Guieiro

O “Guieiro” nace como publicación da UMG en nadal de 1977 (número 0), apenas 4 meses despois da súa constitución como organización xuvenil da Unión do Povo Galego. Toma o nome do voceiro da Federación de Mocidades Galeguistas que comezara a súa andaina o 25 de xullo de 1934, como unha páxina enteira publicada dentro de A Nosa Terra, naquela altura o semanario do Partido Galeguista e que colle vida propia nos 13 números editados de xeito independente entre 1935 e 1936.
Dos números que presentamos de seguido temos que advertir de dúas particularidades. O nº 1 e o nº 2 editáronse como revista mural, de xeito que o Guieiro era un prego que se dobraba dúas veces sobre si mesmo e adoptaba finalmente un formato de tamaño folio, mais non deixaba de ser un cartel. Aquí só presentamos a portada e contraportada de ambos números pois o Guieiro, unha vez aberto, mide 78 centímetros de alto por 43 de ancho, tendo distribuídos os artigos nesa superficie. Por outra banda, o nº 16 é un número especial que recolle unicamente as resolucións do VII Congreso da UMG.