1.- UN NOVO AVANZO CUALITATIVO PARA O MOVIMENTO XUVENIL
NACIONALISTA
O movimento xuvenil nacionalista ten acadado ao longo destes
anos un nível considerábel de madurez e desenvolvimento
na Galiza. O nacionalismo galego apresenta-se xa con claridade
como unha necesidade para un país que precisa seguir
dotando-se progresivamente dunha consciéncia da sua condición
nacional e da sua posición dependente, e duns instrumentos
ao servizo dos seus intereses, necesidades e aspiracións
lexítimas. O traballo do nacionalismo galego a meio de
organizacións específicas entre a mocidade galega,
revelou-se en acerto e puxo de manifesto a condición
da mocidade como grupo social lesionado pola situación
da Galiza e favorábel en grande medida a inverti-la.
No contexto dos elementos de carácter estrutural e pontual
que dificultan a participación social da mocidade na
Galiza, o nacionalismo galego fixo agromar entre o desartellado
movimento asociativo unhas estruturas xuvenis que foron acompañando
ao conxunto do nacionalismo no seu crecimento. Desde a UMG podemos
acreditar en que este crecimento non foi o resultado de viver
das rendas dunha moda ou dunhas favorecedoras espectativas eleitorais,
senón do resultado dun esforzo continuado do conxunto
do nacionalismo, ao que tamén contribuímos no
noso ámbito, e do debate, entrega militante e actividade
social desenvolvida desde as estruturas especificamente xuvenis
coa ilusión de ver cada dia máis mozas e mozos
incorporados ao proxecto de liberación nacional da Galiza.
É indiscutíbel a magnitude do tempo invertido
en dotar a estas estruturas dun corpo teórico ideolóxico
–o do nacionalismo galego-, que puxo continuamente en
comun e que foi asumido através do debate entre as novas
incorporacións, que alteran substancialmente en pouco
tempo a composición dunha organización de condición
xuvenil; e dun discurso político que entrase a interpretar
asi como esas claves ideolóxicas a situación específica
da mocidade. Porén non compartimos algunhas opinións
descalificativas desta característica do movimento xuvenil
se aportamos ao país e ao nacionalismo mozos e mozas
dotadas de capacidade de análise crítica e conscientemente
comprometidas co proxecto nacionalista, e aportamos tamén
unha análise e alternativas sobre a situación
dun dos grupos da nosa sociedade, aínda sendo conscientes
como somos, e non contraditoriamente, da principal fundamentación
do direito á existéncia dunha organización:
a sua incidéncia social.
Neste tempo tamén se dotou o movimento xuvenil nacionalista
de estruturas organizativas máis sólidas e estábeis,
lonxe do perigo da efemeridade que é norma comun no noso
movimento asociativo en todos os seus ámbitos, e con
mecanismos de funcionamento estabelecidos periodicamente, revisados
e potenciados.
Hai acumulada unha importante experiéncia colectiva
de traballo e actuación social, de contacto con sectores
da mocidade, de mobilización, de divulgación de
ideas e propostas, recoñecida e referencial para outros
colectivos e para a mocidade á que chegamos en virtude
do compromiso dunha base militante que ben pode valorar con
satisfacción a utilidade do construído coa sua
contribución no camiño andado até hoxe.
Temos pois a ferramenta e a habilidade adquirida para usá-la.
Cómpre, desde o afortalamento e a preocupación
permanente por cuestións como as indicadas, impulsar
ao movimento xuvenil nacionalista a dar un novo paso cualitativo
para dar resposta á situación política
actual e facer das organizacións nas que participamos
ferramentas máis uteis ao logro dos obxectivos do nacionalismo
galego. O avanzo cualitativo que se precisa é o incremento
da incidéncia social prática das organizacións
xuvenis nacionalistas. Para abordar esta necesidade introducimos
os seguintes elementos de análise:
1.- A situación política internacional e estatal,
analisada novamente no 10º Congreso da UPG e nos procesos
asembleares máis recentes de Galiza Nova e o BNG cuxas
teses asumimos, segue a manter á nosa nación nunha
complicada posición. “Constitui princípio
político do noso Partido a caracterización da
situación relativa da Galiza –no Estado español
e na sua inserción internacional- como colónia.
Esta conota-se como dependéncia no económico,
acefália no político e alleamento no cultural.
Hoxe en dia, a nosa realidade económica, política
e cultural non se ten separado desa caracterización.
A evolución dos últimos anos contribuiu a que
a dependéncia económica e cultural sexa distinta,
mais non menos funda, que nos anos da fin do franquismo.”
Elementos como a especialización e orientación
do país cara a determinadas actividades económicas,
a resisténcia da nosa própria enerxia económica
e cultural interior, a capacidade de sacrifício para
suprir auséncias de equipamento público ou as
transferéncias públicas, xunto con outros elementos
de carácter macroeconómico, crian unha situación
económica aos ollos da sociedade que na realidade é
meramente aparencial. A situación actual de Arxentina
pode ben valer de exemplo da sensibilidade especial das zonas
periféricas –e lembremos que iso é Galiza-
a mínimos movimentos do sistema, con consecuéncias
drásticas para elas. Esa aparéncia pretende ocultar
o deterioro das condicións economias e sociais dunha
parte moi importante da povoación e a merma da nosa capacidade
produtiva e potencial económico: aniquilación
do tecido produtivo de carácter estratéxico e
xerador de riqueza (indústria, agro, gandeiria, pesca,..),
superespecialización na produción de enerxia para
exportación, inutilización das reservas naturais
que existian para criaren capacidade produtiva, especialización
en actividades contaminantes destrutoras de riqueza, etc.
A caracterización feita do país sobra dicer que
afecta á mocidade, como afecta tamén a visión
aparencial da realidade derivada da análise da mesma
en base a utilizar prismas subxectivos –as condicións
individuais de existéncia- ou/e aportados pola propaganda
do sistema. Somos conscientes desde a UMG e entendemos que debe
sé-lo o conxunto do movimento xuvenil nacionalista, de
que unha parte moi considerábel da mocidade galega (como
do conxunto da sociedade) ten dificuldades para acceder a outros
prismas de análise e a priori interiorizan as posicións
descritas. A consciéncia deste feito facilita-nos a percepción
da nosa responsabilidade en achegar á mocidade eses prismas
(papel do sistema educativo, emigración de mocidade sen
emprego ou moi cualificada, ...) e en esforzarmo-nos no intento
de recoller na nosa reflexión e actuación os diferentes
intereses, aspiracións e necesidades da mocidade como
grupo social heteroxéneo, como conxunto obxectivamente
perxudicado a nível global –en canto que parte
dun país- mais con moi distintas realidades concretas
na sua composición. Sabermos dunha simpatia xuvenil maioritária
co nacionalismo non debe ser un elemento de conformismo nen
de confusión para o nacionalismo. Debe constituir, en
todo caso, un estímulo para afrontar o moito traballo
que nos queda por diante nun ámbito de notábel
potencialidade, no que temos que incrementar a nosa incidéncia
afinando tamén máis na análise e na actuación.
