Paxina Principal da UPG
Terra e Tempo
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
Ir ao Terra e Tempo

35 anos da UPG ao servizo da Terra

Nº 12 - Setembro a Decembro de 1999
Documentos:

Os anos críticos e decisivos (1980-1982)

[Lois Diéguez Vázquez]

O presente artigo intenta facer unha análise duns factos dos que nós fomos testemuña, acontecidos de 1980 a 1982, período certamente curto na xa intensa história do nacionalismo galego e, en concreto, das forzas políticas e sociais que os protagonizaron. O camiño, pois, ha-se recoñecer como un pequeno mais fundamental treito dentro doutro máis longo que o antecede e o sucede, pois a história é espiral e non círculo quieto.

Os distintos partidos e organizacións con preséncia na Galiza saben, a princípios do ano 1975, que o rexime de Franco vive os seus últimos dias. O mesmo ditador, que chega á xefatura do estado a través dun golpe militar, agoniza no seu búnquer do Pardo, descomposto o seu corpo pero mantido artificialmente para gañar o tempo que ante a confusión política necesitan os seus servidores. Os partidos democráticos, pois, discuten programas de ruptura ou pacto co anterior rexime. A UPG opta pola ruptura e, estudando distintas alternativas políticas con diversos sectores da sociedade, funda unha frente nacionalista que vaia preparando o terreno para un cámbio político real na Galiza. Unha asembleia constituinte, no ideal, artellará o poder popular que rompa a colonización que sofre o país. Chegará a ter, despois de 1975, un programa detallado, as Bases Constitucionais da Nación Galega para un Pauto Federal. Asi nasce a AN-PG, forte xa no seu início, pois é apoiada por xentes diversas que militan noutros partidos ou son independentes.

Nos seus poucos anos de desenvolvimento (1975-1982) consegue mover un país até daquela prostrado, calado e submiso, situar o PCE-PCG (único partido con presenza importante na Galiza, pois o PSOE apenas a tiña) nun plano secundário, e transformar de xeito importante o sentimento nacional en consciéncia nacionalista. Nos anos de 1976 a 1978 entran en contradición os clásicos programas dos partidos españois de esquerda (a autodeterminación para as nacións do Estado desaparece dos seus artigos), e aceleradamente pactan coas forzas do franquismo. Virá a democracia por consenso, sen cámbios profundos, o que vai ter unha aguda conflitividade nos anos sucesivos. A AN-PG, desaparecido xa o Consello de Forzas Políticas Galegas, cria coa UPG o BN-PG, e máis tarde, tamén co PSG, a Mesa de Forzas Políticas Galegas, como xeito de incidir nas conversas que en Madrid teñen os diversos partidos políticos do Estado para configurar o seu futuro político. Cando ali se decide que a autodeterminación non vai ser recoñecida na futura constituizón, os nacionalistas galegos seguen, en solitário, a loita por unha ruptura democrática.

Votada a Constituizón española e aprobado o referendo do Estatuto de Autonomia (1980), ainda que en ambos con alta abstención e con importante incidéncia da postura nacionalista, o proceso da Reforma Política vai-se consolidando. A loita nacionalista, non obstante, segue sendo intensa, tanto aqui, na Galiza, como en Euskadi e Catalunya, ainda que con distintas posturas e focamentos. O ano de 1980 resulta, neste sentido, definitivo para as posturas españolistas. Non se ve ben o avance e continuadas reivindicacións das nacións. Nas duas citadas as suas forzas próprias fan-se hexemónicas nas instituizóns. Na Galiza ainda son débeis, pero causan diversa problemática que pon medo nos estamentos reaccionários e caciquis, e tamén naqueles que ainda desde posturas de esquerda seguen a gardar para Galiza a continuación da dependéncia. A postura de continuado e visceral ataque dos meios de comunicación que se editan na Galiza, contra o nacionalismo, é ben clara a este respeito.

É no ano 1981 cando estouran nas xa diversas formacións políticas galegas as contradicións que se foron formando no proceso da Reforma Política. O españolismo non vai asumir a continuada reivindicación nacionalista, mesmo naqueles aspectos formais que non respeitan os mínimos direitos democráticos. O 23 de febreiro produce-se o golpe de Estado. E dicimos “golpe” e non “intento” porque foi real, ao vacinar o chamado “povo español” contra a postura reivindicativa dunhas nacións que seguian sendo, para o aparato do Estado, perigosas, ainda cando falaban dos direitos democráticos individuais. Reprimiu-se, desde o 23 de febreiro, con contundéncia, toda manifestación reivindicativa (nunca as accións do nacionalismo foran tan castigadas), e puxeron-se en vigor unha chea de leis de defensa da Constituizón, harmonización das Comunidades Autónomas, decretos de bilingüismo, cámbio da lei eleitoral ou pautos antioperários que lembraron outra vez os duros tempos do fascismo. Os militares, por suposto, estaban detrás de toda esta acción lexislativa.

