A
UPG |
A
UMG |
Terra
e Tempo |
Cousas
que importan |
|
35 anos da UPG ao servizo da Terra
 |
Nº
12 - Setembro a Decembro de 1999 |
| |
|
|
|
|
|
|
|
|
| Documentos: |
|
|
| |
Qué é a UPG?
Precisamente, o texto que ven de seguido apareceu publicado
na portada do Terra e Tempo número 45 de Abril de 1977
no início dunha etapa de grande vitalidade para o -nesa
altura- voceiro da UPG.
Reproducimos este documento ao ser a expresión da condensación
do pensamento da UPG como partido ao longo da década
dos 70, tras un periodo de elaboración teórica
e contrastación prática que conduce a este Partido
cara un alto grau de madurez política.
1.- Galiza como nación colonizada
Galiza é unha nación oprimida económica,
política e culturalmente pola burguesia monopolista do
Estado español. Galiza é unha nación colonizada
porque para que poda desaparecer aquela opresión é
necesário destruir o Estado colonialista e rematar coa
función que cumpren as clases populares galegas dentro
do Estado español: É por iso que, na Galiza, loita
de liberación nacional e loita de clasese son indisolúbeis
ou o que é o mesmo; a loita nacional na Galiza posui
un claro conteúdo de clase. Xa que logo, a loita polo
socialismo, obxectivo estratéxico da UPG pasa inevitabelmente
pola independéncia nacional, pola construción
dunha pátria galega ceive e popular, soberana e solidária
con todos os povos do mundo.
2.- Necesidade dun partido operário marxista-leninista
nas nacións colonizadas. A UPG como produto de tal necesidade
Contra capitalismo imperialista que aferrolla a nosa Terra,
só cabe unha resposta; a organización política
da vanguarda do proletariado nun partido operário. Ese
partido é a UPG: a sua ideoloxia a da clase obreira:
o marxismo-leninismo. Só a clase obreira, polo seu papel
no proceso de produción, pola sua coesión, discipliña
e capacidade organizativa, en suma, porque é a negación
mesma do sistema burgués, está en condición
de loitar consecuentemente até o final contra capitalismo
e colonialismo na nosa nación. No noso Partido existe
unha maioria absoluta de obreiros e empregados, e un número
sempre crescente de labregos, mariñeiros e patriotas,
de ideoloxia comunista procedentes dos sectores máis
empobrecidos da pequena burguesia. Como partido revolucionário,
a UPG ten unha estrutura organizativa concorde cos seus obxectivos.
Rexe-se polo princípio do centralismo democrático;
praticado consecuentemente é o único capaz de
aliar o princípio da democracia interna sempre en función
duns intereses irrenunciábeis e coerentes de conxuntar
a disciplina coa camaraderia, o espirito crítico e autocrítico
coa consciéncia da realidade.
3.- A UPG e a necesidade de auto-organización
das clases traballadoras galegas
A auto-organización política e sindical do proletariado
galego e das clases traballadoras en xeral, é a única
garantia de que o proceso de autodeterminación do noso
povo será tal e respostará aos intereses das clases
populares. Somente un partido que manteña na prática
unha independéncia ideolóxica, política
e organizativa respeito ás organizacións políticas
de ámbito estatal pode defender incondicionalmente, sen
servidumes nen enfeudamentos, os intereses do proletariado e
de todo o povo galego. Ese partido é a UPG, o único
partido realmente patriótico que existe na Galiza.
Defender os partidos de ámbito estatal en nome da unidade
da clase obreira e da necesidade de loitar unidos contra un
inimigo comun é esquecer todo o anteriormente mencionado,
pero ademais é esquecer que unidade significa pacto entre
iguais e loita contra o inimigo desde a problemática
específica de cada quen. Por todo esto é polo
que a UPG é un partido nacional galego, porque xurdiu
como necesidade organizativa do proletariado galego que padece
duas mostras ben visíbeis do feito colonial: sobreexploración
e emigración. O noso nacionalismo non separa, une o povo
galego en función da sua liberación; a nosa loita
pola revolución nacional-popular galega é a mellor
proba de solidariedade real que podemos oferecer ao proletariado
e aos povos do Estado español, da Europa e do mundo.
