A
UPG |
A
UMG |
Terra
e Tempo |
Cousas
que importan |
|
35 anos da UPG ao servizo da Terra
 |
Nº
12 - Setembro a Decembro de 1999 |
| |
|
|
|
|
|
|
|
|
| Documentos: |
|
|
| |
Debate sobre o xuramento da Constituizón
Damos a coñecer un texto elaborado polo Comité
Central da UPG en Novembro de 1984 que pode axudar a esclarecer
alguns aspeitos do debate que se dá con motivo da imposición
de asinar unha declaración de acatamento á Constituizón
aos candidatos recollida nese nomento nun Proxecto de Lei Orgánica
do Rexime Eleitoral Xeral.
Se ben no IV Congreso nos pronunciamos pola negativa a xurar
acatamento e fidelidade á Constituizón española,
tal alternativa debemos encadrá-la dentro dun contexto
político determinado, que está en relación
coa expulsión dos deputados nacionalistas do Parlamento
da Galiza, alternativa non cuestionada nen modificada na decisión
tomada agora polo órgao supremo de dirección da
UPG entre congresos. No relatório intitulado “A
actividade institucional e a política eleitoral”,
o congreso pronunciou-se pola via política para combater
o Estado unitário español, e polo tanto tamén
a Constituizón que o ampara, e para aumentar a introdución
social do noso proxecto político. Neste sentido reafirmou-se
na necesidade de incrementar a presenza institucional nacionalista,
de utilizar a batalla eleitoral para impor esa presenza nas
instituizóns, de conquistar na mesma resultados aceitábeis.
Xa que logo, do que neste momento se trata é de viabilizar
os obxectivos marcados dentro do contexto político criado
polo novo marco legal. Se optamos por levar a postura mantida
até agora polos cargos institucionais a respeito do xuramento
de fidelidade até as circunstáncias presentes,
por suposto que as formas de actuación antes mencionadas
ficarian invalidadas, sendo preciso un reconsideración
radical dos nosos princípios estratéxicos. As
situacións son substancialmente diferentes. Mentres no
caso anterior a representación acadada permitia o cuestionamento
permanente dun rexime político que se nega a admitir
a vontade popular manifestada nas urnas, non haberia posibilidade
agora de acceder a dita representación. Tampouco haberia
ocasión para que a nosa alternativa estiver presente
nas confrontacións eleitorais, nen para lograr a lexitimidade
social que das mesmas emana, elemento importantisimo para o
fortalecimento dos obxectivos políticos que defendemos.
Herri Batasuna, que pratica o boicote sistemático ás
instituizóns estatais e autonómicas, non menospreza
porén o valor lexitimante dos votos.
Tendo en conta as razóns aducidas, ademais das que a
seguido se tomarán en consideración, o CC acordou
o seguinte:
RESOLUCIÓN
A UPG aceita a participación nos procesos eleitorais,
transixindo coa esixéncia da asinatura da declaración
de acatamento á Constituizón imposta aos candidatos
polo Proxecto de Lei Eleitoral, e mantén a postura seguida
até hoxe a respeito das fórmulas de xuramento
estatuídas para a toma de posesión dos cargos
institucionais eleitos.
Motivos que a fundamentan:
1.- Partimos do suposto de que a declaración expresa
de acatamento á Constituizón, como condición
necesária para participar nos procesos eleitorais, significa
un paso atrás nas posicións que frente ao poder
tíñamos conquistado. Pode entender-se como derrota
parcial a curto prazo. Temos fe, non obstante, na vitória
da causa que defendemos, e por iso preferimos un retroceso táctico
á capitulación definitiva retirando-nos do campo
de combate. A escolla non seria problemática se se tratar
de elexer entre unha alternativa boa e outra má. Mesmo
asi, cando, como neste caso, se debe escoller entre unha ma
e outra pior, o senso comun e a prudéncia política
aconsellan-nos quedarmos coa primeira. Se nengunha organización
revolucionária foi ainda capaz de evitar as retiradas
estratéxicas, nós, como vanguarda do movimento
de liberación nacional galego, debemos compensar os efeitos
desta nova situación procurando avanzar pola via que
nos permita lograr –como dixo Lénine- unha correlación
favorábel aos nosos intereses e obxectivos.
2.- Podemos presumir que a decisión da UPG e do Bloque
Nacionalista Galego de non marxinar-se do combate eleitoral,
aceitando as exixéncias impostas para a participación,
vai producir un sorriso de satisfacción entre aqueles
que desde sempre apostaron polo extermínio da nosa alternativa
política. Van-nos dicer, e asi o van reiterar publicamente
desde os meios de comunicación, que por fin entramos
polo aro. Debemos estar vacinados contra as insídias
que neste sentido se podan verter. Nunca a prensa deste país
adoptou atitudes favorábeis ao nacionalismo. Sempre acentuou
a sua hostilidade cando este infrinxiu algunha derrota aos xendarmes
do colonialismo. A reacción virulenta dos xornais do
país a raiz do retorno dos restos de Castelao, son testemuña
recente do transfondo ideolóxico que os anima.
Pola contra, no caso de decidirmos a retirada forzosa ou voluntária
dos procesos eleitorais alegando unha formal coerencia –neste
caso ideoloxista e non ideolóxica- o sorriso trocara-se
nunha gargallada estrepitosa dos nosos adversários. Quizá
manteñan siléncio se botamos a andar por esta
via, pois seria malgastar hostilidades en perseguer ao inimigo
que se bate en retirada. Concedamos-lles, xa que logo, o alívio
dun sorriso que xorde dun estado anímico de dúbida,
desconfianza e temor, pero non lles brindemos a satisfación
da gargallada.
