Con grande acerto Na segunda metade dos anos 70, o medre producido
no número de simpatizantes, afiliados e militantes da
UPG no ensino médio e entre a mocidade traballadora,
levou ao Partido a conceber a criazón dunha organización
da mocidade que, ademais de servir para levar ao sector "unha
liña política comunista e patriótica",
puidese abordar a problemática específicamente
xuvenil. Asi se analisa nun documento de Febreiro de 1977 titulado
"As mocedades do partido", que recolle de facto a
decisión de criar a UMG, xa que o 1º Congreso da
UPG, que ratifica esta decisión, non se celebrará
até finais de Agosto, dias despois de ter-se constituido
formalmente a organización xuvenil. A partir daí
inicia-se un traballo de captación de militantes, organización
de células e discusión teórica e programática
que ocupa toda a primavera dese ano e que rematará co
Congreso constituinte.
O Congreso vai-se celebrar os dias 14 e 15 de Agosto de 1977
sob o lema "Por unha Galicia ceibe e socialista".
Nel aproban-se os Estatutos da organización e un programa
no que se analisa a situación específica da mocidade
galega, o papel da UMG nese contexto e as alternativas que defende,
incluindo unha táboa de "reivindicacións
mínimas". A definición ideolóxica
e os obxectivos políticos estabelecen-se simultaneamente
no capítulo 1º dos Estatutos e no apartado do Programa
titulado "Qué é a UMG?", e veñen
determinados pola vinculación coa UPG: "A UMG (Unión
da Mocidade Galega) é a organización comunista
e patriótica da mocedade galega e é, xa que logo,
a organización xuvenil da UPG" (art.1). Asi, da
mesma maneira que o fai a UPG, a UMG declara-se ao mesmo termpo
comunista e nacionalista, xa que entende que a instauración
do socialismo na Galiza pasa necesariamente pola prévia
liberación nacional do país. Agora ben, o máis
definitório da posición da UMG e que lle serve
para estabelecer diferenzas con outras organizacións
xuvenis, mesmo con algunhas que tamén se proclaman comunistas,
é considerar que cómpre analisar a situación
da mocidade galega desde unha perspectiva de clase, entendendo-a
ademais como parte integrante dunha sociedade submetida a unha
dependéncia colonial.
Os primeiros estatutos da UMG, que marcan como princípio
organizativo o centralismo democrático, conforman unha
organización piramidal, dividida en zonas e localidades
e que define como núcleo fundamental de base a célula
(denominada Asemblea de Zona desde 1990). Como órgaos
de dirección intermédios estabelecen-se os Comités
Locais e os Comités de Zona, mentres que a dirección
nacional a conforman o Comité Central (órgao supremo
da UMG entre dous Congresos e elixido polo Congreso Nacional)
e o Comité Executivo, máis reducido e elixido
polo Comité Central. O órgao máximo de
dirección é o Congreso Nacional e fixa-se ainda
outro organismo, a Conferencia, constituida polos membros das
direccións central, de zona e local. A frente da UMG
situa-se o ou a Secretária Xeral, con funcións
executivas, e o Presidente, que será o mesmo do Partido.
Este esquema organizativo, deseñado nun momento no que
se contaba cun importante número de militantes, será
revisado nos seguintes congresos, cando a militáncia
inicial se reducira e resultaba pouco operativo. Asi, no 2º
Congreso (1980) suprimen-se Comité Central e Executivo
e substituen-se polo Comité Nacional, e no 3º Congreso
(1982) suprimen-se os Comités Locais.
A primeira actuación pública especificamente
xuvenil que desenvolve a UMG é a chamada "campaña
dos aprendices". Denuncia-se a situación de sobre-explotación
que sofren moitos mozos sob o pretexto de aprender un ofício,
situación que se aceita en moitos casos ante a dificuldade
de atopar o primeiro emprego. A UMG elabora unha táboa
reivindicativa -que lle apresentan á Intersindical Nacional
Galega (ING) e será asumida pola central nacionalista
para a negociación colectiva- e inícia unha campaña
informativa.
Rematada a campaña dos aprendices desenvolve-se outra,
ao longo de 1979, sobre a situación das empregadas do
fogar, un dos sectores, a dicer da UMG, que maior porcentaxe
de mozas absorbe e no que as condicións de traballo son
máis abafantes. Dadas as características do sector
deseña-se unha campaña de contactos persoais coas
empregadas e mesmo coas demandantes de emprego, fixando como
obxectivos a mobilización e a constitución da
"Unión de Empregadas do Fogar da ING". Non
parece, sen embargo, que cando menos este último obxectivo
chegara a lograr-se.
