Paxina Principal da UPG
Terra e Tempo
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
Ir ao Terra e Tempo

35 anos da UPG ao servizo da Terra

Nº 12 - Setembro a Decembro de 1999
Documentos:

Organizacións de masas e conflitividade social na Galiza

[Xesús Seixo Fernández]

A orixe das organizacións nacionalistas de masas na Galiza na história recente

Se o nascimento da UPG obedeceu ao firme convencimento dos seus fundadores de que os direitos nacionais da Galiza só podian acadar-se a partir da própria auto-organización, a transformación da UPG de frente patriótica en partido comunista, marxista-leninista, supuxo o impulso definitivo á auto-organización de noso povo propiciando a criazón de organizacións de masas, sectoriais e de clase, en todos os ámbitos.

Desde a UPG impulsou-se a organización dos traballadores a nível sindical, mediante a formación de diferentes sindicatos nacionalistas de sector (UTEG, SOG, UTBG, UTSG, SGTM) os cais terminarian conformando a primeira central sindical nacionalista, a Intersindical Nacional Galega (ING). Desde a UPG impulsou-se a organización dos labregos galegos criando as Comisións Labregas (CCLL). Desde a UPG impulsou-se a organización dos estudantes mediante a criazón da organización estudantil, Estudantes Revolucionários Galegos (ERGA). Desde a UPG promoveron-se Asociacións Culturais nas principais vilas e cidades da Galiza para recuperar, divulgar e defender a nosa cultura e o noso idioma. Desde a UPG promoveu-se o asociacionismo viciñal como via de participación dos cidadáns na vida dos concellos. Desde a UPG impulsou-se a recuperación dun periódico de fonda tradición galeguista como é o caso de “A NOSA TERRA”.

A UPG tivo como norte e foi sempre moi consciente de que a liberación nacional e social só podia levar-se adiante mediante a organización, conscientización e participación do próprio povo en todo o proceso revolucionário de toma do poder e de transformación social que dito proceso leva consigo.

A UPG foi pois determinante, no plano teórico, organizativo e práctico, para que o nacionalismo galego acadase o conteúdo ideolóxico de esquerdas que ten hoxe, asi como, o seu nível organizativo e de introdución social. Sen a UPG, vista no seu conxunto nunha perspectiva histórica, o nacionalismo galego seria algo moi distinto ao que hoxe é. Estaríamos, posibelmente, ante un proxecto menos consolidado e menos clarificado política e ideolóxicamente.

A participación da U.P.G. no nascimento e consolidación no sindicalismo nacionalista e de clase

Estamos a inícios dos anos 70, anos de conflitividade social, cunha clase obreira nova, disposta a encarar a represión franquista e a loitar polos seus direitos e pola mellora das suas condicións laborais. A nível político a UPG aprofunda na via da sua definición como partido comunista, de clase e patriótico, e toma a decisión de introducir-se no movimento obreiro e sentar as bases organizativas que permitan á clase obreira galega incorporar-se ao proceso de liberación nacional e social da Galiza, aportando todo o seu potencial revolucionário. Cria-se a Frente Obreira da UPG, tendo como un dos seus principais impulsores o dirixente do Partido, hoxe tristemente desaparecido, o camarada Moncho Reboiras.

A princípios do ano 72, a Frente Obreira da UPG toma contactos con dous colectivos de traballadores que ian incidir de forma importante na sua definición e consolidación, estamos a falar de Galicia Socialista (GS) e Organización Obreira (OO). O primeiro, GS, era un grupo de traballadores da comarca de Vigo que se mantiña unido ao redor dun voceiro chamado Galicia Socialista e que formaran parte dun colectivo máis amplo que andando o ano 68 intentaron criar un sindicato galego, pero fracasaron. O segundo, OO, era unha organización criada no ano 71 por sectores escindidos de Comisións Obreiras e das Xuventudes Comunistas, opostos á liña centralista, pactista e reformista de CCOO e do PCE. Estes contactos dan-se nun ano álxido de loita do proletariado galego, aguilloado polos tráxicos acontecimentos do 10 de Marzo en Ferrol. A morte na Ponte das Pias de dous traballadores, Daniel e Amador, por disparos da polícia contra unha manifestación de traballadores de Bazán na que reclamaban a asinatura dun convénio próprio para a factoria de Ferrol, comociona toda a Galiza e desata unha oleada de manifestacións, folgas e actos de protesta por todo o país, especialmente nas zonas máis industrializadas (Ferrol, Vigo e A Coruña) e nos centros de ensino superior (especialmente a Universidade de Compostela), o que trouxo consigo unha forte represión con numerosas persoas detidas e dúcias de despedidos nas empresas. Esta conflitividade ten continuidade especialmente na comarca de Vigo, con loitas importantes durante o mes de Maio, con especial incidéncia no sector naval (Barreras, Vulcano,...), e no mes de setembro, en solidariedade cos traballadores de Citroën, en folga pola xornada das 44 horas semanais e a libranza da tarde dos sábados, con perto de 25.000 traballadores en folga, manifestacións, etc. e que rematou con centos de traballadores despedidos e numeroros detidos.

