A
UPG |
A
UMG |
Terra
e Tempo |
Cousas
que importan |
|
35 anos da UPG ao servizo da Terra
 |
Nº
12 - Setembro a Decembro de 1999 |
| |
|
|
|
|
|
|
|
|
| Documentos: |
|
|
| |
Función da UPG na frente nacionalista BNG
[Francisco Rodríguez Sánchez]
En 1983, o entón recén
conformado Bloque Nacionalista Galego (BNG) convocou o Dia da
Pátria Galega baixo o lema "O nacionalismo, a solución
para Galiza". Viñamos de pasar (eleizóns
xerais de Outubro de 1982) por uns resultados eleitorais que
a presión e a propaganda bipartidistas sacralizaban como
a proba da irreleváncia do nacionalismo na Galiza. O
informe do Comité Central para o IV Congreso da UPG,
celebrado en Decembro de 1983, lembraba que o lema escollido
para aquela celebración patriótica respostaba
á convición de que "o nacionalismo é
unha necesidade para o noso povo (...) a nosa presenza social
responde a esa necesidade".
O artellamento do BNG fixo-se, pois, nunhas circunstáncias
difíceis social e politicamente falando para o movimento
nacionalista. En Abril de 1982, o plenário da AN-PG (Asemblea
Nacional-Popular Galega) aprobou un relatório na que
se propuña a reformulación do que fora até
entón a plasmación da política frentista.
Foi unha clara iniciativa da UPG, entón hexemónica
do ponto de vista cuantitativo no seio da frente. Habia que
adaptar-se ás novas condicións. Cumpria abrir
un proceso constituinte para que participasen todas as organizacións,
partidos e persoas, conscientes da gravidade da situación,
dispostos a ergueren unha nova plataforma unitária do
nacionalismo, acorde coa experiéncia recollida e os sintomas
evidenciados desde 1977 até entón, etapa de configuración
do actual rexime democrático. Para axir e incidir na
nova situación en prol dos intereses da Galiza e non
sumir o nacionalismo galego na marxinalidade, non cabia máis
que reaxir. Era cuestión de rectificar tácticas,
modos, métodos, cuestión de didáctica social,
sen alterar os princípios básicos dun nacionalismo
merecente de tal nome.
Moitas veces evoca-se a negativa a prestar xuramento de acatamento
e fidelidade á Constituizón española e
ao Estatuto por parte dos deputados do Bloque-PSG no Parlamento
da Galiza como proba de radicalismo, como erro grave ou como
evidéncia de modificacións ideolóxicas
posteriores. Pero esquecen-se vários aspectos relevantes:
a) Foi na Galiza e contra o nacionalismo galego que por primeira
vez se fixo tal exixéncia através dun regulamento
que se aplicou retroactivamente, nada menos que a deputados
no pleno exercício do seu cargo. Democraticamente impresentábel.
A "fidelidade" non figurou como exixéncia nunca
para ocupar cargos de representación democrática
noutros territórios do Estado.
b) A crítica aos postulados ideolóxicos da Constituizón
española, especialmente no que atinxe á estrutura
territorial do Estado, coa conseguinte negación das nacións
que o conforman, era –e é- unha peza clave da posición
nacionalista, que o tempo non fixo máis que confirmar.
A base organizada do nacionalismo galego estaba especialmente
sensibilizada por esta análise. Debe lembrar-se que o
nacionalismo galego na transición mantivo posicións
rupturistas, mesmamente formalizadas nas "Bases Constitucionais"
do Consello de Forzas Políticas Galegas en 1976. Resultaba
difícil aceitar semellante imposición, considerando-a
só un trámite que se podia cobrir cinicamente.
Un xuramento de fidelidade, ainda en riba retroactivo, a un
texto criticado duramente e que negaba, sen paliativos, o direito
das nacións como a Galiza, semellaba intragábel
para a imensa maioria da militáncia. Coidou-se que por
hixiene da própria democracia, pagaba a pena recorrer
aos mecanismos formais que a mesma democracia dicia amparar.
c) Os efeitos que provocou a expulsión –que non
auto-exclusión- dos nosos deputados, a partir de aquel
sombrizo dia 23 de Novembro de 1982, non foron consecuéncia
simplesmente deste atropelo antidemocrático, senón
dun acoso planificado, do atentado e burlas contínuas
contra as liberdades democráticas, dirixidos cara aos
nacionalismos en xeral, e de forma específica contra
o galego entre 1982 e 1985, por acoutar un período que
clarificou grandemente a necesidade de cambiar de táctica,
sen mudar os princípios.
d) A decisión tomada en 1982 foi tan democrática
como a tomada en 1985, cando se aceitou como imposición
(xa era unha exixéncia para a adquisición plena
dos direitos dos cargos institucionais), a fórmula de
acatamento á Constituizón. As consecuéncias
negativas para o nacionalismo galego puderan contrastar-se na
prática. Sendo minimamente conscientes, e apesar do carácter
antidemocrático de semellante imposición, non
se podia continuar expulsos das instituizóns.
