central e do Comité Executivo da UPG, un dos artífices
do que a UPG comenza a ser desde o 1972: unha organización
proletaria que tendo como guía da sua acción
o marxismo-lininismo, é o motor do movimento nacionalista
galego. A expléndida realidade actual do nacionalismo
é froito do traballo heróico destes anos.
A súa morte tronza moi cedo a traxectoria militante
deste dirixente pero o Partido, na súa realidade
comunista e patriótica actual, é moi consciente
até que ponto é debedor do traballo, do
pensamento e da vida de Moncho.
Participou, dentro da liña política acordada
pola UPG, nun grupo dedicado a dotar de infraestrutura
loxística ao Partido, con accións propias
da cladestinidade e frente a un estado fascista. Atopandose
en Ferrol, onde se estaba organizando a UPG, a Brigada
Político Social (BPS) estabelece na noite do 11
de agosto do 75 un control na zona de Canido. Ás
2 da mañán numerosos efectivos da BPS, acompañados
de máis de 300 axentes da Policía Armada
acordonaron o edificio onde se atopaba con 2 militantes
máis que grazas á intervención de
Reboiras –o único que estaba armado- lograron
fuxir.
Reboiras logra zafarse da policía durante máis
de duas horas, conquerindo finalmente esta darlle alcance
no portal da rúa da Terra (onde se lle fai todos
os anos unha homenaxe), disparandoo sen opción
a outras saidas. A partir dese momento desatase un amplo
operativo en toda Galiza coa detención de varios
militantes nacionalistas e o exilio a Portugal (xa trunfara
a Revolución dos Cravos en Abril do 74) dun nutrido
grupo de membros da UPG. |