Paxina Principal da UPG
Terra e Tempo
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
Ir ao Terra e Tempo

35 anos da UPG ao servizo da Terra

Nº 12 - Setembro a Decembro de 1999
Documentos:

Os principios da UPG (resposta a Raúl Grien)

[Xoán Carlos Garrido Couceiro]

Ano 1965, viña de renascer a UPG. Despois da frustrante experiéncia dun Consello da Mocidade cuxa aposta pola indefinición ideolóxica, para dar cabida a unha máis ampla base saiu mal, xa que rematou en simples persecución e depuración anticomunista mesmo, sete anos antes de os expulsados se definiren como tais.

En México saía o “Terra e Tempo”, comezaba a divulgar-se o programa dos 10 puntos mínimos, a recuperar-se con forza o pensamento político de Castelao e a aprofundar no marxismo para topar nesta corrente de pensamento, de clara intencionalidade liberadora, a necesária conexión universal do ideário do Partido; en definitiva, estaba-se a construir Teoria Política.

Son os princípios da UPG, e utiliza-se aqui a palabra "princípios" en todos os seus sentidos: Comezo, início; pero tamén orixe, substáncia primordial ou fundamental da que procede unha cousa; e igualmente como postulado ou axioma, e finalmente como regra de conduta.

No momento fundacional a elaboración dun ideário e a actuación prática son indisolúbeis e teñen unha importáncia primordial para a evolución posterior dunha organización. Os ensaios especulativos, por veces, arrastrados pola urxéncia de dar unha cobertura doutrinal a unha prática que se impuña polos conflitos sociais que se apresentaban, levaba a conclusións que logo, co tempo, resultarian desbotadas. Asi, por exemplo, no Documento “Embalse non. Xusticia sí” de outono do 65 en resposta ao encoro de Castrelo chega-se a consideracións positivas a respeito da enerxia atómica, para xustificar o obsoleto e absurdo que resultan estas explotacións hidroeléctricas. Máis tarde, no ano 74, con motivo do intento de implantar unha central nuclear en Xove, a UPG foi a primeira en denunciar os perxuízos deste tipo de instalacións1.

A experiéncia tamén obrigaria a modular alguns posicionamentos, como o exprimido no documentos ACUSAMOS dirixido contra o clero galego pola sua falta de compromiso co país, pois da agresiva dureza da primeira redacción foi-se matizando nas ulteriores publicacións do documento (TeT nº 5), quitando algunha das máis duras denúncias (complicidade cos asasinatos do golpe do 36), co obxectivo de que a igrexa “rectifique ise sórdido comportamento secular e dunha vez tome concencia do presente histórico de Galicia e da realidade social que até agora iñorou torpemente”, pois hai unha preocupación lóxica pola consecuéncia das reflexións públicas. A UPG non se quedou nos anos 60, pero os seus princípios éticos e políticos fundacionais sobre os que se cimentou, seguen ainda presentes, e neles topamos elementos substanciais da sua contribuizón ao nacionalismo que callou no actual BNG.

Ano 1965, no xornal da “Hermandad Gallega” de Caracas, comenzaban a aparecer os artigos de Raul Grien “Enfoque de la Galleguidad” e logo “Los Fundamentos del Galleguismo” , que eran un torpedo á liña de flotación das bases ideolóxicas do Partido. Este ataque prematuro, pero argumentado, aos seus presupostos confirmou a necesidade da UPG de se armar dun aparello conceptual forte e actualizado ao marco cultural do momento, co fin de librar as batallas no terreno intelectual que acompañan inevitabelmente nunha organización de esquerdas coas levadas a cabo no campo da conflitividade social.

En reacción contra o Piñeirismo e a sua fuxida metafísica, hai unha afirmación inicial da acción frente á especulación, de desprezo polos “galeguistas de café”...”enxaulados no morboso narcisismo intelectualista, fáciles pro erótico comadreo reaccionario, daranvos tramposos ensaios sobre Hördelin, Niezstche ou James Joyce. Pero non-os saquedes da súa toilette mental, chea de noxentas compotas dos laboratorios metafísicos”. Podemos dicer que se adiviña unha tentación anti-intelectual en tanto se identifica esta atitude co distanzamento do povo, cando non co seu desprezo: “non sabemos o que é un intelectual -dicia Luis Soto-. Sabemos o que é un labrego, un escritor, un pintor, un economista, un profesor, etc... mais non sabemos como se pode definir un intelectual e que diaño significa isa verba tan pretenciosa”2. Pero logo sente-se a necesidade de desenvolver un corpo doutrinal para o que se comeza por abondar nos 10 pontos mínimos con artigos específicos no TeT e logo cunha edición monográfica no que se debulla en detalle cada un deles (Paris, 1970). Aleén diso nos “Cuadernos de Educación Politica” e nalguns apartados do TeT, Galicia Emigrante, Galicia Hoxe, etc... desenvolverá-se o seu pensamento.

