A
UPG |
A
UMG |
Terra
e Tempo |
Cousas
que importan |
|
35 anos da UPG ao servizo da Terra
 |
Nº
12 - Setembro a Decembro de 1999 |
| |
|
|
|
|
|
|
|
|
| Documentos: |
|
|
| |
A constituizón en partido como produto dunha dinámica
social e nacional
[Alfredo Suárez Canal]
Desde a miña perspectiva o
proceso de decantación ideolóxica, política
e organizativa que levou a UPG desde as suas orixes até
a configuración como un partido comunista galego nos
anos 70, ten fundamentalmente catro claves. Trata-se dun fenómeno
complexo onde o intento de introducir o bisturi metodolóxico
buscando explicacións do mesmo pode acabar producindo
unha esquematización exaxerada, pero ao meu xuízo,
catro son os factores que de xeito inter-relacionado pesaron
máis e mesmo explican que o proceso tardase ao redor
de dez anos.
A NECESIDADE DE ESTRUTURACIÓN ORGÁNICA
UNITÁRIA DO NACIONALISMO
Desde o nascimento da UPG e mesmo como unha característica
prevalente de toda a sua prática política e organizativa
posterior, convén destacar a aspiración de que
o nacionalismo tivese unha expresión organizativa unitária.
Poderian existir disparidades e mesmo reticéncias desde
a perspectiva da UPG do carácter nacionalista doutros
colectivos, que normalmente se cifraban en duas características:
a defesa do direito de autodeterminación e a auto-organización
como princípio estrutural. Pero as características
da organización nas suas orixes e mesmo os primeiros
pasos evidencian que a primacia de articular no plano político
unha organización unitária do nacionalismo era
unha aspiración fundamental. O próprio nome escollido
nos inícios e o facto de que a UPG se constituir como
partido político marxista nos princípios dos 70,
cando se consegue articular unha fórmula orgánica
que sirva a existéncia dese partido coa presenza tamén
doutra estrutura que sirva de alicerce para un proxecto comun
do nacionalismo, non son máis que dados que permiten
avalar que de xeito consciente ou non, a prevaléncia
de criar un instrumento político ao servizo do país
como expresión unitária e ariete da loita pola
soberania; é incuestionábel. Seguramente este
é un dos dados que explica porque de entrada na sua fundación
se escolleu unha determinada estrutura orgánica e tamén
porque tivo que ser a própria experiéncia prática
e o contraste coa realidade ao longo dos dez anos o que fose
producindo a decantación ideolóxica e organizativa.
A AUTO-ORGANIZACIÓN COMO PRINCÍPIO BÁSICO
DEFINITÓRIO
O próprio nascimento da UPG foi, entre outras cousas,
unha resposta á auséncia de actividade na prática
política e social dos restos do nacionalismo actuante
no interior do país. A própria base material,
a dinámica social e a aspiración de facer do nacionalismo
un proxecto actuante no plano político, fixeron que o
impulso aos movimentos de vertebrar organizativamente o país
estivesen sempre presente entre os obxectivos da UPG. O impulso
á auto-organización de distintos sectores sociais
en base á organizacións de corte sindical, de
masas, ou como primeiro chanzo da consciéncia de país,
que se acentuou a finais dos anos sesenta e sobretodo nos inícios
dos 70, non foi un produto de laboratório. A base material,
as peculiaridades das formacións sociais nun país
dependente e da periferia do capitalismo, a imposición
dunha cultura alleia que impedia ou mediatizaba de xeito rotundo
a expresión da própria, demandaban a necesária
articulación de organizacións de corte amplo para
canalizar reivindicacións e aspiracións vinculadas
moitas veces a intereses imediatos. O nascimento das CC.LL.
