Paxina Principal da UPG
Terra e Tempo
-
A UPG
A UMG
Terra e Tempo
 Cousas que importan
Ir ao Terra e Tempo

35 anos da UPG ao servizo da Terra

Nº 12 - Setembro a Decembro de 1999
Documentos:

O nacemento da UPG

[Bieito Alonso Fernández]

UN CONTEXTO CONTRADICTORIO

Un dos riscos máis expresivos do labor do historiador reside na posiblidade que ten de cualificar épocas ou etapas. Dende a era das cavernas ata os felices anos vinte, un cúmulo de frases máis ou menos afortunadas marcan o percorrido histórico. Por non falar de conceptos máis pretensiosos, do tipo de o final da historia ou a era das civilizacións. Cos anos sesenta pasa algo semellante. Mitificados ata a esaxeración, imitados sen rubor, descoñecidos en moitas ocasións, teñen atravesado portadas e pantallas como verdadeiros fanais do cambio e de certa incipiente modernidade. Pero sucede que, máis alá do rendemento mediático, tamén amosan verdadeiros sinais de renovación para o devir desta nación.

Certamente, a sociedade galega dos sesenta presentou novidades moi significativas a respecto de etapas anteriores. Mesmo se podería afirmar que Galicia, a partir de 1955, entrou nunha fase de inequívoca transformación das súas estructuras económicas, sociais e culturais. Por dicilo de xeito máis rotundo, o capitalismo apropiouse definitivamente dunha formación social que aínda mantiña riscos dun modo de producción precapitalista.

Sen embargo, ese grande concepto precisa de certas matizacións para que non apareza como excesivamente simplista. Parece fóra de dúbida que a economía galega recolleu parte do crecemento económico que chegaba dos estados europeos máis desenvolvidos o que sucede é que tal medre non pareceu definitivo para alterar, e falamos de aspectos cualitativos, a súa estructura profunda. Melloraron as grandes cifras, subiu notablemente o Producto Interior Bruto, medrou o tecido industrial, pero mantivéronse vixentes certas inercias, moi significativas, da etapa precedente. Por máis que a economía galega xa estivese inscrita no sistema capitalista mundial, seguía a convivir con formas escasamente capitalistas. Tal era o caso de certos sistemas de traballo e de relacións salariais (por exemplo, o salario á parte no subsector pesqueiro ou o pagamento en especie na minería da lousa). Pero é que, ademais, o desenvolvemento industrial que coñecía non estaba baseado nas súas necesidades obxectivas senón, antes ben, nas demandas crecentes dos mercados español e/ou mundial ou nos intereses da empresas monopolistas e transnacionais. A explotación sistemática dos recursos naturais (tales como a enerxía eléctrica, a madeira ou a primeira transformación dos productos lácteos e cárnicos) xunto coas chamadas industrias de enclave, beneficiadas pola man de obra barata ou por condicións económicas moi favorables (son canónicos os casos das celulosas, os estaleiros,...) foron as pedras ancilares nas que se edificou boa parte do peculiar desenvolvemento ocorrido en Galicia na segunda metade do século XX.

Pero foi, seguramente, o sector agrario quen experimentou as mudanzas máis dramáticas. Definitivamente, nesta etapa deuse o paso dunha agricultura de subsistencia, baseada no policultivo e carente de mecanización, a outra que xa produce moito máis para o mercado. O campo galego, privado por decreto dos seus recursos forestais e moi pouco concentrado, padeceu unha violenta reconversión -por certo, moi pouco autóctona- na que a forte presión do mercado determinou a especialización da producción (primeiro carne e logo leite). O panorama rematouse de completar coa aparición de empresas agrarias inequivocamente capitalistas, algunhas delas baixo a aparencia formal de cooperativas (COREN, FEIRACO, LEYMA,...) que foron o precedente dun sector agro-industrial galego pero que provocaron un forte impacto no medio onde se desenvolveron.

Loxicamente, esta xeira transformadora tivo axiña unha inmediata repercusión na estructura social. Por unha banda o abandono/expulsión dun sector significativo da poboación rural máis nova, e dedicada á actividade agraria, contribuíu a modificar o cadro da poboación activa polo maior peso que acadaron o sector industrial e o dos servicios. Pola outra, o novo reparto da poboación fixo posible o medre das cidades - fundamentalmente as costeiras - aínda que tamén tivo outra consecuencia máis perversa: a emigración. Como acontecía con outras economías dependentes, as eivas do tecido industrial galego impediron a absorción do excedente humano procedente do campo e Galicia seguiu a cumprir o papel de abastecedora de man de obra barata, agora dirixida cara os estados europeos máis desenvolvidos ou cara outras zonas do Estado que precisaban traballadores escasamente cualificados para manter a súa expansión económica.