A mal interpretada Tese XI sobre Feuerbach na que Marx condenaba a elucubración en aras da transformación do mundo tivo funestas consecuéncias na história da esquerda só corrixíbel por un correcto esclarecimento de Lénine no sentido de que “Sen teoria revolucionária non hai movímento revolucionário”. O abandono da teoria en “benefício” da prática permitiu a Mussolini mudar da estrema esquerda á estrema direita sen pagar peaxe ideolóxica algunha porque simplesmente o fascismo se caracteriza precisamente por carecer de teoria política. Dicia Mussolini: “A nosa doutrina é o feito”. Hitler nega-se durante a campaña eleitoral de 1933 a apresentar programa: todos os programas son inúteis -di- o que importa é a vontade humana; "Mein Kampf" non é mais que unha apaixonada autobiografia de chamamento á acción e non unha obra doutrinal. O fascismo é un cheque en branco en mans dun caudillo, a UPG, criada no anti-fascismo, quer ser todo o contrário.

A UPG sente a necesidade de elaborar un pensamento próprio, mais nestes primeiros tempos, a identificación ideolóxica é fundamentalmente intuitiva. Ainda asi, xa se fai patente que confluen nesta forza política as duas correntes teóricas: A democracia radical (autodeterminación e soberania popular) e o marxismo (xustiza social e igualdade real de oportunidades).

Ambos os dous aspectos do ideário son desmontados por Raul Grien nos textos antes mencionados. A resposta que se dá naquel momento, tanto desde México por Luis Soto como desde o interior por Xan Sucasas3 (que asina en cualidade de Segredário de Relacións da UPG) apontan alguns dos eixos do posterior discurso da UPG para a autocompreensión da sua prática política, pero os argumentos de Raul Grien en boca de outros oponentes, e a sua refutación, será unha constante na história do Partido.

Raul Grien bota man de Bacon e do empirismo inglés para desenmascarar o que para el non son máis que mitos sen existéncia tanxíbel; e usa Marx para descualificar a ideoloxia nacionalista polo simples facto de ser ideoloxia.

Pon o dedo na chaga en canto á crítica de Marx á ideoloxia pois efectivamente este autor considera-a de xeito pexorativo como consciéncia deformada, mais ten claro que non é posíbel a acción colectiva dos dominados sen unha ideoloxia que os unifique (un por un cada dominado non ten nada que facer frente ao dominante), e é nesta dimensión na que o mesmo Marx lle dá unha valoración positiva. En calquer caso Lénine remarcou este carácter da ideoloxia como catalizadora da acción colectiva, e Gramsci como fase intermédia entre a filosofia e a prática cotidiana. En calquer caso no Marxismo ideoloxia e ciéncia teñen que necesariamente chegar ás mesmas conclusións. Xa Tomás de Aquino advertira o antidemocrático que seria a existéncia de verdades diferentes para os teólogos que para o povo (verdades da razón e da fé). Para el, mesmo seria antidemocrático que só existisen verdades da razón, pois logo só os teólogos salvarian a sua alma. E efectivamente no nacionalismo da UPG hai aspectos ideolóxicos (e nas frases poéticas de Castelao que descualifica Grien asi se aprecia) pero confluintes coa sua Teoria Política que para elevar ao rango de ciéncia quere homologaren-se e entrar en diálogo universal através do marxismo.

O empirismo inglés (tamén utilizado por Grien) caracterizou-se por ser coarctada ideolóxica do individualismo, desembocando en casos extremos no solipsismo. Trata-se de disolver calquer fundamento dunha consciéncia colectiva no facto de que cada quen ten unha percepción irrepetíbel e incomunicábel do mundo. A nación galega (para Grien) é un “ídolo” en termos de Francis Bacon, unha fantasia que non ten realidade material. Frente a ela están os problemas da xente “concretos, precisos, reales” que son en todas partes os mesmos. Por iso non ve Grien sentido prático algun ao concepto de nación galega. Pero é precisamente nesta dimensión prática na que o conceito de nación se fai obxectivo e comunicábel só que o utilitarismo adoita facer o salto teórico do empirismo ao pragmatismo sen solución de continuidade. Despois de todo, Que é a obxectividade senón subxectividade compartillada? Ou en termos de Gramsci: “Obxectivo significa sempre "humanamente obxectivo", o cal pode corresponder exactamente a "historicamente subxectivo"... existe por tanto unha loita pola obxectividade”. A nación é un produto humano e a sua concreción obxectiva en determinadas características diferenciais (conceizón de Stáline) responde igualmente a intereses humanos, e aí está o aspecto prático que Grien non percebe do conceito de nación, e que para a UPG naquel momento era o fundamental: un povo non constroi colectivamente unha nación se non existise un interese prático en facé-lo.