Durante toda esta conflitividade, dá-se xa un proceso de colaboración importante entre OO, GS e a Frente Obreira da UPG (constituída formalmente no mes de Agosto) o que posibilitou rachar coa lideranza en solitário que, tanto no terreno organizativo como ideolóxico, tiña até daquela CCOO dentro do movimento obreiro galego, aparecendo aos ollos dos traballadores unha alternativa sindical nova,combativa e exclusivamente galega. Este traballo en comun das tres organizacións rematou coa incorporación á Frente Obreira da UPG de moitos dos integrantes de GS e de vários de OO, mentres que o resto dos membros de esta última terminaron integrando-se de novo en organizacións españolistas, especialmente no PC(r), e en menor medida no MC ou na LCR.

A existéncia desta conflitividade laboral, a participación nela, xunto coas novas incorporacións, deron o pulo necesário á F.O. da UPG para, durante o ano 73, lanzar-se a criar nas cidades xermolos sindicais, de ideário nacionalista, con órgaos de expresión específicos: Xerme (A Coruña), Adiante (Vigo), Ferramenta (Ferrol), Galego (Compostela), Obradorio (Ourense). Neste ano celebran-se as primeiras reunións nacionais da F.O. da UPG.

Dentro de esa estratéxia de organizar e elaborar alternativas próprias para os traballadores galegos de todos os sectores, a UPG promove, no ano 74, a criazón dun sindicato específico do sector do ensino, a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG). No ano seguinte, no mes de Maio do 75, constituiu-se o Sindicato Obreiro Galego (SOG), a partir dos xermolos sindicais nacionalistas que estaban a funcionar na maioria das cidades, convertendo-se na ponta de lanza do sindicalismo nacionalista no movimento obreiro. O 12 de agosto deste ano, produce-se en Ferrol o asasinato, por disparos da polícia, de Moncho Reboiras, dirixente da UPG e peza moi importante en todo o proceso de constituizón dos sindicatos nacionalistas. Este suceso, xunto coa represión policial levada a cabo polo Estado español contra os militantes da UPG, paralisan durante todo este ano o proceso de expansión e organización do sindicalismo nacionalista.

Entramos no ano 76, a UPG está recuperada da represión policial sofrida no ano anterior, e continua o proceso de organización e expansión do sindicalismo nacionalista. O SOG celebra a sua primeria asembleia en Vigo, en Abril do 76. Nela fai-se unha análise da situación política, denuncian-se as consecuéncias dos 40 anos de opresión e explotación fascista, a situación de inestabilidade do rexime e o intento da burguesia por controlar o proceso de cámbio político para seguir mantendo o poder e os seus priviléxios, fai-se unha chamada de atención sobre as consecuéncias negativas que para os traballadores e para a Galiza vai ter a posíbel entrada no Mercado Común Europeu e critica o intento da burguesia de fomentar a división entre os traballadores pola via de implantar un modelo de pluralismo sindical. Aproba-se un programa mínimo de loita con reivindicacións de tipo político (amnistia, liberdade sindical, readmisión dos despedidos por motivos laborais e políticos, Estatuto para un Estado Confederado, criazón de organismos sindicais con capacidade de controlo sobre a planificación da economia, o seguro de desemprego, a seguridade social, a situación económica das empresas , etc.), económicas (controlo sobre o investimento e o movimento de capitais, industrialización racional, garantia dun posto de traballo digno na Terra para todos os galegos, criazón dun sector da banca nacionalizado, revisión periódica dos salários en función do aumento real do custo da vida, favorecer o retorno dos emigrantes,...), sociais (seguro de desemprego, seguridade social para todos os traballadores e controlada por eles, vivendas dignas para todos, campaña de alfabetización e escolarización, ensino gratuito para todos…). Asi mesmo, apresentaba como alternativa para combater o pluralismo sindical a celebración dun Congreso Sindical Galego, partindo da realización de asembleias e eleizón de delegados para o mesmo en todos os centros de traballo, que rematase coa constituizón da Central Sindical Única Galega, confederada a nível do Estado con outras centrais. Defende-se a unidade de todos os traballadores do mundo e especialmente a dos traballadores das nacións que compoñen o Estado español, na sua loita contra o capitalismo imperialista español. Durante este ano 1975 o SOG vai realizar unha campaña importante, enfrentando-se ao sindicalismo español (ou sexa, CCOO e USO, partidárias de participar), chamando os traballadores a non participar na eleizón de enlaces sindicais do sindicato vertical fascista, a Central Nacional Sindicalista.

