Paxina Principal da UPG
Terra e Tempo
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
Ir ao Terra e Tempo

35 anos da UPG ao servizo da Terra

Nº 12 - Setembro a Decembro de 1999
Documentos:

A Defensa da Terra

[Emilio López Pérez]

E nós, todos nós, como nacionalistas conscientes debemos percurar que a mocidade galega comparta e participe na sua construción. Debemos desde todos os eidos da actuación do nacionalismo, fomentar a participación de máis mozos e mozas, no sindicalismo, nos movimentos estudantis, no asociacionismo cultural e por suposto no político. Formación, participación e coñecemento son as mellores armas para combater a parálise social, o individualismo e outras castes de atordamentos individuais e colectivos”.

Extracto da intervención de Manuel Polo no cabodano do asasinato de Moncho Reboiras de 1999.

O MOVIMENTO AGRÁRIO

A importáncia que a UPG deu sempre aos movimentos de masas no meio rural pode notar-se através do seu voceiro, o «Terra e Tempo», nos documentos congresuais, e moito máis ainda nos compromisos que os e as militantes deste Partido teñen adquirido cos labregos e labregas na solución da problemática do meio rural.

A existéncia, desde sempre, de Comités a nível nacional ou de zona, que analisaran a situación do movimento agrário, é boa mostra disto. Estes Comités dedicaban moitas horas a debater as estratéxias de loita, as campañas, fórmulas organizativas, e analisar antes e despois os resultados das campañas, das mobilizacións, etc. A UPG conta, desde o primeiro momento, cun responsábel dentro do Comité Central, (primeiro Ramón Muñiz, despois Xosé Lois Ledo, e máis adiante outras persoas), para impulsar o movimento e a auto-organización dos labregos e labregas.

Cando se cria a AN-PG, as Comisións Labregas forman parte dela como a coluna rural da frente política. As Comisións Labregas son unha auténtica criación «ex novo». As irmandades de labradores son un niño de caciques, representantes do franquismo e da Falanxe. As Sociedades Agrárias de antes da Guerra, tampouco representan un modelo prático para tomar como referéncia para a criazón dun movimento agrário.

Ainda que o que se formule sexa un sindicato agrário, cun campo limitado, as reivindicacións dos labregos ou labregas no eido económico, na prática converte-se nunha organización máis ambiciosa, que se preocupa por calquer necesidade do mundo rural: sanidade, educación, servizos agrários, formación e cualificación dos labregos, etc. As Comisións Labregas, por fortuna para os labregos e por posición política da UPG, sempre foron algo máis que un sindicato. Ás veces ten xurdido o conflito ideóxico, por suxestións externas ou debilidades internas, propondo como alternativa, para que o sindicato aumentara e se fortalecera, converti-lo nunha organización limitada á simples reivindicación de prestacións.

As difíceis condicións e limitacións económicas, nas que tivo que mover-se sempre o sindicato, e os próprios movimentos agrários, unido á colonización que sofre o país, leva en ocasións a pensar en estratéxias que tomen a despolitización como un meio para avanzar. A realidade sempre demostrou o contrário. Son os indivíduos máis politizados quen teñen máis azos para tirar do carro.

O sindicalismo agrário nacionalista e o nacionalismo popular levan máis de 25 anos xuntos. Se a UPG foi sempre unha ferramenta imprescindíbel para outras organizacións nacionalistas, é-o ainda máis para o movimento agrário. A ideia de que a UPG poda utilizar o movimento agrário no seu benefício político, está desbotada pola prática.Se os e as labregas fixeran valorazón das aportacións en enerxia, militáncia, meios técnicos e materiais que a UPG leva investido no agro, decatarian-se do decisivo que foi o debate e o esforzo político gastado na causa agrária.

Sen necesidade de divórcios, nen sindicalismos libres de ataduras (todo compromiso ten ataduras de uns a outros), o movimento agrário ten espazo próprio de sobra, onte e hoxe, e o nacionalismo tamén. Ainda que ás veces se solapen ou xunten accións, estiveron e seguen definindo o campo político e o sindical.

Para a UPG está claro que apesar do apego á propriedade, e as conceicións pequeno-burguesas, os labregos son imprescindíbeis aliados dos traballadores e traballadoras, e das «camadas populares» para a liberación nacional da Galiza. Unha vez clara a estratéxia, a táctica marca-se dependendo da vella e tan nova consigna: «Mobilización, conscienciación e organización».