ten que entenderse non só como unha decisión dunha
organización partidária pulando por estruturar
organizativamente o país de cima para abaixo, senón
como veículo necesário para dar resposta ás
agresións directas que sofria un sector social no seu
meio e soporte vital acosado pola presión do capital
monopolista, e que loitas como a de Castrelo de Miño,
Campobecerros, Celulosas, etc. non fixeron máis que po-los
á luz, e demandá-lo a berros. A multitude de plataformas
culturais que se ergueron no país non foron máis
que a resposta colectiva á necesidade de dar canle de
expresión a unha cultura que enraizada no povo e na história
non podia seguir aceitando por máis tempo o espartillo
imposto e proibitivo dunha cultura alleia superposta. A criazón
e o impulso de ERGA no sector estudantil foi alén diso
dunha decisión adoptada para canalizar unha estrutura
orgánica, e primeiro nível de consciéncia
nun sector moi dinámico da loita política contra
a ditadura, unha resposta demandada fortemente desde a própria
dinámica social do sector. As contradicións, cada
vez máis frecuentes, entre as organizacións políticas
de carácter estatal que facian constantemente “bailar”
o estudantado ao son de decisións e en función
de campañas “deseñadas” en Madrid,
a própria dinámica concreta dun ensino feito non
para as necesidades galegas e coas caréncias dunha sociedade
dependente no plano económico, político e cultural,
que alén da loita contra a ditadura precisaba alternativas
vinculadas á realidade imediata, fixeron confluir de
forma explícita as necesidades materiais coas pretensións
de auto-organización que impulsou a UPG. Da mesma maneira
poderíamos falar dos distintos xermes sindicais que posteriormente
darian nascimento á Intersindical: O nacionalismo precisaba
actuar socialmente como princípio básico elemental
de aspiración de ter un país soberano, vertebrado
de abaixo cara arriba, pero tamén a base material, as
circunstáncias sociais concretas dos distintos sectores
impulsaron e condicionaron de forma nítida a necesidade
de auto-organización no nível sindical como mecanismo
para defender os intereses imediatos.
En definitiva, a decisión e o impulso que a UPG deu
a criazón de distintos níveis organizativos na
sociedade galega, non foi máis que recoller unha demanda
e presión existente nos sectores sociais. O camiño
escollido é loxicamente o produto dunha relación
dialéctica entre as contradicións existentes nas
sociedades colonizadas que pulan por se resolveren e as posibilidades
e decisións que neses momentos podia abordar a organización
que no plano político adoptara o modelo auto-organizativo
como razón de ser da loita nacionalista. Precisamente
seria impensábel a decantación ideolóxica
da UPG como partido sen que o escalón da auto-organización
e loita social e cultural percorrese xa un camiño e aparecese
como unha perspectiva futura viábel. Eso explica tamén
que ese proceso de decantación ideolóxica transcorrese
parello tamén á estruturación organizativa
a nível social.
A BASCULACIÓN CARA A A PERIFÉRIA DO SISTEMA
CAPITALISTA DOS MOVIMENTOS SOCIAIS E POLÍTICOS MÁIS
COMBATIVOS
Neste período histórico de decantación
ideolóxica da UPG produce-se tamén no mundo ou
empeza a ter expresión xeneralizada un fenómeno
que modificará as pautas do que poderíamos cualificar
como “ortodóxia” do pensamento marxista.
Os procesos de transnacionalización da economia converten-se
en galopantes e os intercámbios desiguais entre o centro
e a periféria conducen a unha apropriación desaforada
do excedente xenerado nos paises dependentes aos que se priva
da posibilidade dun desenvolvimento económico autocentrado.
Esta reflexión, loxicamente moi esquemática, explica
o desprazamento en boa parte do planeta da contradición
principal na loita de clases á que se dá entre
o centro e a periferia ou, dito doutro xeito, entre os paises
dependentes e a metrópole. Produce-se impulsado por estas
circunstáncias materiais e sociais, en moitos casos a
oscilación dos pontos neurálxicos de movimentos
revolucionários cara os paises dependentes. Paralelamente
produce-se unha evolución significativa do pensamento
teórico-político marxista que comeza a vincular
a loita de clases coa loita de liberación nacional de
xeito moito máis sólido e argumentado. É
certo que a “ortodóxia” e o imobilismo de
determinados partidos comunistas de corte “oficialista”
que seguiron asentados na “comodidade” dos sistemas
centrais do capitalismo, negaron no plano prático os
cámbios que se estaban a producir, ainda que no plano
teórico e da declaración de intencións
empezaron a introducir novos conceitos. Para a periferia “lonxana”
e como normalmente non afectaba á sua estrutura organizativa
estaban dispostos a aceitar os cámbios no terreno ideolóxico.
Pero para a periferia “próxima” que lles
obrigaria a unha reformulación das suas organizacións,
preferiron sempre o imobilismo do marco referencial político
actual como válido ainda que este fose imposto.
Eses cámbios no pensamento teórico produciron
tamén que na Galiza, que se estaba a construir un proxecto
político que fose expresión da nacionalidade e
como resposta tamen a unha formación de carácter
colonial, aparecese nitidamente e pasase a primeiro plano a
vinculación entre a loita de clases e a loita de liberación
nacional.