Durante ano 76, a UPG, promove a constituizón de novos sindicatos de sector, a Unión de Traballadores da Banca de Galicia (UTBG), a Unión de Traballadores da Sanidade de Galicia (UTSG), Comisións Mariñeiras (CC.MM.) dirixidas aos traballadores autónomos (marisqueo e pesca de baixura) e o Sindicato Galego de Traballadores do Mar (SGTM) dirixido a todos os traballadores asalariados, ao tempo que inicia un debate sobre o pluralismo sindical na Galiza e o posionamento do sindicalismo nacionalista. Convencida a UPG de que a implantación do pluralismo sindical era un facto e ante o perigo de deixar o campo libre ao sindicalismo español, decide-se propiciar a unidade de todos os sindicatos de sector nunha central sindical nacionalista. Traslada-se este debate aos diferentes sindicatos sectoriais e esta postura sal triunfante, contando coa oposición dunha pequena elite vinculada ao sindicato do ensino. Paralelamente a este debate, deu-se tamén o debate sobre a conveniéncia ou non de as organizacións sindicais nacionalistas seguiren formando parte da frente patriótica (AN-PG), chegando-se á conclusión de que era máis correcto a sua desvinculación orgánica en aras a facer do mesmo un proxecto aberto a todos os traballadores galegos, á marxe da sua opción ideolóxica ou política particular.

O 29 de Abril do ano 77, os sindicatos SOG, UTEG, UTSG, UTBG e SGTM, acordan constituir formalmente a confederación Intersindical Nacional Galega (ING), que xa viña funcionando como tal desde os primeiros meses do ano. Esta celebra o seu primeiro congreso os dias 8 e 9 de Outubro dese mesmo ano, apresentando-se como unha central sindical galega, nacionalista, independente, democrática, combativa, anticapitalista e anti-imperialista, que nasce para unha mellor defensa dos intereses dos traballadores galegos, desde a asunción da realidade colonial da Galiza. Durante este ano constituen-se dous sindicatos sectoriais máis, á marxe da ING, o Sindicato Galego de Traballadores de Hosteleria (SGTH) e o Sindicato Galego da Sanidade (SGS), promovidos polo Partido Obreiro Galego (POG). Pecha-se aqui unha primeira etapa de introdución, medre e organización do sindicalismo nacionalista no seio do movimento obreiro galego.

Conflitividade social e organización do sindicalismo nacionalista

O nascimento do sindicalismo galego, o seu medre e consolidación, coincide e incide na forte conflitividade social que se deu durante estes da década dos setenta. A crise económica xunto co deterioramento do réxime fascista que presaxiaba o seu fin, criaron un marco propício para a organización dos traballadores e do povo en xeral. Eran anos de cámbio, de loita por conquistar as liberdades e os direitos individuais e colectivos que a ditadura franquista negaba, de esperanza na conquista dunha democracia real a nível político, social e económico que fixera posíbel a mellora das condicións de vida das clases traballadoras, asi como a imposición dun marco xurídico-político novo no Estado que respeitase o carácter plurinacional do mesmo. Toda esta situación incide no conteudo, no tipo de organización e até no nível de participación social que se daba nos diferentes conflitos, sendo realmente alta na maioria dos casos.

A conflitividade laboral xiraba ao redor de: a negociación de convénios colectivos dignos, a oposición á conxelación salarial imposta por decreto ou via Pacto Social, a defesa do posto de traballo ante os numerosos expedentes de crises e planos de reconversión nas empresas, a mellora da seguridade no posto de traballo, a devolución do património sindical, a solidariedade pola readmisión de traballadores despedidos, contra a política económica e laboral do Governo orientada a favorecer a conxelación salarial, o despido libre e a flexibilización das condicións de traballo. Sirvan como exemplo de toda esta conflitividade, ademais dos conflitos xa citados que se deron durante todo o ano 72, as loitas levadas a cabo no Camiño do Caramuxo en Vigo, os conflitos de Cablerias Conductoras, Metalúrxica de Vigo, Corfi, Vidrios La Florida, Alúmina-Aluminio, Endesa-As Pontes, as folgas nos convénios provinciais da construción, do metal, da madeira e do transporte, durante os anos 76 e 77, as loitas en contra da privatización e pola defesa da cualidade do ensino e da sanidade públicas......

No campo estritamente sindical, esta conflitividade estaba marcada pola desaparición do sindicato vertical fascista e a implantación do pluralismo sindical. A desaparición da Central Nacional Sindicalista, á que tiñan que estar afiliados todos os traballadores por decreto, deixaba un vacio que non se sabia a ciéncia certa como ia ficar. Esto levaba consigo que as alternativas sindicais existentes (ING, CCOO, UGT, USO, CSUT,..) se lanzasen a unha afiliación masiva, disputando-se a dirección dos conflitos, coa conseguinte confusión entre a maioria dos traballadores que non sabian moi ben a cal apontar-se ou se a sindicación ia seguir sendo obrigatória.

