A
UPG |
A
UMG |
Terra
e Tempo |
Cousas
que importan |
|

|
Nº
30 - novembro de 2007
|
|
30 anos gozando coa lingua |
[Con lingua de seu]
SE ALGO PREOCUPOU Á UNIÓN DA MOCIDADE GALEGA (UMG), organización xuvenil da Unión do Povo Galego (UPG), desde o seus inicios foi como conxugar ideoloxía e práctica, como identificar o noso discurso teórico coa realidade material do país e, moi especialmente, coas específicas condicións de existencia da xente máis nova no contexto da nosa nación. Eis a que segue a ser, sen dúbida, a nosa principal razón de ser.
Desta volta, optamos conscientemente por conmemorarmos os trinta anos de existencia dunha organización como a nosa convidándomos á reflexión colectiva –moi especialmente á das compañeiras e compañeiros do conxunto do movemento xuvenil nacionalista– sobre un tema concreto que non foi nunca para nós –que, por suposto, non o é– nin secundario nin accesorio: a situación do noso idioma, do galego, no momento actual e, moi especialmente, no ámbito xuvenil. Haberá quen pense que podía ser outra a temática escollida, que non é a única posíbel ou que hai xa traballos e espazos de abondo para debater e reflexionar sobre a cuestión da lingua. Mais se algo precisamente vén caracterizando ininterrompidamente o nacionalismo na Galiza –en certa maneira, xa desde antes da II República, mais con toda certeza desde os anos da súa reorganización en plena ditatura franquista– é a súa defensa coherente e consecuente, mesmo algúns xulgarán que obsesiva, dunha práctica social monolingüe do galego, individual e colectivamente. Un traballo no que a Unión do Povo Galego tivo moito a ver. Non é tal sinal de identidade, tal “marca da casa”, unha decisión tomada ao chou. Se o nacionalismo galego fixo historicamente causa da plena normalización do galego –escusa que lles vale cinicamente a outros para tentaren xustificar en van a súa indolencia ou aberta belixerancia– foi porque entendeu que se un elemento nos identifica como nación ese é o idioma; e que se un factor hai que pode medir a vontade de existir –e por tanto de autogobernarse– desa nación ese é o estado de saúde en que o idioma propio se encontra.
Sen lingua non poderá haberá nación plenamente existente e sen mocidade consciente hoxe non poderá haber país no futuro. E se concordamos en que o uso dun idioma é bon termómetro para comprobar o estado en que se encontra a base material da sociedade que o ten de seu, os estarrecedores índices de práctica social do galego que desde hai moitos anos se comproban nas xeracións máis novas do país resultan de por si alarmantes canto ao seu futuro. Sérvelle á UMG esta diagnose, aparentemente simple, para entender como tarefa inaprazábel dar un novo pulo á loita pola normalización do noso idioma, a comezar por nós, e continuar así a manter viva a coherencia que neste aspecto sempre caracterizou o noso Partido –a UPG– e, por suposto, a súa organización xuvenil
|