Paxina Principal da UPG
Terra e Tempo
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
Ir ao Terra e Tempo

35 anos da UPG ao servizo da Terra

Nº 12 - Setembro a Decembro de 1999
Documentos:

Autodisolución da AN-PG e nascimento

[Maria do Carme Garcia Negro]

O nascimento, a construción, a vida e a desaparición da Asamblea Nacional Popular Galega foron acontecimentos políticos orixinados no deseño, na vontade e no propósito da UPG.

O proceso que rematou na Asembleia de Riazor, criadora do Bloque Nacionalista Galego os dias 25 e 26 de Setembro de 1982, encetara a sua fase material un ano antes. En realidade, a concepción do BNG como frente patriótica está na mesma formulación dos obxectivos políticos da UPG que realiza vários intentos de construir unha frente patriótica.

O ideário da UPG sustentaba-se sobre a consideración da necesidade dun instrumento político axeitado ás necesidades e ás características específicas do país, da nación galega. Ese instrumento axeitado considerou-se sempre que ultrapasaba o marco dun partido político e que deberia materializar-se nunha frente patriótica na que confluisen militantes de distinta procedéncia social, de diversos intereses políticos -no tocante á estratéxia- pero unidos pola ánsia do nacionalismo popular. O primeiro intento criou a AN-PG. A Asamblea Nacional Popular Galega nasce da UPG e máis da confluéncia asembleária de nacionalistas convencidos da validez política do ideário nacional popular pero de entrega militante de distinta natureza á partidária na UPG. O nome mesmo respondeu inicialmente ao desexo de expresar en forma asembleária a reunión do potencial de traballo político -entendido este como expresión da totalidade da vida social- que podia ser removido na própria existéncia da nación galega.

A AN-PG ten unha existéncia breve pero moi intensa. De 1975, ano da sua criazón, a 1982, ano da sua disolución, callou unha longa série de iniciativas e de logros que podemos valorar como verdadeiro crisol social de aprendizaxe política do actual saber-facer do nacionalismo.

A AN-PG integra todos os militantes da UPG e militantes exclusivamente da AN-PG procedentes da loita sindical, viciñal, cultural, feminista, pacifista, ecoloxista... Foi legalizada como organización política antes, e por suposto de forma separada que a UPG. Concorria aos procesos electorais en coalizón eleitoral coa UPG co nome de Bloque Nacional-Popular Galego. Daí que o nome de Bloque fose coñecido tanto ou máis que o dos seus integrantes. O funcionamento diário da AN-PG unia á sua vez dous princípios básicos: a marca asembleária das decisións de actuación política global e a necesidade de imbricación dos seus distintos membros en cada unha das instituizóns/organizacións sociais de base para levar a cabo desde dentro delas actuacións políticas de organización AN-PG. Deste modo era imprescindíbel o coñecimento, o debate, a discusión e a decisión no interior da asembleia, quer dicer, a construción colectiva de análise política para levar a cabo a actuación no seio da sociedade arroupando-se, convencendo e cubrindo-se de lexitimidade social para construir o traballo político.

Estas necesidades auto-impostas dos hábitos de traballo conlevaban á sa vez unha outra tarefa pedagóxico-política sendo esta de construción-reconstrución nacional das instituizóns próprias conducentes ao logro dun país normalizado. A análise fundamental do carácter específico do colonialismo na Galiza deitaba o aserto de que se convertera en evidente (e polo tanto de necesário removimento) o agochamento, o adormecimento, a ocultación da verdadeira natureza da vida social própria do país, quer dicer, considerabamos de idéntica importáncia a loita obreira contra o encerramento de factorias e desindustrialización do país que a recuperación da celebración do Entroido como expresión cultural de un ser cultural ou património simbólico (iso quer dicer exactamente que éramos nós quen nos disfarzábamos e desfilábamos por ruas cheias de xente que simplesmente miraba).

Deste xeito, cun esforzo que hoxe semella titánico pero que non é máis que a expresión viva da forza dun povo que comezaba a erguer-se, construia-se país a base de dotá-lo de capacidade própria -nascida do traballo colectivo- de se recoñecer en entidades vivas. Poderíamos falar da construción paso a paso dunha central sindical nacionalista desde a criazón paulatina de sindicatos nacionalistas de sector: a U.T.E.G. (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia), o S.G.T.M. (Sindicato Galego de Traballadores do Mar), o S.O.G. (Sindicato Obreiro Galego), S.G.T.H. (Sindicato Galego de Traballadores de Hosteleria), a U.T.B.G. (Unión de Traballadores da Banca Galegos), CC.LL. (Comisións Labregas). Poderíamos citar o traballo cultural, modestísimo en meios pero riquísimo en realizacións, levado a cabo en moitísimas agrupacións culturais en todo o país con campañas de acción cultural coñecidísimas, desde a recuperación dos topónimos até a cerámica popular, o património arquitectónico popular, os festivais da canción... Deberíamos lembrar o traballo na loita pacifista, nas loitas feministas, no campo ecoloxista ou, o que é xa máis parecido ao posterior BNG, o traballo municipal.

