A
UPG |
A
UMG |
Terra
e Tempo |
Cousas
que importan |
|
35 anos da UPG ao servizo da Terra
 |
Nº
12 - Setembro a Decembro de 1999 |
| |
|
|
|
|
|
|
|
|
| Documentos: |
|
|
| |
A situación nos paises socialistas europeus
Os sucesos que aconteceron no 1.990 nos paises do Leste non
pasaron desapercebidos para os militantes da UPG. Dentro da
discrepáncia de matices e das diferentes interpretacións
que se aventuraron sobre o desenlace do proceso daquela en curso,
o Secretariado Político da UPG acordara remitir ao Comité
Central uns pontos básicos orientativos da discusión
que, unha vez completados, enriquecidos ou modificados coas
aportacións dos militantes que integran ese órgao
central de dirección foron finalmente debatidos nunha
Conferéncia Nacional convocada en Marzo dese ano. Oferecemos
agora aquel documento orixinal, posteriormente máis matizado.
Unha visión xa máis ponderada destes feitos podera-se
ollar nas resolucións publicadas do 7º e 8º
Congreso da UPG que se celebrarian no ano 1991 e 1994 respectivamente.
1.- Os procesos que se están a viver nos paises socialistas
europeus, á marxe da evolución futura e das opcións
políticas e económicas concretas que en caada
un deles se podan escoller, poñen de manifesto a crise
dun rexime, no que perviven reminiscéncias estalinistas,
non adecuado á actual etapa histórica do socialismo.
Quizá pudo estar lexitimado nun momento no que se impuña,
por razóns externas e interiores, unha actuación
ríxida para conseguir a rápida transformación
do aparato produtivo, a acumulación económica
acelerada e a superación da explotación de clase
herdada do sistema precedente. Perpetuar esta rixidez indefinidamente
significa substituir o poder popular polo império de
castas burocráticas; atraizoar, en definitiva, os princípios
esenciais do marxismo-leninismo. A ditadura do proletariado
–reivindicada por Lénine- nada ten que ver coa
permanente marxinación das masas na construción
da nova sociedade.
2.- Por máis que se quixer invocar a influéncia
ou participación de elementos externos e reaccionários
na activación do proceso, resulta cando menos dubidoso
facer depender desta inxeréncia a ampla e xeneralizada
dimensión que acadou, impensábel de non atopar
na sociedade un sólido respaldo popular. O apoio eleitoral
acadado por un candidato disidente nas eleizóns ao Soviete
Supremo seria simplista interpretá-lo como manobra imperialista.
Evidéncia-se, xa que logo, que a supresión do
pluralismo, ademais de ser unha utopia que non pode perpetuar-se
fora da permanente supresión dos direitos democráticos,
constitui unha desviación dos obxectivos comunistas.
3.- A UPG criticou na teoria e desmentiu na prática
o tratamento dado aos problemas nacionais polos partidos situados
na órbita ideolóxica soviética. Sempre
nos pareceu incorrecto que o direito de autodeterminación,
formalmente recoñecido nas sucesivas Constituizóns
da URSS, carecese de verificación, ao privar os destinatários
deste direito dos instrumentos adecuados para pó-lo en
prática ao negar-lles a capacidade de auto-organización
política. O facto de que os comunistas galegos optásemos
por organizacións partidárias de ámbito
e carácter nacional contradicia na prática o esquema
defendido pola doutrina de Moscovo, defensora do marco estatal
como base organizativa do proletariado. As convulsións
nacionalistas que nestes momentos se están a producir,
e que nalguns casos gozan do apoio ou cando menos do tácito
consenso dos comunistas das repúblicas ás que
afectan, non só veñen corroborar o acerto da liña
defendida polo noso Partido, senón que representan tamén
un aval e reforzo para a causa dos movimentos nacionais de liberación
da Europa occidental.
4.- Xusto é recoñecer que a convulsión
política que afecta estes paises arrasta dificuldades
e contradicións que poden trabar a correcta recondución
do proceso, e que inclusive non seria aventurado pensar que
algun deles caíse (agardamos que de forma transitória)
na órbita de influéncia imperialista. Isto último,
claro está, poderia ser, no pior dos casos, o tributo
a pagar pola necesária renovación das estruturas
vixentes e obsoletas nos paises do Leste, e que, de conseguer
tal obxectivo, contribuiria a dar un impulso definitivo ao reverdecer
dos movimentos revolucionários hoxe en dia debilitados
na zona central do capitalismo. Cabe imaxinar, por outra banda,
que unhas masas fugazmente fascinadas por hábitos de
consumo próprios de Occidente vaian renunciar a conquistas
sociais logradas e vividas en vários anos de socialismo,
pagando os calzas vaqueiros, a dicoteca, o automóvil
e a frixideira coa restrición no acceso á Universidade,
co desemprego, cos altos prezos a pagar polo aluguer dunha morada
e coas deficiéncias asistenciais nos servizos da saúde?
Todo isto leva-nos a pensar, con fundamento, que a restruturación
política iniciada significa a meio ou longo prazo beneficiosa
para a causa revolucionária, xa que non sendo previsíbel
que desemboquen na xeralizada involución capitalista
serven para remover formas burocratizadas e anacrónicas
do Estado socialista.
5.- Resulta obrigado subliñar que o proceso dá-se
nuns paises nos que estaba vixente un determinado modelo socialista,
os do Leste e Centro de Europa, ainda que poda ter repercusións,
que renunciamos polo de agora a analisar, nos paises do Terceiro
Mundo e nos movimentos de liberación nacional. O reaxuste
dialéctico que se está a producir corresponde
a un contexto no que o sistema capitalista fora substituido
hai várias décadas por formas de produción
orientadas cara á sociedade comunista. Non son os princípios
básicos do marxismo os que están en cuestión
–tal como a miúdo salienta a crítica burguesa-
senón o modo de conducir a transición, no momento
actual, entre dous sitemas contraditórios. Se non cabe
aplicar a extrapolación do proceso aos movimentos que
loitan ainda por romper as tenazas da opresión capitalista,
a non ser naqueles aspectos que podan condicionar a táctica
a seguer na fase posterior á toma revolucionária
do poder, moito máis dificil parece deducir del conclusións
que sirvan de correctores das estratéxias dos movimentos
de liberación nacional. Neste caso, ademais, porque a
via seguida por estes significaba xa violentar a ortodóxia
sacralizada polo modelo hoxe cuestionado. Non esquezamos as
reticéncias do movimento comunista articulado na obediéncia
a ese modelo para recoñecer oficialmente a lexitimidade
dos movimentos de liberación, mesmo naqueles que culminaron
procesos revolucionários na América Latina.
6.- Nós, que partimos dun contexto xeográfico
e histórico no que a explotación de clase ten
como instrumento principal a dependéncia, a división
internacional do traballo e o intercámbio desigual, non
achamos motivos para mudar unha estratéxia concordante
coas teses dos marxistas máis lúcidos do Terceiro
Mundo. Non renunciamos a ela, porque abandoná-la significaria
sacrificar eternamente as arelas de emancipación do noso
povo. Folgamo-nos, por outra banda, de que a evolución
seguida nos paises do Leste veña confirmar, en certa
maneira, interpretacións que xa asumíramos na
nosa prática política.
|