A
UPG |
A
UMG |
Terra
e Tempo |
Cousas
que importan |
|
35 anos da UPG ao servizo da Terra
 |
Nº
12 - Setembro a Decembro de 1999 |
| |
|
|
|
|
|
|
|
|
| Documentos: |
|
|
| |
O Nacionalismo Galego nos anos da Transición
[Bautista Álvarez Domínguez]
O rexime franquista, iniciado co
levantamento militar de 1936, representaba a violación
da lexitimidade constitucional e democrática instaurada
pola II República Española. No decorrer de catro
décadas de ditadura, o panorama político internacional
sofrera unha profunda transformación. A segunda guerra
mundial derrubara os referentes fascistas na Europa de Hitler
e Mussolini. Consolidaranse alternativas socialistas en boa
parte do vello continente. Moitas colónias de antigos
impérios culminaran procesos de emancipación.
Movimentos revolucionários en Ásia, África
e América Latina mudaron ou puñan en perigo o
sistema económico imperante. A “Revolución
dos Cravos” inumara en Portugal o Estado Novo de Salazar,
deixando Franco na soidade política e mesmo inspirando
axitacións de rebeldia na inquebrantábel fidelidade
dos cuarteis.
A “guerra fria”, que trocara o isolamento diplomático,
coa retirada de embaixadas en Madrid, polo apoio á ditadura,
dificultando deste xeito as posibilidades de éxito dunha
revolta iniciada no interior, non acreditaba xa na sua eficácia
para combater o socialismo. A vellice do “Caudillo”
acurtaba os prazos para a reforma do modelo. Unha nova xeira
inicia-se asi nesa longa e relantizada agonia que rematou o
20 de novembro de 1975. Á marxe de minorias teimudas
en blindar as eséncias do “movimento nacional”,
os herdeiros do legado franquista, ben aconsellados polos seus
valedores nas poténcias estranxeiras, son conscientes
da necesidade de reformar o rexime para manter os mesmos poderes
e os mesmos obxectivos. Serán estes os que protagonicen
e conduzan o proceso de transición iniciado por Suárez.
Doutra banda, os sectores políticos derrotados no 36,
desbotada a posibilidade de restaurar a democracia recuperando
as instituizóns da República, optan por unha alternativa
de ruptura, abrindo un proceso constituinte no que o povo definise
a forma de Estado. Pola opción da ruptura democrática
estaban en princípio as correntes ideolóxicas
que durante a ditadura foran oposición activa ou silenciosa.
Esta postura, máis radical, pouco durou, pois a esquerda
española capitulou axiña á reforma imposta
desde unha Administración controlada polo aparato franquista.
Significativa resulta a peculariedade de elaboración
da Constituizón en vigor, na que as Cortes lexislativas
trucaron o proceso usurpando o papel das Cortes constituintes.
Definido o marco no que deu a transición, compre analisar
agora a posición do nacionalismo galego neste proceso.
Seria un erro vincular a perda dos direitos nacionais á
desaparición do Estado formalmente democrático
ainda que a represión dos mesmos sexa máis virulenta
nas fases de governos totalitários. É xusto recoñecer
o mérito das duas Repúblicas en asumiren o debate
do problema das nacionalidades, apesar de adiaren a sua solución
con medidas descentralizadoras discutíbeis e pouco satisfatórias.
Pero debemos ter claro tamén que a restauración
da democracia na Galiza pasa pola reformulación do Estado
e non só do rexime. Oportuno lembrar, a este respeito,
a teoria que distingue entre sistemas e reximes, evidenciando
a imposibilidade de coexisténcia de reximes democráticos
con sistemas opresores.
Estas análises definiron a liña seguida polo
nacionalismo organizado na sua aportación ao proceso
abortado de ruptura democrática. Máis claramente,
exixindo o recoñecimento dos direitos nacionais como
base do marco xurídico estatal. No Consello de Forzas
Políticas Galegas participaron os partidos con existéncia
política no momento da transición: UPG, PSG, o
desaparecido Partido Galego Social-Demócrata, aderindo-se
á plataforma duas formacións que naquela altura
mantiñan posturas vacilantes a respeito do problema nacional
(MCG e Partido Carlista). Á diferenza dos nacionalismos
vasco e catalán, que ou ben se movian nun plano cerrado
de independentismo radical ou reducian as suas demandas á
reposición dos respectivos Estatutos, foi o galego o
único que aportou unha alternativa concreta o suficientemente
perfilada para a participación da Galiza nun Estado de
estrutura federal. Sen retornar ao camiño que o galeguismo
xa percorrera antes do 36, trataba-se de avanzar no proceso
pondo as bases que permitisen o exercício da soberania
nacional. Despois de cuarenta anos significaria un retroceso
reivindicar como meta de chegada o que para Castelao e Alexandre
Bóveda representaba o ponto de partida.
As “Bases Constitucionais da Nación Galega”
debuxaban un proxecto que visaba resolver as contradicións
dun Estado plural na sua composición e unitário
e centralizado no funcionamento administrativo. Coido que carece
de valor enredar-se no debate de semántica xurídica
clasificando o documento aportado polo nacionalismo galego no
modelo federal ou confederal. Habia un deslinde bastante exaustivo
de competéncias, reservando para Galiza aquelas que son
imprescindíbeis para garantir o desenvolvimento do país
e o exercício da soberania nacional, desde unha óptica
que se achega á estratéxia contida na recente
“Declaración de Barcelona”.