2.- O nacionalismo galego ten pasado a ocupar nun periodo de
tempo historicamente reducidísimo un posición
moi destacada, e mesmo central en moitas ocasións, na
dinámica política e social de Galiza. É
constatábel unha crecente confianza e apoio da sociedade,
paralela ao outorgamento de maiores cotas de responsabilidade
política. Son evidentes, por intencionadas, sucesivas
reformulacións tácticas na actuación política
que non supuxeron renúncia algunha a princípios
e obxectivos estratéxicos, senón pola contra abrir
camiños para a sua consecución partindo da realidade
actual da nosa sociedade e da necesidade da sua cumplicidade
e participación para invertir a situación de Galiza.
Consolidar e incrementar esta posición precisa de dar
satisfacción a espectativas criadas, incrementar consciéncia,
base organizada, introdución social...
Todo o dito poderiamos considerá-lo unha mera reiteración
de tópicos, se en comprendé-lo e aplicá-lo
ben non lle fose a vida ao movimento xuvenil nacionalista. Velai
unha clave básica do noso futuro: estar á altura
no ámbito xuvenil da posición cualitativa adquirida
polo nacionalismo galego. Non asumir en toda a sua entidade
este repto ou non darmos co xeito de cristalizá-lo, suporia
desenfocar a funcionalidade e sentido da existéncia das
estruturas xuvenis, desaproveitar as nosas evidentes potencialidades,
facer inservíbel unha ferramenta hoxe moi util e obxectivamente
necesária, renunciar a unha militáncia verdadeiramente
revolucionária e trasformadora. Se o nacionalismo galego
ten novas responsabilidades, a militáncia xuvenil tamén.
E deben estar en sintonia.
Procuremos primeiramente non converter ao movimento xuvenil
nacionalista nun ou vários compartimentos estanco, inter-relacionando
as organizacións xuvenis entre si e con todas as organizacións
do nacionalismo para unha mellor concorréncia de análises,
obxectivos e vias de actuación. Unha militáncia
xuvenil partícipe e clarificada respeito da dirección
pola que avanza o proceso, pulará con maior claridade
e eficiéncia por dar tamén pasos no seu ámbito
nesa mesma dirección. Corresponde ao movimento xuvenil
nacionalista ser catalizador da consolidación e incremento
da posición do nacionalismo entre a mocidade, de pular
por dar satisfacción a espectativas criadas polo nacionalismo
entre o noso grupo social (sendo básico neste aspeito
a política xuvenil dos nosos governos), de incrementar
a consciéncia e base xuvenil organizada, de dotar ao
nacionalismo galego da simpatia e apoio de máis base
social xuvenil,...
3.- O obxectivo de conquistar a hexemonia política,
de lograr a maioria social, polo nacionalismo hai que verificá-lo
nun cenário político máis hostil. Por suposto
a criminalización do nacionalismo, a cruzada encarnizada
emprendida contra o noso pensamento político e as nosas
posicións, ten un efeito social ao que non é allea
a mocidade. Neste terceiro elemento de análise debemos
constatar o agudizamento da intervención xuvenil do sistema,
meiante diversos instrumentos e en particular na actuación
do Partido Popular no estado e en Galiza. Abortar a simpatia
crecente da mocidade galega polo nacionalismo e as consecuéncias
futuras dunha evolución social nesa dirección,
forma parte dos deseños a curto e meio prazo para combater
ao nacionalismo. Nunha exemplificación breve do que se
afirma deberemos citar: intervención nos procesos eleitorais
universitários, deseño dun Plano de Acción
Xove por parte da Xunta de Galiza de carácter propagandístico,
reactivación da Dirección Xeral de Xuventude e
dos seus contactos con colectivos xuvenis, críticas aos
enfoques do ensino da História, reforma do ensino das
Humanidades, distorsión informativa da realidade do movimento
e mobilización xuvenil promovida polo nacionalismo coa
promoción clara e o intento de identificación
con organizacións declaradas independentistas... Existe
en Galiza unha evidente intencionalidade por parte do Partido
Popular de procurar unha aproximación ao noso grupo social
e de despertar o apoio activo da sua base xuvenil, que mesmo
foi obxecto de análise e toma de decisións orgánicas
concretas.
A este respeito cumpre termos a capacidade de contrarrestar
no ideolóxico a manipulación nun esforzo de clarificación
rigorosa. Ao tempo este contexto aconsella-nos claramente unha
maior eficiéncia na actuación prática.
Cair na tentación ou no despiste de permitir a oxidación
dos nosos mecanismos organizativos é un luxo que, como
tal, podemos pagar caro.
Estamos pois situados nun contexto que, sendo no básico
e en canto á situación política invariábel
respeito de análises xa feitas pola UMG con anterioridade,
apresenta aspeitos novidosos que se foron perfilando nos últimos
anos e están xa consolidados. Percebé-los implica
para nós a necesidade de aportar ás organizacións
nacionalistas nas que participamos a reflexión e acción
precisa para situarmo-nos á altura das circunstáncias
destes factores.
Basicamente comprometemo-nos a unha nova disposición
da militáncia da UMG para afrontar, meiante o debate
con todos os nosos compañeiros e compañeiras nas
organizacións, estes obxectivos:
a) O axuste organizativo das estruturas do movimento xuvenil
nacionalista para poñé-las ao servizo dos obxectivos
políticos.
b) A articulación dunha resposta coordenada á
situación da mocidade por parte de todas as organizacións
do nacionalismo, en base á consideración do contexto
analisado.
c) O avanzo, como obxectivo central, na incidéncia social
prática do movimento xuvenil nacionalista.
2.- A INCIDÉNCIA PRÁTICA DO NACIONALISMO
XUVENIL
Da situación política e do novo contexto para
o nacionalismo xuvenil deriva-se a necesidade deste paso adiante
na nosa incidéncia prática. Concebimos este conceito
como o atributo imprescindíbel para que un proxecto político
conte con capacidade de transformación da realidade,
para que estea dotado de funcionalidade prática, en termos
xerais, para determinar e condicionar a evolución dunha
sociedade, formando parte da vida social e política con
influéncia na vontade colectiva e na toma de decisións.