O sindicalismo nacionalista entra nunha nova etapa

Xa como ING o sindicalismo nacionalista enfrentou as eleizóns sindicais de 1978, nas que acadou algo mais de mil delegados, dado significativo da introdución social e da capacidade organizativa que tiña acadado nos últimos anos, asi como, do atinado da decisión de constituir unha central sindical galega. O proceso de expansión do sindicalismo nacionalista ten continuidade coa fusión coa CTG (Confederación de Traballadores de Galicia). Esta organización sindical é froito do corrimento cara a presupostos nacionalistas dunha parte importante dos militantes da CSUT na Galiza (Central Sindical Unitaria de Trabajadores, organizada a nível do Estado e promovida polo Partido del Trabajo de España, PTE ). Apesar das dúbidas que provocaba o camiñar cara a un proceso de fusión coa CTG, pois moitos dirixentes da mesma foran foribundos antinacionalistas, non era menos certo que nos últimos tempos habia bastantes coinicidéncias na acción sindical e por outra banda o PTE, após a fusión coa ORT, e a mesma CSUT, estaban nun proceso de descomposión e nós non nos podiamos permitir o luxo que todo ese corpo sindical fose parar as opcións españolas. A UPG levou este debate á ING, manifestando-se a favor de iniciar un proceso transparente de negociación e conversas coa CTG, que rematou co acordo, tomado en asembleia celebrada en Outubro de 1980 na Coruña, de confluir nunha única central sindical, a ING-CTG. No mes de febreiro de 1981 a dirección da ING-CGT acorda pasar a chamar-se Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG), a cal celebra o seu primeiro congreso en Xaneiro de 1982, en Panxón (Nigrán). Durante este congreso ten lugar o primeiro conflito forte, nesta nova etapa, no seio do sindicalismo nacionalista. O sector escindido o ano anterior da UPG e da AN-PG, alia-se co sector procedente da CTG e intentan ganar a maioria e a dirección do sindicato á UPG. O proceso resulta-lles fallido e teñen que conformar-se con ficar en minoria, ainda que cun peso importante nos organismos. Estaban-se a pór as bases do que ia ser unha pelexa constante por gañar a dirección da central sindical e que rematou nos graves acontecimentos de 1985.

Paralelamente a este proceso e á marxe do mesmo, tanto o Partido Obreiro Galego (POG) e Esquerda Galega (EG) como o Partido Socialista Galego (PSG), con escasa presenza ambos os dous no movimento obreiro, con militantes espallados tanto nas organizacións sindicais nacionalistas como nas españolistas, estaban a tentar criar os seus próprios proxectos sindicais. O POG/EG seguia a manter o Sindicato Galego de Traballadores de Hostelería (SGTH, 1977), o Sindicato Galego de Traballadores da Administración Pública (SGTAP, 1977) e o Sindicato Galego da Sanidade (SGS, 1977). Asi mesmo, da man do PSG, aparece a Confederación Sindical Galega (CSG), criada con sindicalistas que proviñan, fundamentalmente, da USO, a cal celebra o seu congreso constituinte, no mes de Setembro de 1980, en Vigo.

A nova situación de correlación de forzas no seio da INTG, na que a UPG segue a ter o controlo da dirección da central pero non por moita diferenza, anima ao sector en minoria, asi como o PSG e o POG, até daquela reticentes a integrar-se nunha única central sindical nacionalista, a acelerar o proceso de unificación de todo o sindicalismo galego. O PSG e o POG podian, por vez primeira na sua história, ter un peso importante na dirección do sindicalismo nacionalista, o sector provinte da CTG tiña a oportunidade de introducir os seus presupostos de camiñar cara a un modelo sindical máis descafeinado ideoloxicamente e o sector recentemente escindido da UPG conseguia vingar-se da sua “nai” política e dar saída ás suas frustacións por ser incapaces de erguer un proxecto político novo, alternativo, que tanto anunciaran. O proceso de unidade de todo o sindicalismo galego continua, tamén co decidido apoio da UPG e, tras unha acción sindical en común, no mes de Setembro de 1982, en Compostela, ten lugar a asembleia de unificación da INTG e a CSG, pasando a denominar-se INTERSINDICAL (INTG-CSG). Neste mesmo proceso produce-se a integración do SGTH e do SGTAP. No mes de Outubro de 1983, os dias 15 e 16, celebra-se o congreso da Intersindical, na cidade de Compostela, mantendo-se o nome de INTG-Intersindical, o cal terminou conventendo-se en elemento diferenciador dentro da própria central sindical, a maioria utiliza habitualmente o nome de INTG e a oposición o nome de INTERSINDICAL. Neste ano 1982 celebran-se de novo eleizóns sindicais e a INTG acada a condición de central sindical máis representativa a nível do Estado, conxuntamente con CCOO, UGT e ELA, pois superou os 1.500 delegados, máis de 15% dos delegados eleitos na Galiza.

