Paxina Principal da UPG
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
::

Discurso do Secretário Xeral

Teses Aprobadas

::

[ Discurso do Secretário Xeral ]

Camaradas, Delegacións convidadas, Compañeiras e compañeiros do Movimento Xuvenil Nacionalista, Amigas e amigos.

Chegamos ao remate deste XI Congreso da UMG tendo constatado, desde a nosa condición de nación políticamente acéfala, economicamente dependente e culturalmente asoballada, con preocupación e alarma o novo cenário político co que nos enfrontamos.

Cenário sustanciado nun contexto hostil e belixerante contra a base teórica sobre a que traballamos, o nacionalismo, como nunca antes se tiña dado.

O sistema, en forma de cefalópodo, deseña e configura na sua cabeza políticas lesivas para o conxunto da humanidade a das nacións dependentes da periféria económica, as colónias, e transmite logo, desde os seus tentáculos a ideoloxia da aceitación que mantén á sociedade apática ante unha voráxine especulativa, inumana e apocalíptica.

Os tentáculos baten con forza e saña contr a única ideoloxia que neste intre ousa cuestionar o ruma da história, o nacionalismo, eis como neste contexto, e no meio da máis aberrante das cerimónias da confusión, culpa-se ao nacionalismo de todos os males, algo que se ben efectivamente non é novo (após a queda do socialismo nos paises do Leste os movimentos patrióticos pasan a ser o inimigo público número un do sistema) ten agora como novidade o non escatimar en absoluto en médios, recursos e principalmente argumentos (coidadosamente elaborados en base á mentira e á fórmula «todo vale») para converter á vítima en verdugo e disfarzar-se de salvadores e gardiáns da democrácia e da liberdade aqueles aos que non causan nengunha contradición:

- Nen as taxas de desemprego abafantes

- Nen os índices de indixéncia alarmantes

- Nen os xenocídios disfarzados de intervención s humanitárias cando os intereses económicos ou xeoestratéxicos así o aconsellan

- Nen a expoliación de paises inteiros da periféria na procura de recursos naturais, matérias primas e man de obra barata

- Nen as políticas descaradas de dumping social

- Nen os volumes de produción acadados sobre a deslocación dos procesos produtivos e a operación en rede.

E digo, non lles causa nengunha contradición se o cálculo final de dividendos dá positivo, caia quen caia polo camiño.

Non podemos nós pasar de pontas por esta situación, a preocupación amosada debe dar paso a unha acción política medida, pedagóxica e intelixente que sexa quen e contrarrestar tal ofensiva do imperialismo, españolismo tal e como nós o coñecemos.

No noso país, neste contexto hostil, destacan as tendenciosas vinculacións ao independentismo, movimento que representa o auténtico comodín do statu quo imposto na Galiza, destacan tamén as tentativas por trasladar ao debate político interno dinámicas alleas, deste xeito quere agochar o Xunta do Partido Popular a sua bancarrota na defensa do País, dos seus mariñeiros, do seu sector agrogandeiro, do seu sector industrial, das suas infraestruturas e da sua mocidade, especialmente perxudicada por estas situación de «non bonanza económica».

Mais tamén é destacábel o coidado co que o PP comeza a actuar entre a mocidade, na universidade, nas asociacións xuvenís, con decisións orgánicas incluso, como se recollia nas suas teses vidas de aprobar. Cumpre-nos logo non perdermos de vista esta situación e esforzarmo-nos por clarificar á mocidade sobre quen é quen e sobre que é útil para o seu benestar e para a prosperidade económica de Galiza.

A Precariedade, a falla de expectativas laborais para a mocidade ou a emigración deben ser chantados no debate polo Movimento Xuvenil Nacionalista abrindo así fendas de reflexión e actuación no valado da apatia no que o PP quer enclaustrar á mocidade. Velaí a importáncia e a funcionalidade, como instrumento para acadar este obxectivo, da incidéncia social e prática do nacionalismo xuvenil.

Viña sendo xa de atrás unha teima nos cadros da UMG nas distintas organizacións do nacionalismo xuvenil a necesidade de vincular discurso teórico e acción política ás conquistas concretas e aos avanzos reais na situación da mocidade. Hoxe vimo-lo de plasmar por escrito nun epígrafe central das teses que alumearán o noso traballo nos vindeiros dous anos.