Neste primeiro período, o que delimitan o primeiro e
o segundo congreso, a UMG ocupa-se ademais de dous temas que
centran a atención do nacionalismo, analisando-os desde
a perspectiva das suas consecuéncias para a mocidade:
o pacto social (os "Pactos da Moncloa") e a Constitución
Española. O texto constitucional cerra as expectativas
de cámbio abertas en Novembro do 75, establecendo uns
límites ben cativos en relación co que eran as
esperanzas dunha boa parte da mocidade progresista e nacionalista
á altura do 76 ou do 77. O facto é que a vaga
de desencanto fai minguar notabelmente a militáncia das
organizacións xuvenis, deixando a unhas inoperativas
e varrendo a outras do mapa político. As organizacións
nacionalistas ERGA e UMG ven-se tamén afectadas, vendo
mermar a sua militáncia a respeito da lograda en 1977.
Porén conseguen superar a situación e manter en
boa medida a sua capacidade de actuación social, facto
que a UMG atribuirá á corrección das análises
políticas e a unha prática consecuente, alonxada
da perspectiva "xeracional e antipaternal" doutras
organizacións.
Poñendo remate a esta fase inicial, en Xaneiro de 1980
a UMG celebra o seu 2º Congreso baixo o lema "Pola
incorporación da mocedade galega á loita antiimperialista,
cara ao socialismo". O Congreso profundiza nas análises
feitas para a mocidade traballadora, o estudantado e a situación
social da xuventude. A partir do 2º Congreso reduce-se
notabelmente a actividade pública da UMG, que estivera
centrada na situación da mocidade traballadora. O nacionalismo
manten-se moi activo no mundo estudantil, pero este é
un campo no que a UMG renunciara a actuar directamente polo
seu apoio a ERGA. A crise do desencanto non permitiu renovar
uns efectivos entre a mocidade traballadora que sempre foran
minoria en relación cos estudantes.
En 1981 o nacionalismo vai sofrer unha crise que afectará
tamén á UMG. Á altura de Maio desatan-se
na UPG divisións nunca ben explicitadas desde diferenzas
ideolóxicas ou políticas que levan ao abandono
do Partido -e posteriormente da AN-PG- dunha boa parte de militantes
e dirixentes. Da mobilidade producida na UMG neses anos dá
idea o feito de que o Comité Nacional que chega ao 3º
Congreso (Maio de 1982) mantén só dous membros
elixidos no 2º.
O comenzo da recuperación organizativa, o crecimento
militante e o reinício da actividade pública,
hai que situá-lo contra o fin do ano 82 co lanzamento
da campaña sobre o servizo militar. Coincidindo co sorteo
de quintos dese ano, a UMG pronuncia-se "tacticamente por
un servício militar reducido e na Terra", e apartir
daí articula-se unha campaña que se vai prolongar
ao longo dos anos 83 e 84.
O 4º Congreso (Novembro de 1984) que se celebra co lema
"A mocidade no camiño do futuro. Pola Independéncia
Nacional e o Socialismo", debate, ademais das cuestións
organizativas, ponéncias sobre a actuación política
da UMG, o movimento estudantil, a situación da mocidade
galega e a situación das mulleres e o feminismo. A resolución
saida deste Congreso vai sentar as bases da posición
mantida polo nacionalismo xuvenil, favorábel á
obxección de consciéncia -incluindo a política-
e á insubmisión, apartir de entón. Pero
tamén haberia que xulgar se as campañas desenvolvidas
pola UMG do 82 ao 84 non serviron para sensibilizar á
mocidade galega sobre o problema e non contribuiron a posibilitar
o vizoso movimento anti-militarista dos finais dos 80 e princípios
dos 90.
Apartir do 4º Congreso a UMG logra estabilizar-se. Nos
tres anos seguintes parece ter conseguido en boa parte os obxectivos
organizativos que nel se tiña marcado. Regulariza-se
o funcionamento do Comité Nacional; incrementa-se a militáncia;
volta a sair o Guieiro, renovado e con máis regularidade;
fan-se esforzos por mellorar as finanzas; recupera-se o traballo
no asociacionismo xuvenil e inicia-se a realización de
actividades de carácter lúdico.