Nisto consiste o internacionalismo proletário nunha nación
colonizada como a nosa.
No momento presente cremos que é especialmente importante
fortalecer a liña de masas organizativa e ideolóxico-política,
xa que a loita política pasa a primeiro plano nunha situación
de democracia burguesa e que, por conseguinte, só a confrontación
ideolóxica e política poden facer avanzar a loita
nacional-popular. En nome deste princípio, a UPG apoia
a auto-organización da clase operária e demais
clases populares galegas en organizacións de masas cunha
perspectiva anticapitalista e anticolonial. Sen a nosa presenza
e pulo, hoxe non serian realidade a ING, CCLL, CCMM, ERGA, o
FC, múltiplas asociacións de viciños e
de bairros.
4.- A UPG e o obxectivo da revolución nacional-popular
na Galiza
Como partido operário que é, a UPG loita polo
socialismo, pola supresión da propriedade privada dos
meios de produción, contra da exploración do home
polo home no camiño da sociedade comunista.
Agora ben, o proletariado non é a única clase
explotada senón que o capitalismo colonial padecen-o
tamén todas as clases populares galegas, o que determina
unha converxéncia obxectiva de intereses na loita pola
liberación nacional e social do noso povo. Por iso a
revolución nacional-popular é un paso necesário
no camiño do socialismo na Galiza e precisa, para ser
realidade, da formación dunha ampla frente interclasista
integrada por todas aquelas clases que asumen a contradición
principal presente hoxe na Galiza: a que opón as camadas
populares galegas á burguesia monopolista do Estado español.
As clases populares galegas necesitan soberania política
para acometer a reforma agrária e pesqueira, para facer
unha industrialización racional do país, para
investir na Galiza os aforros dos nosos emigrantes, para rematar
dunha vez por todas coa emigración, para converter o
galego na única língua oficial da Galiza, para
construir unha democracia sen monopólios. Só un
Estado galego democrático-popular será capaz de
levar adiante estas medidas, imprescindíbeis para encetar
a reconstrución material e cultural do país, e
mellorar substancialmente as condicións de vida do noso
povo.
Por todo o anterior a UPG, na fase actual, preconiza a loita
pola liberación nacional e social da Galiza, como paso
necesário para a construción do socialismo, e
fai seu, como programa mínimo, o contido das Bases Constitucionais
e o programa de desenvolvimento económico, cultural e
social da AN-PG.
A AN-PG representa, como organización política
apartidária e patriótica, con vocación
de poder popular, da que forma parte a própria UPG, a
frente interclasista necesária nun país colonizado
neste momento histórico. Agora ben, o Partido non pode
diluir-se na frente. Só a existéncia dun partido
operário independente é garantia de que a clase
operária galega hexemonizará a revolución
nacional-popular e procurará a sua transformación
en revolución socialista. O proletariado galego debe
constituir-se en clase nacional para dirixir estratexicamente
a revolución galega.
5.- A UPG como único partido comunista patriótico
(nacional)
A UPG é o único partido galego que defende na
prática os intereses do proletariado e de todo o povo
galego. É o único partido que ten elaborada unha
alternativa revolucionária para a clase operária.
É o único partido que loita pola oficialización
do galego e pola normalización da nosa cultura. É
o único partido que loita pola dignificación da
vida política do noso país. Temo-lo demostrado
cos noso mortos, cos noso prisioneiros, con centos de militantes
torturados, multados e procesados. Temo-lo demostrado coa nosa
participación na vanguarda da loita anticapitalista e
anticolonial: desde Castrelos até as Encrobas; desde
o Dia da Pátria Galega á recente folga da construción
de Lugo.
O bloque nacional-popular (AN-PG/UPG) está espallado
por toda a Galiza. Nengunha outra corrente política chega
hoxe até o último curruncho da nosa Terra; nengunha
ten uns obxectivos tan precisos que rematarán coa explotación
do noso povo.
|