En síntese, entendemos a incidéncia política
prática como a capacidade das organizacións de
mobilizar os seus recursos organizativos para desenvolver unha
actividade social prática que consiga progresivamente
obxectivos –logros e avanzos sociais concretos- e que
teña influéncia sobre a mocidade. Esta capacidade
de incidéncia referimo-la a unha série de aspeitos
concretos, transversais a nosa actuación:
a) Estado de opinión. Ter a capacidade de transmitir
e facer comprensíbeis posicións ideolóxicas
do nacionalismo que a mocidade asuma progresivamente, partindo
da sua realidade concreta, aumentando o nível de conscienciación.
Mais ter tamén a capacidade de criar opinión sobre
temas pontoais da vida social e política, sobre decisións
institucionais, sobre a causa e orientación das solucións
a necesidades específicas relacionadas co emprego, o
ensino, o meio ambiente, ... Nestes aspeitos destaca a necesidade
dunha maior pedagoxia e accesibilidade do discurso, asi como
o uso de determinados instrumentos e actividades (propaganda,
meios de comunicación, actos públicos, debates,
...).
b) Capacidade de mobilización en sentido amplo. Propiciar
e pular pola participación colectiva na vida social e
política, pola existéncia dun dinamismo entre
a mocidade. Neste aspeito é básico prestixiar
a participación, fuxindo da tentación de restar
protagonismo á própria mocidade naquelo en que
se implique, evidenciando a utilidade de participar -co noso
próprio exemplo- en canto que favorece a consecución
de obxectivos, procurando coa divulgación e sensibilización
unha participación consciente, evitando converter as
manifestacións en contrapoducentes para a politización
dos colectivos mobilizados meiante actuacións e declaracións
ideoloxistas, respeitando e integrando todas as posicións
sen facer deixadez na defensa argumentada das nosas próprias,
participando nós tamén nas iniciativas e actividades
doutros colectivos.
c) Referéncia no movimento asociativo. Termos interlocución
e colaboración con aquelas asociacións que desenvolven
a sua actividade en parámetros positivos, considerando
non só a existéncia senón o noso interese
en que exista movimento asociativo máis alá das
organizacións xuvenis do movimento nacionalista.
d) Referéncia individual e colectiva. Conseguir sermos
considerados como interlocutores e referentes –non crermo-nos
a nós mesmos/as referentes- daqueles mozos e mozas, daqueles
sectores da mocidade, con máis inquedanzas, con ideas
e propostas que queren transmitir e materializar, con problemas,
necesidades ou aspiracións pontoais; polo noso activismo
e a nosa disposición ao diálogo, á colaboración
e ao compromiso coa mocidade, pola nosa vocación de servizo.
e) Condicionamento de decisións institucionais. Enfocar
obxectivos e actuacións de xeito que poidamos conseguir
cámbios concretos beneficiosos para a mocidade, analisando
as preocupacións principais para incorporá-las
ás nosas alternativas en concordáncia co noso
proxecto político. Procurar a sensibilización
social coas nosas demandas conectando actuación institucional
e social.
Na análise da actuación das organizacións
do movimento xuvenil nacionalista, detectamos unha descompensación,
unha falta de correspondéncia entre o esforzo organizativo
–basicamente cinguido á dinámica interna
das estruturas-, a sua tradución posterior en actividade
social e política –iniciativas que saen das organizacións
e se executan- e a incidéncia prática desta actividade
conforme aos aspeitos que acabamos de reseñar. Sendo
considerábel o esforzo organizativo (reunións,
debates, translado interno de información, contactos,...),
eses recursos revirten nunha actividade social máis escasa,
na maioria das veces pouco constante. Ao tempo, o resultado
desas iniciativas en canto á sua incidéncia real
no entorno en que se desenvolven non sempre ten os resultados
desexados.
Son moi diversas as explicacións que se poden atribuir
ao que acabamos de afirmar, e desde logo non sobran aspeitos
de carácter estrutural que dificultan enormente a nosa
actuación e a doutros colectivos. En calquer caso entendemos
que debemos analisar as causas derivadas das nosas próprias
eivas e introducir os elementos que permitan correxir esta disfunción
no que de nós dependa. Partimos da premisa de organizarmo-nos
para actuar. A organización, clave para o avanzo do noso
proxecto, non é un fin en si mesmo, senón o mellor
instrumento para actuar socialmente conforme á consecución
duns obxectivos. Debemos tamén actuar para incidir, non
simplesmente para estar como fin en si mesmo. A este respeito
dispor dunha militáncia que afronte a sua participación
na organización mirando para fóra dela, para a
sociedade, para a mocidade, contribuirá a orientar mellor
o noso traballo. Consideramos para acadar o que vimos de formular
os seguintes aspeitos básicos:
1.- Incremento do contacto social. Se analisamos o colectivo
de mozos e mozas ás que chegamos coa actividade das organizacións
xuvenis do nacionalismo, poderemos sen dúbida chegar
á conclusión de que temos unha certa orientación
restrictiva á hora de plantexarmo-nos os receitores e
receitoras da nosa actividade. É fundamentalmente o ámbito
estudantil, ao que diriximos os nosos maiores esforzos, nunha
decisión -por outra parte- consciente, que non consideramos
oportuno modificar senón pola contra acentuar cada dia
máis. Porén precisamos ter unha visión
máis ampla de a quen dirixirmo-nos, e a que lugares máis
ademais dos habituais, para asi ampliar as nosas posibilidades
de incidéncia. É básico incorporar á
nosa metodoloxia de traballo -e isto permitirá-nos tamén
conseguir o que acabamos de marcar-nos como obxectivo- o hábito
da busca do diálogo e o contacto social. Non se trata
só de actuar socialmente despois de aclararmo-nos sobre
o que pensamos nós, senón ter tamén a preocupación
de indagar que pensan diferentes sectores da mocidade para focarmos
mellor a nosa actuación. Urxe facer a reflexión,
en todas as estruturas territoriais e de centro das organizacións,
sobre a xente á que estamos chegando habitualmente e
aos novos grupos de mozos e mozas aos que nos podemos marcar
como obxectivo dirixirmo-nos tamén en diante. É
de especial conveniéncia pór en prática
unha planificación sistematizada que nos permita iniciar
a relación con aquela parte do movimento asociativo xuvenil
existente hoxe que nos resulte de maior interese. Nesta relación,
ademais de tender pontes de colaboración, debemos interesar-nos
por estes colectivos en canto que asociacións (apoio
institucional, necesidades de infraestrutura, trabas para as
suas actividades...) e tamén pola sua actividade sectorial
específica (ócio, deporte, ambiente, ensino, cultura...).
Os nosos esforzos polo tanto deben-se dirixir a chegar a máis
mocidade, mais tamén a contactar directamente con ela,
plantexando-nos que colectivos, que centros educativos, que
concellos (e dentro deles, que novos bairros ou zonas rurais),
que centros de traballo, podemos definir como novos obxectivos
para estabelecer reunións, facer actos públicos,
facer chegar as nosas publicacións e propaganda, organizar
actividades lúdicas, etc. A consecuéncia e resultado
dunha mínima sistematización deste esforzo será
unha maior introdución social do nacionalismo.