No verán do 85, coincidindo coa campaña de oposición
á entrada do Estado español na OTAN, co Ano Internacional
da Mocidade e a celebración en Moscova do XII Festival
Mundial da Mocidade e dos Estudantes, a UMG organiza os "Cruceiros
da mocidade pola Paz". Ademais da significación
política, a organización pretendia dar-lle un
carácter lúdico e de convivéncia, coa realización
a bordo de diversas actividades. Efectivamente, parece que a
iniciativa tivo éxito xa que se lle dá continuidade:
ao ano seguinte organiza-se o 2º Cruceiro baixo o rótulo
"Quince horas en barco polas Rias Baixas" e en Agosto
de 1987 realiza-se o 3º Cruceiro que incluía acampada
nas Illas Cies.
Ao longo de 1987 a UMG debate, con vistas á celebración
do seu 5º Congreso, a situación do movimento estudantil
e xuvenil nacionalista. Debate-se tamén cos que dentro
dos CAF (estudantes do PSG-EG e sectores do BNG) son partidários
da sua conversión de plataforma aberta en organización
estudantil. A asunción de que é positivo dar ese
paso, tras máis de 3 anos de experiéncia dos Comités
na Universidade e dada a sua asunción dun ideário
e dun programa nacionalista, xunto coa consolidación
do BNG como frente ampla na que agroman outras alternativas
xuvenis, leva á UMG a repensar e a promover a reformulación
do campo da mocidade nacionalista. Coa disolución de
ERGA e o nacimento de GALIZA NOVA a UMG renúncia -ao
igual que xa decidira desde 1982 a UPG a propósito do
BNG- a manter actividade pública para prestar o seu apoio
á nova organización da xuventude nacionalista.
O 30 de Abril de 1988, tan só catro meses após
da celebración do 5º Congreso reunia-se, previamente
convocada polo seu Comité Nacional, a Conferéncia
Nacional da UMG -loxicamente con carácter extraordinário-
co único obxecto de afondar na resolución clave
da última cita congresual, isto é, a posta en
marcha dunha nova organización xuvenil nacionalista.
A nível interno acorda-se adecuar a estrutura da UMG
á nova organización, especializando ou sectorializando
a sua dirección para unha actuación alén
do plano estritamente estudantil, e facer un chamamento ao conxunto
da militáncia para galvanizá-la perante este desafio.
Unha vez tomado o acordo político de constituir o que
meses máis tarde seria GALIZA NOVA, a UMG volca todo
o seu esforzo nese obxectivo.
Lóxica consecuéncia da aparición de GALIZA
NOVA vai ser a voluntária perda de protagonismo público
da UMG. Esta decisión, colectivamente asumida, parte
da análise de que debe ser a organización xuvenil
do BNG o único referente público para a mocidade.
As, o 30 e 31 de Xullo de 1988 organiza-se por última
vez o "Cruceiro da Mocidade pola Paz". O "Cruceiro"
deixaria paso, xa desde 1989, ás "Xornadas de Verán"
de GALIZA NOVA como cita obrigada nos veráns para a mocidade
nacionalista.
A partires daí, e como consecuéncia lóxica
do esforzo en erguer GALIZA NOVA, resinte-se notabelmente a
organización da UMG, tal e como é advertido polo
6º Congreso (Novembro de 1990). A normalización
da vida interna da UMG non vai ser posíbel até
a celebración, dous anos despois, do seguinte Congreso.
Paralelo ao medre do Bloque Nacionalista Galego, producen-se
en GALIZA NOVA unha série de integracións de determinados
colectivos xuvenis, que sempre contaron co apoio entusiasta
da UMG.
Loxicamente nun contexto no que a UMG veiculiza o seu traballo
político através de GALIZA NOVA, non é
posíbel dar conta de campañas específicas
lanzadas á mocidade, mais si de determinadas posicións
políticas defendidas, centradas en pór o acento
no problema da dependéncia colonial da Galiza en todos
aqueles aspectos que teñen relación coas análises
realizadas, e consecuentemente, no traballo de intervención
social que delas se deriva.
Posibelmente é o 7º Congreso, en Decembro de 1992,
o que dá unha imaxe máis lamentábel a respeito
do deterioro organizativo sofrido pola UMG nos últimos
tempos, facto constatado no próprio congreso polo escaso
número de asistentes. É nese momento cando o Comité
Nacional asume con sinceridade o repto de mellora da situación
organizativa, tamén en relación cunha necesária
clarificación ideolóxica interna, realizando-se
campañas específicas de apresentación en
diversos pontos do país, asi como prestando especial
atención a un proceso de toma de decisión asumido
por toda a militáncia, convocando-se ao efecto mesmo
algunha Conferéncia Nacional, como a celebrada o 18 de
Decembro de 1993. Parte-se da análise da utilidade da
UMG, portanto da sua vitalidade interna, posta ao servizo de
GALIZA NOVA e do Movimento Xuvenil Galego e se poñen
en marcha diversos mecanismos para efectivizar esa intención.