Na conferéncia de Soto en Caracas -que provoca en Grién as suas reflexións antinacionalistas- o orador deixou dito “É o povo quen cria e desenvolve a nación mentes o Estado é criado polos cabalos dos conquistadores”, esta é a característica que distingue o conceito de nación progresista do reaccionário e que tan ben reflecte Pierre Vilar coa seguinte metáfora: “Una "nación" no es un objeto acabado, una figura estereotipada, una imagen definitiva. Sin embargo, no es tampoco un no-ser, una realidad por crear. Yo la compararía más bien al bloque de mármol sin el cual la obra del escultor no existiría. Pero la obra, en su perfección, en su belleza definitiva, no sería nada sin el trabajo del escultor, que es, en esta comparación, el pueblo”. Esta conceizón que se opón por un lado á nación "non-ser" de José Antonio entendida como empresa (destino) coa base irracional que isto ten- opón-se igualmente a imposición sobre o povo dunha identidade homoxeneizadora que o constrinxa. É todo o contrário do conceito de nación de Mussolini que é criada polo Estado para “dar ao povo, consciente da sua própria unidade moral, unha vontade e, por conseguinte, unha existéncia efectiva”, isto é, o povo é criado pola nación. Tampouco nada ten que ver co concepto nacional-socialista de nación, esta si criada polo povo, mais o “povo” de Hitler é o “Volk” alemán que deberamos traducir mellor como “espírito do povo”, ou “conceito de povo”; e non o povo real, tal como xa manifestara Marx na sua crítica á filosofia do direito de Hegel.

A UPG arranca do conceito de nación de Castelao en canto produto obxectivado polo povo, tomado á sua vez de Stáline. O outro conceito de nación era o sostido polos seus adversários até que finalmente prosperaria co aval teórico de Ortega nos actuais textos constitucionais4. Grien ataca ponto por ponto o conceito de nación da UPG para pór-se ao servizo do outro conceito de nación, o cal non se atreve explicitamente a defender, tal como ocorre hoxe con tantos críticos do nacionalismo que non demostran cal é a sua própria proposta nacional.

A tradición da democracia popular que desemboca na UPG através de Castelao arranca de Spinoza e, sobretodo, de Rousseau; concebe ao Estado como produto dun pacto entre iguais baseado na soberania popular. Frente a esta tese xurden os defensores do conceito de soberania nacional e que ademais coinciden cos conceitos de nación reaccionários anteriormente expostos. A diferenza entre soberania nacional e soberania popular reside nunha distinta conceizón do órgao do que se predica a soberania: o povo é un suxeito empírico, formado pola agrupación real das persoas que compoñen unha sociedade, mentes a nación é un suxeito ideal que non ten porque coincidir coa suma das vontades dos cidadáns. A soberania popular rexeita a ideia mesma de representación, e nese sentido a UPG aposta por modelos de democracia directa e participativa dinamizando desde a sua fundación o movimento asembleário (de empresa, de faculdade, de viciños, etc...), promovendo mesmo unha AN-PG que de xeito asembleário seria quen de exercer a soberania na Galiza diante da caída dun rexime que finalmente quedou en reforma. En calquer caso a UPG, e as outras organizacións que deron lugar ao BNG, sempre foron contrários as intermediacións na representación política: “a soberania popular está por riba da soberania nacional” dicia Castelao, para quen, “Frente a un republicanista que invoca a intanxible soberanía do Estado para seguir aferrollando a liberdade política, administrativa y-espiritual dos pobos, sinte un revivir a idea de que o Estado é un organismo supletorio chamado a desparecer.... Porque, de certo, a soberanía desque veu a República, está valdeira de siñificación real, pero ainda fede a monarquía e a imperialismo é, como si dixésemos, un tíduo nobiliario abolido, unha verba de luxo escesivamente cara para unha República de traballadores. A soberanía para un republicano, debe residir nos pobos”5 .

