Paxina Principal da UPG
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
Santiago, 5 e 6 de Abril de 2003

::

Teses Aprobadas

Discurso do Secretário Xeral Daniel Gómez

Discurso de clausura de Bautista Álvarez

::

[Discurso do Secretário Xeral Daniel Gómez]

Camaradas,
Compañeiros e compañeiras do Movimento Xuvenil Nacionalista Delegacións Convidadas


Daniel Gómez, Xecretário Xeral da UMG

Rematamos este décimo segundo congreso da Unión da Mocidade Galega, no que fixemos unha valoración da situacióna actual do mundo, do noso pais e da nosa organización e penso que queda claro que se nestes últimos 25 anos de historia, a UMG foi unha peza fundamental para o nacionalismo galego, atopámonos hoxe nun momento histórico onde a nosa presenza, traballo e perspectiva son cruciais para seguir a dar pasos de cara a acadar a soberanía do noso povo.

Nunca antes o sistema deixou tan ao descuberto o seu verdadeiro rostro. Nunca foi tan evidente para a sociedade que o imperialismo e o sistema capitalista son os primeiros terroristas no mundo.

Nestes dous últimos anos tiveron e ainda están a ter lugar a dia de hoxe, tres atentados que non puideron pasar desapercibidos, como teñen pasado tantos outros, e que fixeron que a sociedade galega e en particular a mocidade se fixese escoitar.

Fumos testemuñas da imposición dunha Lei Orgánica de Universidade, unha Lei de Calidade e unha Lei de FP, co único fin de elitizar e españolizar ainda máis o ensino.

Estamos a ser testemuñas da destrucción da nosa costa, vítima por unha banda, da voráxine capitalista, que por abaratar custes non cumpre coas medidas básicas de seguridade no transporte de produtos altamente contaminantes, e por outra banda, da incompeténcia dunha administración foránea que nin se preocupou nunca de tomar medidas para que accidentes deste tipo non voltasen a pasar, nin estivo a altura das circunstancias unha vez ocorrida esta catástrofe e que só reaccionou minimamente cando o povo galego se puxo en pé.

Estamos a ser testemuñas tamén do maior e máis descarado atentado terrorista dos últimos tempos. Os Estados Unidos, respaldados polos seus títeres Blair e Aznar, están unha vez máis e desta volta sen sequera cumprir os mínimos de legalidade que esixen as súas proprias regras de xogo, a arrasar un povo enteiro por intereses económicos e xeoestratéxicos.

A sociedade en xeral, e a mocidade galega en particular non calou, e así se deron en Galiza as maiores mobilizacións do estado conta a LOU, así a PLATAFORMA NUNCA MAIS foi exemplo para o mundo de cómo un povo toma as rendas cando se bota en falla un Estado proprio, e así a COORDENADORA GALEGA POLA PAZ e a MOCIDADE GALEGA POLA PAZ están a canalizar e organizar todas as iniciativas de mobilización e concienciación social, para denunciar a masacre que está tendo lugar agora mesmo no Iraq.

Estes atentados fixeron que o povo galego se dera conta de que:
O desgoberno que nos denunciabamos era certo e botou en falla un estado galego.

De que o imperialismo, termo que se cria caduco e desfasado, segue vivo e segue a aterrorizar ao mundo.

De que o capitalismo non repara en povos nin en xentes, so ten ollos para que uns poucos amasen máis e máis riquezas.
E de que os meios de comunicación están tomados polo sistema e esa manipulación que denunciabamos non era unha pataleta de perdedores.

Todo isto ten que marcar un antes e un despois na historia de Galiza.

Temos o mellor escenario posíbel para que se escoite o noso discurso. Temos que facer que a xente entenda que o nacionalismo é a antítese de todo o descrito anteriormente. Este é o momento de deixar claro dunha vez por todas que o nacionalismo é unha ideoloxia defensiva e non agresiva. Que o nacionalismo se basa na defensa das particularidades e liberdades dos povos fronte aos que buscan a imposición e a uniformización. Que quen de verdade agrede e sementa o terror, é aquel que prentende imporse a calqueira prezo, aniquilando culturas, linguas, economías,... é dicer povos enteiros.

É o momento para facer chegar á mocidade o discurso que os nacionalistas vimos facendo todo este tempo, exemplificado co que está a acontecer hoxe e que os fixo botarse á rua. Para que vexan que o nacionalismo galego traballa para que estas inxustizas non se repitan e que saiban que poden unirse e aportar o seu gran de area, para entre todos e todas xuntas conseguir ese outro mundo posíbel que comeza por conseguir esa outra Galiza posíbel.

Para isto precisamos manter vivas as organizacións nas que traballamos no dia a dia. Temos que traballar en bloque para que todos estes acontecementos deixen marca na mocidade galega.

Isto só se conseguirá cunha organización forte e por iso:
Precisamos máis que nunca unha UMG coexionada e responsábel.
Precisamos facer realidade o termo camarada, para que o contacto e o diálogo interno sexan constantes e así poder, tanto mellorar as prespectivas das cousas, como atallar de raíz calqueira problema que poida xurdir sen agardar a que éste afecte ao funcionamento da organización e polo tanto ao conxunto do movimento xuvenil nacionalista. Con estes mesmos obxectivos debemos aproveitar a experiencia dos militantes da UMG doutras xeracións e reforzar tamén o diálogo claro e aberto entre a UMG e a UPG.(como demanda o camarada Francisco Rodríguez no seu artigo para a publicación commemorativa dos 25anos do nacimento da UMG).

Precisamos tamén reforzar dia a dia a nosa formación teórica, que debe ser unha preocupación consante tanto da organización, como de cada un de nós, para ter ademáis da capacidade de traballo, que caracteriza á nosa militancia, capacidade de visión, análise e debate político e asi enriquecer ideolóxica e tácticamente ao movemento xuvenil nacionalista.

E precisamos sobre todo, como dicia o lema da Asemblea Nacional de Galiza Nova, máis forza e máis ilusión, de cara a afrontar o camiño que nos queda ate acadar os nosos obxectivos: a liberación nacional e a liberación social de Galiza.

A clave está en facer do traballo militante, algo atractivo e ilusionante, por iso debemos traballar todos e todas no dia a dia, para que esta responsabilidade de cambiar as cousas non recaia nas máns duns poucos e conseguir que cada dia sexan máis as máns que levan a Galiza cara a sua liberdade. Porque temos a necesidade de ser máis povo para facer máis patria. Que non é outra cousa que manter a liña que históricamente caracterizou a nosa organización, temos que seguir Unindo a Mocidade Galega - Unindo ao Povo Galego.

Camaradas
Compañeiros e compañeiras

Viva a UMG!
Viva a UPG!
Viva Galiza Ceive e Socialista!