Este proceso de medre do sindicalismo nacionalista veu-se interrumpido durante o ano 1985, cando un importante sector da INTG, escinde-se desta e cria, no mes de Xuño dese ano, unha nova central sindical, a Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN). A raiz desta crise remonta-se aos conflitos habidos durante os anos 81 e 82 na UPG e na AN-PG coa partida, nuns casos, e a expulsión, noutros, de numerosos militantes vinculados ao traballo sindical, os cais sen referente político e incapaces de erguer un novo (fixeron unha intentona constituindo a Asamblea Nacionalista Galega, ANG), centraron os seus esforzos en faceren da central sindical o seu campo de batalla político particular contra a UPG e o BNG, recén constituido ese mesmo ano. Con eles fixeron corpo a maioria dos dirixentes procedentes da CTG (ex-PTs) e os militantes do PSG e de EG. Os seus obxetivos eran vários: primeiro, rematar coa identificación INTG, UPG, BNG existente até entón, tanto por circunstáncias históricas como, por que non dicé-lo, por próprio critério político, especialmente da UPG, segundo, facer da central sindical a sua plataforma para lanzar as suas alternativas diferenciadoras da liña do BNG, terceiro, abrir-se a unha liña máis posibilista e de dulcificación das posturas de oposición á política do PSOE. Trataba-se, en definitiva, de camiñar cara un sindicalismo nacionalista máis descafeinado, sen referentes políticos e ideolóxicos, dentro das pautas ideolóxicas que viñan defendendo facia tempo os ex-dirixentas da CTG, un modelo sindical “sen ataduras” políticas, só atado a ideoloxia e aos intereses particulares e de poder dos seus dirixentes. Esta crise interna veu-se agudizada polos posicionamentos dun sector da UPG, que se porian de manifesto meses despois, partidários de radicalizar ainda máis as posturas do sindicato na sua acción sindical e de controlo interno do mesmo, o cal dificultaba calquer posibilidade de entendimento. O sector en minoria terminou organizando-se nunha corrente sidical denominada Converxencia Sindical Nacionalista (CSN), constituída o 6 de Maio do 84, na Faculdade de Económicas a cal non chegou a formalizar-se nen a sair á luz pública, pois precipitaron-se os acontecimentos ao proceder a maioria da central sindical á abertura de expedentes e á expulsión de numerosos membros desta corrente, rematando todo este proceso coa constituizón da nova central.

Os acontecimentos que meses despois se deron na UPG, ao redor do debate sobre prometer ou non acatamento a Constituizón Española para poder estar nas instituizóns, co abandono do Partido dun grupo de militantes que fundan o PCLN, tiña tamén a sua plasmación na central sindical. Aqueles que defendian o non prometer acatamento, polo tanto asumir o repto político de quedar fora de todas as instituizóns, defendian no campo sindical unha maior radicalización na acción sindical, maior identificación ideolóxico-política dos seus militantes e afiliados con un determinado proxecto, en definitiva, unha central sindical máis de cuadros e menos de masas, disposta a asumir formas de loita máis radicalizadas, no fondo estaban-se a preparar as condicións para iniciar un proceso de loita armada. A saída destes militantes da UPG, xunto co posicionamento favorábel ao xuramento da Constituizón, permitiu abrir de novo o debate sobre os acontecimentos do 85 e o futuro do sindicalismo nacionalista.

Estamos en pleno ano de eleizóns sindicais (1986), todo indica que nengunha das duas centrais nacionalistas imos acadar a condición de sindicato máis representativo a nível do Estado, co conseguinte prexuízo para todo o sindicalismo nacionalista, o cal leva á UPG a abordar o debate de retomar a unidade de acción entre a INTG e a CXTG e a estudar unha fórmula organizativa que, sen significar a unidade orgánica das duas centrais, cousa imposíbel dada a proximidade da ruptura, si nos permitise o poder seguir mantendo a condición de sindicatos máis representativos. Trasladamos este debate á INTG, produce-se unha dura confrontación co PCLN, contrário a calquer tipo de relación coa CXTG e moito menos a unha aproximación organizativa, pero a postura defendida pola UPG sai triunfante por maioria. Desde a INTG dá-se traslado desta proposta a CXTG, manifestando-lle as razóns da mesma ao tempo que se fai unha autocrítica, na parte que lle correspondia, polos acontecimentos do ano 85, e propon-lle como fórmula organizativa para superar esta situación a constituizón da Coordenadora Sindical Galega, formalmente con unha estrutura de confederación e na cal as duas centrais sindicais mantiñan a sua total independéncia e soberania. A resposta da CXTG foi contundente, negaban-se a calquera fórmula organizativa de aproximación entre as duas centrais e declaraba ódio eterno.