O DESAXUSTE POLÍTICO

Se botamos unha ollada ás opinións dalgún dos protagonistas institucionais daquela época -non é a menos importante a do actual Presidente da Xunta de Galicia- deberiamos entender que a suposta mitificación (quizais sería mellor falar de mistificación) tamén se estendeu ao eido político. Certo é que se deu unha suavización na compoñente militar dos gobernos do xeneral Franco e a conseguinte incorporación de persoas procedentes da esfera civil (os alcumados como tecnócratas), por máis que agrupados nunha organización relixiosa, como era o Opus Dei. Pero é igualmente certo que tal operación non mitigou o carácter represivo e policial do réxime franquista, senón que, por veces, acadou momentos de maior intensidade e dunha especial sofisticación formal.

Carente de grandes fisuras no seu interior, o franquismo tentou combinar, durante os anos sesenta, un modelo de crecemento económico que fose homologable na incipiente Europa comunitaria ao tempo que mantiña unha armazón política decididamente totalitaria. Rematada a primeira fase que supoñía a liquidación de inimigo da guerra «civil», procedía abrir unha nova etapa na que se precisaba dunha lexislación máis axeitada e de novos instrumentos de represión e de control por parte do réxime.

A aprobación da Lei de Orde Pública (1959) -que lle concedía poderes excepcionais ao aparato represivo-, a creación do Tribunal de Orde Pública (TOP, 1963) xunto coa utilización selectiva das leis de excepción, constituíron os recursos máis salientables para desfacerse da vella lexislación da posguerra. Polo demais, a continuidade cronolóxica do franquismo quedou asegurada, logo de acadar o recoñecemento internacional, coa celebración do referendo sobre a Lei de Sucesión (1966) e co nomeamento de Xoán Carlos de Borbón (1969) como sucesor do xeneral Franco.

Pero se o franquismo se adaptaba, outro tanto podemos dicir de parte da súa oposición. Entre 1956 e 1960 deuse unha certa ruptura xeracional no seo desta e iso permitiu a incorporación de amplos sectores da mocidade e, tamén, a aparición de novos partidos e movementos que acompañaban e/ou substituían ás organizacións tradicionais que procedían da fase republicana. Xustamente, ese proceso de substitución será un dos eixos fundamentais da situación política nalgunhas nacións «periféricas» do Estado, como foi o caso de Euskadi e Galicia. Aquí non imos analizar en profundidade a cuestión vasca pero podemos incorporar aqueles elementos que nos permiten establecer comparacións e que nos han de axudar a comprender mellor a orixinalidade e o carácter temperán do que acontece en Galicia.

Efectivamente, en 1951 comeza a decaer a resistencia antifranquista en Euskadi -dirixida ata entón polo Partido Nacionalista Vasco (PNV)- ben pola intensidade da represión desatada polo sistema como polo derrubamento das ilusións sobre unha hipotética recuperación da legalidade anterior á guerra. Este fracaso, implicou tamén outro de maior calado: o da estratexia posibilista do propio PNV mentres que, paralelamente, axudou ao reforzamento de teses máis radicais no seo do nacionalismo histórico. A contradicción resolveuse co nacemento de EKIN (1952), un colectivo impulsado pola mocidade universitaria que tentaba afondar no coñecemento da historia e da cultura bascas pero que axiña procurou unha dimensión política. A fusión con EGI, a organización xuvenil do PNV, facilitoulle o aporte político e organizativo do que carecía e dese entramado nacerá, en 1959, Euskadi ta Asakatasuna (ETA), como un novo tipo de organización política, radicalmente afastada do nacionalismo tradicional.

Sen embargo, mentres todo iso acontece en Euskadi, xa se están a desenvolver, en Galicia, as primeiras manifestacións dunha nova orientación ideolóxica e política. Aquí, as contradiccións non teñen como pano de fondo a crítica do posibilismo senón que se rexeita, de xeito moi intuitivo, a renuncia ao activismo político por parte do galeguismo histórico. E do propio núcleo galeguista xurdirán iniciativas - moi individuais - que cuestionarán o abandono da vía política partidaria e o enquistamento no labor cultural alén de evidenciar unha fonda insatisfacción pola situación que padece a Galicia da época. Habería que agardar ata o ano 1958 para que esa tendencia acadase unha mínima expresión colectiva. Foi con ocasión da aparición, en Madrid, do grupo literario «Brais Pinto».

