Nas teses aprobadas no XI Congreso da UMG centrábamos
os debates na necesidade de aprofundar no significado da incidéncia
política prática nas diferentes organizacións
do nacionalismo xuvenil. Un obxectivo que requer de cámbios
importantes na dinámica de traballo das diferentes organizacións.
Debemos entender que operar estas mudanzas requer dun marco
temporal amplo, mais tamén debemos ser auto-críticos
no sentido de que non fomos quen de impulsar e cristalizar no
seo das diferentes organizacións xuvenis unha dinámica
de traballo definida neste sentido. Manteñen, portanto,
a sua plena vixéncia as resolucións do XI congreso.
Mais entendíamos necesário debater sobre as dinámicas
sociais e políticas que ao longo destes dous anos ten
vivido a sociedade galega, asi como da evolución do movimento
xuvenil nacionalista.
Convén enunciar con carácter prévio unhas
claves de análise a respeito da situación política;
mais sinteticamente, pois as análises e reflexións
do Partido e de Galiza Nova oferecen os suficientes elementos
a este respeito.
A nível mundial constata-se a agudización do
capitalismo e imperilismo como sistema dominante, sendo o ponto
de inflexión o atentado do 11 de Setembro. Unha consolidación
que trai aparellada a acentuación das características
intrínsecas ao sistema: desenvolvimento desigual -onde
a dependéncia e marxinalidade de moitas nacións
vai en aumento-, acentuación das desigualdades económicas,
sociais e políticas entre os povos e un recorte dos direitos
e liberdades tanto a nível colectivo como individual.
Neste panorama, os EUA afortalan a sua hexemonia no contexto
internacional como principal poténcia económica
e militar, incrementando o unilateralismo e intervencionismo
noutros estados, sendo un bon exemplo do dito a invasión
do Iraque, coa conseguinte perda de lexitimidade da ONU como
organización internacional para o arranxo pacífico
de controvérsias.
Neste entorno constatan-se as análises feitas polo nacionalismo
galego a respeito da UE, como o proxecto do imperialismo para
un território económico concreto, que non supón
unha ameaza para a hexemonia norteamericana. Un proceso de construción
teledirixido polos grandes estados e que é na sua orixe
e desenvolvimento antidemocrático, fundamentado na negación
e exclusión dos direitos das nacións que o integran.
O proceso de construción europeu foi (e continua a ser)
terribelmente negativo para a nosa nación, especialmente
do ponto de vista económico e social, sendo clave no
proceso de desestruturación e destruizón dos sectores
básicos da economia galega, que lonxe de converxer cos
níveis de vida e desenvolvimento europeus atopa-se entre
as "rexións" menos desenvolvidas.
Durante os últimos anos no Estado español sofreu-se
un claro proceso de involución democrática, marcada
por unha dinámica de ataque frontal ao nacionalismo e
de claro recorte de direitos e liberdades. Unha prática
que se asenta na concepción centralista e españolista
que manteñen os partidos españois (tanto o PP
como o PSOE) e que nos últimos catro anos se acelerou
coa maioria absoluta do Partido Popular.
Constitui princípio político do noso Partido
a caracterización da situación da Galiza como
colónia. Esta fundamenta-se na dependéncia no
económico, acefalia no político e alleamento no
cultural. Hoxe en dia, a nosa realidade económica, política
e cultural non se ten separado desta caracterización.
Se ben a evolución dos últimos anos contribuiu
a que os trazos de dependéncia económica e cultural
sexan distintos aos de hai trinta anos, mantén-se a mesma
estrutura e condicionamentos, existindo unha multitude de indicadores
que dan mostra fiel da mesma.
Canto á situación na Galiza o repto imediato,
e de grande transcendéncia para o nacionalismo, pasa
por liderar e nuclear o descontento social evidenciado masivamente
polo noso povo perante a crise provocada polo Prestige. Non
podemos esquecer que este movimento social –sen precedentes
no país- non conseguirá ser verdadeiramente transformador
se non somos quen de transmitir ao conxunto da sociedade a necesidade
de vincular a mobilización social á conquista
de logros concretos (depuración de responsabilidades,
subas orzamentárias, etc.) e de apostar eleitoralmente
polo nacionalismo como única garantia real de transformar
a situación actual que vive o país. Esta crise,
de graves consecuéncias económicas, ecolóxicas
e humanas, que ainda non pode ser avaliada na sua dimensión,
provocou a maior convulsión que ten vivido a sociedade
galega. Neste contexto, as eleizóns municipais toman
un cariz máis político, sendo un espello no que
ollar o grau de censura aos governos do PP. Apesar de que as
eleizóns municipais se formulan nunha clave máis
personalista e non tan vinculada á ideoloxia, neste momento
debemos incluir máis fortemente unha dimensión
máis global e política. Para o nacionalismo son,
pois, especialmente significativo os resultados das eleizóns
municipais de Maio. A UMG centrará os esforzos en promover
a participación de xeito especialmente activo nesta campaña,
contribuindo á mobilización do voto xuvenil cara
ao BNG através do traballo que neste sentido planificar
Galiza Nova.
2. A mocidade galega: ser moza ou mozo nun país
"non normalizado"
Debemos aqui parar-nos a facer unha pequena aproximación
sobre deteminados trazos e configuracións sociais da
mocidade galega, de nós mesmos, de cara a descobrir logo
tendéncias que marcan a visión que se ten da Galiza,
da participación política, dos movimentos sociais;
en definitiva, atrancos para o noso avanzo.
É de subliñar a importáncia da diferenza
cultural e lingüística como parte e expresión
do país. Somos persoas na medida en que nos recoñecemos
e asumimos a nosa realidade nacional e queremos partillá-la
conscientemente coas outras realidades do mundo. Mais o proceso
de colonización que padece o noso povo leva a que a asunción
do que somos se faga ás veces en termos negativos e negadores
da nosa idiosincrasia, asumindo o alleo como mellor e non valorizando
o próprio. Un exemplo claro atopamo-lo en que as expresións
lúdicas, e do lecer en xeral, relacionadas coa arte e
a criazón (música, contacontos, literatura, teatro...)
que se producen en galego non son un fenómeno de masas.
Porén, criazóns de moi semellante fasquia realizadas
alén das nosas fronteiras teñen enorme repercusión.
O españolismo que nos asolaga invade as consciéncias
até tal ponto que non só marca tendéncias
ideolóxicas ou opinión, senón que tamén
prefixa as preferéncias no ámbito do lecer.
Asumíndomos o aserto de que somos un país culturalmente
minorizado e asovallado, podemos reflexionar nun feito trascendental,
o pleno descoñecimento por parte dun importante número
de mozas e mozos da nosa história, considerada dun ponto
de vista global. Este obedece á deturpación e
deformacións que criou a historiografia oficial española
a respeito da história da Galiza. Este descoñecimento
impede que se poda facer unha análise científica
e lóxica de por que a Galiza está na situación
económica, social e política actual. Pode-se chegar
a pensar que a nosa situación é froito do azar
ou mesmo dunha má ubicación xeográfica.
Isto ten unha importáncia cualitativa no noso labor
político, porcanto podemos topar-nos co valado da incompreensión
do noso discurso político. En moitas ocasións,
a nosa mensaxe non é entendida ou non se consideran os
nosos obxectivos políticos como importantes ou lóxicos
por unha situación de descoñecimento real. Se
amplos sectores da mocidade non teñen constáncia
do que é a Galiza, é sinxelo entender a incompreensión
ou non asunción do obxectivo da autodeterminación.
Atopamo-nos cun outro feito obxectivo e obxectivábel,
o español é a língua referencial dunha
enorme parte da mocidade galega. O bilingüísmo diglósico
continua sendo hoxe en dia un fenómeno indiscutíbel.
Por outra banda, os estudos sócio-lingüísticos
amosan unha valoración positiva e consideración
favorábel a respeito do uso e promoción do galego,
que contrasta coa perda de galegofalantes. Esta contradición
acentua-se no feito de que unha enorme cantidade de mozos e
mozas con prática monolíngüe en español
ou con diglósia manteñen unha posición
filonacionalista inequívoca (fenómeno que se produz
mesmo entre a militáncia das organizacións nacionalistas).