3.- A exixéncia imposta desde a Lei Eleitoral ten como
finalidade a función de pór fora do xogo político
ás forzas que até hoxe nos negamos a pregar-nos
á fórmula de xuramento estatuída nas normas
regulamentárias das diferentes instituizóns. Ven
situar o colador no nível que maior eficácia e
menores contradicións lle produz. Ademais, evita deste
xeito sancións que colisionaban, na normativa anterior,
coa mesma legalidade formal que fundamenta o rexime para o cal
se pede acatamento. A nosa resposta debe ser impedir-lles o
logro dos obxectivos que perseguen, fuxindo de cair na trampa
que nos tenden. Unha trampa, por outra banda, que pode voltar-se
en contra dos artífices da mesma, xa que está
trivializando algo dotado en princípio de certa solenidade
carismática. Xa é obrigatório prestar acatamento
para entrar no corpo de funcionários. Non seria de estrañar
que dentro de pouco o fose tamén para matricular-se na
Universidade ou conseguer o pasaporte. Os ritos –e o xuramento
hai que considerá-lo como tal- ao trivializaren-se vacian-se
de conteúdo carismático e perden eficácia.
4.- O IV Congreso definiu-se pola via política para
combater o Estado unitário español e para aumentar
a introdución social do noso proxecto. Somos conscientes
de que a actividade política non se esgota na participación
eleitoral, pero consideramo-la peza fundamental da estratéxia
que escollemos como método de actuación. A alternativa
económica, social e nacional que defendemos non debe
estar ausente dos procesos eleitorais, e pensar que esta auséncia
pode contra-arrestar-se cunha maior incidéncia no eido
sindical, cultural, da loita ideolóxica e dos movimentos
de masas en xeral non pasa de ser pura utopia, sobretodo se
temos en conta que o listón co que tentan trancar a nosa
presenza política imo-lo ter situado dentro de pouco
noutros níveis de participación. Cabe prever a
introdución do acatamento nas eleizóns sindicais.
5.- Seria un erro a pretensión de paliar os efeitos
da marxinación eleitoral substituindo-a por unha campaña
destinada a fomentar o abstencionismo. Aparte de que ia exixir
esforzos moi superiores aos necesários para acadar unha
cativa representación institucional, e supondo –o
cal é moito supor- que lograsemos gañar para a
abstención o sector de votantes que nos veu apoiando
en sucesivas confrontacións, en nengun caso fariamos
variar as cifras do abstencionismo nunha porcentaxe superior
a tres pontos. Unha incidéncia tan reducida no absentismo
eleitoral dun país con cotas de participación
que non ultrapasan o cincuenta porcento, dificilmente poderia
rendibilizar-se politicamente ou, cando menos, seria meio para
que aparecese con certa transparéncia o significado político
do mesmo.
6.- Ausentar-se do campo eleitoral significaria, asi mesmo,
deixar via libre ás opcións reformistas e autonomistas
neste nível, contribuindo asi ao incremento do confusionismo
e á oclusión imediata da alternativa que defendemos.
A potenciación de sucedáneos ideolóxicos,
mesmo que sexa de forma indirecta polo noso absentismo, leva
aparellado o debilitamento social do movimento nacionalista,
a sua grupusculización irremediábel, responsabilidade
que a UPG non debe asumir apelando a posturas idealistas.
7.- Cando non conseguimos ainda que o povo galego –e
mesmo amplos sectores de colaboradores- asumise politicamente
o significado da auséncia das instituizóns por
negarmo-nos ao xuramento da Constituizón, seria un salto
no baleiro e e unha fuxida cara adiante desertar do xogo eleitoral
en base aos mesmos argumentos, postura dificilmente asumíbel
pola base social que nos apoia. Ademais de constituir un erro
imperdoábel, constituiria traizón revolucionária
aprofundar as distáncias que separan a vanguarda do soporte
popular. A coeréncia resulta puro ideoloxismo cando non
ten en conta as condicións obxectivas. Non se pode medir
en termos abstractos. Será positiva cando sirva para
fortalecer, unir e aumentar a cobertura social do movimento
revolucionário. Se o enfeblece, grupusculiza e isola
é simples moralismo rexeitábel.
8.- Coeréncia moralista máis dificil de manter
cando o acatamento da Constituizón está imposto
xa como exixéncia para acceder a un posto de traballo
na Administración. Se esta coeréncia idealista
a levamos ás suas últimas consecuéncias
simplificadoras, o Partido quedaria reducido a unha dúcia
de mesias de transcendéncia puramente testemuñal.
Se, pola contra, optamos por introducir a distinción,
un tanto metafísica, entre níveis de comportamento
individual e níveis de comportamento político,
non seria doada a xustificación da renúncia á
participación eleitoral dunha persoa que se nega a acatar
algo que previamente aceitou para ingresar en certas esferas
da vida profisional.
9.- A decisión tomada polo CC da UPG non debe levar-nos
a unha simplificación que tente asimilar-nos a organizacións
políticas que sempre combatemos. As diferenzas non se
substancian por atitudes diferentes a respeito do xuramento
da Constituizón, a pesar do importante valor simbólico
que tanto para nós como para o sistema ten esta conduta,
senón polo antagonismo das alternativas que defendemos
e pola prática política seguida polo nacionalismo
popular, que o afastan do reformismo e autonomismo do pseudogaleguismo
e da esquerda estatalista.
10.- Reafirmamo-nos, finalmente, nunha prática política
de combate á Constituizón e na negativa de xuramento
de fidelidade nas instituizóns.
|