A semellanza do que xa ocorrera noutros períodos da nosa historia, foi a emigración, a distancia en definitiva, o elemento que serviu de catalizador na toma de conciencia sobre a realidade nacional. Dende Madrid, un fato de mozos galegos1 de procedencia social ben diversa, reparou nas carencias que amosaba a sociedade galega. Nese diagnóstico aparecían aspectos máis formais, como o illamento a respecto das vangardas culturais, pero había outros, como a conciencia do descoñecemento do propio e da necesidade dun partido político nacionalista que substituíse a estratexia elitista do piñeirismo, moi semellantes aos que barallaba o novo nacionalismo vasco e reveladores dunha decidida vontade de ruptura. Así e todo, non deixaba de ser chocante que tivese que chegar dende un cosmopolitismo confeso a reivindicación da faciana política de Castelao - virtualmente secuestrada - e do Sempre en Galiza, máis que nada polo radical anticosmopolitismo do que fixera gala o dirixente nacionalista.

Dende o momento mesmo da súa aparición, «Brais Pinto» pode ser considerado o único espacio de reflexión política sobre a realidade galega do momento. Unha reflexión que axiña camiñou cara á posible constitución dunha organización política. Dun xeito case fantasmal, o colectivo literario transformarase nunha primeira Unión do Pobo Galego2 e mesmo acometerá a elaboración duns estatutos e dun programa básicos, dos que sobresaía a definición socialista, revolucionaria e nacionalista. Nacía, xa que logo, un nacionalismo de novo tipo, moi minoritario sen dúbida, pero firmemente abocado á intervención na vida política. Daquela UPG evanescente, a penas quedan referencias dos seus debalos ideolóxicos pero, de seguro, que non habían de estar lonxe dos que alimentaban a outros movementos semellantes. Unha cuestión transcendental foi o anticolonialismo. Exemplificado por alxerianos e vietnamitas, propagado polos cubanos, o anticolonialismo é un cemento ideolóxico que axuda a soldar as deficiencias do marxismo ortodoxo a respecto da cuestión nacional pero tamén contribúe ao exercicio da solidariedade internacionalista. Dalgún deses exemplos, fundamentalmente do alxeriano, falarase a cotío nos primeiros tempos da UPG porque fornecía un modelo organizativo atraínte, a fronte de liberación nacional, interpretada como unha plataforma patriótica, pero tamén traducía un referente ideolóxico. A partir da conquista da independencia, en 1962, e da súa opción por un modelo socialista, Alxeria convertíuse nun mito para a nova esquerda polo que representaba de renacemento dos pobos oprimidos.

NACE UN NOVO PARTIDO

Nesta amalgama ideolóxico-política axiña se imbricou unha nova contribución. A de Luís Soto, un comunista galego exiliado en México, antigo colaborador de Castelao, que representaba a contribución dun marxismo-leninismo máis tradicional. Con Soto, alén do simbolismo do reencontro coa tradición republicana e da verificación dunha certa continuidade histórica, chegou á UPG un maior rigor doctrinario e un atallo teórico para a hibridación marxismo/cuestión nacional a rentes das aportacións de Stalin e do comunismo catalanista de Joan Comorera. Supuxo, en todo caso, un alento inesperado e fructífero.

Por contra quen levaba máis demora era a cuestión organizativa. Na súa celeridade combináronse dúas circunstancias: 1) A evidencia da ruptura definitiva entre o galeguismo do interior e o nacionalismo do exilio, logo da reunión entre o grupo de Piñeiro e un delegado do Consello de Galiza en 1958; 2) O retorno a Galicia de Antón Moreda, un mozo emigrado a Arxentina, onde mantivera un estreito contacto coa Irmandade Galega e co Consello de Galiza, que aspiraba á creación dun partido político nacionalista.

Entre a frustración da primeira e a esperanza pola segunda, apareceu en 1963 o Consello da Mocedade3, un colectivo moi heteroxéneo dende o punto de vista ideolóxico -nel convivían os membros da UPG iniciática, simpatizantes do piñeirismo, xentes do PCE,... e que tiña ao propio Moreda como secretario xeral- malia que unificado pola súa pretensión nacionalista e progresista. Sen embargo, e máis alá das súas incoherencias, o que tivo de positivo foi evidenciar a virtualidade dunha actuación decididamente política. Efectivamente, a inmediata crise do Consello, que se saldou coa dimisión de Moreda e co abandono do sector nidiamente nacionalista, abríulle o camiño á aparición dun novo partido político: a UPG.