Un repto importante para as organizacións nacionalistas,
se queremos realmente ser hexemónicos socialmente, vai
pasar por resolver esta impotante contradición. O ensino
cumpre unha importante función na desgaleguización,
sendo a dia de hoxe un dos principais elementos colonizadores
na sociedade galega.
As condicións laborais que padece a mocidade introducen
importantes elementos á hora de minar a sua autoestima
e consciéncia. A precariedade e eventualidade levan a
situacións de desestabilización (mesmo psicolóxicas)
e provocan instabilidade e pesimismo canto ao futuro e ás
suas potencialidades. Estes elementos unidos ás altas
taxas de desemprego dan conta das baixas taxas de filiación
sindical e índices de participación a nível
xeral da mocidade traballadora.
En relación co anterior, reaparece nos últimos
anos o fenómeno da emigración xuvenil, cunha incidéncia
máis notábel nas zonas costeiras, que se pode
agudizar a raiz da catástrofe do Prestige. Á marxe
das consideracións a respeito da situación sócio-laboral
da mocidade galega na incidéncia deste fenómeno,
esta liña está a ser impulsada fundamentalmente
pola Unión Europea (coa entusiasta colaboración
das autoridades centrais e galegas) e disfarzada baixo o eufemismo
de mobilidade xeográfica. É de resaltar que entre
boa parte destes mozos e mozas non existe consciéncia
de emigrados e asume-se como máis unha saída laboral.
Frente a estas políticas é necesário dotar
de contido a reivindicación do direito ao traballo na
terra como contraponto ás mesmas e denunciar o que pode
supor para a Galiza que de novo as xerazóns máis
novas e mellor formadas da sua história marchen do País.
Temos de constatar a existéncia de reticéncias
cara á política e ás organizacións.
Un estudo do ano 1993 sobre a mocidade galega pode servir de
base obxectiva ao dito anteriormente e adianta unha realidade
obxetiva, hoxe plenamente consolidada. Segundo dito estudo só
un 21% lle daban moita ou bastante importáncia á
política, atribuindo-lle o resto pouca ou nengunha. Outro
dado deste estudo pode ser indicativo do dito, ao cifrar en
menos dun 3% a filiación de xente nova a partidos políticos.
Este é un problema xa detectado, mais debe ser motivo
dun incremento da nosa acción social e de aperfeizoamento
dos nosos métodos de intervención social. Existe
unha tendéncia a equiparar a política co institucional
(e con vícios e corruptelas que alguns partidos incorporan
con normalidade na sua prática), separando a esta da
acción social. Introduce-se asi unha falsa dicotomia
entre o social e o político, contrapondo-os, cando en
realidade non son elementos que se podan separar, senón
que se complementan mutuamente.
3. O movimento xuvenil
O movimento xuvenil engloba diferentes formas de organización
xuvenil, asi como mozos e mozas que non estando organizados
participan no seu dia a dia. En moitas ocasións, esta
participación realiza-se sen a consciéncia de
que a sua intervención ten carácter fortemente
político. A mocidade manifesta-se de formas moi diversas
e en base a diferentes intereses e vontades, traducindo unha
vontade de participación na sociedade e de definición
daquilo que queren para o seu futuro.
Asociacionismo xuvenil
Se analisarmos a realidade do tecido asociativo xuvenil da Galiza,
duas características poden sinalar-se como comuns e definitórias
do mesmo: febleza e atomización. As asociacións
xuvenis teñen estruturas pouco consolidadas e na maioria
dos casos o seu ámbito é o local, sendo reducida
a conexión e coñecimento entre as organizacións
existentes, asi como reducido o número de organizacións
que sobardan o ámbito local ou comarcal.
Mais esta situación ten causas e factores explictivos
que a fundamentan. Debemos ser conscientes do aumento da intervención
do sistema na mocidade, introducindo valores como o individualismo,
pasotismo ou apoliticismo. Son mecanismos para minar a participación
e a criazón de consciéncia crítica cos
procesos económicos, sociais e políticos que se
están a viver no mundo, nun intento claro de modelar
condutas, producir saberes, consciéncias e de forxar
unha forma de ver o mundo que non cuestione o sistema capitalista
vixente.
Existe un interese especial en fomentar a non participación,
especialmente na política, criminalizando-a e homologando
todas as formas políticas nun intento de fragmentar e
dividir a sociedade, enfocando os problemas dun ponto de vista
individual e reducindo o ámbito da política ao
xurídico-institucional. Debemos ter en conta que esta
mensaxe ten calado entre a mocidade e que existe unha certa
decepción da política e dos políticos,
que non é grave para a direita, mais si para os movimentos
transformadores e revolucionários como o nacionalismo.
Exemplos claros desta atitude podemos observá-los en
diferentes procesos mobilizadores, sendo o movimento de protesta
contra a aprobación da Lei Orgánica de Universidades
(LOU) onde esta participación de organizacións
estudantis baixo o argumento de que deturpaba e debilitaba o
movimento ao introducir elementos de politización na
loita contra a LOU. Mais é necesário ter presente
que a acción social que non vai acompasada dunha organización
política que a vertebre e dé cobertura ás
suas demandas acaba provocando decepción e mesmo frustración
perante a falta de estruturas que den cobertura e trasladen
ao ámbito do institucional as demandas da populación.
É fundamental que os procesos mobilizadores se vinculen
a obxectivos claros e concretos que permitan acadar logros concretos
e avanzar, cumprindo ademais o labor pedagóxico de exemplificar
que coa participación se poden cambiar as cousas.
Nas resolucións congresuais do XI Congreso recollíamos
que "debemos constatar o agudizamento da intervención
xuvenil do sistema, mediante diversos instrumentos e en particular
na actuación do Partido Popular no Estado e na Galiza.
Abortar a simpatia crecente da mocidade galega polo nacionalismo
e as consecuéncias futuras dunha evolución social
nesa dirección fai parte dos deseños a curto e
meio prazo para combater o nacionalismo". Cumpre, pois,
que aumentemos a nosa actividade e que contrarrestemos esta
ofensiva ideolóxica coa nosa prática social e
introdución entre a mocidade.
Outro elemento explicativo das debilidades do movimento xubenil
no noso País situa-se na política desenvolvida
desde as institucións. A Xunta de Galiza nunca tivo interese
en potenciar nen estimular a dinamización do asociacionismo
na Galiza, situa-se o seu contributo máis no intento
de desdestruturación e na desmotivación da participación
xuvenil, levando adiante a sua política baixo as premisas
de servilismo, clientelismo e utilización propagandística.
Un claro exemplo é o proxecto de Lei de Xuventude (pendente
de aprobación). Trata-se dunha lei que simplesmente recompila
a lexislación existente e non dá resposta ás
necesidades e aspiracións dos mozos e mozas galegas,
mais de cara á sociedade apresenta-se como unha aposta
do Partido Popular pola mocidade. Semella, mais ben, respostar
a necesidades do PP ante as eleizóns municipais e a proxectos
de marketing político para activar o voto xuvenil.
Da situación de atomización e desestruturación
das asociacións xuvenis dá boa conta a falla de
consellos locais e comarcais da mocidade, asi como a situación
que está a viver o Consello da Xuventude de Galiza (CXG).
Este organismo deberia cumprir a función de participación
e conexión do asociacionismo xuvenil, mais nunca existiu
o interese rel por parte da administración de potenciá-lo,
ficando as suas atribucións en papel mollado. Neste momento
está pasando por un momento crítico sendo moi
reducido o número de organizacións que o conforma
(un total de vinteduas) e pouco representativo da realidade
asociativa suvenil. Debe ser pois obxectivo impulsar e potenciar
as funcións de promoción, asesoramento e coordinación
que deberia de cumprir o CXG.
Porén, debemos resaltar as potencialidades e virtualidades
do asociacionismo xuvenil, constituindo en moitos casos un elemento
dinamizador das vilas e cidades e ofertando mecanismos de participación
para os sectores máis dinámicos da mocidade. Ao
tempo que cumpren o papel de valorizar o feito de asociar-se
e introducir dinámicas participativas entre a xente nova.