Este radicalismo democrático é caricaturado por Grien desfigurando Castelao como racista identificando-o precisamente cos que defenden o conceito de nación e de soberania nacional contrário, para demostrar ao nacionalismo como obstáculo da emancipación social.

Mais a UPG, que se definia como “seguidor da doutrina de Castelao”, como unha consecuéncia lóxica da sua democracia radical remata no comunismo, pois, para que a democracia fora viábel debia descansar sobre a igualdade de oportunidades. Xa o dicia Rousseau -que introduciu o termo “social” na história do pensamento- a Democracia só é posíbel cando “nengun cidadán sexa tan opulento como para poder comprar a outro, e nengun tan pobre como para ver-se obrigado a vender-se”.

Mais como comunista a UPG toparia cos mesmos problemas teóricos que como nacionalista. Primeiro compatibilizar o nacionalismo co comunismo, e mais concretamente co internacionalismo. Segundo, en canto comunistas, definir o suxeito político da emancipación social: o proletariado real, ou (como ocorria no caso do “Volk”) o proletariado ideal. Isto é conceber o comunismo como unha afirmación da própria capacidade dos traballadores para conquistaren maior controlo sobre a sua produción no mundo actualmente existente, ou deseñar un idílico paraíso comunista en contraste co cal abster-se de participar na noxenta realidade que toca viver.

En canto á compatibilidade, era unha preocupación do galeguismo progresista de sempre. Neste sentido é moi significativo o artigo de Blanco Amor “Antitesis galleguistas: El Comunismo”6 no que afirma “me interesa decir a los comunistas gallegos que no sólo están en un manifiesto error oponiéndose o desdeñando la lucha reivindicatoria gallega, sino que van en contra de su propria teoría, o de la jurisprudencia histórica de su teoría inicial”. A UPG, do mesmo xeito que fixera Castelao, ensamblou liberación nacional e liberación de clase, nacionalismo e internacionalismo, através da obra "O marxismo e a cuestión nacional e colonial" de Stáline.

E a Grien non fica máis remedio recoñecer que é lícita a ensamblaxe nesa obra, pero previamente selecciona unha série de citazóns de Engels e Marx en sentido contrário. Algo moi comun por canto sempre houbo quen se quedou coa frase do Manifesto: “Os traballadores non teñen pátria” e non acabaron a leitura até onde di: “O proletariado, partindo do feito de que debe, en primeiro lugar, conquistar o poder político, erixir-se logo en clase nacional e construir esta mesma clase en nación, e todavia nacional, ainda que non en sentido burgués”. E o sentido burgués a que Marx se refere non é outro que o da soberania nacional de Montesquieu, Seiyes, e Kant do que antes falamos. Porque Marx trata de evitar a utilización do “interese nacional” en aras da fusión de clases que logo predicará o fascismo e que nada ten que ver coa alianza de clases que propón a UPG. A fusión de clases fascista descansa na convición de que a desigualdade e a xerarquia son naturais, e nela cada clase ocupa o lugar que lle corresponde no corpo social.

Grien tamén fai referéncia á coñecida posición de Rosa Luxemburgo, Bukhárine, Platakov e Anovna Bosch, contraria á autodeterminación, pero no caso de Stáline, a estratéxia que segue é mostrar como coa sua prática posterior contraria-se as suas teses. E efectivamente, Stáline, revisa o concepto de autodeterminación empregado na sua obra e substitui-se polo de “autodeterminación do povo traballador”, co cal ainda que as nacións teñen constitucionalmente o direito a autodeterminación, o suxeito dese direito é o povo traballador, representado polo PCUS, co cal por “centralismo democrático” é imposíbel que exerza dito direito nunha nación determinada da Unión Soviética. Desta trampa era consciente a UPG e por iso sempre considerou que cada nación debia ter os seus próprios partidos independentes, o que no caso do Estado español levaba á confrontación co PCE. Mais, por iso, moitos marxistas distinguen o que se deu en chamar o xove Stáline. E a el se remete a UPG e Castelao.

Como di Pierre Vilar “Un subterráneo terrorismo intelectual impulsa a pedir perdón por citar a Stalin”, pero o certo é que esta obra non é encargada a Stáline ao chou. Cando Lénine lle propón escreber este traballo en 1912 é porque o considera un verdadeiro perito na cuestión. Os historiadores chegaron a dicer que foi unha casualidade debida a auséncia de Shumian, pois Stáline nunca escrebera nada sobre o tema, pero o certo é que xa en 1904 publicara "¿Como entende a social-democracia a cuestión nacional?", e Lénine, en carta a Gorki (Febreiro de 1913) falaba-lle dun “maravilloso xeorxiano” que traballaba no problema nacional.