Calquer conflito que xurda entre labregos ou habitantes do meio rural e o caciquismo, ou monopólios que expolian recursos, é respostado desde a luz (conferéncias, charlas), ou a clandestinidade (panfletos, pintadas), e con presión pública (asembleias, manifestacións, etc). Documentos gráficos, como os recollidos por Carlos Varela Veiga sobre as manifestacións de Xove, As Encrobas ou Baldaio, son o reflexo desta etapa inicial, na que se misturaba a xeneración de xente nova estreando a ilusión dunha liberación revolucionária do país, e xente madura ansiosa de poder sair da humiliazón e siléncio ao que estiveron submetidos tantos anos. A transición democrática era bastante teórica. Aos Rosóns, Corzo, Romero Castrillón, e aos secretários locais ou provinciais das irmandades, compria engadir os aparatos da Igrexa, o ensino, a garda civil e agora a polícia armada antidistúrbios, e non digamos xa o poder xudicial.

Aqueles comités de sector, tiñan que ver-se con todo isto, e até coa situación dos estudantes dos CALL (Comités de Axuda á Loita Labrega), que estancaban os seus estudos, dedicando-se completamente a esta loita.

Para a UPG estaba claro, e ainda hoxe non se superou esta etapa, que habia condicionantes obxectivos (tempo, meios e formación) e subxectivos (consciéncia), que impedian a curto prazo a auto-organización dos labregos e labregas da Galiza. Os CALL, onde non só habia xente da UPG, foron claves neste longo proceso.

A UCD, que estreaba o traspasamento do poder das clases dominantes, para facer unha transición democrática sen ruptura democrática, estaba a experimentar un novo modelo de controlo da sociedade. Nós, pola nosa banda, estábamos a criar tamén un novo movimento. Ás veces as surpresas eran mútuas, como cando, despois de máis dun ano de axitación contra a cuota empresarial da seguridade social agrária, e tras dun fundo debate na dirección da UPG, e logo na dirección do sindicato (nunca se lle furtou ao sindicato nengun debate), se resolveu dar un salto cualitativo na forma de loitar contra a cuota empresarial, optando polo boicote activo, quer dicer, pola desobediéncia civil, negando-se a pagar a cuota.

O anúncio de que os labregos de Triacastela boicotaran o pagamento, no mes de Setembro do 77, correu como un regueiro de pólvora. Logramos que o exemplo se propagara por todo o país.

No ano 1976, seguindo a táctica de aproveitar calquer plataforma ou instrumento legal que oferecera o sistema, fundou-se AGA (Asociación Agrária Galega), acollendo-se á recente Lei de Asociacións, AGA estivo funcionando un ano mentes non se legalizaron as Comisións Labregas. A campaña de difusión de AGA foi grande, e os seus princípios e programa viñan a ser os das Comisións Labregas. En moitas cantinas, escolas, teleclubes ou nas casas de labregos difundia-se este programa ao paso que se trataban os problemas dos montes, da cuota empresarial ou dos abusos do cacique. O intento de facer unha asembleia fundacional de AGA con milleiros de persoas en Monforte a fins de 1976 paralisou-se pola forte represión policial prevista. A liberdade entendia-se dentro dunha orde. Ainda non tiña o sistema as multiplas canles de intoxicación de hoxe en dia.

Anos máis tarde, estaríamos nun debate semellante cando se boicoteu a declaración da produción láctea, porque quedabamos cunha cuota raquítica. A surpresa agradábel para nós foi ter que abrir as portas grandes do Pazo dos Deportes de Lugo, dada a grande afluéncia de labregos e labregas de toda Galiza, que agardaban a que a recén legalizada dirección das Comisións Labregas explicara, aquel 26 de Novembro de 1977, que ia pasar despois de que non pagaran o recibo da «empresarial», ou da «cuota». As ameazas e bandos, de que lles retirarian as pensións e prestacións sanitárias, eran abondosas: recaudadores (algun con pistola), secretários de irmandades, alcaldes - algun tamén era secretário da irmandade-, pedáneos, cregos desde os púlpitos, armacenistas, moitos advogados ancorados no antigo rexime, xornalistas, e un sen-fin de polícias, funcionários, castrapistas, renegados do país e outros domesticados, atacaban os que Augusto Assia chamaba «Los hombres de comisións labregas» «barbudos dirixidos por estudantes, ciclistas, barbeiros e cregos», na definición entraban de cheio os CALL. Un de tantos exemplos dos resortes do caciquismo local podia ser o Alcalde de Guntin de Pallares, Serafin. Era ao mesmo tempo Alcalde, secretário da Hermandad de Labradores, Director do Grupo Escolar, o dono do único supermercado, do único restaurante e da única central telefónica da vila.