Rematou o proceso de eleizóns, o sindicalismo nacionalista (INTG e CXTG) perdia a condición de máis representativo que tiña acadado no ano 1982, pero aquel debate e aquela proposta permitiu abrir unha via de diálogo que até entón non existia entre as duas centrais sindicais, abriu a posibilidade dunha acción sindical en comun, coa compañia de CCOO nos primeiros momentos. Esta via de diálogo e unidade de acción, xunto con acontecimentos posteriores que se deron no campo do nacionalismo, permitiu abrandar as posicións dos sectores máis duros da INTG e da CXTG, contrários a levar adiante calquer proceso de unidade.

Desde a INTG retoma-se a ideia de recuperar a unidade do sindicalismo nacionalista e no seu III Congreso, celebrado os dias 16 e 17 de Maio de 1987, acorda-se propor a CXTG a constituizón da Mesa Sindical Galega (ou algo similar) que permitise ir unificando critérios de actuación ao tempo que se sentaban as bases dunha alternativa única de cara ás eleizóns sindicais de 1990. Previamente, membros do Secretariado Político da UPG, mantivemos xuntanzas con destacados dirixentes da CXTG, co ánimo de borrar calquer dúbida sobre a intencionalidade da proposta de unificación que non fose o fortalecimento do sindicalismo nacionalista para unha mellor defensa dos intereses dos traballadores galegos. O 2 de Abril de 1990, asina-se entre a INTG e a CXTG o acordo de constituizón da Converxéncia Intersindical Galega e ese mesmo mes, os dias 21 e 22 no mosteiro de Poio, a INTG celebra o seu IV Congreso, reafirmando-se no seu apoio a constituizón da CIG e a sua vontade de camiñar cara a unificación das duas centrais sindicais nunha única organización. A CIG apresenta-se ese ano ás eleizóns sindicais e obtén máis de 23% dos delegados eleitos na Galiza, recuperando o sindicalismo nacionalista a condición de máis representativo. O 19 de Marzo de 1994 celebraba-se o congreso de unificación do sindicalismo nacionalista nunha única central sindical, a Confederación Intersindical Galega (CIG). O tempo perdido estaba recuperado e superado para ben dos traballadores galegos.

A conflitividade laboral durante esta segunda etapa do sindicalismo nacionalista

Durante os anos que van desde a fundación da ING até a configuración da CIG, a conflitividade laboral vai ser realmente importante. A situación de crise económica, a entrada na Comunidade Económica Europeia, a imposición dunha política neoliberal no campo económico e laboral, vai xerar graves consecuéncias de peche de empresas, perda de postos de traballo, precariedade laboral, regresión na lexislación e direitos laborais, etc.

Durante estes anos poderíamos citar moitas e importantes empresas que se viron obrigadas a pechar ou sufriron importantes reducións de cuadro: Regojo, Ascón, Censa, Corfi, Unión Cradytor, Coparex Minera, Sidegasa, Mafriesa, Frigsa, Pebsa, Massó, Motores Deutz, Santa Bárbara, Astano, Bazán, Barreras, Vulcano, Exminesa, Grupo de Empresa Álvarez,… e outras moitas, nun país como o noso cun nível de industrialización tan baixo, esto supuxo un auténtico atentado as nosas posibilidades de desenvolvimento económico, todo esto agudizado coas limitacións a capacidade produtiva impostas pola CEE/UE aos sectores pesqueiro, agrário e naval.

De toda a conflitividade de fins dos anos 70, compriria destacar a xornada de loita do 27 de Xaneiro do 78, contra o Pacto da Moncloa (acordo asinado por UCD, PP, PSOE e PCE, co respaldo de CCOO e UGT), convocada en solitário pola ING, con paros e manifestacións en toda a Galiza e que contou cun importante respaldo social. Esta convocatória, que contou co apoio de todo o nacionalismo (CCLL, ERGA, BN-PG, ...) supuxo un salto cualitativo tanto para o nacionalismo como para o tipo de loitas que se estaban a levar até entón. Por vez primeira o sindicalismo nacionalista rompia coa dinámica sindical estatal imposta polo españolismo neste tipo de loitas, asumia en solitário o protagonismo e a dirección da mesma e todo o nacionalismo no seu conxunto daba unha resposta nacional á política económica e laboral do Governo español, asi como, o modelo de pacto social e de consolidación da democracia burguesa española que agochaba dito Pacto da Moncloa. Esta firme decisión do nacionalismo de rachar con ese certo complexo de inferioridade frente ao españolismo, especialmente no campo sindical, ese atrevimento froito do convencimento da necesidade e da capacidade para dirixir coas suas própias forzas as reivindicacións dos traballadores galegos, posibilitou, naqueles momentos e anos posteriores, que o sindicalismo nacionalista se converte-se nun referente fundamental do movimento obreiro galego, coa conseguinte introdución, consolidación e medra organizativa. Esto mesmo poderia-se facer extensivo ao nacionalismo no seu conxunto.