A UPG utiliza pois, lexitimamente, a obra do xove Stáline para superar as posíbeis incompatibilidades entre nacionalismo e comunismo no plano teórico, pero a cuestión é como desenvolve no terreno prático dito comunismo, pois, se o suxeito político do nacionalismo é o povo galego, o motor do cámbio social cara á igualdade, é o proletariado. Pero cal era o proletario real na Galiza?

Para a UPG constrinxir no debilitado proletariado galego, escaso e concentrado fundamentalmente nas zonas industriais de Ferrol e Vigo, a responsabilidade da revolución na Galiza era condená-la ao fracaso. Pero abandonar o dogma da dirección proletária da revolución seria renunciar á orientación socializadora da emancipación. Desde un princípio a UPG dirixe-se á triada formada por labregos, mariñeiros e obreiros. A partir do 68 ampliara-se a sua proposta ao estudantado, e a pequena burguesia “radicalizada”, e finalmente á “burguesia nacional” nos 70. Mais a disputa co PCE e con outras forzas pola hexemonia no movimento obreiro, para quen o proletariado ou máis exactamente un proletariado idealizado, sen raíces nacionais nen relación co resto da sociedade, era o único protagonista; obrigaba a UPG a definir-se claramente como partido obreiro, e non como frente, tal como nascera. A UPG é un partido comunista, o partido do proletariado galego, pero a emancipación social só se considera viábel através da alianza das “clases populares” nunha Frente de Liberación Nacional (FLN) para a cal se dispuña naquel momento dos modelos do Vietnam, Mozambique (Frelimo), Camerún (UPC), e sobre todo Alxéria. Os modelos van-se perdendo de vista, pero o “frentismo” irá aperfeizoando-se cada dia máis.

A utilización nos anos 70 do referente de Mao Tsetung permitia a UPG un uso flexíbel das teses do dirixente chinés -pois como afirman- “non adouta ningún tipo de dependencia sectaria nin dogmática do PCCh”7 cos seguintes obxectivos:

- Diante da falta de recoñecimento da UPG pola URSS e polo PCUS que apoiaban ao PCE, permitia ter un referente alternativo internacional que non se satisfixera como no caso soviético con manter o status quo mundial de política de blocos.

- Adoptar as teses maoistas de alianza de clases, dando un especial protagonismo aos labregos que tanto peso tiñan na sociedade galega.

- Dar prioridade o anti-imperialismo como “contradición principal”.

- Valorizar a loita cultural que en Mao adoptou extremos dubidosamente marxistas (revolución cultural) pero no caso galego onde se libraba un conflito lingüístico e cultural, podia ter unha función emancipatória; por outra banda, nesta loita, o maoismo daba especial importáncia aos estudantes, que para a UPG -através de ERGA- debian ter un papel relevante na loita política.

En definitiva a UPG, quizá a risco de perder homologación internacional, conseguia manter-se dentro dun modelo de emancipación universal marxista-leninista, sen renunciar á transformación concreta do país que lle tocou en sorte. Cando no ano 72, máis que en Marzo en Ferrol, en Setembro en Vigo, ficou patente a imposibilidade do proletariado en solitário de aventurar-se con éxito nunha mobilización sen o apoio doutros sectores sociais, moitos dirixentes obreiros (sobretodo de Organización Obreira) volveron a vista sobre este Partido que mostraba na prática a corrección das suas análises teóricas.

Pero a acusación que fai Grien ao nacionalismo: dividir a clase obreira, será unha constante dos adversários da UPG, e que nos anos 70, sobretodo a raiz da fundación do SOG, vai-se acentuar. Para Grien “los intereses de un obrero fabril, un pescador o un jornalero agrícola de Galicia concuerdan totalmente con los de sus colegas de Castilla, Cantabria o Andalucía”. Mais resulta que na Galiza non hai “jornaleros” nen en Castela “pescadores”. E os obreiros “fabriles” teñen un peso moi relativo. A UPG reproduz no “Terra e Tempo” de marzo do 73 os ataques que lle chegan nese sentido: “No comprendemos, porque se trata de dividir al proletariado gallego del proletariado peninsular. Estamos esplotados y oprimidos, por el mismo enemigo”.