É un elemento importante, pois contribui a unha maior
organización e estruturación da mocidade, sempre
que actue en clave de defesa do noso País e non sumisa
ao poder.
Mocidade e capacidade de mobilización
Debe ser tamén obxecto de análise a capacidade
de resposta e mobilización que demostrou a sociedade
galega en xeral, e a mocidade en particular.
Na dinámica sócio-política galega nos
dous últimos anos deu-se un nível de mobilización
moi importante e sen precedentes. Neste plano destaca a dinámica
criada como resposta á crise nacional provocada polo
afundimento do Prestige e a criación e consolidación
da Plataforma Nunca Máis. A falta dun marco temporal
máis amplo que permita extrair conclusións sobre
as repercusións reais na toma de consciéncia da
sociedade galega, podemos adiantar algunhas reflexións
que poden sernos úteis e clarificadoras. A primeira delas
é que existe unha capacidade de resposta, de consciéncia
crítica, de disconformidade co actual estado das cousas.
Esta afirmación non é o resultado só da
resposta socail organizada en torno á crise do Prestige,
senón que as dinámicas anteriores confirman que
o nível de mobilización social que existe no noso
País supera con creces as dinámicas que se dan
noutras partes do Estado, desmontando as visións que
acusan ao noso povo de pasivo e conservador. Ainda que en moitas
ocasións estos procesos non tiveron unha traslación
directa ao terreo político, dando mostra dun certo comportamento
dual que caracteriza á sociedade galega, non podemos
deixar de valorar positivamente a dinámica de cámbios
de mentalidade que levan aparellados. Por unha banda, existe
unha dinámica mobilizadora a nível social e capacidade
de resposta ante problemas ou agresións, mais, pola outra,
isto non reverte nos procesos eleitorais matematicamente (dando
conta da multiplicidade de elementos que confluen na determinación
das preferéncias eleitorais e onde, o "voto ao poder"
ten un peso específico).
Tampouco podemos deixar de analisar os motivos fundamentais
que están a condicionar a atitude da mocidade galega
perante os últimos procesos eleitorais. O descrédito
da política en xeral, a non valorización do voto,
a percepción de que os procesos eleitorais "non
van con eles", certo pasotismo propiciado polo próprio
sistema, a despolitización da política co "todos
os partidos son iguais", o baleirado de contido das instituizóns,
a homologación do BNG a outras organizacións políticas,
a hipotética perda de carácter transgresor do
noso proxecto político, a falta dun referente político
visíbel que se opoña ao imperante mundo unipolar,
son algunhas –non as únicas- das claves que non
podemos obviar nas análises que fagamos do comportamento
da xente nova deste País. Contodo, os últimos
acontecimentos sociais, teñen producido un atisbo de
cámbio de consciéncia na nosa sociedade e especialmente
da mocidade. En grande medida dependerá de nós
que a mocidade sexa quen de ver que votar ao nacionalismo é
continuar e consolidar os avanzos gañados na loita emprendida
na rua.
A capacidade de mobilización social vai unida á
iniciativa e ao espírito criativo que o povo galego ten
demostrado ao longo da su história. En conxunto podemos
asegurar que existe sectores importantes dentro da sociedade
galega conscientes, e cunha maior ou menor asunción do
papel marxinal que a nosa nación ocupa na estruturación
do Estado, no que a mocidade ten un papel e importáncia
especifics. Este feito ten unha especial significación,
que existe unha sintonia coas análises e princípios
políticos do nacionalismo, ainda que non opere no plano
do consciente.
A mobilización social que se está a viver na
Galiza, en maior ou menor grau, vai provocar un certo cámbio
de mentalidade, sendo de resaltar o cuestionamento do papel
dos meios de comunicación e a valorización da
mobilización social como un mecanismo lexítimo
a utilizar polo povo ante os governos cando non cumpren as expectativas
marcadas, ou como expresión da vontade popular.
Debemos valorar positivamente a incidéncia que pode
chegar a ter a articulación de plataformas sociais de
carácter máis amplo e unitário. Este tipo
de plataformas teñen importáncia sempre e cando
a sua composición sexa representativa socialmente e permita
a vertebración de sectores afectados por unha problemática.
Se ben debemos ser conscientes que o grau de repercusión
das mesmas será diferente en función das temáticas
e sectores implicados. A criazón e articulación
de plataformas sociais é un mecanismo útil á
hora de canalizar descontento social e conseguir dar-lle máis
forza a demandas e problemas que padece a mocidade. A articulación
ou participación en plataformas non pode levar a un relaxamento
da actividade própria das organizacións sociais
e políticas nas que traballamos, nen a que nos diluamos
nas mesmas.
4. O movimento xuvenil nacionalista
Neste cenário debemos ser conscientes da importáncia
e potencialidade das organizacións xuvenis nacionalistas,
conseguindo manter no tempo estruturas sólidas –apesar
das variacións ou etapas que podan atravesar- con capacidade
de actuar socialmente. Organizacións que so capaces de
ter incidéncia real e que supuxeron unha ferramenta útil
para conseguir crear adesións e simpatias ao nacionalismo,
asi como canteira de cadros políticos que garantan a
continuidade e relevo xeracional do nacionalismo galego. Debe
ficar claro o compromiso da UMG encanto ao aporte colectivo
e individual e cada militante na potenciación e consolidación
das diferentes organizacións xuvenis, sendo conscientes
da trascendéncia que isto ten para o proceso de liberación
nacional.
O nacionalismo e as organizacións nacionalistas teñen
elaborado un discurso e prática social acaidos ao nível
de consciéncia que existe entre a mocidade galega, non
deixando-se levar por dinámicas que son alleas ao País,
e que lonxe de somar máis adesións e simpatias
ao proxecto, producen elementos de distorsión e crean
confusión social.
Esta afirmación non implica que non teñamos que
dar os pasos necesários para mellorar a capacidade de
incidéncia real ente a mocidade galega das organizacións
xuvenis nacionalistas. Non se trata de introducir cámbios
no discurso ideolóxico ou rebaixar os nosos obxectivos
estratéxicos, senón de mellorar a nosa introdución
social e os mecanismos de actuación entre a mocidade.
Galiza Nova
Desde o nacimento de Galiza Nova no ano 1988, foi esta unha
organización á que a UMG dedicou un importante
esforzo consciente da importáncia e significación
que a mesma ten. Analisou-se a aquela altura a necesidade e
potencialidade dunha organización que aglutinara á
mocidade nacionalista, e que desde a perspectiva da liberación
nacional, dera corpo ás demandas, problemáticas
e aspiracións dos mozos e mozas deste país. Unha
reflexión que non era exclusiva da nosa organización
e na que confluía coa militáncia nova organizada
no BNG. Trataba-se de incorporar á mocidade galega ao
proceso de autodeteminación, apostando pola sua auto-organización.
Esta análise e obxectivos seguen plenamente vixentes,
contando co importante contributo dos quince anos de vida de
Galiza Nova.
Desde a UMG non podemos focalizar o traballo en Galiza Nova
como un sector máis, pois esta representa á organización
que agrupa ao conxunto da mocidade galega ao proxecto de liberación
nacional que representa o nacionalismo. Mostra disto é
a obriga que teñen todos e todas as militantes da UMG
de estar afiliados e participar en Galiza Nova.
É importante neste momento aportar os noso pontos de
vista e traballo no obxectivo de reforzar a situación
organizativa e a introducción entre a mocidade de Galiza
Nova, un obxectivo que debe concretar-se anível dos organismos
de dirección nacional e na estrutura zonal da nosa organización.
Dentro do obxectivo xenérico por reforzar Galiza Nova,
a UMG prestará especial atención á incorporación
das mozas á organización xuvenil, asi como ao
necesário reforzamento da Asemblea de Mulleres.
A nosa participación debe focalizar-se sempre desde
o respeito aos diferentes pontos de vista e buscando a integración
de todas as sensibilidades ( no seu sentido máis amplo).