Pero o instrumento político asi criado, apesar da sua enorme utilidade, gozaba de un defeito que facia moi difícil a sua pervivéncia: a constatación da dificuldade mesmo convertida en imposibilidade de seguir sostendo cos mesmos efectivos, coa mesma financiamento, con idéntico grau de entrega militante, unha organización política en estado puro nunha realidade exterior cada vez máis abafante ou, por empregar uns términos máis actuais, cada vez máis governada por intereses dun mercado eleitoral de masas. Duas foron as aldrabadas exteriores que marcaron fitos na toma de decisión política máis importante -á vez que máis intelixente por xenerosa- cal foi a de autodisolución: a constatación da consolidación do marco constitucional e a sua sacralización despois do 23-F. Se antes do golpe podia existir esperanza de lograr unha leitura máis próxima ás posicións rupturistas e formación dun Estado de carácter próximo ao recoñecimento do carácter plurinacional do mesmo, despois do 23-F o diagnóstico feito pola AN-PG non deixaba lugar a dúvidas: o tecido de leis restritivas e anuladoras do nacionalismo era un facto e a resposta debia vir dada por un cámbio de rumo e da necesária reconstrución do instrumento político para encarar os novos tempos. Ese foi o ponto de partida da V Asembleia da AN-PG de autodisolución e de construción en Riazor da Asembleia que orixina o BNG. Como se logrou? En parte polo próprio peso material dos factos: era necesário e, en parte, porque na AN-PG tíñamos aprendido a construir país. O modus operandi do nascimento da comisión xestora que daria paso ao BNG1 foi exactamente igual ao de calquer outro traballo de criazón de instituizóns ou organizacións sociais feitas con antelación. Os militantes da AN-PG con maior introdución social en meios nacionalistas non organizados levamos a cabo centos de reunións, encontros, conversas e discusións facendo uso do principal argumento a favor do novo nascimento: nós, membros da AN-PG, alguns da UPG, desexamos unir a maior forza posíbel que con vida nacionalista exista para criar unha forza política que sexa quen de levar adiante uns obxectivos comuns. Eses obxectivos quedan plasmados nun documento que con data de 15 de Maio de 1982 asinan os integrantes da comisión xestora e que se resumen nos seguintes princípios:

1. Recoñecimento do carácter plurinacional do Estado español e defesa do direito de autodeterminación das nacións que o compoñen negados pola actual Constituizón, motivo polo que, entre outros non pode ser aceitada.

2. Defesa dunha alternativa de autogoberno real frente á Autonomia.

3. Defesa prática dos princípios de autoorganización política e sindical.

4. Posición anti-imperialista a nível do Estado e do mundo.

5. Carácter ideolóxicamente plural e funcionamento democrático da organización unitária que conforme a unidade do nacionalismo.

Os asinantes consideran que todas as organizacións, colectivos e persoas que asuman estes princípios teñan cabida na marcha do proceso e na elaboración da alternativa que arelamos.

O domingo 30 de Maio en convocatória aberta reunia-se por primeira vez a xunta xestora da nova organización que deberia nascer ese ano. A AN-PG en proceso de autodisolución aportaba un capital político considerábel: participara en todos os procesos eleitorais desde a morte de Franco tanto nos referendos como nas eleizóns municipais e xerais. Nas eleizóns autonómicas en coalizón ca UPG e co PSG acadara un deputado sendo o resultado global de 3: Lois Diéguez (AN-PG), Bautista Álvarez (UPG) e Claudio López Garrido (PSG) nas eleizóns municipais tiña representación acadada coa coalizón BN-PG (Bloque Nacional Popular Galego) con 259 concellais en toda a Galiza con representación en todas as cidades e acumulara experiéncia de loita política en todos os campos de acción que a vida social dun povo submetido podian ter en conta a recuperación-normalización do noso idioma através dun proceso primeiro de recoñecimento e logo de reivindicación converteu en famosos teimosos os militantes da AN-PG pero grazas ao seu esforzo logrou-se unha reinstauración social dun elemento material e simbólico clave da nosa cultura, quer dicer ese uso unilingüe e para todos os ámbitos do idioma próprio. Levaron-se a cabo (de forma aberta e co ánimo de unha recuperación histórica), relacións internacionais dentro e fora do Estado español con forzas políticas de similar carácter nacionalista. Asi, podemos recordar desde o Festival Galeusca que recuperaba a denominación por primeira vez desde a guerra civil ou a presenza no Dia da Pátria Galega (1980) de Telesforo Monzón que deu comezo ao seu discurso na Quintana con “Amigo Castelao”...

Pero, todo o património e o saber-facer dos militantes foi entregado conscientemente en prol da construción dun instrumento político novo, unha nova frente ao servizo da reconstrución do país.

Maria do Carme Garcia Negro (Lugo, 1950). Profesora de Economia na Universidade de Santiago de Compostela.

1 Formada por AN-PG, Galicia Ceibe, PSG, UPG, Independentes de Santiago e da Coruña e Colectivo Libertário Arco da Vella.