O problema teórico que se presenta ten unha dimensión política e unha dimensión ética. Desde a teoría política, a UPG manten-se fiel ás teses de Castelao reflectidas en textos como “Internacionalismo”8 segundo o cal a unidade mundial debe partir de abaixo cara arriba, se non se quer reproducir o modelo de dominación paternalista segundo o cal o proletariado dun país tutelaria os outros.

Desde o ponto de vista ético, o patriotismo que defende a UPG é descualificado como egoísmo insolidário polos seus inimigos. E se partimos de Kant, o comportamento ético debe ser universabilizábel pero xa Hegel advertira dos perigos do salto no vacio entre o indivíduo e a humanidade. Para Kant ese salto é posíbel esquecendo-se das consecuéncias. O seu lema “Fiat iustitia, pereat mundus” (faga-se xustiza ainda que se destrua o mundo) coloca-nos nunha falsa disxuntiva só resolúbel cando cada quen fai a xustiza na parte do mundo na que pode controlar os resultados da sua acción, e a nível planetária através da mediación do colectivo ao que pertence. Por iso Hegel di “A moralidade realiza-se e deixa de ser tan só un deber-ser, un ideal inaccesíbel, nun povo e unicamente nun povo”. A descomposición moral pode provir polas duas vias, por separar-se do todo (a sociedade) e desconectar do compromiso cos outros, como diria Spinoza; ou por vencellaren cun todo ideal co espírito do povo, o"Volk", no canto do próprio povo real, como di Marx. Grazas á sua identificación universal cosmopolita coa cal se sente comprometido, un non se responsabiliza da sua actuación particular no seio dun povo concreto.

Por outra parte, Grien mete a pata e resulta pouco selectivo ao acusar todo o galeguismo de manexar o conceito de “alma galega” para defender o feito diferencial galego, porque (como resposta Xan Sucasas) este concepito é exclusivo do campo teórico piñeirista. Fitche fala-nos da alma colectiva nos “Discursos á nación Alemana”, ideia que Rof Carballo actualizou na Galiza através dunha interpretación de Jung na análise da psicoloxia colectiva na sua obra “Mito e realidade da Terra Nai”. Mais a UPG non é alleia a esa ideia porque considere que o povo galego sexa “desalmado”, se non porque a alma do povo galego non é algo independente ou superior ao próprio povo, algo ideal; senón algo real no sentido marxista: as ideias non son nada senón están penetrando nas masas, encarnadas na xente. Por isto a razón de ser e a ideoloxia da UPG non será a loita pola liberdade dunha Galiza abstracta e ideal que teña como consecuéncia non desexada unha nova opresión, senón que a UPG nasceuu coa vocación de servir a emancipación concreta da xente concreta: “No lo olvidemos -escrebe Bautista Álvarez en 1966- la libertad de Galicia es la libertad de sus labriegos, obreros y marineros, que, desgraciadamente sufrieron -sin traicionarla- la opresión de una historia enajenada”9.

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). Licenciado en Filosofia pola Universidade de Santiago de Compostela.

1 “A política das centrales nucleares en Galicia”. "Terra e Tempo", Mes de Maio de 1974.

2 Soto, Luis “As bruxerías intelectuaes e as Realidades Galegas”. "Irmandade", Venezuela. Xaneiro-Febreiro 1966

3 Pseudónimo empregado por diversos membros da organización na clandestinidade.

4 O PSOE inicialmente aderido durante a República a un conceito ao Renan, voluntarista, no 78 tamén se aderirá ao Orteguiano. Castelao chega a referir-se a Renan ainda que rexeita o voluntarismo porque sabe que aos dominados o primeiro que lle destrúen é a sua vontade de emancipar-se, pero tampouco está disposto a unha conceizón da nación obxectivista que renuncie pasivamente a construir a sua vontade nacional, e a facé-la respeitar.

5 Castelao, “Opinións”, "El Pais", 23-2-1933. Pontevedra

6 Blanco Amor, E. “Antitesis galleguista: El Comunismo”. GALICIA. Buenos Aires. 18-11-1934. Nº 390

7 "Terra e Tempo", Decembro de 1972

8 Castelao, “Internacionalismo”, "Galicia". 30-4-1936. Buenos Aires.

9 Álvarez, Bautista “El Galleguismo no es separatismo”, "Signo" de Madrid, órgano de las Juventudes Católicas de España, 10-12-1966, reproducido en “Irmandade”, nº 16, Caracas. Maio 1967.