Neste sentido a UMG debe introducir os debates necesários
para que se concreten e efectivicen as resolucións asembleares
da 7ª e 8ª Asembleas Nacionais, especialmente no referente
á dinámica de trballo social e á incidéncia
política prática. A UMG aposta decididamente por
impulsar a actividade de Galiza Nova, sendo pois necesário
que o conxunto da militáncia colabore activamente na
mesma con independéncia do traballo sectorial que desenvolva.
Convén tamén trasladar, coa suficiente pedagoxia
unha série de consideracións ao respeito do BNG,
como un proxecto que supera o curto prazo.
A evolución eleitoral e social do BNG caracterizou-se
por un ascenso continuado, existindo por parte da mocidade a
visión de que isto era algo "natural". Non
debemos caer no erro de consolidar tal perceición. Debe-se
saber explicar a orixe do noso movimento político, como
se formou e por que diferentes etapas pasou o BNG, asicomo as
forzas sociais e sindicais nacionalistas. A sua funcionalidade
é a de sermos pedagóxicos e proporcionar elementos
de análise que den conta do enorme esforzo feito par
que o nacionalismo chegara até o ponto no que se atopa,
un camiño no que os obstáculos foron moitos e
os meios non sempre os necesários, e onde avanzar fai-se
a cada paso máis difícil, precisamente por ser
moito o camiño andado.
A dinámica vivida ao longo dos últimos anos tivo
as suas repercusións na receptividade do nacionalismo
entre a mocidade. Os últimos procesos eleitorais deron
pé, do ponto de vista interno, mais tamén do vista
social, a un sentimento de desánimo e de frustración
colectiva, ante a non consecución das expectativas marcadas.
No proceso post-eleitoral coa abertura do mal chamado "diálogo
Institucional", introduciu-se un elemento que provocou
certa confusión e distorsións, na recepción
da nosa mensaxe por parte da sociedade galega en xeral e na
mocidade en particular e especialmente entre a nosa própria
base militante. En termos xerais, poderíamos dicer que
non houbo a suficiente clarificación interna sobre un
proceso de fundo calado e de maiores consecuéncias no
desenvolvemento da nosa actuación diária.
Interioricemos e fagamos comprender o longo alcance da nosa
loita: se dilatado foi o proceso que nos conduciu ao estado
de dependéncia que hoxe sofremos, pobres dos que pensen
que nos libraremos dos axentes colonizadores nun abrir e fechar
de ollos. Máis de cincocentos anos de colonización
non se superan en vinte anos de éxitos eleitorais e de
mobilización social. En calquera caso, nen sequer un
hipotético governo nacionalista na Xunta de Galiza traeria
ao dia seguinte a consecución dos nosos obxectivos estratéxicos.
Cumpre desde a UMG facer reflexionar disto para eliminar as
contradicións que poden xurdir na prática política
con cuestións tan delicadas coma estas.
Só asumindo isto seremos imunes ao desánimo,
e só sendo imunes ao desánimo poderemos avanzar
no camiño dunha Pátria liberada. Non é
mau o pesimismo, pois este é, como o optimismo, unha
nota do ser humano, o que é mau é que o pesimismo
condicione a nosa actuación política e sexa un
freo á nosa actividade.
Sindical
A precariedade e eventualidade da mocidade traballadora dan
conta do escaso nível de organización entre este
sector, cando pola sua situación sócio-laboral
serian segmentos sociais cunha maior necesidade de estruturación
e organización de cara a contar cunha organización
própria que veiculizara as sus problemáticas e
necesidades, ao tempo que conseguiria que este sector deixara
de estar tan indefenso. Mais a realidade no noso País
dá conta dunha situación onde o nível de
auto-organización da mocidade traballadora é moi
reducido.
Os esforzos por consolidar estruturas a este nível non
frutificaron, mais a experiéncia di-nos das potencialidades
deste sector de traballo e da grande cantidade de mocidade traballadora
que ten necesidade de organizar-se, mais en moitas ocasións
é difícil chegar a ela, pois existe unha presión
real que penaliza no mercado de traballo a aquelas persoas non
sumisas e que reclaman os seus direitos.
Desde a UMG debemos facer un esforzo real por achegar-nos á
mocidade traballadora e organizá-la dentro do nacionalismo.
Mais tamén implica un esforzo na articulación
de estruturas sindicais a nível xuvenil, quetraten especificamente
as problemáticas da xente nova, pois as estruturas sindicais
actuais, teñen dificuldades para ter unha prática
específica para este sector.
A UMG impulsará no seo da UPG os debates oportunos de
cara a analisar a viabilidade de impulsar e afortalar unha estrutura
xuvenil no ámbito da Central Sindical.
Universidade
No ámbito do traballo universitário cabe destacar
a ampla capacidade de mobilización que sobre todo durate
o proceso de resposta contra a Lei Orgánica de Universidades
(LOU). Mais a importante resposta a esta lei non frutificou
nunha maior dinamización do movimento estudantil e mesmo
pudo ser desmobilizadora para alguns sectores.
Son escasas as organizacións que existen cun funcionamento
estábel, e moitas delas sitan-se máis ben no terreo
do poder, cumprindo a función de desmobilizar e fomentar
o pasotismo entre a mocidade. Este tipo de organizacións
son fomentadas polo poder e teñen como bandeira a sua
"independéncia", acriticismo e apoliticismo,
mais baixo esta fraseoloxia amosan-se sumisas cos postulados
do poder, mantendo un discurso ideolóxico que xustifica
e sustenta o actual estado das cousas.
Dentro do ámbito universitário a única
organización que conta cunha estrutura nacional e minimanente
consolidada son os CAF, cun perfil nidiamente nacionalista,
cunha prática mobilizadora centrada nas problemáticas
específicas das e dos estudantes. Os CAF deben afortalar
unha liña de traballo que, baixo o prisma do nacionalismo,
incida decididamente en dar resposta e cobertura ás necesidades
e demandas do estudantado. Será esta a liña fundamental
de traballo que deberemos impulsar desde a UMG, coa firme convición
de que dese xeito conseguiremos incidir nunha maior incidéncia
entre o estudantado.
O obxectivo anterior debe acompañar-se dun aumento cualitativo
e cuantitativo en canto á implantación dos Comités.
Debemos impulsar accións concretas no seo dos CAF que
permitan un crecimento no número de estudantes que participan,
prestando especial atención aos cámpus cunha estrutra
máis debilitada. Ao tempo que aprofundamos e actualizamos
os elementos discursivos dos CAF. Cumpre que concretemos e elaboremos
alternativas ao modelo universitário, conxugando os nosos
obxectivos estratéxicos con cuestións de carácter
táctico. Neste labor os organismos nacionais dos CAF
han de ser potenciados, homologando e dotando dun discurso homoxéneo
ao conxunto da organización.
Ensino Médio
O ensino médio pola suas características e especificidades,
tais como unha franxa de idade moi temperá ou unha predisposición
e ampla simpatia e receptividade cara o nacionalismo, representa
un dos eidos no que desde a UMG debermos centrar, tamén,
o noso esforzo e atención. O ensino médio representa
un bon xeito de entrada e primeiro contacto da mocidade co proxecto
nacionalista e o movimento xuvenil nacinalista, especialmente
para Galiza Nova, evidenciandose nos últimos anos a intensa
chegada de nova militáncia desde este sector.
Os Comités Abertos de Estudantes, deberán ser
quen de recoller esa simpatia, facendo chegar o proxecto nacionalista
á xente máis moza, en claves de pedagoxia e claridade,
cunha mensaxe asumíbel e comprensíbel pol conxuto
do estudantado. Asi, a dimensión de "organización
de masas" está plenamente vixente, e é hoxe
máis necesário que nunca, mais para que os CAE
exerzan de verdadeira referéncia entre as e os estudantes
de médias na Galiza, é preciso facer un especial
esforzo no que atinxe á consolidación da organización,
promovendo o apoio necesário á actividade no sector.