Nun movimento eufórico e espontáneo, as posicións eran sempre maximalistas: na asembleia de Lugo acordou-se que, se en Madrid -no Ministério-, non quitaban a cuota empresarial, quitaríamos os tractores, carros, ou os trebellos que houbera ás estradas, os dias 3, 4 e 5 de Decembro do 77. O éxito foi total: o dia 5, en Santiago, manifestamo-nos face a face. O nacionalismo da AN-PG/UPG, cos labregos e labregras contra a CESSA (Cuota Empresarial da Seguridade Social Agrária), e todos os outros partidos, desde a UCD até o Partido Comunista de Santiago Álvarez, a favor do Estatuto de Autonomia.

O dia seguinte, entrevistamo-nos en Madrid con representantes do Ministério, e co Sr. Combarro (Governador Civil de Lugo), que tamén estaba surprendido, e nos dixo nun aparte, na entrada do edifício: «¿Qué me hicísteis ayer en Lugo con los tractores? Yo estaba en Madrid, y me tomasteis Lugo».

En maio do 1982, no Terra e Tempo, fai-se unha análise crítica e realista nun extenso artigo, no que se di:

«O estoupido labrego do 76 ao 78, e, fundamentalmente a folga de tractores, foi máis que unha resposta reivindicativa, a resposta a séculos de indignidade, opresión e caciquismo».


«Apartir do verán de 1978, produce-se un refluxo na mobilización, obxectivamente inevitábel, pois as condicións non permitian maior avanzo (hai que ter en conta que despois dos tractores, optou-se polo boicote ás feiras, medida case diríamos, própria de momentos pré-revolucionários). A isto axuda o erro do inoportuno da folga do leite». Daquela aprendemos, dunha vez por todas, que o importante das loitas non é comenzá-las, senon saber rematá-las.

E segue o artigo: «A tarefa organizativa ten que comezar, pois, nuns momentos difíceis, na costa abaixo do movimento de masas, pero era unha tarefa inevitábel que habia que abordar sen falta» ... «A politización e toma de consciéncia, foi importante en só cinco anos, se ben queda moito camiño por andar. A maior parte dos cuadros do meio rural, formaron-se nos últimos cinco anos, fornecendo as instituizóns dos concellos rurais. Por outra banda, as simpatias da mocidade rural cara á nosa alternativa son evidentes».

Á represión externa aos representantes sindicais, cargados de denúncias, multas guvernativas e xuízos por detencións nas folgas, ou cousas semellantes, viñeron engadir-se fenómenos que debilitaron de xeito notório a UPG, e que repercutiron en cadeia en todos os movimentos sociais do entorno: intento de golpe de Estado do 23-F, triunfo do PSOE nas Xerais do 82, que asentaba o Estado centralizado, e ocupaba case toda a esquerda, e a expusión dos tres deputados do Bloque-PSG do Parlamento Galego.

As cisións, que antes e despois das eleizóns autonómicas de 1981 se producen na dirección da UPG, non afectan cuadros dirixentes das Comisións Labregas; a non ser o seu Secretário Xeral, eleito no primeiro congreso de 1979 en Sigüeiro. Ademáis de diminuir as forzas nacionalistas pola cisións, tamén cumpre dedicar-lle esforzos ás instituizóns, esforzos que se lle merman ou que hai que partillar co movimento sindical.

Porén, o sindicato ve-se desposuído de moitos colaboradores, e estas crises, afectan-lle fortemente. Contra o que poda parecer, é esta etapa, até o II Congreso de 1984, unha etapa de dura resisténcia, moi centrada en Lugo, onde, apesar das dificuldades, a UPG seguia optando por manter un proxecto vivo a nível nacional, mantendo unha mínima estrutura en Santiago e Ourense, e case nada na Província de Pontevedra.