Pasma observar como se pudo conformar unha frente nacionalista
como o BNG nuns anos tan críticos, nunha atmosfera social
de cansazo, pragmatismo e intimidación en amplos sectores
sociais. Teño a certeza de que o voluntarismo nacionalista,
a convición dunha necesidade, xogou un papel crucial.
Asemade, a adaptación intelixente a un contexto "consolidado"
para non encamiñar-nos ao suicídio ou á
marxinalidade inútil cando non "estética",
parecia a única saída politicamente razoábel.
Sen a existéncia dun partido tan voluntarioso e experimentado
como a UPG resultaria inexplicábel este fenómeno.
Non existiron na Galiza dous proxectos nacionalistas propriamente
ditos entre 1982 e 1996. O impulso dunha plataforma unitária
como necesidade, a consideración da contradición
nacional como eixo vertebrador da política na Galiza,
uns princípios ideolóxicos clarificados do ponto
de vista nacionalista, unha consecuéncia prática
dos mesmos na vida social e política, mesmamente o uso
do adxectivo definidor, foron características que só
o BNG mantivo sen ambigüidades. Na prática só
existiu un proxecto. O tempo encarregou-se de evidenciá-lo
para ben do país. Na vontade de levar adiante o proxecto,
na confianza da sua necesidade, a UPG tivo un papel preponderante.
Neste esforzo non foron poucas as mancaduras, agresións,
incomprensións, represións, burlas e desprezos
sofridos polo corpo do noso Partido. Tampouco podian estar ausentes
erros menores, fraquezas orgánicas e humanas, na sua
maioria provocados pola tensión que unha tarefa tan árdua
orixinaba. Pero ninguén honestamente pode negar o servizo
á causa nacionalista entendida como causa colectiva,
plural, prática e material, vital para a Galiza. A Unión
do Povo Galego, a sua función e a sua evolución,
non son intelixíbeis sen ter moi presente a sua decisión
de servir, por acima de todo, á liberación nacional
da Galiza. Consideramo-lo condición sine qua non para
a transformación social e económica do noso povo,
como recordaban as resolucións políticas do IX
Congreso, celebrado en Lugo en Febreiro de 1997, cando o BNG
representaba xa todo o nacionalismo galego significativo.
Eis un momento oportuno de reflectir sobre alguns fenómenos
sintomáticos. A tensión entre impulso cara á
marxinalidade e esforzo por adaptar-se ao contexto e poder incidir
na maioria social, sen sermos absorbidos, caracterizou a vida
política do nacionalismo galego reformulado no BNG. Foi
curioso e exemplar comprobarmos a proclividade destrutiva -a
desmemória- manifestada polos mesmos que xustificaron
o seu abandono do proxecto BNG desde o seu início fundacional,
pretextando a concorréncia ás eleizóns
e o nome democraticamente escollido. Aos supostos independentistas
integrados entón nas siglas G.C. (Galiza Ceive) non lles
abondou con que se respeitase escrupulosamente o critério
democrático na tomada das decisións. Non sentian
interese nen urxéncia pola unidade do nacionalismo. A
sua atitude era contrária a facer política no
amplo sentido do termo. Parecia seren inconscientes da gravidade
da situación ou non creren na potencialidade do noso
país para ser outra cousa através dun esforzo
baseado en mecanismos asumíbeis pola maioria social.
Manter a designación "Bloque" para a nova formulación
da frente nacionalista significou recoñecer unha história,
unha experiéncia e un esforzo observados entón
con máis escuros que claros pola percepción maioritária,
pero ilustrativos dun ponto de luz indestrutíbel ao servizo
da Galiza e das suas clases populares e como tal interiorizado
nas suas consciéncias. "Nacionalista" foi o
adxectivo definidor. Compria que ficase clariño o conteúdo
da alternativa, precisamente prevendo unha evolución
socio-política progresivamente máis "desideoloxizada".
Asumíamos asi a nosa marca cualitativa. O "deostado"
Bloque non foi unha pexa, ficou o recoñecimento dunha
certa "continuidade histórica". Sen dúvida,
renovada e modificada con moitos contributos enriquecedores
que posibilitaron un salto cualitativo. A desmemória,
isto é, o estar continuamente inventando novas marcas,
paradoxalmente nunha sociedade precisamente fraxilizada, "sen
pasado" non é boa compaña política.
O gosto pola denominación esquerdista, "universal",
indica a tendéncia a non focar ben a atención
no conflito, no "problema" a solucionar de forma prioritária
e concreta.