Con este panorama chega a crise á UPG, logo á AN-PG e ás diversas plataformas de masas. O resto do nacionalismo, escindido anteriormente, xoga entre o praticismo que pede a situación do momento (POG e sectores do PSG), e a conservacion da “pureza ideolóxica” que leva á ghetoización (PGP). Reproducen-se estas visións no nacionalismo con máis base e introdución social, UPG e AN-PG. A crise é profunda, e é-o porque a Reforma Política está consolidada. As crises aparecen, normalmente, confusas cando non se apresentan baixo programas claros de como focar o camiño do futuro. Daquela, as leas, poden aparecer como liortas de clans nas que os personalismos teñen certo peso. O nacionalismo era un movimento novo nascido no ano 1964 pero presente realmente na sociedade desde 1972, sen continuación co que naceu na época da República, cun grande ideoloxismo e unha prática case heróica que non daba sedimentado o voto e o apoio da sociedade. Os debates foron por aí, certamente, pero condicionados ou camuflados, ou, ás veces, agachados. Pode ser gráfico para entendé-lo o acontecido co xuramento da Constituizón española. Cando os tres deputados elixidos nas eleizóns autonómicas de 1981 toman posesión dos seus escanos non se lles pede o xuramento por non haber un regulamento da Cámara que o exixa. Tarda un ano en facer-se. Daquela impón-se como requisito (unha postura moral introducida nas leis políticas). O nacionalismo non pode render acatamento sagrado a unha lei que trata de negá-lo. É óbvio, todos o din, mais impón-se pola brava co obxectivo de eliminá-lo (outra acción do 23 de F ebreiro). Non están preparadas as bases nacionalistas da UPG, PSG e AN-PG para render acatamento a dita lei. Fai-se unha campaña amplísima polo país para esclarece-lo. En xeral aceita-se a obviedade, pero di-se que é un requisito formal e non se entende a negativa do nacionalismo a executá-lo. Os tres deputados son privados dos seus direitos. Nas eleizóns de 1985 os 3 representantes baixan a 1, fronte ao outro partido nacionalista que sobe a 3 (EG que acatara a Constituizón), exatamente ao contrário do que acontecera en 1981. Recollia, portanto, este partido, o “medo” da xente a que o BN-PG/PSG non acatara outra vez a Constituizón. Mais outro medo dos nacionalistas á grupusculización, obriga-os a reaxir. Os debates fan-se, outra vez intensos, e a decisión de pasar por esa fórmula legal obrigada, rompe de novo coa unión.

A UPG celebra o III Congreso en Xaneiro de 1982. Sabe que a Reforma Política está afianzada. Recollen as suas conclusións o início dun modo de actuación máis real, menos ideoloxista. “Nós –aprobará-se– estamos axindo tamén no marco autonómico, pero non podemos deixar-nos asimilar polo que representa”. E tamén, “via política é a actuación no contexto dun marco político que non se lexitima, pero que se utiliza de cara a organizar, movilizar, politizar os sectores populares para consolidar unha forza de oposición social activa que, xogando a todos os níveis, enfraqueza o marco colonial e reforce os proxectos nacionais”. Desde este momento, o Partido mantén xa unha actuación clara que vai levar á política que hoxe mesmo (1999) está a realizar.

Na AN-PG, non obstante, continuan os conflitos. Custa chegar a recoñecer que as “Bases Constitucionais” xa non son unha saída imediata, e que a própria Frente, tal como se estrutura, tampouco non ten rendabilidade social. Foi a organización de masas máis poderosa do país, pero á altura de 1982 contradi a sua alternativa de “xerme dunha asembleia constituinte galega” e debilita-se coa composición de xentes independentes e integradas en partidos que non poden actuar nos seus organismos como tais. O nacionalismo, por outra parte, segue dividido. Asi nasce a alternativa do BNG, chamando a todo o campo nacionalista a unir-se nunha Frente que baixo uns princípios xenéricos, poda actuar con verdadeiro pluralismo político. Alguns queren que a AN-PG continue como o que veu sendo. Outros que se converta nun partido político. A profunda conflitividade desemboca na alternativa do BNG. Inicia-se, por tanto, neste ano de 1982 unha táctica política que xoga nos marcos establecidos sen perder o rumo do que quer a respeito da Galiza: a sua soberania e un governo real que a poda efectivizar.

Mirando desde hoxe para atrás, poden-se analisar os feitos con máis obxectividade e menos paixón. E comprobar se os camiños estabelecidos foron positivos para o noso país. Coidamos nós que si. Outros, quizabes, poderán dicer o contrário. Pero o que nunca mente é comprobar como vai a marcha da nación: na sua situación obxectiva e na forza daqueles e daquelas que no seu próprio corazón, praticamente desde cero, formaron a ideia nacionalista e a auto-organización.u

Lois Diéguez Vázquez (Monforte, 1944). Enxeñeiro T. Topógrafo en Lugo. Membro activo da Asociación de Escritores en Lingua Galega.