Paxina Principal da UPG
Apoia o Manifesto a prol da convivencia ling|mstica e a da igualdade de dereitos para o galego
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan

CAPITULO I. DA UMG

Art. 1.- A Unión da Mocidade Galega (UMG), constituida en 1977, é a organización da mocidade da Unión do Povo Galego. A UMG é unha organización que oferece unha perspectiva comunista e patriótica para a mocidade galega.

Art. 2.- A UMG como organización xuvenil da UPG atén-se aos seguintes critérios:

a) A UMG é unha organización autónoma da UPG pero ideolóxica e organizativamente ligada a el, formando parte integrante do próprio partido, defendendo as suas resolucións e propagando o seu ideário.

b) A UMG dispón de programa e estrutura organizativa própria para o seu ámbito de actuación.

c) A UMG responde ás necesidades específicas da mocidade galega dentro dunha perspectiva de clase e anti-colonial.

d) Ten como finalidade primordial incorporar á mocidade galega á loita pola liberación nacional de Galiza e a construción do socialismo na nosa nación.

e) Defender o fortalecimento e unidade do Movimento Xuvenil Galego como contribución necesária e consciente ao proceso de autodeterminación nacional na busca de liberdades para a nación galega.

Art. 3.- A UMG, como organización internacionalista, amosa-se solidária con todos os povos do mundo na sua loita pola liberación nacional, pola democrácia, a paz e o socialismo e nomeadamente con aqueles povos que, como o noso, viven baixo a agresión do imperialismo.

CAPÍTULO II. DOS MEMBROS

Art. 4.- Pode ser militante da UMG calquer moza ou mozo que aceite os estatutos e o programa da UMG, participe regular e activamente da sua vida dorganizativa e política e contribua coas cotizacións que se sinalen.

Art. 5.- O ou a militante da UMG debe realizar o seu labor político no lugar ou sector de traballo ou estudo e entre a mocidade en xeral, levando a cabo os acordos e liña política definida polo conxunto da organización.

Art. 6.- O ingreso na UMG é voluntário e individual, quen solicite a entrada deberá ser apresentado por un membro ao responsábel da Asemblea de Zona na que se vai integrar. Despois dunha análise das condicións que concorran en cada caso, a Asemblea ao completo decidirá por maioria a sua entrada na UMG. A entrada será ratificada no seu momento por un organismo superior.

Art. 7.- Son obrigas dos e das militantes da UMG, a maiores das sinaladas nos artigos 4 e 5, as seguintes:

a) Empregar e defender o idioma galego. Aprofundar nos coñecimentos ideolóxicos, históricos e mesmo lingüísticos referentes á nosa nación.

b) Loitar polos intereses da mocidade das clases traballadoras e de todo o povo galego, propagando a política da UMG e da UPG nos meios onde actua asi como tamén as suas publicacións.

c) Defender a unidade de acción da UMG e atraer a ela á mocidade que se identifique cos seus presupostos.

d) Praticar a crítica e a autocrítica dun xeito responsábel, honesto e construtivo.

Art. 8.- Son direitos das e dos militantes da UMG:

a) Participar na elaboración da liña política, directrices e propostas da UMG, intervindo libremente sobre os problemas que se plantexen na asemblea ou organismo correspondente e practicando a crítica e autocrítica con responsabilidade.

b) Empregar os locais e demais infraestrutura coa que a UMG conta.

c) Receber todo tipo de publicacións, prensa, documentos, etec, tanto da UMG como do partido asi como formación política e ideolóxica.

d) Receber axuda da organización en caso de problemas derivados da sua militáncia.

e) Votar, elixir e ser eleito segundo se estabelece nestes estatutos.

f) Plantexar diante dun organismo superior aquelas cuestións que considere oportunas.