Os intentos por derrubar o movimento contra a cuota empresarial, pasaron por unha xogada intelixente do poder, facilitando o pago aprazado, e sen recargo, dos recibos atrasados no ano 1981. Esta era a cenoura. O pau eran os intentos de embargo de moveis, tractores, e finalmente terras. As confrontacións cos labregos e labregas, e a represión, ordenados polo último Governador Civil da UCD en Lugo, e a imposibilidade de executar, por falta de licitador, o embargo das terras do Señor Xulián de Trasliste, no concello de Láncara, despois de intentá-lo duas veces, supuxo un ponto de inflexión e unha entente no conflito. Era tal a responsabilidade que a UPG sentia naquel conflito, que antes do segundo intento de embargo en Láncara, houbo unha xunta en Lugo, na que estivo o próprio presidente da UPG, Bautista Álvarez, e na que se valoraron polo miúdo as posíbeis consecuéncias e transcendéncia daquel intento de poxa.

O PSOE, prometera suprimir a cuota empresarial ao chegar ao poder, e non o fixo. Non houbo unha represión forte, ainda que, os recadadores, a própria administración e algun alto funcionário, sobretodo en Lugo, idearon milleiros de maneiras para que aquela bandeira non pudese ser arexada definitivamente polo nacionalismo. Cando isto acontece, cun decreto de 1994, xa estábamos noutras guerras.

Tiña-se moi claro, dende o primeiro momento, a función representativa das Comisións Labregas. Intentou-se coa UCD, e despois co PSOE, ser representativos e interlocutores. Participou-se nas eleizóns a Cámaras Agrárias en 1978 e saiu bastante ben. Mantiñan-se entrevistas cos Delegados de Agricultura, foi-se aos ministérios nalgunhas ocasións e coa ampla problemática do país: viño, patacas, leite, carne, problemas de electrificación e de infra-estruturas. O sindicato, cando se celebra o 1º Congreso, está moi implantado. Tamén o está o Bloque-PSG, que se presenta ás eleizóns municipais en 1979. Incluso en zonas de Pontevedra, hai movimento naqueles momentos.

Ainda que se perdera representación no Parlamento, e se debilitara nos concellos, a partir de 1983, o que non se perdera era a ideoloxia e o compromiso militante. Despois de vários aprazamentos, debido á multiplicidade de tarefas eleitorais, e de todo tipo dos militantes nacionalistas que sosteñen o sindicato, e agobiados nos anos anteriores, por campañas para se defenderen da represión do governo e da xustiza, pudo-se, por fin, o 22 de Xaneiro de 1984, celebrar o II Congreso das Comisións Labregas en Santiago, baixo o lema “Con máis forza”. Retomou-se, ainda que con moitas limitacións, a organización interna do Sindicato. Habia meia dúcia de persoas con dedicación exclusiva como liberados en todo o país. Onde máis estrutura existia era en Lugo. As cuotas representaban o ingreso case exclusivo do Sindicato. A convición, o sacrifício e o voluntarismo, xunto co apoio das organizacións nacionalistas nas campañas, fixo milagres nestes anos.

1984 foi o ano das folgas xerais. A véspera da folga xeral do 29 de Novembro, entrevistamo-nos en Madrid co Ministro de Agricultura, Sr Romero, representantes de Comisións Labregas-SLG. Nós falamos globalmente da situación que criaba para a agricultura galega a entrada no Mercado Comun. O Ministro falaba, sen nengun reparo, da alianza entre o sindicalismo nacionalista e o socialista, para atrever-se fronte ao caciquismo a facer unhas eleizóns a Cámaras Agrárias. A alianza pasaba por apresentar-se baixo unha mesma coalizón. Falamos moito e amañamos pouco.

O Terra e Tempo de Xullo de 1985, reflecte nun artigo unha análise clarividente da situación, no momento no que se atopa o agro e movimento agrário:

«Os produtores que se dedicaron nos últimos tempos a investir na sua explotación, para orientá-la á produción de leite, van-se ver deste xeito, freados nas suas posibilidades de desenvolvimento, e polo mesmo, condenados a non poder viver do seu traballo. Pero, eis como, por se isto fose pouco, ainda existe outra medida máis dura e drástica contra os labregos produtores. E a chamada cuota do leite».

E remata: «Existen condicións obxectivas que nos obrigan a mobilizar os labregos, incluso até os níveis que acadaron no 1977-78, pero iso non se vai conseguir sen o apoio decidido do noso Partido, do BNG e das Comisións Labregas».