2.- A actividade institucional. Ten sido obxecto de análise
xa por parte da UMG en diversas ocasións a necesidade
da nosa implicación na actividade institucional. Temos
focado ideoloxicamente en diversos debates esta cuestión,
e nese enfoque contextualizamos o papel das institucións
e a necesidade da sua conexión coa sociedade. Sermos
operativos e afondarmos no obxectivo de incrementar a nosa incidéncia
prática, obriga-nos xa a situar en primeiro termo de
análise o déficit do nacionalismo xuvenil na atención
deste aspeito máis da nosa actividade. Son evidentes
as limitacións da nosa capacidade e a nosa falta de axilidade
en tres aspeitos: no seguimento da actuación institucional
(coñecimento das decisións das administracións
públicas, análise pormenorizada de políticas
que se levan adiante...), no estudo de proxectos institucionais
e na elaboración de alternativas (sobretodo no referido
á concreción, posta ao dia, impulso para a sua
apresentación... daquelas que xa temos definido en diversos
textos e programas).
Afrontar esta tarefa co maior rigor ha-nos proporcionar unha
mellor consideración social en canto a credibilidade
e responsabilidade, ao tempo que melloramos o noso coñecimento
da realidade, a nosa formación e o achegamento aos problemas
concretos do noso grupo social. A actividade institucional,
que de limitar o ciclo á exclusiva relación entre
organización e institución resultaria nefasto,
facilita-nos pola contra o noso traballo e contacto social se
acompañamos a apresentación de alternativas de
actividade e diálogo coa mocidade. Debe formar parte
da nosa preocupación, levar as iniciativas institucionais
á sua divulgación entre a mocidade, e levar as
necesidades e intereses da mocidade ás institucións.
Novamente este aspeito require unha mellor sistematización
do traballo asegurando que existan persoas responsábeis
destes aspeitos, comisións de traballo, o tratamento
habitual dos aspeitos institucionais nos órgaos ordinários,
e o contacto coas diferentes estruturas das organizacións
nacionalistas (Oficina Municipal e oficinas parlamentares do
BNG, AS-PG, distintas federacións da CIG, A MESA, SLG,
ADEGA, Fundación GALIZA SEMPRE).
3.- Métodos de intervención social. É
evidente que algunhas das disfuncións da nosa actividade
social poden deber-se a un uso inadecuado dos instrumentos organizativos
que temos na nosa man para executar a nosa actividade. A este
respeito referiremo-nos, ao efeito de mellorar a nosa prática
social, a catro aspeitos:
- Tipos de actividade. Primeiramente compre asumirmos a necesidade
de que cada actividade que acordemos nas organizacións
debe levar consigo unha definición clara dos obxectivos
concretos que persegue (fuxindo de realizar actos por inércia
e sen maior reflexión) e unha planificación da
sua execución. A este respeito precisamos procurar unha
diversificación dos tipos de actividade que levamos a
cabo, aplicando en cada caso e en función dos obxectivos
que persigamos unhas ou outras, sabendo dosificar tamén
adecuadamente algunhas das que utilizamos con máis frecuéncia.
Deste xeito deberemos procurar combinar aquelas actividades
que queremos dirixir a ámbetos máis reducidos
doutras coas que pretendemos un respaldo masivo (publicacións,
actos públicos, iniciativas institucionais, exposicións,
actividades deportivas, concertos, excursións, concentracións,
manifestacións, ...).
- Capacidade de convocatória. O éxito na convocatória
das nosas actividades está en función, cando menos
do que de nós depende, do próprio atractivo para
a mocidade da actividade e dos métodos que utilicemos
para dar a coñecer a sua celebración. Debemos
procurar evitar a rotina dunha convocatória simple e
estudar todas as posibilidades que estean na nosa man para divulgar
–coa oportuna antelación- a sua celebración
(cartaces, volantinas, meios de comunicación, convites
telefónicos e por correio, convites por contacto persoal,
megafonia...), asi como estabelecer de antemán a quen
nos interesa primordialmente que chegue (que persoas, que asociacións,
centros educativos, a própria militáncia, instalacións
deportivas, locais lúdicos...).
- Uso da propaganda. As publicacións e material propagandístico,
de partida, deben garantir a transmisión exacta da mensaxe
que pretendemos facer chegar á mocidade. Ao tempo esa
transmisión debe facer-se en termos comprensíbeis
para quen vai dirixida, tendo claras polo tanto, as diferéncias
nas claves da linguaxe que nós utilizamos internamente
e as que se utilizan socialmente. A sua elaboración polo
tanto debemos procurar que sexa coidadosa. En definitiva, o
noso proxecto é máis comprensíbel se é
pedagóxica a sua transmisión. A distribución
e reparto da propaganda nunca debe server como coartada á
militáncia para evitar o diálogo e a conversa
directa con quen a recebe. Neste sentido garantirmos o reparto
do material gráfico pode server tamén para estabelecer
un maior contacto social.
- Meios de comunicación. Non se trata aqui de reiterar
as nosas análises sobre o papel que cumpren os meios
de comunicación do sistema na Galiza. Fica clara a necesidade
que ten este país de contar con meios de comunicación
próprios. Do que se trata é de prestar atención
ás posibilidades que os meios existentes hoxe na Galiza
oferecen de cara a difundir o noso traballo. No que de nós
dependa procuraremos que as nosas opinións, actividades,
alternativas, posicións políticas sobre temas
concretos... poidan aparecer reflexadas neses meios de comunicación
para a sua maior difusión. A atención a este aspeito
desde as organizacións debe formar parte das nosas prioridades
en canto ás responsabilidades organizativas a afortalar.
4.- Complementariedade entre estruturas nacionais sólidas
e incidéncia en ámbitos próximos. Non debemos
baixar a garda no intento de que as organizacións xuvenis
do nacionalismo estean dotadas de estruturas e órgaos
nacionais sólidos, fluídos e cun funcionamento
regularizado. Mais é de especial importáncia reforzar
as estruturas organizativas locais e de centro das organizacións.
Para unha maior incidéncia prática do nacionalismo
xuvenil é fundamental que actuemos nos ámbitos
de maior proximidade á mocidade de xeito organizado e
con constáncia. Só isto nos vai permitir achegar-nos
máis a problemas e inquedanzas concretas dos mozos e
das mozas galegas. Neste empeño cumpren un papel destacado
tanto a militáncia centrada no traballo neses ámbitos
–de habé-la- como as próprias estruturas
nacionais. En particular procuraremos que os órgaos nacionais
teñan membros e iniciativas destinadas basicamente ao
reforzamento, ao seguimento e ao apoio ás estruturas
locais e de centro, sempre na perspectiva da sua ampliación.