Art. 9.- Se un militante cometé-se unha infracción, o organismo ao que pertence aplicará-lle, segundo o tipo de gravidade da falla, as seguintes sancións: Adverténcia, cesura, destitución do cargo, suspensión de militáncia ou expulsión da UMG. O sancionado poderá apelar aos distintos órganos superiores ao que emitiu a sanción, seguindo a estruturación organizativa. As sancións acordarán-se, sempre despois dun coidadoso exame dos feitos e de escoitar os descargos do acusado, por votación maioritária. En casos excepcionais, un órgano superior poderá acordar sanción de expulsión dando seguidamente conta é estrutura inferior correspondente. A suspensión de militáncia durará como máximo tres meses. Durante este tempo o ou a militante non terá direito a votar, elexir ou ser eleito para nengun cargo de responsabilidade.

Unha asemblea non pode, asimesmo, sancionar a un militante que estexa nun órgano superior, neste caso será este organismo o que estude e decida sobre a acusación presentada. Se se trata dun membro do Comité Nacional será este mesmo órganismo o que decida.

Se un ou unha militante quixese abandonar a UMG debe comunicá-lo por escrito ao organismo no que estexa integrado, especificando as causas da solicitude de baixa. O organismo correspondente estudará e, no seu caso, debaterá co interesado a solicitude, co obxectivo de intentar que esta non se efectivice sempre que non exista razón de tipo polñítica e ideolóxica que sustente a solicitude.

CAPÍTULO III. DOS PRINCÍPIOS DE ORGANIZACIÓN

Art. 10.- O princípio de organización da UMG é o centralismo democrático. Todos os organismos da UMG serán elexidos democráticamente. Toda a UMG está rexida polos seguintes princípios: a posición do indivíduo axusta-se á da organización, a da minoria á maioria, a estrutura inferior á superior, o conxunto da UMG ao Comité Nacional e ambos os dous ao Congreso.

Art. 11.- Sendo a UMG unha organización autónoma da UPG, aceita e cumpre o programa do partido e submete-se ás resolucións do Comité Central e do Congreso da UPG, debendo dar conta da sua actuación. Polo mesmo, a UMG participa directa e activamente na elaboración e plamación da liña política do Partido.

Art. 12.- Os órganos de dirección da UMG deberán render contas da sua xestión diante dos órganos imediatamente superiores. En particular, o Comité Nacional diante do Congreso da UMG, acollendo sempre coa máxima atención as opinións críticas e propostas que lle cheguen da organización.

Art. 13.- En casos moi graves o Comité Central da UPG poderá suspender ao Comité Nacional da UMG, ou a representantes nel, debendo dar conta á Conferéncia, ou no seu caso, ao Congreso de UMG.

Art. 14.- Todo e toda militante da UMG poderá dirixir críticas e propostas aos órganos de dirección da organización en calquer nível, seguindo as canles internas regulamentárias. Todo militante ten direito a solicitar a discusión das suas teses se estas non coinciden coas dos órganos de dirección. Rematado o debate a minoria deberá axustar a sua postura e prática á da maioria e non podrá actuar en contra da decisión tomada, ainda que pode facer valer de novo os seus argumentos. Os acordos dos órganos deberán aplicar-se nos inferiores, á marxe de que se abra ou non un novo debate polas discrepáncias que poidan ainda existir, sempre que estas non vulneren o afecten ao programa, estatutos, resolucións congresuais e acordos da organización.

Art. 15.- A existéncia de fraccións no seo da UMG atentaria contra o centralismo democrático da organización, ferramenta indispensábel para a sua acción política, razón pola cal están proibidas.

Art. 16.- A UMG aplica no seu funcionamento o princípio leninista do Comité e das decisións colexiadas, contrário ao individualismo como ao caudillismo. É deber de toda a organización velar polo estrito respeito do princípio citado. Todos os organismos da UMG asumen solidariamente a sua xestión, o que non elimina a responsabilidade individual dos seus membros.