Organizarmo-nos para actuar e actuarmo-nos para incidir, velaí o repto para un movimento xuvenil cunhas estruturas e fortaleza organizativa nada desdeñábeis mais que deberán dar o salto cualitativo de mellorar na sua incidéncia social.

Incidéncia social a traveso

- Da pedagoxia política

- Da actuación socialmente útil

- Do contacto e reflexión conxunta co tecido asociativo ou sectores conxunturalmente agredidos e apriori non ideoloxizados

- Incidéncia social a traveso da para nós non nova invitación á participación en debates e campañas políticas.

Vai-nos a vida en afortalar esa incidéncia social do nacionalismo xuvenil

- Para inserir a máis mocidade no proceso de autodeterminación de Galiza

- Para inverter a tendéncia ao pasotismo e ao individualismo descaradamente fomentada desde o poder

- Para tronzar a tendéncia abstencionista dunha mocidade que mália todo segue tendo como elemento referencial ao nacionalismo

- En soma incidéncia social para criar un estado de opinión que recolla anecesidade de inverter a situación con políticas nacionalistas ( que en Galiza como nación colonizada é o mesmo que dicer progresistas) e para desenmascarar ante a mocidade, esa mocidade á que van dirixidos os falsários cantos de serea do sistema, os verdadeiros procesos económicos e sociais que se cocen nas cociñas do centro económico, e o que estes procesos reservan á mocidade, como sector per se feble e máis agravado ainda nun país sen poder de decisión, e en fin para desenmascarar tamen os mecanismos e argumentos fraudulentos e confusos utilizados para facer da luz escuridade e da escuridade luz.

Para este avanzo na incidéncia social do nacionalismo xuvenil, coa vista posta en acadar os obxectivos antes enumerados e durante o Congreso debatidos e aprobados, poñemos á UMG e aos seus e ás suas militantes ao servizo das distintas organizacións nas que vimos traballando.

Poñemos tamen ao servizo do Movimento Xuvenil Nacionalista as nosas teses, entendidas como ferramenta útil para operar neste contexto de enorme hostilidade, teses de enorme contido prático de cara a aperfeizoar a conexión coa mocidade, de cara a concienciar a un maior número de mozas e mozos e de cara a organizá-las e organizá-los no asociacionismo nacionalista.

Que ninguén agarde nas teses recén aprobadas grandes teorizacións ideolóxicas sobre o marxismo-leninismo, non lle corresponde á UMG -nada hai xa 24 anos- definir a sua posición ideolóxica, sabemos quen somos e, o que é máis importante, cara onde camiñamos.

Temos ademáis o convencimento de que a enumeración da nomenclatura clásica do marxismo ou a reiteración machacona de consignas non fan a unha organización merecedora do calificativo de revolucionária ou transformadora da sociedade.

Van ser, por contra,

- A análise pausada das circunstáncias do momento

- O degrao de concienciación da sociedade, e en base a estes dous elementos

- O deseño dunha mensaxe e dunha actuación comprendida polos seus destinatários e destinatárias, que incida socialmente (outra vez incidir!)

- E como consecuéncia disto a criazón dun estado de opinión favorábel ás nosas teses, que logo se traduza nunha simpatia e compromiso co noso movimento

Digo que serán estes os que determinen na prática quen fai tambalear os alicerces do modelo socio-económico imperante e quen fai de estea e comparsa do complexo político imperialista.

Cumpre facer, nesta mesma liña, algunha referéncia a pretensas formas independentistas no noso País. Trata-se de movimentos con escasa repercusión social e nula incidéncia real que ás veces gozan dun tratamento privilexiado nos meios de comunicación hostís co nacionalismo. Dentro da fraseoloxia radical e inzada de ideoloxismo agochan moitas veces auto-ódio e auto-colonización. Sen o máis mínimo reparo, son quen de plegar-se a ditados alleos e son quen de emular estratéxias e tácticas políticas que existen noutras latitudes e que xa teñen merecido a nosa reprobación e condena. Frente aos que renden pleitesia a organizacións alleas e profesan o «papanatismo basco», nós quedamo-nos coa sentenza do noso Castelao «Cada Povo ten o seu ideal revolucionário e por tanto debe facer a sua revolución».