De calquer maneira, no 8º Congreso, en Abril de 1995,
constata-se unha importante recuperación da UMG, e desde
ese momento, un medre sostido da incorporación de novos
militantes e na regulación da sua actividade.
O CONTEXTO POLÍTICO EN 1997
No ano 1997, cumpriu-se o XX aniversário do nascimento
da UMG, organización que segue reafirmando-se nos mesmos
princípios fundacionais que a pariran no ano 1977, organización
xuvenil patriótica e comunista ao servizo da Galiza.
No mes de Abril produce-se un feito destacado. Galiza Nova
convoca unha xornada de mobilización nacional, exixindo
emprego e criticando a política nesta matéria
da Xunta da Galiza. A xornada de loita consegue un importante
paro nos institutos e a realización de diferentes concentracións
e manifestacións ao longo de todo o país, o que
supón un salto cualitativo e cuantitativo na capacidade
de mobilización de Galiza Nova.
Tamén o noso Partido celebraria o 23 e 24 de Febreiro
o IX Congreso, baixo o lema "Abrindo futuro para Galiza"
na cidade de Lugo, nun ano marcado polas eleizóns autonómicas
convocadas para o mes de Outubro. Neste marco é no que
ten lugar, o 26 e 27 de Abril, o IX Congreso da UMG, baixo o
lema "Sumando razóns e forzas por Galiza".
No Congreso, caracterizado como xa indicamos polo proceso eleitoral
que ia acontecer en poucos meses, a UMG recolle nas suas teses
que "o BNG representa hoxe o único camiño
de futuro de liberación para a nosa nación que
cada dia gaña máis sectores sociais e fai máis
real o aceso necesário e ineludíbel a responsabilidades
de governo".
Do IX Congreso destacamos a análise polo miúdo
que a UMG fai da situación do movemento xuvenil e das
liñas de actuación a desenvolver en cada ámbito
de traballo. A UMG neste vixésimo aniversário,
reafirma-se novamente no labor incansábel en reforzar
Galiza Nova, constitui a nosa aposta histórica desde
a criazón da organización xuvenil do BNG.
O camarada Paulo Carril, militante destacado polo seu traballo
no ámbito da universidade e no sindicalismo nacionalista,
resulta elexido novo Secretário Xeral, en substituizón
do camarada Roberto Vilameá.
No mes de Outubro celebrarian-se as eleizóns autonómicas.
Para o BNG supuxeron converter-se na segunda forza do parlamento,
acadando 18 deputados e deputadas con case 400.000 galegos e
galegas que depositaron a sua confianza no proxecto que representa
o BNG.
O PAPEL DA UMG NOS DEZ ANOS DE GALIZA NOVA
No ano 1998, Galiza Nova, celebrou-se o seu X Aniversário
e realizou a sua VI Asembleia, baixo o lema "Máis
Mocidade por Galiza" relexendo Martiño Santos Secretário
Xeral de Galiza Nova.
A UMG foi a organización que apostou pola criazón
de Galiza Nova no ano 1988 e no IX Congreso renovamos esa entrega
e fidelidade para con Galiza Nova, isto é, a mocidade
do proxecto político de liberación nacional que
hoxe representa o BNG. Debemos destacar, nestes dez anos, a
aposta decidida da UMG para conseguir que Galiza Nova fose a
auténtica plasmación da autorganización
da mocidade. Un proceso desenvolvido nas diversas campañas
políticas realizadas: campañas que daban respostas
ás demandas da mocidade da nosa nación.
No X Congreso da UMG, recolle-se sobre Galiza Nova: "A
nosa contribuizón aos reptos e obxectivos do nacionalismo
deberá ser a de facer de Galiza Nova o referente organizativo
e político que permita dotar ao nacionalismo dunha base
social crescente entre a mocidade".
Por outra banda a UMG manifesta seu respeito ao pluralismo
de Galiza Nova como elemento característico da organización,
un princípio que serveu para aglutinar a mocidade nacionalista
e demostrou a sua utilidade ao longo destes dez anos.
X CONGRESO DA UMG
En Xaneiro de 1999, celebra-se o Xº Congreso da UMG, baixo
o lema "Afortalando un Futuro de Soberania Nacional"
elexendo o camarada Ramón Ermida Secretário Xeral.