Neste sentido é de máxima prioridade a criazón
dunha organización única do estudantado galego,
que agrupe o ensino médio e universitário. A UMG
impulsará as accións e debates precisos para efectivizar
durante este ano esta resolución xa aprobada formalmente
nas organizacións estudantis.
A respeito das e dos camaradas de ensino médio ao ser,
por idade (e de xeito habitual), de recente incorporación
á UMG, desde os organismos prestará-se-lles especial
atención, potenciando as capacidades, como garantia de
futuro para o movimento xuvenil nacionalista, asi como clarificando
debates e cuestións de índole ideolóxica
e tamén de praxe política diária.
Língua e cultura
Noutra parte das teses reflexionábamos ao redor da importáncia
do traballo cultural e das dinámicas entre a mocidade
galega ao respeito da língua. Son dous ámbitos
de traballo que teñen unha significativa importáncia
para o nacionalismo e nos cais o traballo ten diferenzas notábeis
ao respeito doutros terreos.
No referente ao traballo cultural este toma corpo a través
das diferentes organizacións xuvenis, mais desde a UMG
debemos ter en conta as consideracións de tipo ideolóxico
que deben servir de elementos directores desta actividade. A
recuperación da nosa memória histórica
e a divulgación da mesma entre a mocidade cumpre unha
función clarificadora e desintoxicadora que é
preciso realizar. O traballo cultural impulsado desde as diferentes
organizacións non pode cair no folclorismo da oficialidade,
senón que debe encamiñar-se cara a actualidade
e criatividade das diferentes expresións culturais que
se dan na nosa sociedade.
No tocante ao traballo lingüístico o referente
claro é a Mesa pola Normalización Lingüística.
Constatando a importáncia desta temática e a enorme
potencialidade da Mocidade pola Normalización Lingüística,
debemos desde a UMG deseñar liñas de actuación
de cara potenciar esta organización e situar o problema
da perda de uso habitual do galego entre a mocidade como prioridade
política.
5. Aportacións da UMG: afortalamento do Movimento
Xuvenil Nacionalista
A UMG ten no seu haber a experiéncia de 25 anos de traballo
a prol da Autodeterminación da Galiza. Esta experiéncia
acumulada ten enormes potencialidades, e sen pretendermos caern
na autocomplacéncia, nen na apropriación exclusiva
dos erros e acertos do Movimento Xuvenil Nacionalista, seria
inxusto non recoñecer a significativa aportación
política e adicación de cadros que a UMG ten destinado
ás diferentes organizacións. Unha aportación
feita baixo a firme convicción de estarmos contribuindo
ao avanzo do proceso de liberación nacional e na liña
de afortalar as estruturas organizativas xuvenis.
Unidade do Movimento Xuvenil Nacionalista
Desde o seu nacimento, a UPG, tivo sempre moi presente no sue
discurso ideolóxico-político e na sua praxe, a
vontade de articulación dun movimento social amplo en
clave nacional e nacionalista. Desta vontade xurde a concepción
do nacionalismo como un movimento global de liberación
nacional. Esta concepción unitária e respeituosa
ao tempo coa autonomia funcional das diferentes organizacións,
é un dos contributos partidários, constituindo
un elemento coesionador e de forza do nacionalismo galego. É
pois un trazo distintivo da UMG manter esta visión e
sermos coerentes coa mesma, á hora das focaxes que utilicemos
nas diferentes organizacións xuvenis nacionalistas, fuxindo
das análises sectoralizadas e/ou localistas, aportando
pontos de vista que integren ao conxunto. Cada unha das organizacións
ten a sua funcionalidade e espazos próprios de traballo,
debendo entender estos como complementares e nunca como contraditórios.
A experiéncia acumulada pode axudar no afortalamento
da concepción do nacionalismo como un "todo",
como un proxecto unitário onde absolutamente todas as
forzas empregadas desde os ditintos sectores de traballo converxen
(desde a independéncia orgánica) nun proxecto
comun: Galiza.
Vocación de servizo da UMG
A UMG manifestou, no campo teórico e da prática
o seu compromiso cara as organizacións unitárias
do nacionalismo, prevalecendo os intereses das mesmas sobre
o próprio, baixo a firme convición de ser o mellor
instrumento posto ao servizo de Galiza neste momento histórico.
Non en van, a UMG adoptou no seu dia o acordo histórico
de renunciar á actividade pública para centrar
os seus esforzos nas organizacións unitárias.
Sexamos conscientes de que o fortalecimento da UMG seria inútil
se non redunda-se en benefício da alternativa política
que Galiza Nova e o BNG representan.
O Nacionalismo, unha canle de información
A premisa de aumentar a nosa incidéncia social leva-nos
a concluir que debemos incrementar o contacto a nível
social con outras organizacións e mozos e mozas, aumentado
o noso campo de actuación e fuxindo de prexuizos ou preconceitos
á hora de efectuar estos contactos. Debemos ter a clara
vocación de chegar a ser hexemónicos na Galiza
e focalizarmos os esforzos en achegar máis povo ao nacionalismo.
A UMG adopta a responsabilidade de trasladar ás organizacións
unitárias a necesidade de diversificar os sectores de
traballo e manter contacto fluído con todas as asociacións
xuvenis existentes no noso País. É preciso observar
desde o respeito ao traballo que desenvolven as asociacións
xuvenis, mesmo aquels que nos poden resultar máis dificilmente
accesíbeis ou teñan menos que ver con nós.
É importante que usemos o diálogo como ferramenta
de traballo, sendo receptíbeis ás ideas doutras
persoas ao asociacións. Falar non nos compromete a nada
e é un xeito imellorábel de aprender, de ensinar
e de rachar preconceitos de nós cara fóra e de
fóra cara nós.
Compatibilizar a militáncia
Nun momento no que se dá un certo descrédito
da política é fundamental apresentar un perfil
diferente, que sexa capaz de encarnar na prática política
e na vida cotiá os valores que se di defender, tendo
unha praxe coerente co discurso teórico que se defende.
Hai que ser vixiantes coas dinámicas que se poden introducir
nas diferentes organizacións, non deixando-se levar pola
inércia –mesmo unha inércia social alienada-
pois supón un exemplo clarificador e pedagóxico,
activando os elementos desalienantes que actuan como factores
da transformación.
A UMG no seu do Movimento Xuvenil Nacionalista debe aportar
o seu esforzo en garantir a coeréncia e a asumibilidade
polo conxunto da sociedade da nosa imaxe. É necesário
fuxir de radicalismos estéreis e de fraseoloxia formalmente
radical e que o único que fai é afastar ao povo
do nacionalismo. Cumpre non ir a "pé cambiado"
da sociedade, analisar as prioridades e vincular o noso discurso
político a cousas materialmente tanxíbeis, isto
é, que teñan incidéncia e resposten a preocupacións
ou aspiracións que ten a mocidade. Combatamos o individualismo,
como expresión da desorganización e da falta de
compromiso político, a atomización como expresión
da falta de respeito polo proxecto colectivo e nacional, e o
burocratismo como expresión de rotina e falta de presenza
social activa.
Asi mesmo desde a UMG debemos colaborar por facer intelixíbel
o noso discurso, o cal, entre outras cousas, pasa por sermos
quen de discernir a linguaxe interna (cun carácter máis
ideolóxico e orgánico), da que se debe empregar
no noso traballo social.
Outro elemento que ten a sua importáncia é o
feito de que a dinámica de traballo nas diferentes organizacións
debe ser compatíbel cuns hábitos de vida normalizados
e que non supoña un impedimento para o cumprimento doutras
obrigas contraídas a outros níveis (estudo, traballo,
etc). Mais o anterior non ten que ser unha coartada para relaxar
o traballo militante, senón que deve aumentar a división
do traballo e a camaraderia á hora de desenvolver o importante
volume de traballo que xeran as organizacións xuvenis
nacionalistas. Isto é, unha vida política compensada
e compatíbel co lecer e coa vida académica ou
laboral.
Fagamos traballo político nos diferentes sectores facendo
pensar á xente co noso discurso e no noso xeito de pensar
e entender a realidade. Aproveitemos fenómenos de actualidade
e repercusión pública para explicar o porqué
das cousas.