Outro aspecto de interese para garantir este obxectivo é
o de ter presente as dificuldades de continuidade no tempo destas
estruturas polas circunstáncias próprias do noso
grupo de idade. Será polo tanto tamén obxecto
de atención as posibilidades de relevo –por novas
incorporacións e por formación– dos cadros
nesas estruturas no caso de prever a imposibilidade da sua continuidade.
Este aspeito requerirá no futuro imediato a adopción
de medidas organizativas que faciliten esta atención
incorporando máis meios ás organizacións.
5.- Prioridades e focaxes da actuación política.
Sendo sabedores da simpatia polo nacionalismo que existe entre
a mocidade galega, somo-lo tamén da existéncia
dun continxente moi importante da mocidade que, por diferentes
causas, é reticente a dar o paso de organizar-se e militar
no nacionalismo. A nosa perspectiva de actuar para organizar,
mantendo plena vixéncia, non debe separar-nos do noso
interese por actuar para achegar as nosas posicións e
propostas a máis mocidade, a buscar a sua simpatia e
a sua coincidéncia con posicións pontuais que
forman parte do noso proxecto político. Temos que ver
pois con simpatia a toda a mocidade disposta a contrastar posicións
con nós, a debater e a coñecer a nosa alternativa.
Neste sentido compre que afinemos máis no noso discurso
político, para contemplar nel a realidade da maioria
da mocidade facendo-o accesíbel a máis persoas
que forman parte dun grupo social moi heteroxéneo. Conectar
e coñecer os problemas, mais tamén necesidades,
intereses, e aspiracións lexítimas da xente nova
enriquecerá -dando-lle maior dimensión–
o noso discurso político. É prioritário
meiante a análise e o contacto social facer o esforzo
que nos leve a situar a nosa actuación política
na onda daqueles aspeitos concretos que preocupan á mocidade
galega para, a partir deles, chegar a favorecer a participación
social, a auto-organización e o incremento da conciéncia
nacional.
3.- A RESPOSTA XUVENIL DO NACIONALISMO
No compromiso por aumentar a incidéncia prática
do nacionalismo entre a mocidade, debemos diferenciar dous planos
para abordar as necesidades de resposta xuvenil en virtude do
contexto político, ao efeito de marcar-nos obxectivos
claros. Un o próprio das organizacións xuvenis
do nacionalismo, e outro o da implicación xuvenil das
organizacións nacionalistas en xeral.
1.- Novo pulo ao tecido organizativo xuvenil.
Será obxectivo da UMG nos vindeiros dous anos revitalizar
as organizacións xuvenis nacionalistas das que formamos
parte, procurando o afortalamento e ampliación do movemento
xuvenil nacionalista e a coordenación das organizacións
entre si. A traxectória da Unión da Mocidade Galega
desde logo pode caracterizar-se polo seu permanente servizo
ao movimento xuvenil nacionalista, aportando militáncia,
traballo, esforzo e ilusión. Sabemos do empeño
que existe desde algunhas posicións en descalificar o
noso papel. Consideramos que ninguén en xustiza pode
negar á UMG o ter sido, sen exclusividade, sostén
e aporte sincero das diferentes organizacións que viñeron
actuando nestes anos no ámbito xuvenil. Teria sido substancialmente
diferente a evolución e papel destas organizacións
sen a participación de todos e todas as compañeiras
coas que compartimos debates e esforzos. Entendemos con humildade
que tamén o teria sido, e non para mellor, sen a implicación
decidida da Unión da Mocidade Galega. O noso direito
inegábel á militáncia política e
á asunción voluntária dun proxecto, non
nos pode restar dende unha perspectiva democrática direito
nengun para a defensa das nosas convicións dentro das
organizacións das que formamos parte. Asumimos isto na
mesma medida en que asumimos a nosa disposición ao contraste
de posicións co máximo respeito a todas elas,
coa vontade clara de unificar obxectivos e coa fidelidade ás
decisións maioritárias.
A Unión da Mocidade Galega compromete-se cun afortalamento
de Galiza Nova, os Comités Abertos de Faculdade e os
Comités Abertos de Estudantes, como organizacións
de maior releváncia e papel máis destacado do
movimento xuvenil nacionalista, na liña de incorporar
ao debate compartido con todos os compañeiros e compañeiras
que forman parte destas organizacións as preocupacións,
obxectivos e propostas que contemplamos nestas teses congresuais.
Entendemos que a necesidade de incrementar a incidéncia
prática é comun a todas elas e que aqueles aspeitos
que poden incidir na consecución deste obxectivo son
tamén, na sua formulación xenérica, comuns
a todas elas.
Ao tempo queremos concretar a necesidade de pular por consolidar
e acrescentar a actividade social da Asemblea de Mulleres de
Galiza Nova como referente organizativo do feminismo galego
diante das eivas que na actualidade existen neste ámbito
e dada a importáncia que concedemos a este aspeito da
nosa loita política.
Ademais deste compromiso consideramos de sumo interese implicarmo-nos
en dar-lle entidade a novas organizacións como a Mocidade
da CIG, a Mocidade da Mesa pola Normalización Lingüistica
e a Mocidade Labrega Galega, estudando en cada caso as aportacións
que poidamos facer dende a UMG para garantir a estabilidade
no seu funcionamento e a sua progresiva consolidación.
A este respeito os órgaos de dirección da UMG
asumirán desde o primeiro momento nos vindeiros dous
anos a posta en marcha dos debates internos necesários
para dar pasos nesta dirección.
Vemos conveniente en relación directa co que acabamos
de expór, estudar todas as vias de participación
xuvenil no nacionalismo alén da militáncia nestas
organizacións. Asi a colaboración ou impulso de
movimentos culturais, musicais, de ócio, deportivos,
ecoloxistas...que actuen cunha clara orientación de defensa
do noso país, serán tamén obxecto dunha
liña de traballo e seguimento desde a UMG. Entendemos
fundamental a relación e apoio mútuo entre as
organizacións xuvenis do movimento nacionalista e as
entidades deste carácter, ao efeito de favorecer a participación
social en clave nacional daqueles mozos e mozas que, identificando-se
cos postulados do nacionalismo, non se vexan atraídos
pola militáncia política ou estudantil directa
(ou no seu caso para complementá-la).