Nas suas teses recolle-se que o nacionalismo galego ten, a
curto prazo, reptos importantes aos que debe dar resposta, clarificando
a nosa base social e conseguindo a hexemonia do nacionalismo
no social e institucional. O debate xira sobre o afortalamento
organizativo e ideolóxico das organizacións onde
os militantes da UMG desenvolvemos o noso traballo.
XI CONGRESO DA UMG
No XI Congreso, baixo o lema "Incidindo na mocidade, transformando
a realidade", celebrado o 24 e 25 de Marzo de 2001, modifica-se
a estrutura das teses, deixa-se de realizar a análise
sectorial (que se viña repetindo nos últimos Congresos)
e aborda-se en profundidade a necesidade de aumentar a incidéncia
social práctica das organizacións xuvenis nacionalistas.
Neste Congreso aponta-se as liñas de actuación
da militáncia da UMG nas organizacións sociais
co obxectivo de aumentar a repercusión social das mesmas:
- O axuste organizativo das estruturas do movimento xuvenil
nacionalista para pó-la ao servizo dos obxectivos políticos
- O artellamento dunha resposta coordenada á situación
da mocidade por parte de todas as organizacións do nacionalismo
en base á consideración do contexto.
- O avanzo, como obxectivo central, na incidéncia social
prática do Movimento xuvenil.
É máis, o XI Congreso supuxo unha renovación
dos organismos de dirección da UMG, modificando asi a
liña de continuidade de militantes nos órgaos
de dirección da UMG mantida nos dous anteriores Congresos.
O Comité Nacional acolleu novas incorporacións
e a eleizón do camarada David Pena, militante que ten
destacado pola asunción de responsabilidades tanto nos
CAF como en Galiza Nova, demostrando capacidade de traballo
e entrega ao nacionalismo, como Secretário Xeral das
mocidades da UPG.
A UMG NOS MOVIMENTOS SOCIAIS
Á marxe da actividade própria da UMG, os militantes
desempeñamos un papel destacado nas organizacións
sociais, principalmente en Galiza Nova como se fixo referéncia,
máis tamén debemos destacar o noso labor nos seguintes
ámbitos:
ENSINO
Para a UMG as organizacións estudantis CAE e CAF son
pezas básicas para acadar a auto-organización
do povo galego en todos os ámbitos, sendo ademais de
enorme utilidade para respostar aos problemas concretos do ensino
galego.
En Novembro de 1997, a UMG organiza unha Conferéncia
Nacional de Ensino onde se abordan as chatas das organizacións
estudantis, localizadas principalmente no ensino meio. A UMG
apostou nestes anos decididamente por avanzar unificación
do movemento estudantil nacionalista, coa criazón dunha
única organización que abranga tanto o ensino
meio como o universitário. Para a UMG, desde o respeito
ás diversas posturas que ten habido sobre a cuestión,
todas elas lexítimas, é a única garantia
de ter unha organización estudantil con maior incidéncia
social e estabilidade.
SINDICAL
É coñecida a situación de desemprego e
precariedade laboral que padece a mocidade neste país.
A UMG advoga por consolidar a nível nacional e comarcal
unha estrutura mínima da Secretaria da Mocidade da CIG
co obxectivo de dar respostas aos problemas especificos da mocidade
traballadora.
ANTIMILITARISMO
A UMG deu o seu apoio a todas as formas de loita (insubmisión
e obxección de consciéncia), contra o servizo
militar obrigatório, que mesmo levou militantes da UMG
a sofreren represión e cadeia.
A situación actual, cun exército español
profisionalizado, levou a modificar a liña de actuación
contra o militarismo español. A denúncia da UMG
concentra-se agora no papel que xoga o exército español
como instituizón armada que refusa os dereitos nacionais
do noso povo e sobre o seu papel no contexto internacional.
FEMINISMO
A UMG asume a loita emancipadora das mulleres inserido no proceso
de loita de liberación nacional. A UMG, sempre pulou,
sendo consciente das próprias limitacións do sector
polo traballo na Asembleia de Mulleres de Galiza Nova, por ser
ésta a organización específica no traballo
feminista das mocidades da frente.
ORGANIZACIÓN
Nestes cinco anos, a UMG experimentou unha medra da sua militancia,
sendo especialmente significativo desde o IX Congreso celebrado
no 1997, cando precisamente a UMG cumpria os seus vinte anos
de existéncia. Tamén neste tempo se regularizou
o funcionamento dos organismos nacionais, comité nacional
e secretariado, facendo-se un seguimento das asembleias de zona
e realizando reunións coas mesmas.