Art.17.- Os órganos de dirección da UMG deberán aplicar no seu traballo o método da crítica e da autocrítica para correxir os defectos e erros de traballo.

Art. 18.- Os órganos de dirección da UMG están autorizados, en casos extraordinários, para completar ou ampliar a sua composición.

Art. 19.- É tarefa do conxunto da UMG levar adiante unha política interna de promoción e formación de cadros eficaz e obxectiva.

Art. 20.- A UMG estrutura-se a nível territorial e se procede sectorial.

Art. 21.- Os organismos da UMG coordenarán-se en cada nível co organismo correspondente do Partido colectivamente e a través dos Responsábeis de Zona e/ou dos representantes estabelecidos.

CAPÍTULO IV. DA ORGANIZACIÓN

DO CONGRESO

Art. 22.- O máximo órgano de decisión da UMG é o Congreso. Os Congresos ordinários da UMG serán convocados polo Comité Nacional cada dous anos, a non ser que as circunstáncias o impidam, podendo ser adiantado ou retrasado excepcionalmente. Os Congresos extraordinários serán convocados polo Comité Nacional, ou a petición de dous tércios da organización cunha antelación de dous meses. En casos graves poderá facer tamén esta convocatória o Comité Central da UPG.

Art. 23.- O Congreso da UMG estará constituido polo Comité Nacional, todos os membros da UMG e unha representación da UPG designada polo seu Comité Central e presidido por unha mesa designada polo Comité Nacional.

Art. 24.- As funcións do Congreso son:

a) Análise e discusión do informe que sobre a sua xestión elaborará o Comité Nacional

b) Adaptación da liña do Partido á UMG e sinalar as metas de traballo político do seu programa e dos seus estatutos.

c) Definición do sue programa e estatutos.

d) Eleizón do Comité Nacional e do ou da Secretária Xeral.

e) Revisión crítica do traballo político realizado desde o último Congreso.

f) Remisión dun informe das resolucións adoptadas polo Congreso a través do Comité Nacional para que sexan ratificadas polo Congreso ou, no seu defecto, polo Comité Central da UPG.

DA CONFERÉNCIA NACIONAL

Art. 25.- A Conferéncia Nacional da UMG estará constituida polos membros do C.N. e todos os membros da UMG, asi como pola representación do Partido que designe o Comité Central da UPG. A sua finalidade será a de tratar algun tema específico de releváncia nese momento e poderá ter carácter sectorial. A Conferéncia será convocada polo C.N. e as suas decisións serán vinculantes para a UMG.

DO COMITÉ NACIONAL

Art. 26.- O Comité Nacional é o órgano superior da UMG no intervalo entre dous congresos. Eleito polo Congreso estará constituido, cando menos, por representantes das zonas e por reponsábeis de cada área de traballo que se defina. O C.N. xuntará-se como mínimo cada 3 meses.

Art. 27.- O C.N. pode convocar plenos ampliados ou Conferéncias Nacionais para examinar determinados problemas políticos ou de organización. O C.N. deberá render contas diante do Comité Central da UPG.

Art. 28.- Son funcións do Comité Nacional:

a) A aplicación da política do partido.

b) A aplicación da política da UMG nos distintos sectores.

c) O control, desenvolvimento e dinamización da organización.

d) A análise política da coxuntura e de feitos importantes asi como a resposta a dar-lle.

e) A asinatura de comunicados políticos.

f) Xestionar as finanzas, tal como se sinala no art.36

g) Designar a redacción do GUIEIRO e a orientación dos Documentos de Formación Política.

h) A eleizón dos e das compoñentes do Secratariado Político.

DO SECRETARIADO NACIONAL

Art. 29.- O Secretariado Nacional é un organismo permanente do Comité Nacional, ante quen deberá render contas, que ten como funcións:

a) A aplicación e efectivización dos acordos que o Comité Nacional determine.

b) Análise e valorización dos feitos e acontecimentos que se produzan no dia a dia asi como a resposta que se debe dar a estes.