Toda a decada dos anos 80 foi especialmente conflitiva. Durante esta década convocaron-se catro folgas xerais, tres delas no ano 1984 (o 14 de Febreiro, o 12 de Xullo e o 29 de Novembro), e nas que o sindicalismo nacionalista e en xeral todo o nacionalismo tivo un peso moi importante, tanto na iniciativa da sua convocatória como no conteúdo das mesmas. A primeira delas foi convocada en solitário pola INTG, aproveitando a convocatória de folgas comarcais en Vigo e Ferrol. O éxito desta primeira obrigou ao sindicalismo españolista a ter que sumar-se a convocatoria das duas seguintes e rachar asi coa sua própria dinámica orientada a manter os conflitos no ámbito local ou comarcal, evitando que os mesmos tiveran ámbito e contido nacional, que era a extratéxia do sindicalismo nacionalista. Se ben o que serviu en princípio de revulsivo para convocar estas folgas foi a perda de emprego provocada pola reconversión no sector naval, o contieúdo das mesmas era moito máis amplo. Desde o nacionalismo deu-se-lles un contido de loita contra a política do governo español (PSOE) de marxinación da Galiza, coa complicidade do governo da Xunta, de denúncia das graves consecuéncias que para os nosos sectores produtivos ia ter a entrada na CEE coa conseguinte redución da capacidade produtiva e perda de postos de traballo, de isolamento en matéria de infra-estruturas, da necesidade de ter maiores cotas de soberania política para decidir nós o noso próprio destino, etc. O masivo apoio que tiveron en amplos sectores da povoación, puxo de manifesto a forte sensibilidade que cara a estes problemas existia no noso povo.

A outra folga xeral da década dos oitenta foi a convocada o 14 de Decembro a nível de todo o Estado, en contra das medidas en matéria laboral e de emprego do PSOE, orientadas a profundizar ainda máis na precarización das condicións de traballo e que se concretizaba na oposición ao chamado Plano de Emprego Xuvenil. Contra a precarización das condicións de traballo, pola criazón de emprego, en defesa do sistema público de pensións, en contra da reformas laborias, convocaron-se duas folgas xerais máis, o 2 de Abril de 1992 e o 27 de Xaneiro de 1994. O desigual, pero importante, apoio que tiveron entre os traballadores estas folgas, veu-se traizoado pola pasividade e a posterior colaboración do sindicalismo españolista asinando acordos co PP (quer dicer, Acordo sobre consolidación e racionalización do sistema de Seguridade Social (1996), Acordo interconfederal para a estabilidade no emprego (1997), Acordo sobre medidas para o crescimento e o emprego na Galiza (1998) que aprofundan e bendicen toda esta política dos governos españois.

Durante estes anos deron-se loitas importantes tamén no campo da negociación colectiva, tanto para mellorar o conteúdo dos convénios, como para dotar de convénio colectivo a sectores que non tiñan (pizarra, pesca en xeral, ...), como para reforzar a negociación colectiva a nível galego, impedindo que a mesma fose vaciada de conteúdo e centralizada através de acordos marco estatais asinados polas centrais sindicais españolas. Loitas importantes no sector do comércio contra a implantación das grandes superfícies comerciais e a liberalización dos horários e dias de abertura do comércio. Loitas importantes na área pública, no sector do ensino (novo sistema retributivo, defesa da cualidade do ensino público, maiores dotacións, formación para o profesorado, defesa dos interinos, contra a perda de emprego, ...), no sector da sanidade (retribucións, condicións de traballo, defensa da sanidade pública e en contra da sua privatización, pola non redución dos cuadros de persoal, …), no sector da administración pública (Estatuto galego da función pública, direito á negociación colectiva, convénio único do personal laboral da Xunta, …).

A participación da U.P.G. no nacimento e consolidación das organizacións estudantis nacionalistas

Nese obxetivo da UPG en auto-organizar ao noso povo en todos os sectores, non podia ficar excluido un sector tan numeroso e tan importante como o estudantil. Desde o ponto de vista da ortodoxia marxista, non lle correspondia, nen lle corresponde, o papel de dirección, de vanguarda, na loita revolucionária por mudar o sistema capitalista colonial. Mais as circunstáncias históricas e sociais da Galiza, fixeron dos estudantes galegos e da sua primeira organización nacionalista, Estudantes Revolucionários Galegos (ERGA), unha peza moi importante no crescimento e no fortalecimento de todo o entramado organizativo do nacionalismo, desde o mesmo momento da sua criazón.