Con esta perspectiva concreta encaramos os nacionalistas a
fase de transición, quer no contacto con forzas rupturistas
do Estado, quer na movilización popular e na axitación
política. A proclama de “Estatuto nunca máis,
Bases Constitucionais” foi a bandeira das manifestacións
patrióticas, a mensaxe da campaña eleitoral do
77, o critério que definiu a nosa posición a respeito
do proceso constituinte español. Se no 1936 a defesa
do Estatuto trazara a liña divisória que separaba
o galeguismo do españolismo, a esquerda da direita, a
etapa que analisamos hoxe caracterizou-se por agrupar os partidos
españois, prescindindo da sua filiación ideolóxica,
nunha alianza autonomista fronte á demanda de soberania
promovida polo nacionalismo. A celebración do “Dia
da Pátria” do 1978 resulta esclarecedora desta
división. Significativa foi, na praza do Obradoiro, a
concentración convocada a nível institucional
como réplica á movilización da Quintana,
a das Arengas e reivindicacións patrióticas. Nesa
mesma dirección ia a manifestación que en Decembro
do 77 reunira en Vigo militantes da UCD, do PSOE e do Partido
Comunista, mal disimulada a auséncia nacionalista no
repentino fervor estatutário coa presenza de figuras
ainda invernadas do galeguismo histórico. Esta polarización
mostrou-se aqui máis decantada que noutras partes con
problemas nacionais. Foi a de Vigo unha paródia con interpretación
folclórica da que con anterioridade tivera lugar en Barcelona,
de claro conteúdo rupturista, na que os manifestantes
desfilaron co lema unitário de “Llibertat, aministia
i Estatut de Autonomia”. A direita condicionou a sua participación
na do 4 de Decembro exixindo unha movilización silenciosa
que a deixase a salvo de actitudes pouco respeitosas cos obxectivos
da reforma.
As posibilidades de ruptura democrática foron esvaecendo-se
na medida en que os partidos españois se integraron na
alternativa defendida por Suárez, nun proceso que se
inicia coas eleizóns do 77 e continua coa elaboración
e referendo da Constituizón actual, filla esta dunha
situación política que mantiña intactos
os princípios e o aparato administrativo do franquismo.
Teñamos presente os atrancos de participación
na primeira convocatória eleitoral de partidos que demoraran
a sua legalización por causa do encaixe difícil
dos seus estatutos no marco xurídico emanado do “Fuero
de los Españoles”. Foi o caso da AN-PG e da UPG
na Galiza, forzadas a concorreren nunha candidatura de eleitores.
Algun outro conseguira á última hora o recoñecimento
no Ministério do Interior, coa esperanza de compensar
a renúncia expresa aos compases da “Internacional”
con algun acorde da “Marsellesa”. E, ainda asi,
con sobresalto de baionetas nos cuarteis.
A reforma impuxo-se. O 23 de Febreiro puxo rédeas ás
tendéncias que dentro ou fora do Congreso tentaban converté-la
en fase transitória. Non foi un asalto fracasado. A cuartelada
fixou os lindes que a aplicación da nova Constituizón
non podia ultrapasar, sobretodo nos aspectos que atinxisen á
sagrada e tradicional unidade do Estado. Pujol viuse obrigado
a renunciar á primacia de señera, dando entrada
á bandeira española na presidéncia da Generalitat.
Fíxo-se a reforma, pero foi unha reforma con visado militar,
incapaz de resolver o conflito dun Estado obcecado en rexer
con critérios uniformes culturas, idiomas e nacións
de natureza e problemas diferentes. A pertinácia nesta
concepción dogmática é a que impede talvez
unha solución democrática e definitiva da violéncia
ali onde a defesa da própria identidade mantén
ainda cotas elevadas de crispación.
Os nacionalistas galegos, tanto na transición canto
nos primeiros anos de vixéncia constitucional, colocamos
como soporte da actuación política o que neste
momento continua a ser a nosa estratéxia de futuro: a
consecución dun marco xurídico acorde coa estrutura
plurinacional do Estado. Daí a postura insobornábel
de non sacrificarmos a ruptura democrática no oportunismo
da reforma. Daí tamén a liña seguida na
tramitación do Estatuto, que, despois de entreter na
sua redación á “Comisión dos Dezaseis”
terminou por ser o “Estatuto do Aldraxe”. Seria
un erro xulgar a corrección das posturas adoptadas polos
resultados obtidos de imediato. Coas modificacións tácticas
precisas, só a firmeza nos princípios fixo posíbel
a ensamblaxe das “Bases Constitucionais” na recente
“Declaración de Barcelona”, procurando adaptar
as formulacións programáticas daquelas aos ritmos,
grau de aplicación e conteúdos nos que máis
facilmente se pode vencer a resisténcia da situación
política actual.
Outro erro que debemos iludir é acreditar que o éxito
do nacionalismo vai depender en exclusiva da coeréncia
de alternativas seriamente elaboradas. Impón hoxe máis
respeito na Corte o ascenso eleitoral do BNG que as teses por
el defendidas cando eran incapaces de superaren a proba das
urnas. Quizá fose máis acabado o proxecto de modelo
de Estado que os galegos aportáamos na etapa da transición,
pero as sucesivas consultas eleitorais detectaban máis
povo no nacionalismo vasco e catalán. Eis o repto que
debemos encarar no futuro próximo: achegar-se á
sociedade para facer que participe maioritariamente no proxecto,
sen renunciar ao proxecto para ir á sociedade. Tarefa
difícil, pero única viábel para acadar
os obxectivos.
Bautista Álvarez Domínguez
(San Amaro, 1933). Vice-Presidente da Mesa do
Parlamento da Galiza en calidade de Deputado do Bloque Nacionalista
Galego (BNG). É membro do seu Consello Nacional.
|