Entre a neboeira mítica que rodeou as súas orixes, a UPG (re)naceu o 25 de Xullo de 1964 en Compostela impulsada por un pequeno grupo do que formaban parte: X.L. Méndez Ferrín, Raimundo Patiño, Xosé A. Arjona, Luís Soto e Celso Emilio Ferreiro. Algúns deles (Ferrín, Patiño e Arxona) tamén constituíron o grupo que redactou o seu primeiro programa político (os dez puntos) xunto a Bautista Álvarez e Mª Xosé Queizán. Nesa primeira etapa, que podemos situar entre 1964 e 1971, o que salienta de xeito máis notorio, naturalmente á marxe da aposta política por un nacionalismo de esquerdas, será o seu esforzo permanente pola galeguización da sociedade. Concibida como un partido de vangarda que actúa como fronte e viceversa, a UPG debeu queimar etapas con urxencia para garantir un espacio político -unha urxencia que trouxo as lóxicas ambigüidades ideolóxicas- e para tal empresa só contou cunha implantación moi cativa, nucleada xeograficamente entre Vigo e Madrid, e illada respecto das clase populares. Nin siquera, a súa infraestructura, podía permitirlle editar na clandestinidade o seu voceiro, Terra e Tempo. Os primeiros números, a partir de 1965, tiveron que facerse en México gracias ao impulso de Soto e Carlos Velo, e os seguintes en Venezuela baixo a supervisión de C.E. Ferreiro.

Á vista da fraxilidade da organización resulta doado comprender a carencia dunha acción sistematizada e a cativeza da súa práctica social, no período que vimos de referir. Por iso, aínda resultan máis transcendentes os esforzos realizados pola UPG para tentar de implicarse na realidade social do país. E, sen dúbida, que o exemplo máis relevante foi o papel que xogou na mobilización dos campesiños do val de Castrelo do Miño contra a ocupación das súas terras por FENOSA, en 1966. Para a UPG foi a primeira ocasión na que tivo un contacto directo cunha loita social organizada, masiva e doada de encadrar na función colonial que cumpría Galicia no seo do Estado. Non é que chegase a exercer unha dirección política do conflicto -algo imposible naquel momento- pero sí que tivo a posibilidade de dar orientacións políticas entre os afectados e de converter a Castrelo nun verdadeiro conflicto nacional4.

Logo, un proceso lento e traballoso. A convocatoria do Día da Patria Galega en 1968, a introducción no mundo universitario e a participación nos conflictos de 1968, a campaña contra do estado de excepción en 1969, a dinamización das asociacións culturais que se espallaban por toda Galicia, ... E un esforzo constante por atopar apoios e respaldo entre outros movementos de liberación nacional ou entre partidos nacionalistas da Europa Occidental(5), a través dunha Secretaría de Relacións Internacionais que dirixía C.E. Ferreiro dende Caracas e que contaba coa colaboración dalgúns militantes exilados en Francia ou, máis adiante, en Suíza.

Terían que chegar novos tempos para que a UPG comezase a atopar o seu verdadeiro camiño. A conexión co proletariado e co campesiñado. A consolidación como partido. A creación das organizacións de masas. Pero, con todo, o valor desta primeira etapa é crucial. Por vez primeira despois da guerra, unha nación supostamente vencida e humillada volvia ao temón do seu destino e iniciaba o camiño sen retorno cara á súa liberdade.

Bieito Alonso Fernández (Ourense, 1958). Licenciado en Historia Contemporanea. Profesor de Xeografía e Historia no IES "Francisco Sánchez" de Tui. Desenvolve as súas investigacións sobre a historia da emigración americana e do exilio galeguista.

1 O grupo «Brais Pinto» estaba integrado, entre outros, por Raimundo Patiño, Bautista Alvarez, César Arias, X.L. Méndez Ferrín, Alexandre Cribeiro, Bernardino Graña, X. Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo, Herminio Barreiro, ...

2 Segundo conta X.L. Méndez Ferrín: X.L. Méndez Ferrín., X.M. Salgado e Xoán M. Casado; Ed. Sotelo Blanco, Barcelona, 1989, páx. 130.

3 Sobre o sentido último do Consello da Mocedade houbo diferentes interpretacións, mesmo Alexandre Cribeiro falaba del como unha «delegación» do Consello de Galiza.

4 Sobre a actividade despregada pola UPG e os acontecementos paralelos, vid: Carballa, Xan, Castrelo de Miño. A História dun val afogado, en Galiza: 1953-1975, A Nosa Historia 5; Eds. A Nosa Terra, Vigo, 1988.

5 Nunha carta datada en Caracas, en 1967, Feliciano Valladares en representación da Secretaría de Relacións Exteriores da UPG diríxese a Manuel de Irujo (PNV) para darlle conta do nacemento de tal organismo e da súa disposición para establecer contactos co conxunto das organizacións antifranquistas.
Arquivo Irujo. Centro de Documentación de Historia Contemporánea do País Vasco. Caixa 9, Expediente 6, Folio 27.