Convén non perder de vista o mérito que ten todo
o proceso producido na Galiza. Pertencendo ao Estado español
inserido na Europa e cunha importante corrente da “ortodoxia”
marxista descualificando os movimentos nacionalistas, a contribución
que desde a Galiza se fixo á articulación dunha
formulación teórica própria e novel que
no “vello continente” vinculase a loita de clases
coa loita nacional, semella unha proba incontestábel
de que a consciéncia nacional galega comezaba a ter unha
expresión organizativa imparábel.
Esa decantación ideolóxica interna e externa
permitiu ir articulando un corpus teórico lle dese coeréncia
no plano ideolóxico á vinculación entre
nacionalismo e marxismo no caso galego.
PROTAGONISMO CRESCENTE, APESAR DE REDUCIDO, DO MOVIMENTO
OBREIRO GALEGO
A aparición a finais dos sesenta e sobretodo no início
dos setenta dun movimento obreiro reivindicativo e combativo
e onde apesar de seren hexemónicas as estruturas sindicais
vinculadas a organizacións estatais, aparecian de xeito
nítido perfis específicos e peculiares que deseguida
fixeron agromar respostas estruturadas próprias e desvinculadas
daquelas.
Significaron estes acontecimentos e movimentos, a confirmación
prática de que a realidade nacional “chegaba”
tamen á clase obreira e mesmo evidenciaban que a ideoloxia
que facia deste sector a vanguarda dos movimentos revolucionários,
no plano teórico pero tamén prático, podia
ter expresión na Galiza. As loitas obreiras dos princípios
dos setenta serviron para que a UPG dese culminación
a un proceso de articulación dun partido político
que vinculaba, e aplicaba nos seus presupostos ideolóxicos,
o pensamento marxista e a loita de liberación nacional;
coas características próprias dunha configuración
colonial na periferia “próxima” do sistema,
e sen calquer tipo de “aliñamento dogmático
internacional” que condicionase a liberdade de pensamento
e estruturación orgánica concreta escollida. Este
último matiz é relevante en toda a história
da UPG mesmo a que se deu con posterioridade á configuración
como partido. Os posicionamentos teóricos, a aplicación
á realidade concreta da Galiza, as análises das
contradicións e os posicionamentos internacionais sempre
se fixeron na UPG de xeito absolutamente non dogmático
nen confesional; a realidade do país foi a que condicionou
de xeito determinante a aplicación dos modelos teóricos
máis acaídos para a sua explicación e interpretación
e foi tamén desde unha perspectiva centrada no país
como se avaliaron os distintos posicionamentos no plano internacional,
utilizando sempre unha metodoloxia marxista aplicada a unha
realidade concreta con total liberdade e sen mediatizacións
alleias. Daquela tampouco parece exacto levar máis alá
a configuración ideolóxica da UPG que dun partido
comunista e nacionalista que facia da metodoloxia marxista de
análise da realidade a sua ferramenta básica e
non negando as distintas aportacións doutras expresións
desta corrente do pensamento, pero sempre cunha perspectiva
própria. Quer dicer, que outro tipo de “aliñamentos”
que se teñen outorgado á definición da
UPG como partido están, ao meu xuizo, fora de lugar.
Estas catro claves interpretativas permiten explicar o proceso
que se deu desde o nascimento da UPG até a sua definitiva
decantación teórica e orgánica como partido
que se produz definitivamente unha vez que xa hai, nuns casos
incipientemente e noutros máis consolidados, procesos
de auto-organización que mesmo permitisen articular un
proxecto político comun de carácter frentista:
que ao cabo seria inicialmente a AN-PG. Quer dicer, podemos
concluir que o proceso de configuración e decantación
da UPG como partido político corre paralelo á
estruturación organizativa sexa incipiente ou non da
sociedade galega a todos os níveis e mesmo a que na prática
tomase corpo definitivo a existéncia dunha ferramenta
que tivese aspiracións de aglutinar todo o nacionalismo
e que permitise no plano do referente político harmonizar
e formular un programa de soberania nacional, quer dicer, unha
estrutura frentista. Foi, pois, a própria realidade do
país e a dinámica social as que se encarregaron
de pulir e decantar a evolución da UPG nunha dirección,
seguramente incerta nos seus inícios. E unha vez máis
merece a pena insistir en que a decantación definitiva
produce-se unha vez que está resolto o que é prevalente
sempre, (ao meu entender en toda a história da prática
política e social desenvolvida pola UPG fose esta explicitada
concretamente ou non), que é co aspecto fundamental da
batalla pola soberania na Galiza é articular un proxecto
para obxectivar no plano político a confluéncia
de intereses de distintos sectores e clases sociais en prol
do exercício do direito de autodeterminación.