Aportación política vs dirixismo
É moi necesário, en benefício das distintas
organizacións nacionalistas, non cair no erro de confundir
a aportación política, que como UMG temos a obriga
de realizar, con dirixismo, que conduciria inexorabelmente á
desaparición do pluralismo (principal fonte de identidade
do nacionalismo), á perda de debate e de confrontación
construtiva de ideas e a un reducionismo, que remataria por
pór en perigo a própria utilidade social do nacionalismo.
A aportación poítica é unha manifestación
do compromiso da UMG co nacionalismo galego, serve para arriquecer
o seu corpus teórico e a sua prática e fomenta
a pluralidade.
O dirixismo é un ataque frontal á independéncia
orgánica e un exercício de falla de democracia
na medida en que un grupo de persoas exercen un control férreo
das organizacións sen ter en conta as opinións
e aportacions que outros militantes expresan, intentando impor
as suas teses sen ter en conta os debates e argumentos contrapostos
ou complementares ás mesmas. O dirixismo nega a importáncia
do debate ideolóxico-político, e o princípio
do marxismo-leninismo de entender a dialéctica como mecanismo
para avanzar socialmente. Temos que impulsar sempre a acción
positiva através do debate en todos os organismos das
organizacións nacionalistas. Aproximando as posicións
dos demais ás nosas, convencendo con argumentos e creando
simpatias. Estas claves deben ser princípios orientadores
tanto na nosa actuación social como no comportamento
interno nas organizacións.
Combate ao ideoloxismo
O ideoloxismo é unha prática contrária
e daniña para as organizacións nacionalistas e
debemos fuxir del e combaté-lo de xeito pedagóxico
e claro entre a mocidade e no seo das organizacións xuvenís
en que participamos. O ideoloxismo supón afastar-se da
realidade, amosa unha caréncia de visión na diferenciación
entre os nosos obxectivos tácticos e estratéxicos,
introduce elementos que alonxan ás organizacións
sociais e políticas da realidade e discursos baleiros
de contido real. A utilización ds canles máis
acaídas para emitirmos a nosa mensaxe, para mantermos
a sintonia co grau de sensibilización e nível
de consciéncia popular, non poden significar o sacrifício
dos princípios ideolóxicos que nos orientan.
De aí que non compartamos as pretensas formas de independentismo
no noso País. Son movimentos cunha escasa ou nula incidéncia
social, e que resultan funcionais para o aparello de poder do
Estado. Dentro da su fraseoloxia radical e inzada de ideoloxismo
esconden moitas veces auto-ódio e a colonización.
É necesário desde a UMG e as organizacións
xuvenís nacionalistas clarificar sobre a funcionalidade
deste movimento, que alén doutras consideracións,
concreta-se nunha prática prexudicial para os intereses
colectivos da nosa nación.
A nosa finalidade fundamental é actuarmos no seo da
socieade, chegando a todos os sectores da mesma. Facermos o
noso discurso asumíbel non porque se adapta o integra
no discurso hexemónico e dominante, senón porque
se expresa en termos de poder ser comprendido e nos eixos que
son hoxe necesários para dar un paso adiante. Nunca o
o realismo se converterá nunha xustificación da
inacción, o burocratismo ou adaptación resignada.
A UMG: o foro onde debater os grandes temas sectoriais
Do ponto de vista estritamente interno, a UMG como veu facendo
até agora, utilizará os seus organismos, tando
a nível de dirección como zonal, para marcar posición
política sobre os grandes temas, revestindo-os do carácter
global que implica o traballo das e dos noso militantes nos
distintos sectores do nacionalismo xuvenil. Manter a unidade
a coesión interna e o mellor contributo e potencialidade
da UMG. Esta debe ser resultante do debate sincero e o confronto
de posicións internamente, ficando as diverxéncias
–de existiren- no terreo interno e participando activamente
o conxunto da execución dos acordos adoptados.
Con esta aportación que facemos ao proxecto unitário,
a nosa vocación é loitar contra a sectorialización
e o localismo desde a convición de que o nacionalismo
será máis forte canto menos atomizado se atoper.
As liñas políticas que debata a UMG e que transmita
através da sua militáncia ás distintas
organizacións, non deben ser entendidas senón
como unha humilde aportación e reflexión dirixidas
ao resto de compañeiros e compañeiras desde un
ponto de vista non sectorializado senón unitário.
A UMG: a necesidade de clarificación sobre nós
próprios
Non debemos caer no erro na UMG de crer o discurso que o sistema
verque sobre nós. A este respeito nun dos discursos de
clausura do XI Congreso da UMG enunciaba-se a "necesidade
de non cairmos na trampa de crer a própria propaganda
que o inimigo verque sobre nós, non é o noso Partido
nen a UMG un grupo de falcóns ou de comisários
que furtan o debate e actuan con man de ferro nas organizacións
nacionalistas. Somos apenas patriotas galegas e galegos que,
desde unha análise marxista-leninista aplicada á
realidade concreta de Galiza, aspiramos a compartir o mellor
de nós mesmos, cóbado con cóbado, os demais
compañeiros e compañeiras os que estamos xuntos
no combate por unha Galiza soberana que contribua a un mundo
máis xusto".
Na UMG non compartimos as actitudes sectárias, dogmáticas
e prepotentes que consideran que a militáncia se mide
por rangos, hierarquias e pola política do "ordeno,
mando e fago saber". Moi a contrário a UMG considera
indispensábel eliminar da prática política
este tipo de hábitos. Neste sentido, pouco importa defender
critérios políticos xustos se o encargado/a da
defensa se deslexitima a si proprio.
TESE DE ORGANIZACIÓN
1. Introdución
Para poder acadar os nosos obxectivos debemos fundamentar-nos
nun modelo organizativo eficaz e que se adecue á organización
en cada momento. Temos deixado claro xa en anteriores teses
congresuais a importáncia que ten na UMG o princípio
do centralismo democrático, no cal se conxugan a democrácia
interna, a disciplina e a liberdade individual. Tamén
temos falado anteriormente do papel da militáncia e
da necesidade de compromiso co proxecto do nacionalismo galego.
Todo isto segue, máis que nunca, plenamente vixente
pero debemos, porén, analisar a realidade da nosa organización
e adaptar, aperfeizoar e mellorar as suas diferentes estruturas,
podendo alcanzar asi un funcionamento áxil e efectivo.
2. Do funcionamento dos organismos da UMG
O Comité Nacional é o órgao superior
da UMG no periodo intercongresual, eleito polo próprio
Congreso é o máximo órgao de dirección
da nosa organización, debendo ser a sede en que se
produzan os debates e a definición da liña política.
Tal e como se recolle nos estatutos deberá estar integrado
por representantes das zonas e por responsábeis de
cada área que se defina, mais debe tamén ser
dinámico e para iso tenderemos a unha reducción
na sua composición, máis adecuada á situación
actual. Cumpre ademais dotar ao CN dun novo papel, o de facer
un seguimento específico ao desenvolvimento político
das AZ, asi, debemos tender a que se sistematice a inclusión
nas ordes do dia do CN pontos organizativos relativos ás
zonas (roldas de AZ).
O Secretariado Nacional, encanto organismo de coordinación,
seguimento, execución e análise da coxuntura
política máis urxente debe dotar-se de maior
axilidade. Para acadar isto debe-se tender á redución
do mesmo, tentando conservar en todo caso a sua necesária
visión de conxunto. Atribuirá-se-lle ao SN un
novo papel que será o de facer seguimento, xunto co
CN, do desenvolvimento político das AZ, incluindo nas
ordes do dia pontos nos que se dea información política
das mesmas.
O/A Secretário/a xeral da UMG ostenta a representación
pública da UMG e é a máxima autordade
unipersoal no período que média ente os organismos
nacionais. A el/ela corresponde-lle a función de convocar
os organismos nacionais, moderá-los e levantar acta
dos mesmos, podendo delegar estas atribuizóns no RNO.
É asi mesmo o encargado de coordenar aos membros do
CN e SN e única voz autorizada para clarificar os acordos
dos organismos nacionais da UMG.