Reunirá-se como mínimo mensalmente e poderán-se convocar secretariados nacionais ampliados para examinar determinados problemas políticos ou de organización.

DO/A SECRETÁRIO/A XERAL

Art. 30.- O Secretário ou Secretária Xeral da UMG é o representante desta nos organismos centrais do Partido. A proposta de Secretário/a Xeral será elevada polo C.N. da UMG ao Comité Central da UPG que o proporá ao Congreso da UMG que procederá á sua ratificación ou rectificación.

Art. 31.- O Secretário ou Secretária Xeral ten como funcións:

a) A representación externa ou interna da UMG actuando como portavoz oficial da Organización nas declaracións públicas de importáncia e nos contactos políticos con outras organizacións a nível de dirección.

b) A coordenación dos traballos dos organismos de dirección e a moderación das suas xuntanzas.

c) A representación permanente do C.N. sen perxuízo de que os seus direitos e deberes sexan iguais aos dos demais membros do C.N.

DA ORGANIZACIÓN DE BASE DA UMG

Art. 32.- O núcleo fundamental de base da UMG é a Asemblea de Zona, a autoridade dunha asemblea reside na sua própria xuntanza e deberá elexir un Responsábel de Zona.

Art. 33.- A función da Asemblea de Zona é a de levar adiante a política da UMG na sua área de actuación, fomentar o debate e a formación política e realizar unha labor proselitista para garantir a sua própria renovación. As Asembleas de Zona poderán constituir comisións de traballo dependentes delas.

Art. 34.- Os e as militantes da UMG teñen a obriga de traballar naquelas asociacións e organizacións xuvenís que se identifiquen co ideário nacionalista, levando ao sue seo a liña política do partido. En particular, é tarefa da UMG o traballo na organización da mocidade da frente patriótica, Galiza Nova.

Art. 35.- Consideran-se colaboradores da UMG aquelas persoas que estando de acordo coa sua liña política pero non podendo asumir a militáncia plena, axudan no desenvolvimento das tarefas políticas da organización. Consideran-se parte integrante da UMG.

CAPITULO V. DAS FINANZAS

Art. 36.- As cuotas e aportacións económicas dos e das militantantes constitui o meio de finanzamento ordinário da UMG. A determinación e seguimento das cuotas dos e das militantes corresponde ao C.N. Os ingresos por venda de distintos materiais e por subvencións teñen carácter extraordinário correspondendo tamén a sua xestión e control ao C.N. Anualmente deberá ser elaborado polo C.N. un informe de finanzas correspondente ao último exercício asi como un presuposto para o vindeiro. Tras ser sometido a debater e aprobación polo C.N. apresentará-se-lle ao Comité Central da UPG.

CAPÍTULO VI. DOS SÍMBOLOS, DO HINO E DO VOCEIRO DA UMG

Art. 37.- A bandeira da organización é a mesma que a do partido, coas siglas UMG: bandeira vermella, coa fouce, martelo e estrela con espiral, en cor dourada colocadas no ángulo superior esquerdo. Tamén adopta como sua a bandeira de Galiza coa estrela vermella de cinco pontas no centro; símbolo de liberación nacional.

Art. 38.- O hino da UMG é a Internacional, hino dos traballadores e traballadoras de todo o mundo. Tamén adopta como seu o hino galego.

Art. 39.- O órgao de expresión da UMG é a revista GUIEIRO, de periodicidade, características e contidos dependentes do Comité Nacional.

DISPOSICIÓNS XERAIS

Primeira.- A modificación dos presentes estatutos corresponde en exclusiva ao Congreso da UMG e a sua interpretación ao C.N.

Segunda.- Os estatutos da UPG serán complementários dos presentes.

DISPOSICIÓN FINAL

Única.- Fican derogadas todas as normas estatutárias anteriores ao Congreso a UMG.