Finalmente debemos propiciar a coordenación e a relación
formalizada entre as distintas organizacións. Implicar
ao conxunto da militáncia xuvenil nacionalista na existéncia
prática do movimento nacionalista como unidade, ademais
dun conveniente exercício de pedagoxia e clarificación
ideolóxica, servirá para que a posta en comun
de obxectivos nos permita actuar con maior contundéncia
e incidéncia en cuestións concretas. Esta actuación
poderá veiculizar-se a meio de campañas e actividades
conxuntas, ou através de actuacións distintas
mais orientadas nunha mesma dirección e por tanto con
maiores posibilidades de éxito e incidéncia real.
Loxicamente procuraremos que cada organización cumpra
o papel que lle corresponde conforme á sua condición
e ao seu ámbito de traballo.
2.- Unha maior implicación xuvenil das organizacións
nacionalistas.
A incidéncia prática do nacionalismo entre a
mocidade, fai necesário non entender a intervención
neste ámbito e o discurso xuvenil como algo atribuíbel
en exclusiva ás organizacións xuvenis. Moita mocidade
conta co referente político do Bloque Nacionalista Galego,
ou co referente sindical da Confederación Intersindical
Galega..., que ademais de seren referentes no plano xeral deben
procurar sé-lo tamén nos aspeitos máis
concretos. É evidente que unhas organizacións
dotadas dun discurso e dunha actuación xuvenil específica,
como da que se dotan para dirixir a outros grupos sociais, favorece
a incidéncia do nacionalismo neste ámbito, e favorece
tamén ás suas estruturas xuvenis.
É interese logo do nacionalismo, a existéncia
dunha coordenación entre organizacións e estruturas
xuvenis para conseguir obxectivos comuns entre a mocidade. A
este respeito temo-nos que comprometer en imprimir en organizacións
como o BNG, a CIG, ADEGA e outras do movimento nacionalista,
unha dinámica xuvenil própria poñendo-nos
a plena disposición para favorecer esta tarefa. Debemos
afrontar este debate e dar-lle progresivamente concreción
dentro das organizacións xuvenis e no diálogo
e participación nas organizacións do nacionalismo
galego.
4.- AS ORGANIZACIÓNS AO SERVIZO DOS OBXECTIVOS
Temos reflexionado xa sobre a necesidade de viver a organización
cara fóra, partindo dunha premisa básica e fundamental:
sendo a situación histórica que padeceu a nosa
nación e as suas condicións materiais as que fundamentan
a existéncia do nacionalismo no noso pais, foi e seguirá
a ser determinante para o avanzo do proceso de autodeterminación
nacional de Galiza a existéncia dun movimento organizado
e polo tanto a nosa capacidade de organización e mobilización.
A este respeito as cuestións organizativas son básicas
para desenvolver a actuación social que nos reporte unha
maior incidéncia prática. Entendemos tamén
aplicábeis para o conxunto das organizacións do
movimento xuvenil nacionalista unha série de consideracións
referidas á necesidade de aperfeizoar o noso funcionamento:
- Require-se un maior esforzo de planificación, coordenación,
rigurosidade, e axilidade no funcionamento organizativo. A mellora
dos hábitos organizativos debe ser a consecuéncia
imediata de asumirmos a análise política e o obxectivo
central definido nestas teses. Para podermos estar á
altura das circunstáncias nos reptos e nas novas responsabilidades
que temos por diante, non imos demandar desde a UMG máis
voluntarismo. Si en todo caso unha nova disposición da
militáncia para facer das organizacións instrumentos
que respondan aos obxectivos que se marcan. Na lóxica
dialéctica entre o tensionamento das organizacións
para arrincar-lle maiores potencialidades, e o axuste dos obxectivos
ás posibilidades organizativas, cumpre un papel básico
parar-se a planificar a nosa actuación. Desa planificación
debemos procurar que saia a conveniente comunicación
entre todos os elementos que forman parte da execución
do traballo, en definitiva unha mellor coordenación entre
militantes e entre órgaos. Sermos rigorosos e rigorosas,
no sentido de dar seriedade ao noso traballo, vai redundar en
benefício da nosa actuación e da nosa credibilidade
social. Os hábitos organizativos, quere-se dicer, deben
ser obxecto tamén de debate para a sua mellora e para
a sua asunción individual e colectiva.
- O funcionamento dos órgaos. Partindo de que deben
estar orientados a operativizar o traballo, simplificaremos
este ponto na aclaración da sua mecánica de funcionamento
conforme á seguinte secuéncia: apresentación
de propostas, debate das mesmas, definición de obxectivos,
toma de decisión ao respeito, planificación do
decidido e reparto de tarefas para executá-lo. Preparar
previamente os debates por parte dos membros e preparar tamén
a moderación da reunión por parte das persoas
con esta atribución, é clave dunha maior axilidade
no desenvolvimento de reunións.
- Papel e valor da militáncia. Lonxe de pretender un
perfil estático e único de militante, si convén
que nos esforcemos en pór en comun as cualidades que
entendamos poden contribuir a facer de cada quen de nós
e dos nosos e nosas compañeiras mellores servidores/as
da mocidade e do país. A capacidade de coordenación,
de integración de máis persoas no traballo, a
preparación e claridade das argumentacións, a
iniciativa e apresentación de propostas, a intervención
nos debates, o contacto social individual, a capacidade de coexión
das organizacións,... non son dotes inatas senón
que se adquiren coa prática e o debate.
- Participación e integración no traballo. Coa
compatibilización das nosas actividades próprias
como mozas e mozas (estudos, traballo, ...) debemos procurar,
meiante o reparto da actividade, incrementar o nível
de participación da xente nova integrada nas organizacións.
Debemos invertir máis en coordinación que en expremer
disposicións e capacidades de traballo individuais excepcionais.
- Concreción e iniciativa. A militáncia debe
ser e sentir-se tamén responsábel das organizacións
e da sua dinámica de funcionamento. A criación
de responsabilidades orgánicas é moi importante
para a especialización e o seguimento de determinadas
tarefas, mais nunca debe server para facer ao resto da militáncia
desentender-se do rumo da organización. Ter propostas
e iniciativas a apresentar en todos os aspeitos submetidos a
debate, ao tempo que suxerir o tratamento doutros que se consideren
de interese, é a obriga de calquer persoa comprometida
cun proxecto, integrada nel e, polo tanto, co-responsábel
das suas decisións e actuacións. Esta cualidade,
xunto coa rebelión contra a auséncia de conclusións
operativas e práticas dos debates e de seguimento no
cumprimento das decisións concretas, deberá ser
potenciada nas organizacións.
- Finanzamento. Afrontar todos os reptos que nos temos plantexado
até o de agora coa intención de aumentar a nosa
incidéncia prática, será posíbel
se asumimos tamén o compromiso nas aportacións
individuais e, sobre todo, en levar adiante iniciativas colectivas
que doten ás organizacións de maiores recursos
económicos e materiais para a atención organizativa
e para a execución de actividade social. Sistematizar
estas áreas coa planificación de obxectivos e
o seguimento pontual, sendo ademais escrupulosos/as na xestión
dos recursos públicos aos que se teña acceso,
é condición sine qua non para un avanzo positivo
na dirección que pretendemos.