O/A Responsábel Nacional de Organización terá
as suas atribuións baseadas no desenvolvimento organizativo
da UMG. A ese respeito será o encargado de introducir
nos organismos os pontos referidos á situación
das Zonas, encargará-se da xestión financeira
e dos movimentos de filiación. Terá tamén
un papel fundamental á hora de elaborar un arquivo
nacional da UMG. Xunto con estas, poderá desenvolver
calquer outra responsabilidade acordada polos organismos nacionais.
As Comisións poderán constituir-se tanto a
nível nacional como a nível zonal. O seu papel
será o de facer análises sobre o sector que
logo se levarán ás Asembleas de Zona ou ao Comité
Nacional. O seu papel é meramente informativo, estas
Comisións son reunións de traballo, serven para
aportar ideas e propostas, complementan a actividade dos organismos
de dirección, pero non son vinculantes. Non substituen
en ningun caso ás Asembleas de Zona ou ao Comité
Nacional, pois, se asi for, cairia-se nunha absurda atomización
e perderia-se a visión de conxunto. Asi mesmo os organismos
nacionais e zonais deberán velar porque as Comisións
non alteren a política das Asembleas de Zona ou dos
organismos nacionais.
A Asemblea de Zona é a ferramenta principal da UMG,
a que desenvolve a política emanada polos organismos
de dirección da UMG nas zonas e a que garante a coeréncia
e unidade do movimento xuvenil nacionalista nas zonas, por
iso é preciso parar-nos a analisar o seu papel. A Asemblea
de Zona debe ser a estrutura básica de traballo dos
e das militantes, a asisténcia ás reunións
debe ser fundamental por canto é o foro en que adquirimos
unha visión global do traballo político zonal.
Ademais é o foro que nos permite unha toma de coñecimento
veraz do que se fai en todos os sectores de traballo da zona
e en que se dá información nacional emanada
do Secretariado Nacional e do Comité Nacional. A Asemblea
de Zona debe ser o lugar onde se poñan acima da mesa
as cuestións que precisen clarificación e onde
se resolvan as diferenzas de visión política
sobre asuntos concretos e pontuais.
A periodicidade das Asembleas de Zona será a que marque
a própria dinámica de traballo zonal, en calquer
caso, como mínimo terá-se que reunir unha vez
ao mes.
Nas Asembleas de Zona terá-se que incluir un ponto
de informacións nacionais, asi como pontos de debate
da situación política das zonas e dos sectores
de traballo. Definirá-se a política a seguir
nas zonas, sen confundir dirección política
con dirixismo. Asi, á hora de trasladar as decisións
ás decisións de masas debemos ser firmes no
esencial, mais flexíbeis no acesório. As Asembleas
de Zona serán guiadas en base a unha orde do dia e
un guión coñecido previamente polos membros
da Asemblea. A Asemblea de Zona será o lugar acaido
para solucionar diferenzas de critério entre camaradas,
unha vez tomados os acordos, actuaremos con unidade. Para
conseguir isto debemos ter unha presenza activa nas reunións
introducindo debates e plantexando as dúbidas que teñamos.
O/A Responsábel de Zona ostenta a responsabilidade
política da zona no período entre Asembleas
de Zona. É a persoa encargada de convocar as Asembleas
de Zona, de moderá-las, asi como de levantar actas
da mesma, e de distribuir a información e critérios
de acción política emanadas do Secretariado
Nacional e do Comité Nacional. O/A Responábel
de Zona representará á UMG nos organismos zonais
da UPG. Será tamén labor prioritário
do/a Responsábel de Zona facer seguimento do traballo
dos e das componentes da Asemblea de Zona e revisar o degrau
de cumprimento dos acordos tomados. O/A Responsábel
de Zona é a persoa a quen hai que dirixir-se en caso
de dúbida na actuación política. Ao/Á
responsábel tamén deberemos dirixir-nos para
ter información dos acordos que se tomaran nas reunións
no caso de auséncia xustificada a unha Asemblea.
De cara a avaliar a entrada de compañeiros e compañeiras
na UMG debemos partir da base de que a UMG é unha escola
de militantes comunistas, e portanto un dos principais trazos
dos compañeiros e compañeiras susceptíbeis
de entrar na nosa organización será un ponto
de partida coerente coa nosa posición marxista-leninista,
alén, evidentemente da sua condición de nacionalistas
e con prática monolíngüe en galego. Este
será o ponto de partida desde o cal se empaparán
dos clásicos do nacionalismo galego, dos princípios
políticos que nutren á UPG e do marxismo-leninismo
como método de análise da realidade. As potenciais
altas da UMG deben-se caracterizar no seu labor político
cotiá, por ser persoas activas, con critério
próprio e con capacidade política.
Debe ser fundamental nas persoas da UMG ter capacidade de
xerar confianza e simpatia social, convertendo-nos en auténticos
referentes sociais naqueles eidos nos que actuemos. A nosa
militáncia debe-se caracterizar por ser construtiva
e actuar con pedagoxia, como dixemos antes, debemos ser flexíbeis
no acesório e firmes no fundamental. Non podemos cair
na endogamia nen no sectarismo e caracterizar-nos por ter
actitudes integradoras cos e coas compañeiras das diferentes
organizacións.
Unha organización viva precisa dunha corrente de información
fluida ascendente e descendente. É fundamental neste
sentido que os acordos do Secretariado Nacional e do Comité
Nacional sexan transmitidos ás Zonas, debendo polo
tanto desde os organismos nacionais informar con celeridade
e dilixéncia dos acordos aos/ás Responsábeis
de Zona para que estes fagan o próprio nas Asembleas
de Zona. De igual xeito as informacións das zonas deben-se
transmitir aos organismos nacionais regularmente, ben sexa
através das actas ou de circulares transmitindo os
principais acordos e pontos de debate zonais. Asi mesmo a
presenza e participación activa dos/das Responsábeis
de Zona no Comité Nacional axudará á
consecución deste obxectivo.
Cumpre facer fincapé na necesidade de erradicar de
raiz as filtracións. Hai que remarcar que son unicamente
os/as Responsábeis de Zona no ámbito zonal e
o o Secretário/a Xeral, o/a Responsábel Nacional
de Organización ou a persoa designada polo organismo
de dirección no ámbito nacional, a posición
oficial e veraz en canto á transmisión de acordos
e de informacións se referir. Asimesmo, as cuestións
internas da UMG non deben ser comentadas fóra dos organismos
pertinentes, actuando as e os camaradas con discreción.
Dentro do funcionamento dos organismos da UMG temos que facer
referéncia á criazón e disolución
da Asemblea de Zona. En primerio lugar convén precisar
que a UMG ten a mesma estrutura territorial do Partido polo
cal as zonas da UMG corresponden-se coas do Partido, calquera
que sexa a sua composición do ponto de vista numérico.
Alén disto, a UMG criará unha Asemblea de Zona
cando se deren as condicións cuantitativas para iso,
isto é, cando existir un núcleo estábel
de camaradas na Zona e exista tamén unha dinámica
de traballo nas organizacións sociais. A disolución
dunha Asemblea de Zona será excepcional, para casos
de auséncia absoluta de militáncia. Noutros
casos, ainda con escasa presenza de camaradas, manterá-se
a estrutura zonal cunha obriga dos e das militantes de desenvolver
traballo e aumentar cuantitativamente e cualitativamente o
nível da Asemblea. En calquer caso, calquer decisión
sobre a constituizón ou disolución dunha Asemblea
de Zona debe ser ratificada ou rectificada polos organismos
zonais da UPG.
Serán tamén as Asembleas de Zona as que definan
cal é o ámbito de traballo prioritário
de cada compoñente da mesma. En calquer caso, que a
actuación dun ou dunha camarada sexa nun ámbito
concreto non implica o relaxamento da sua participación
noutros ámbitos, agás aqueles cadros que teñan
adicación prioritária dun sector. É dicer,
non teñen cabida as adicacións en "exclusiva"
a un sector, é importante a non desvinculación
de sectores nos que os e as camaradas teñen presenza
coa excusa de pertencer a outro.