Nos anos 86-87, as Comisións Labregas (SLG), arrastan de tal xeito ao sector lácteo a posición de opor-se ás cuotas do leite, que a própria Xunta de Albor ten que apontar-se ao carro, (o mesmo que anos despois, en 1996, os alcaldes do PP foron en autobuses manifestar-se a Madrid). Os intereses da UE, nese momento, representaba-os o PSOE desde o Governo Central.

O Delegado territorial do Ministério na Galiza, Francisco Sineiro, defende arduamente as cuotas do leite e a sua aplicación. Esta posición non a modifica o PSOE, até que perde o poder en Madrid en 1996. Que a UPG avaliaba esta táctica de arrastar as posicións nacionalistas á «Plataforma do Leite» criada en 1986, e ás bases e votantes do PP, demostra-o o facto de que se podian fotografar xuntos, na parte de adiante da impresionante manifestación da Coruña, do dia 28 de Febreiro de 1987, Bautista Álvarez e Romai Becaria. Tén-se considerado, esta manifestación, a maior protesta de labregos e labregas coñecida na Galiza. Falaba-se de 80.000 persoas. Ainda que se lle restasen alguns, son abondo. Alguén estaba moi ofendido aquel dia, amolaba-lle que aínda quedaran tantos galego-falantes dispostos a se manifestar polas ruas da Coruña.

A finais de Marzo de 1987, e logo en outono, van-se producir grandes tractoradas en todo o País, nas zonas produtoras de leite.

O papel do cooperativismo na liberación nacional e social do país é unha vella teima dos galeguistas e, por suposto, da UPG. No Terra e Tempo de Xaneiro de 1987 di-se: "Este novo movimento cooperativo ten grande importáncia. Hoxe é un mecanismo de defesa para sobreviver pero, os seus intentos de controlo de comercialización (mercar matadoiros, indústrias lácteas, etc.) representan un dos poucos intentos de erguer unha indústria galega que aproveite as nosas matérias primas".

No intento de consolidar unha plataforma que aglutinase todo o cooperativismo agrário galego tivemos pouca fortuna e un exceso de confianza nas próprias forzas cooperativas. O PSOE desde posicións máis políticas impediu que o nacionalismo liderara un movimento deste tipo. Foi marcando a sua influéncia nas cooperativas que lle eran asequíbeis e frustrando proxectos como o da compra de Mafriesa por parte das cooperativas onde intervira o próprio Ministro Sr. Romero e o deputado Ceferino Diaz garantindo aos representantes do cooperativismo, os nacionalistas incluídos, o futuro do proxecto. Hai amores que matan, e este foi un. Para consolidar as posicións nacionalistas cumpre sair abertamente a defendé-las e implicar a xente nos proxectos. Ainda é hoxe o dia que non atinamos a pór debidamente o cooperativismo agrário da nosa banda. Posibelmente sexa un problema de táctica, obxectivamente a crise que vive o agro favorece ese achegamento.

A longa experiéncia acumulada polos seus militantes case poderíamos dicer que permitirá á UPG o luxo de non ter que preocupar-se nos seus debates nen nos seus voceiros polo movimento agrário nestes últimos dez anos, pero as grandes agresións que o mundo rural e os intereses de quen vive directa ou indirectamente da agricultura receben, obrigan a todo o nacionalismo a estar fondamente implicado en fortes confrontacións coa política da U.E., do Estado e da próprioa Xunta durante estes dez últimos anos.

Estamos ao final dun período decisivo: Lograrán aplicar a supertaxa ou non? Lograremos o mantimento das explotacións familiares? Ficará un sector lácteo industrial propriamente galego? Lograremos un mínimo de representación democrática para o agro galego a través de procesos eleitorais de tipo sindical? Vai o sindicalismo agrário nacionalista conformar uns cuadros e uns organismos con peso e autoridade entre os labregos e labregas? Que sectores resitirán? Cantos labregos e labregas? Á vista destas e doutras perguntas non pensamos que sexa moi útil para o movimento agrário que a UPG se esqueza do necesário debate sobre do futuro do agro galego.

Emílio López Pérez (Monforte, 1952). Licenciado en Ciéncias Políticas e Socioloxia na Universidade Complutense de Madrid. Secretário Xeral do Sindicato Labrego Galego entre 1982 e 1989. Portavoz do BNG no Parlamento na Comisión de Agricultura