5.- PREMISAS PARA A APORTACIÓN DA U.M.G.
A consecución dos nosos obxectivos fundamentan-se tamén
na adopción dun modelo organizatizo eficaz na UMG, á
par dunha adicación constante a aperfeizoar os nosos
métodos de traballo e as liñas de actuación.
Os avanzos no terreno organizativo non van ser froito de resolucións
congresuais, senón dunha acción tenaz e prolongada
no tempo que pasa pola asunción deste aspeito como unha
prioridade política de primeira orde. Esta acción
nos vindeiros dous anos terá como obxectivos centrais:
a) Clarexar a significación prática de pertenza
a UMG e aumentar a afiliación.
b) Regularizar e mellorar o funcionamento das diferentes estruturas
da UMG.
1.- Un modelo organizativo democrático e operativo.
A UMG e o noso Partido segundo recollen os seus Estatutos organiza-se
conforme ao centralismo democrático que conxuga a democrácia
interna coa unidade de acción e a disciplina coa liberdade
individual.
Lenine cando estabelece o centralismo democrático como
condición sine qua non para caracterizar unha organización
como revolucionária, partia do feito que as cuestións
organizativas son cuestións esencialmente ideolóxicas.
Isto é, de pouco serve unha adesión a uns princípios
ou a un modelo de sociedade, senón existe o compromiso
de asumir dar os pasos necesários no dia a dia para camiñar
cara ese modelo social.
O marxismo-leninismo ten unha dupla vertente, trata-se dun
método de analise da realidade e dunha guia para a acción
política; a ferramenta que fai efectivo o accionar da
organización, que dá coeréncia a unha prática
social e institucional, que posiblita que a totalidade da militáncia
participe na elaboración da liña política
é o centralismo democrático.
O centralismo democrático, eis o cerne do conceito,
garante-lle aos membros do Partido o direito de expresar e defender
a sua opinión no organismo ao que pertencen, asumindo
logo as decisións maioritárias resultantes do
debate. Toda a UMG, asi o temos decidido estatutariamente, rexe-se
por este princípios: a posición do indivíduo
axusta-se á da organización, a da minoria á
maioria, a estrutura inferior á superior, o conxunto
da UMG ao Comité Nacional e ambos os dous ao Congreso.
As diferéncias de opinión, cando se expresan cun
espirito construtivo, interactuan como un factor positivo para
o esclarecimento e a decisión.
Xa que logo, o modelo organizativo do que nos temos dotado
ten que facilitar a posta en prática do noso proxecto
político, respondendo o seu funcionamento as variábeis
de democrácia e operatividade. Democrácia, que
nós concretamos atraves da toma de decisión colectiva
e dos critérios de dirección colexiada e permite
por diferentes vias a participación da militáncia
na toma de decisión e operatividade que fai posíbel
a unidade de acción necesária para levar adiante
a decisión.
2.- A militáncia da UMG.
A militáncia é o elemento básico para
unha organización que aspira a dotar ao nacionalismo
galego dunha base entre a mocidade e transformar a sociedade.
Do mesmo xeito que son diversos os níveis de consciéncia
das persoas, diferentes son tamén os degraos do seu compromiso.
Nunha organización que aspira agrupar aos seitores máis
conscientes da nosa mocidade, entendendo que o termómetro
para medir o nível de adesión a un proxecto é
o seu nível de compromiso, que se define de non acoller
posicións pasivas nen práticas que se asocien
ao que tradicionalmente se correspondian coa figura do afiliado.
A esta altura siguen vixentes as resolucións do X Congreso
explicitamente no referido a que “neste momento achamos
necesário reforzar –ao tempo que se dá un
medre cuantitativo- o espírito militante que deberá
ter cada unha das persoas que hoxe compoñen a UMG”
para continuar “debemos esforzar-nos tamén en que
o noso comportamento individual sexa correcto”.
Xa que logo a Unión da Mocidade Galega non é
allea a unha tendéncia xeralizada sobre a que xa temos
reflexionado e que se concreta no decaimento do compromiso militante
polo que cómpre unha prática rectificadora desta
situación que debe incidir sobre os hábitos internos,
o estilo do traballo e a significación prática
do que implica militar na UMG.
Formar parte da UMG obriga a asistir ás xuntas da UMG
e do Partido que serán prioritárias a calquer
outra actividade, xustificando-se previamente no caso de non
poder asistir. A maiores é obrigatória a asisténcia
ás reunións de Galiza Nova e do resto das organizacións
de masas sectoriais onde cada quen esteña encuadrado.
Os e as camaradas deben velar colectivamente pola efectivización
dos acordos, cumprindo o traballo co que se comprometen e as
persoas con responsablidades de dirección do que se lles
asigna. A nosa presenza nas reunións debe ser activa,
cómpre acostumar-se a traer as ordes do dia estudadas,
a anotar os acordos, introducir debates e plantexar as dubidas.
A cotización faz parte deste compromiso sen o que non
seria posíbel o funcionamento normal das estruturas das
cais formamos parte.
Igualmente conscientes tamén da sua vertente organizativa
as diferentes estruturas da UMG esforzaran-se en implicar máis
xente na planificación e execución do traballo,
evitando a concentración deste nunhas poucas persoas,
conscienciando sobre a utilidade da aportación de cada
quen e sistematizando o funcionamento orgánico.
Os homes e mulleres posuen trazos individuais diferenciados,
como camaradas, como compañeiras e compañeiros
teñen ideais comuns. A organización, o Partido
indica orientacións esenciais pero non marca un molde
de gostos, hábitos persoais, modelos de sensiblidade…
Pretender que a imaxe de cada quen, coas suas virtudes e defectos,
sirva de molde a outros expresa un profundo descoñecimento
do que é ser revolucionário e humano. Os e as
militantes poden ter maneiras diferentes de reaxir persoalmente
ás situacións, sen que de ai se poda facer unha
avaliación cualitativa global. A conducta cívica
é a forma de comportar-se dun militante na sociedade
e polo tanto non pode considerar-se allea da conducta militante,
nen dos intereses da organización non resultando tolerábel
comportamentos que restrixen a “coérencia”
ao plano da declaración formal. A militáncia comunista
trascende o plano do formalismo dos seus postulados; o comportamento
individual das e dos camaradas debe estar presidido por unha
ética que basee a sua praxe no respeito ás persoas,
como prius da acción social. Os e as camaradas debemos
ser o referente de actuación persoal e social nos eidos
onde participamos: o noso comportamento e as nosas actitudes
son o mellor aval nunha conxuntura onde o ataque ao formalismo
do noso pensamento é unha constante. A UMG ten validar
tamen o seu traballo colectivo na conducta exemplar da militáncia
a nível individual.