ERGA comenza a conformar-se a inícios do curso 72-73, partindo de militantes e achegados á UPG, en resposta a situación fundamentalmente do ensino universitário e marcada nese momento pola morte dun estudante en Compostela a disparos da polícia. ERGA parte no seu programa de que Galiza é unha nación colonizada, de que os estudantes son un grupo social con contradicións particulares, que a solución está na loita de liberación nacional e social, que o estudantado nesta situación ten un papel obxetivo revolucionário, etc.

ERGA lanza-se a organizar masivamente o estudantado, partindo dos seus problemas máis concretos, enmarcando a sua solución na loita por un ensino nacional, científico, popular e democrático. Durante toda a sua época deron-se loitas en defensa dun ensino máis científico, contra as actitudes autoritárias e fascistas de alguns profesores, por un ensino en galego, por unha mellora da dotación de material nos centros, en contra do sistema de selectividade da Universidade, en contra da suba das tasas académicas, contra o decreto das catro convocatórias, por un ensino laico e coeducativo, pola introducción de matéria nos libros de texto que teña que ver coa realidade galega, pola xestión democrática dos centros, pola sua legalización, etc.

Dentro das numerosas loitas que levou ERGA, fixo bandeira da loita en defesa do noso idioma, do seu uso e normalización, tendo que enfrentar-se a todo o españolismo, de esquerdas e de direitas, que se opuñan con uñas e dentes ao uso normalizado do noso idioma, sabedores do que supuña de toma de consciéncia como povo por parte dos galegos e polo tanto de cuestionamento do seu modelo de proxecto político e organizativo centralista. A loita foi dura e difícil pero ao final conseguiu-se impor o galego como forma de expresión habitual en asembleias e propaganda en xeral, inclusive por parte das organizacións españolistas. Infelizmente, na maioria destas organizacións, só se trataba dunha asunción formal obrigada polas circunstáncias, pois a sua visión xacobinista do Estado español non mudara nada.

Pero ERGA non ficou exclusivamente na loita específica de defesa das reivindicacións estudantis. En coeréncia coa sua conceición da situación colonial da Galiza e do papel obxectivamente revolucionário que podian xogar os estudantes, somou-se solidariamente as loitas dos outros sectores e organizacións do movimento nacional-popular galego. Esto levou-na a participar activamente en todas cantas movilizacións se deron polo país adiante en apoio dos labregos (Baldaio, As Encobras, cota empresarial, prezo do leite, ...), en apoio dos obreiros (xornada de loita contra o Pacto da Moncloa, celebracións do 10 de Marzo e 1º de Maio, ...), en contra da implantación de indústrias de enclave e contaminantes (central nuclear de Xove, celulosa de Ponteceso, ...), campañas políticas (Dia da Pátria, Eleizóns políticas, ...). ERGA foi unha escola da cal a UPG foi recollendo cadros e destinando-os a traballar e colaborar no fortalecimento e expansión das difentes organizacións de masas do nacionalismo, en pleno proceso de eclosión, esto é; CCLL, ING, AN-PG, AA.CC.

O convencimento de que ERGA cubrira unha etapa que estaba esgotada, co debate de fundo nunca suficientemente esclarecido de se ERGA debia ser unha organización sindical dirixida a todos os estudantes ou unha organización de cadros, levou a UPG a reconsiderar a necesidade de reorientar o traballo no seio do estudantado e polo tanto o modelo organizativo máis axeitado para a nova etapa. Os militantes da UMG trasladaron a ERGA este debate e tomou-se o acordo de que ERGA fose esmorecendo e propiciase o nascimento dunha nova organización estudantil, de base ampla, na que tivese cabida todo o nacionalismo e que facilitase a incorporación ao movimento estudantil nacionalista de moitos estudantes independentes. Puña-se en marcha o proceso de constituizón dos Comités Abertos de Facultade (CAF) e dos Comités Abertos de Estudantes (CAE).

CONCLUSIÓNS

En primeiro lugar que a UPG foi fiel en todo momento ao princípio de que sen auto-organización non hai liberación nacional e social. E en segundo termo que a UPG sempre defendeu que o nacionalismo para ser eficaz como ferramenta de transformación social, de defesa dos direitos nacionais da Galiza e de conquista do poder, non pode ficar isolado socialmente, ten que ter unha base ampla e de masas, ten que ser asumido e defendido pola maioria do povo. Daí que, apesar dos conflitos e divisións que houbo dentro do nacionalismo e da corresponsabilidade que pudera ter neles, dos erros e dos acertos, a UPG sempre terminou favorecendo e apoiando procesos de unidade e de expansión do nacionalismo, en todos os campos, e moitas veces con grandes doses de xenerosidade.u

Xesus Seixo Fernández (Curtis, 1952). Licenciado en Biolóxicas pola Universidade de Santiago. É Secretário Confederal de Organización da Confederación Intersindical Galega (CIG) e membro da sua Executiva Confederal.