Unha das mancaduras, das feridas esquerdistas sofridas pola
UPG, provocadas desde minorias internas tamén, e de incidéncia
no nacionalismo frentista, foi precisamente o "entrismo"
praticado por aqueles que, en nome de non se sabe que purezas
ideolóxicas, preferiron o mimetismo servil con alternativas
foráneas (HB) á fidelidade ao próprio país.
Nas eleizóns europeias de 1987 usaron con deslealdade
as estruturas orgánicas do BNG, e violando as decisións
amplisimamente maioritárias, fixeron campaña por
HB con grave dano da imaxe social do BNG. A pouca identificación
cun proxecto próprio para o país ia enxergada
a unha atitude antidemocrática e carente do mínimo
respeito pola liña adoptada desde 1985 e mesmo cos critérios
fundamentais anteriores a esta data. O nacionalismo galego nunca
foi mimético e sempre tivo unha aguda consciéncia
da realidade diferenciada do próprio país. Paradoxalmente,
o esquerdismo exteriorizaba un mimetismo característico
de indivíduos colonizados e un desexo de facer mal desde
dentro, incompreensíbel en discrepantes honestos. Desde
logo, a UPG foi contundente no combate contra estas posicións
irresponsabelmente liquidacionistas e miméticas, carentes
do mínimo respeito polo esforzo para consolidar unha
alternativa nacionalista própria na Galiza. Foron, desde
logo, ben aproveitados polos interesados en fanar a viabilidade
dun nacionalismo ascendente na Galiza. Se non existisen, terian
que inventá-los.
Pode resultar estraño e paradoxal que sexa a UPG precisamente
un partido tan caracterizado pola sua defesa prática
da cuestión nacional, do interclasismo, da unidade anti-imperialista,
ou se se quer de amplos sectores do noso povo, por defender
a capacidade de producir e mellorar as condicións de
vida da nosa sociedade, o partido apresentado como "coco"
do BNG, como rémora para unha democratización
interna efectiva ou un espartillo para a sua ampliación.
Pero non é tanto parodoxo. Atacan precisamente o que
foi unha garantia de nacionalismo, peza clave nada fácil
de manter (é o que doi!). Foi garante de abertura e integración,
sen sectarismos nen xogadas tácticas en función
de hipotéticas correlacións internas. Só
esperou sempre lealdade ao proxecto que ten xa unha experiéncia
que o acredita contra vento e maré en máis de
15 anos de história. Os factos á vista están.
Non foi sen a UPG ou coa oposición da UPG senón
coa sua iniciativa, impulso e entusiasmo, como se lograron as
adesións de partidos e persoas á frente patriótica
desde 1986 até hoxe.
Loxicamente, o proxecto frentista non pode estar isento de
discrepáncias nen de naturais tensións provocadas
pola dinámica social, a lóxica e natural diversidade
na avaliación de conxunturas políticas complexas
e mesmo pola própria condición humana. Porén,
o que importa é acertarmos na escolla de critérios
de actuación e que estes, unha vez debatidos, sexan respeitados
como decisións democráticas que a todos nos obrigan.
Quixera lembrar un dos últimos motivos de debate interno
e externo que se ten producido dentro do BNG: a forma de concorrer
ás eleizóns europeias de 1999. Máis unha
vez, optou-se por reforzar a consciéncia do país,
por completar a sua presenza en todas as instituizóns,
por acreditar na sua potencialidade, en definitiva por facer
unha política consecuentemente nacionalista e, xa que
logo, exclusivamente ao servizo dos intereses da Galiza que,
non debemos esquecé-lo, está ainda nun proceso
de conformación da sua consciéncia nacional. Quizá
seria interesante advertir que non sempre as informacións
sobre a vida interior das organizacións políticas
corresponde coa realidade da dialéctica interna. Pode
parecer paradoxal, pero máis unha vez debemos xulgar
polos factos contrastados, polas próprias resolucións
asembleárias e o papel que cada quen ten nelas. Eis a
única contudente verdade. Desde logo, a UPG sempre optou
pola defesa das suas teses no interior da frente, asumindo os
resultados do debate e facendo todo tipo de renúncias
para posibilitar o acordo comun, respeitado por todos, que ten
que seguir a ser a regra de ouro dun BNG ao que ainda quedan
moitas batallas por diante. O Bloque Nacionalista Galego é
o instrumento da nosa liberación como povo que é
a forma máis xenuína que temos de contribuir aos
cámbios tan necesários para a Humanidade.
Francisco Rodríguez Sánchez
(Ferrol, 1945). Doutor en Filoloxia Románica.
Membro do Consello Nacional do BNG e Deputado por esta formación
no Parlamento español.
|