A Unión da Mocidade Galega debe plantexar-se de xeito
prioritário nos vindeiros dous anos o medre da sua base
organizada. Tal política debe abordar-se dun modo sistemático
e planificando, tratando de atraer a todas aquelas persoas que
comparten os nosos plantexamentos políticos e que vexamos
capazes de asumir os mínimos de compromiso definidos
e non atendendo a coincidéncias pontuais nen a dinámicas
alleas a UMG. Neste sentido debemos actuar nunha dupla dirección
que permita achegar a aquelas persoas máis próximas
que participan con nos das organizacións de masas e favorecer
un carácter autenticamente nacional das mocidades da
UPG.
3.- Uns organismos máis eficaces para un traballo
máis util
A Unión da Mocidade Galega, como organización
de ámbito nacional que se estrutura territorialmente,
ha combinar no seu funcionamento critérios de homoxeneidade
e autonomia. Homoxeneidade asociada á homologación
nos métodos de traballo, a existéncia dunha liña
única para toda a nación e a mantenza da unidade
de acción. Autonomia entendida como concreción
no seu ámbito das iniciativas nacionais e iniciativas
políticas específicas no ámbito da zona.
Neste sentido precisa-se mellorar a comunicación entre
a esfera zonal e nacional.
As Asembleas de Zona, que se reuniran de xeito ordinário
unha vez ao mes, xogan un papel fundamental na vida da organización
centrando-se o seu traballo no seguimento da vida política
nas zonas, na veiculización das iniciativas nacionais
e no afortalamento cuantivo e cualitativo desta no seu ámbito.
Corresponde-lles aos Secretários de Zona como máximos
responsábeis políticos, que na medida do posíbel
centraran-se prioritariamente nas labores especificamente partidárias,
a dinamización e coordenación da actividade da
Asemblea asi como actuar de nexo de unión coa instáncia
superior. A efeitos de mellorar o seu funcionamento suxerimos
sistematizar minimamente o funcionamento (p.e. data e lugar
fixos) asi como facer seguimento do degrao de cumprimento dos
acordos adoptados.
O Secretariado Nacional, que se xuntará de xeito ordinário
cada duas semanas, é un organismo executivo dependendente
do Comité Nacional que actuará a xeito de permanente
deste como órgao de analise imediata, de resposta áxil
as cuestión urxentes e seguimento do accionar do Movimento
Xuvenil Nacionalista.
O Comité Nacional formado por 25 membros e o máximo
organismo de dirección da UMG no periodo inter-congresual,
correspondendo-lle conforme as competéncias estatutárias
a fiscalización do traballo da Organización no
seu conxunto e particularmente do Secretariado, a concreción
para a sua aplicación das propostas asembleares e a definición
e o debate dos aspeitos que afectan a nosa orientación
política. A fin de dotar de máis contido e operatividade
o organismo é necesário seleccionar mellor os
temas a tratar, garantir que os seus e as suas compoñentes
dispoñan previamente da documentación sobre os
temas a tratar e sobre todo alixeirar as ordes do dia. Con independécia
da proposta de articulación do organismo, onde deberá
concretar-se os ámbitos e o carácter das Comisións
del dependentes, a apresentar na sua primeira reunión,
ve-se necesário a criación da figura do Responsábel
de organización e finanzas.
Se o Secretariado debe manter-se activo e reaccionando rapidamente
en toda conxuntura, será o Comité Nacional quen
lle deba aportar unha orientación e contextualización
global das decisións que teña que tomar polo que
na composición de ambos debe-se garantir operatividade,
visión de conxunto tanto territorial como sectorial e
capacidade política.
A teima da UMG non é outra que Galiza e a sua mocidade,
xa que logo a sua vida interna debe dirixir-se a elaboración
de propostas encamiñas a mellorar a sua situación
e contribuir a sua execución. Propostas que deben respostar
as problemáticas fulcrais da mocidade, perfilando polo
miúdo as nosas alternativas, os obxectivos aos que responden
e a sua conveniencia en función das circustáncias
políticas. Execución que debe responder a unha
planificación matinada, non rotineira e que teña
como norte o xeito de dotá-la da máxima efectividade
practica.
Afrontemos os debates mirando para a sociedade, fuxindo da
abstración, considerando o concreto e os aspeitos que
nos unen e enfrontando as discusións con claridade e
sinceridade desde a confianza e o respeito as outras posición.
Impidamos que a imadurez nos cegue situando como vital o que
é un debate máis ou como definitivo unha reflexión
táctica. Exercitemos a crítica e auto-crítica
como mecanismos para o avanzo plantexando as alternativas e
fuxindo das descalificacións.
Reflexionemos para a acción, demos-lle concreción
nos acordos e sopesemos os argumentos a hora de definir unha
posición tendo en conta que o fundamental é o
apuramento dunha opinión colectiva, maioritária,
cando non pode ser unánime. O axustamento das posicións
minoritárias ás maioritárias é unha
regra esencial que debe ser comprendida como expresión
de todo o funcionamento partidário, pero se esta é
entendida como unha forma simplificada de decisión acaba
por converter-se nun proceso burocrático que falsea groseiramente
a democrácia interna.
4.- Formar e informar.
O momento que vive Galiza e o mundo e os reptos que desta situación
se derivan para unha organización patriótica e
comunista de carácter xuvenil , co que implica como escola
de militantes, fan especialmente preocupantes as eivas en materia
formativa. Neste sentido precisamos de impulsar unha ofensiva
que sexa asumida polo conxunto do corpo social até transformar
esta cuestión nunha preocupación da vida organizativa
diária tanto a nível zonal como nacional. Esta
ofensiva que responderá as necesidades formativas do
momento e do lugar atenderá ao aspeito doutrinário
(por exemplo princípios ideolóxicos, situación
da mocidade, história de Galiza…) e organizativo
(por exemplo métodos de traballo, técnicas de
propaganda…).
A decisión da UMG de limitar a sua presenza pública
a edición do “Guieiro” convirte-o nunha ferramenta
central para a nosa actuación política e ideolóxica,
requirindo dun especial tratamento por ser xunto coa militáncia
o único méio do que dispomos para explicar a nosa
alternativa. A tal fin tentara-se de aumentar a sua regularidade,
face-la máis atractiva, coidar máis os contidos
e preparar e multiplicar os seus actos de apresentación.
Se ben o traballo formativo e de publicacións debe comprometer
ao conxunto dos organismos criara-se a nível nacional
unha Responsablidade de formación e outra de públicacións.