É dicer definido e decantado o modelo frentista e mesmo
facendo-se evidente na própria dinámica social,
aparece con total lóxica a estruturación partidária
dentro dese frente, sexa como o motor, sexa como impulsador,
sexa como membro do mesmo.
Na parte final do proceso, nos primeiros anos dos 70 as contradicións
no seio da organización, apareceron tamén. Probabelmente
como expresión dunha diferente percepción nos
ritmos do mesmo, ou como consecuéncia da própria
complexidade que tiña a concreción dun modelo
partidário nacionalista inscrito dentro do pensamento
marxista. O certo é que na organización en Santiago
e sobre o que significaba praticamente toda a estrutura de ERGA
na cidade producen-se movimentos que mesmo remataron coa segregación-expulsión
dunha parte da organización e que en realidade, a sua
repercusión non foi significativamente relevante abranxendo
a toda a organización estudantil debido -entre outros
factores- ao papel que nese momento e en nome do Comité
Central xogou Moncho Reboiras. Antes ocorreran conflitos doutra
índole e que puxeran ao descuberto como o rumo das cousas
na realidade social impulsaba nunha dirección de propiciar
a auto-organización da sociedade galega a todos os níveis
mesmo chegando á estruturación partidária
e iso ia deixando pezas no camiño, que encasilladas na
“ortodoxia” imobilista ao uso, atopaban contradición
entre a loita de clases e a loita de liberación nacional.
Convén reflectir que o “modelo” nos seus
trazos máis significativos e tendo presente que seguiu
despois un proceso dinámico estaba perfilado antes da
morte de Franco, pero ainda tiña unha escasa rodaxe e
contraste prático, e sobretodo a aspiración de
se converter nun movimento de ampla base social se estaba iniciando.
Daquela, a morte de Franco produce-se para o nacionalismo galego
e en concreto para todo o movimento que impulsara a UPG nun
momento non só de consolidación senón dunha
importante e rápida expansión e con grande proxección.
Sectores sociais que até os anos setenta foran testemuñas
da presenza hexemónica dos movimentos e organizacións
políticas de ámbito estatal, vian a aparición
e rápido crescimento da influéncia do nacionalismo.
Agora ben, o golpe represivo de Agosto do 75 e mesmo o estar
rematando o proceso de decantación orgánica e
ideolóxica fai que a morte de Franco non aconteza no
mellor momento para as perspectivas nacionalistas. En moitos
sectores as organizacións sociais eran incipientes, a
expresión orgánica, como tal, da frente data do
mesmo ano 1975 en que morre o ditador, e moitos dos cuadros
dirixentes da organización tiñan escasa experiéncia
política. Seguramente estes dados xunto con alguns outros
foron determinantes para que a influéncia do nacionalismo
galego como proxecto político non tivese máis
capacidade de influéncia nos primeiros anos da transición.
Quer dicer, os esforzos que houbo que dedicar a consolidar o
proceso e a sua penetración social e de masas e que non
se partira dunha perspectiva máis consolidada á
morte de Franco determinou notabelmente que a capacidade de
influéncia política e social do nacionalismo se
vise retrasada. Sen esquecer o plano político, os primeiros
anos que transcorreron despois da morte de Franco dedicaron-se
fundamentalmente á “consolidación do espazo”
e do camiño andado. Son os anos en que a dinámica
social acelerada permite dar á luz a Intersindical, condolidar
a hexemonia nos labregos, estender a amplas bases e organización
ás loitas pola normalización da língua
e da cultura, o conseguir a prevaléncia do nacionalismo
no estudantado, e o aparecer pública e socialmente como
referente político do país na sua loita pola liberación
nacional a AN-PG. Pero estes logros que desde logo resultaron
determinantes para que o nacionalismo subsistira posteriormente
despois dos primeiros contratempos eleitorais, e que mesmo estivera
en disposición de se recuperar neste terreno, consumiron
moitos esforzos, e a bon seguro de se producir a morte de Franco
con parte deste proceso percorrido seguramente a “colocación”
do nacionalismo galego para toda a transición seria outra.
Alfredo Suárez Canal (Allariz,
1951). Profesor de Ensino Medio. É deputado no Parlamento
galego polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) e membro do seu
Consello Nacional.
|