Por último, debemos facer referéncia a unha
tendéncia que se ten producido en ocasións consistente
en debater a nível nacional cuestións próprias
das zonas. Isto conduce a un empobrecimento da visión
política da cuestión en concreto, na medida
en que, ademais de pertencer tal asunto a unha zona por definición
estatutária, esta é debatida por persoas sen
negun tipo de referéncia no particular. Para evitar
isto, o mecanismo a empregar é manter nas Asembleas
de Zona os debates referidos á mesma, sendo só
obxecto de tratamento polos organismos nacionais cando as
próprias zonas ou calquera camarada demanden un pronunciamento
ou cando unha decisión entrar en contradición
coa liña seguida e aprobada pola UMG.
3. Formación
Ter unha militáncia formada é un dos mellores
avais de cara ao futuro do proxecto nacionalista. Dadas as
circunstáncias que estamos a viver e os desafios que
se nos plantexan como organización xuvenil nacionalista
e como escola de militantes comunistas é fundamental
afortalar o aspecto da formación dentro da UMG. Asi,
como medida para reforzar a capacidade de análise e
de debate político, cumpre que, como hábito,
se incluan nas Asembleas de Zona un ponto de debate político,
no cal se analisen determinados eventos ou coxunturas sexan
nacionais, estatais ou internacionais e que den pé
a un debate que nos permita falar de política máis
alá da mera análise da execución dunha
campaña.
Asi mesmo, cumpre destacar o papel do Guieiro como unha ferramenta
básica para a formación da militáncia
da UMG.
4. Militantes desprazados
É moi habitual, debido ao grande número de
estudantes desprazados fora da sua zona, que nunha zona nos
atopemos a persoas que participen nas organizacións
de destino tendo a sua militáncia formal no lugar de
orixe. Para correxer isto artellará-se un mecanismo
polo cal os militantes desprazados terán a obriga de
participaren nas Asembleas de Zona de destino, con direito
a voz máis sen voto, sen menoscabo de que sigan vencellados
organicamente ás estruturas orgánicas da UPG
e UMG da sua zona de orixe. En calquer caso, ante a imposibilidade
de poderen participar pontualmente nas Asembleas de Zona de
destino, o Responsábel de Zona ou quen este designar
deberá transmitir-lles os acordos adoptados. Asi mesmo
hai que sinalar que é deber do/da militante ter iniciativa
persoal para inteirar-se dos acordos e debates que se trataron
na Asemblea, entrando isto nesa participación activa
que debe caracterizar a militáncia na UMG.
5. Zonas organizativamente sensíbeis
Ante a posibilidade de atoparmo-nos con Zonas sen estrutura
orgánica e sen presenza física de militantes,
neste caso a estrutura nacional da UMG arbitrará os
mecanismos oportunos para, en contacto coa Asemblea de Zona
ou Comité de Zona da UPG do lugar en cuestión,
entrar en contacto coas e cos compañeiros das organizacións
de masas susceptíbeis de asumir as nosas teses.
No caso de existir militáncia desprazada, esta terá
a obrigatoriedade de reunir-se na sua Zona de orixe para programar
e executar traballo cando for posíbel, tentando fixar
un calendário de reunións acaído a tal
efeito, asi como manter contacto fluído coas Asembleas
de Zona e Comités de Zona da UPG de cara a non perder
a visión política que aportan as xuntas partidárias.
As reunións destes militantes desprazados poderán-se
realizar no lugar de destino se se considerar máis
operativo e é unanimemente aceitado por todas e todos
os camaradas. En calquer caso, ainda non estando constituídos
como Asemblea de Zona, se for o caso, tomará-se acta
dos acordos igualmente de cara a poder facer seguimento dos
mesmos.
Nestes casos perseguirá-se como obxectivo prioritário
aumentar a militáncia garantindo unha continuidade
temporal no traballo político. En todo caso, tal como
se recolle nesta mesma tese, estes militantes desprazados
terian tamén a obrigatoriedade de participar nas Asembleas
de Zona do lugar de destino para manteren-se informados e
colaboraren no desenvolvimento político desas zonas
na medida en que non prexudique o labor nas suas próprias
zonas.
Todo isto seria de utilidade e aplicación tanto se
existe formalmente Asemblea de Zona constituida como se non
existir.
6. Colaboradores
A figura dos colaboradores/as recollerá-se expresa
e unicamente para aplicar en supostos nos cais unha persoa
reune todos os requisitos ideolóxicos e de prática
para integrar-se na UMG mais non pode asumir a carga de traballo
marcada para a nosa militáncia. En calquer caso cumpre
salientar que esta figura non pode converter-se nun recurso
acomodatício para non cumprir cos mínimos militantes,
polo que a condición de colaborador será mirada
individual e fundadamente.
7. Critérios de actuación dun ou dunha
militante da UMG
A UMG debe transmitir non só ideoloxia no seu facer
político, senón tamén un xeito de conducta
e de actuación social. A este respeito cumpre facer
un alto no camiño e debater sobre a nosa actuación
como referentes sociais. Tal actuación debe comprender
os seguintes aspectos:
Os e as militantes da UMG debemos ser referentes nas organizacións
do nacionalismo, isto é, ter capacidade de gañar
os debates, falar en público, ser pedagóxico,
flexíbel, actuar con intelixéncia e firmeza,
sermos clarificadores ante posturas hostis e belixerantes
co nacionalismo...
Debemos ter tamén capacidade de diálogo cos
militantes das diferentes organizacións do nacionalismo
xuvenil.
Debemos ser quen de propor, dinamizar, non improvisar, planificar
e velar pola orde das asembleas.
Os nosos cadros deben de ter capacidade de aderir simpatias
para o proxecto da UMG e UPG.
Debemos tamén velar pola unidade de acción,
asi como preservar os acordos e actuacións da UMG nunha
absoluta discreción.
Os e as militantes da UMG somos a peza clave que garante a
continuidade no tempo do Partido, e o garante tamén
do seu crecimento entre a mocidade.
A UMG é a ferramenta para viabilizar e socializar
os posicionamentos da UPG sobre o Movimento Nacionalista entre
a mocidade organizada.
Temos que ser conscientes da necesidade de defender, con intervencións,
nas asembleas a posición da UMG. Ter unha actitude
de debater e falar sempre de cara a inclinar cara nós
á militáncia das organizacións de masas.
Temos que fuxir da actitude acomodatícia de que falen
os demais. A este respeito será fundamental na militáncia
da UMG a preocupación por levar as reunións
ben preparadas, con argumentos claros, rigorosos e pedagóxicos,
fuxindo de caer no seguidismo cara afirmacións ditas
anteriormente por outros camaradas.
Debemos exercer a crítica e a autocrítica dentro
da UMG e do Partido, non fora deles.
Debemos reforzar a camaradaria que debe rexer as relacións
entre os/as membros do Partido
8. Mínimos militantes
Formar parte da UMG conleva unha série de obrigas
e responsabilidades. Os e as camaradas teñen a obriga
de asistir ás reunións da UMG e da UPG que serán
prioritárias a calquer outra actividade, debendo xusitificar
previamente a non asisténcia. Tamén é
obrigatória a asisténcia ás reunións
de Galiza Nova e do resto das organizacións de masas
sectoriais onde cada quen desenvolva o seu traballo militante.
Os e as camaradas deben velar colectivamente pola efectivización
dos acordos e cumprir co traballo a que se comprometeron.
A nosa presenza nas reunións debe ser activa. Por último,
podemos aludir ao deber de pagar as cotas como parte deste
compromiso sen o que non seria posíbel o funcionamento
normal da organización da que todos e todas nos formamos
parte.
9. Papel da UMG na UPG
A UMG debe asumir o compromiso de ser parte activa do noso
Partido, a UPG. Asi, o noso papel será garantir o relevo
xeracional do Partido e a sua continuidade no tempo. Xunto
con isto cobrará especial importáncia que sexamos
quen de transmitir, á nosa base social de simpatizantes,
os valores e posicionamentos políticos do noso Partido
cando o considerarmos de interese.