Son realmente neste momento tan funcionais na Galiza para o poder do estado, que de non existiren, terian-os que inventar. Debe ser responsabilidade da UMG en conxunto coas organizacións xuvenís nacionalistas clarificar pedagoxicamente á mocidade sobre a función destes movimentos, que para alén doutras consideracións, se concreta nunha prática aventureira, inconveniente e fortemente danina para os intereses colectivos do país, aquí e agora.

Cumpre, desde o obxectivo marcado de facer ao movimento nacionalista hexemónico na nosa sociedade, perguntar se realmente estas políticas soman ou, pola contra restan, de cara a efectivización da hexemonia social do nacionalismo.

Máis unha vez o esquema «organización, actuación, incidéncia» debe ser instrumento desa clarificación frente a este fenómeno.

Remata este XI Congreso da UMG coa idea de continuarmos ou, pésie oas atrancos, non renuciarmos a ser o referente do movimento xuvenil galego, mais non por autocomplacéncia nen en benefício partidário senon para pór a disposición de Galiza Nova, dos Comités Abertos de Estudantes, dos Comités Abertos de Faculdade, da mocidade traballadora da CIG e demáis organizacións que operan en clave de soberania nacional, o esforzo, a experiéncia acumulada e o traballo leal e sincero de cara a seguir avanzando, neste ambiente a cada máis hostil, no proceso de autodeterminación do Povo galego.

Falaba do papel referencial da UMG non por autocomplacéncia, como xa afirmei, nen por sectarismo senon pola verificación empírica, na prática, de que nada no eido xuvenil nacionalista se pode entender desde o 1977 sen a nosa participación e concurso. E digo isto sen ánimo exclusivista pois estariamos cegos e seriamos ademáis inxustos senon recoñecesemos a aportación fundamental de moitas e moitos compatriotas que non comparten adscrición partidária con nós.

Ten que ser, logo, fundamental manter o papel referencial da UMG e a fortaleza da Organización en base ao princípio do centralismo democrático e á unidade de acción.

A indestrutibilidade dunha organización debe-se en moito a actitude das e dos seus militantes e non a desígnios derivados dunha lei natural ou divina. As cousas nunca son porque sí e a determinadas situacións non se chega por casualidade, senon que son sempre resultado dun actuar prévio, consciente ou non. Asumamo-lo nós e tomemos nota da experiéncia vivida, baixo a responsabilidade que se nos presume como militantes dunha Organización que consideramos indispensábel para o futuro de Galiza e que ten a virtualidade de dotar de coeréncia e de visión global ao movimento xuvenil nacionalista. Pasemos páxina camaradas, e aproveitemos o novo milénio para escreber con letras de ouro un novo capítulo do libro da loita pola dignidade colectiva do País.

Teño a certeza de que marchamos coa satisfacción do deber cumprido, o debate sincero dado e os obxectivos aprobados marcarán, de seguro, un ponto de inflexión. Ponto de inflexión desde o que enfrontar o proceso eleitoral autonómico iminente, no cal, como recoñecia hoxe un destacado xornal galego, albiscan-se posibilidades reais dun cámbio político na Galiza liderado polo BNG.

Quero rematar facendo tamen unha apelación á necesidade de non cairmos na trampa de crer a própria propaganda que o inimigo verque sobre nós, non é o noso Partido nen a UMG un grupo de falcóns ou de comisários que furtan o debate e actuan con man de ferro nas organizacións nacionalistas. Somos apenas patriotas galegas e galegos que, desde unha análise marxista-leninista aplicada á realidade concreta de Galiza, aspiramos a compartir o mellor de nós mesmos, cóbado con cóbado, cos demáis compañeiros e compañeiras cos que estamos xuntos no combate por unha Galiza Soberana que contribua a un mundo máis xusto.

Camaradas, compañeiras e compañeiros, delegacións convidadas, amigas e amigos:

Viva a UMG!!

Viva o Movimento Xuvenil Nacionalista!!

Viva a UPG!!

Viva Galiza Ceive e Socialista!!

DAVID PENA DÍAZ
Secretário Xeral