Historia

cartel do 30 aniversario da UMG (2007)

Historia da UMG (1977-2002)

Con grande acerto, na segunda metade dos anos 70, o medre producido no número de simpatizantes, afiliados e militantes da UPG no ensino médio e entre a mocidade traballadora, levou ao Partido a conceber a criazón dunha organización da mocidade que, ademais de servir para levar ao sector “unha liña política comunista e patriótica”, puidese abordar a problemática específicamente xuvenil. Asi se analisa nun documento de Febreiro de 1977 titulado “As mocedades do partido”, que recolle de facto a decisión de criar a UMG, xa que o 1º Congreso da UPG, que ratifica esta decisión, non se celebrará até finais de Agosto, dias despois de ter-se constituido formalmente a organización xuvenil. A partir daí inicia-se un traballo de captación de militantes, organización de células e discusión teórica e programática que ocupa toda a primavera dese ano e que rematará co Congreso constituinte.

O Congreso vai-se celebrar os dias 14 e 15 de Agosto de 1977 sob o lema “Por unha Galicia ceibe e socialista”. Nel aproban-se os Estatutos da organización e un programa no que se analisa a situación específica da mocidade galega, o papel da UMG nese contexto e as alternativas que defende, incluindo unha táboa de “reivindicacións mínimas”. A definición ideolóxica e os obxectivos políticos estabelecen-se simultaneamente no capítulo 1º dos Estatutos e no apartado do Programa titulado “Qué é a UMG?”, e veñen determinados pola vinculación coa UPG: “A UMG (Unión da Mocidade Galega) é a organización comunista e patriótica da mocedade galega e é, xa que logo, a organización xuvenil da UPG” (art.1). Asi, da mesma maneira que o fai a UPG, a UMG declara-se ao mesmo termpo comunista e nacionalista, xa que entende que a instauración do socialismo na Galiza pasa necesariamente pola prévia liberación nacional do país. Agora ben, o máis definitório da posición da UMG e que lle serve para estabelecer diferenzas con outras organizacións xuvenis, mesmo con algunhas que tamén se proclaman comunistas, é considerar que cómpre analisar a situación da mocidade galega desde unha perspectiva de clase, entendendo-a ademais como parte integrante dunha sociedade submetida a unha dependéncia colonial.

Os primeiros estatutos da UMG, que marcan como princípio organizativo o centralismo democrático, conforman unha organización piramidal, dividida en zonas e localidades e que define como núcleo fundamental de base a célula (denominada Asemblea de Zona desde 1990). Como órgaos de dirección intermédios estabelecen-se os Comités Locais e os Comités de Zona, mentres que a dirección nacional a conforman o Comité Central (órgao supremo da UMG entre dous Congresos e elixido polo Congreso Nacional) e o Comité Executivo, máis reducido e elixido polo Comité Central. O órgao máximo de dirección é o Congreso Nacional e fixa-se ainda outro organismo, a Conferencia, constituida polos membros das direccións central, de zona e local. A frente da UMG situa-se o ou a Secretária Xeral, con funcións executivas, e o Presidente, que será o mesmo do Partido.

Este esquema organizativo, deseñado nun momento no que se contaba cun importante número de militantes, será revisado nos seguintes congresos, cando a militáncia inicial se reducira e resultaba pouco operativo. Asi, no 2º Congreso (1980) suprimen-se Comité Central e Executivo e substituen-se polo Comité Nacional, e no 3º Congreso (1982) suprimen-se os Comités Locais.

A primeira actuación pública especificamente xuvenil que desenvolve a UMG é a chamada “campaña dos aprendices”. Denuncia-se a situación de sobre-explotación que sofren moitos mozos sob o pretexto de aprender un ofício, situación que se aceita en moitos casos ante a dificuldade de atopar o primeiro emprego. A UMG elabora unha táboa reivindicativa -que lle apresentan á Intersindical Nacional Galega (ING) e será asumida pola central nacionalista para a negociación colectiva- e inícia unha campaña informativa.

Rematada a campaña dos aprendices desenvolve-se outra, ao longo de 1979, sobre a situación das empregadas do fogar, un dos sectores, a dicer da UMG, que maior porcentaxe de mozas absorbe e no que as condicións de traballo son máis abafantes. Dadas as características do sector deseña-se unha campaña de contactos persoais coas empregadas e mesmo coas demandantes de emprego, fixando como obxectivos a mobilización e a constitución da “Unión de Empregadas do Fogar da ING”. Non parece, sen embargo, que cando menos este último obxectivo chegara a lograr-se.

Neste primeiro período, o que delimitan o primeiro e o segundo congreso, a UMG ocupa-se ademais de dous temas que centran a atención do nacionalismo, analisando-os desde a perspectiva das suas consecuéncias para a mocidade: o pacto social (os “Pactos da Moncloa”) e a Constitución Española. O texto constitucional cerra as expectativas de cámbio abertas en Novembro do 75, establecendo uns límites ben cativos en relación co que eran as esperanzas dunha boa parte da mocidade progresista e nacionalista á altura do 76 ou do 77. O facto é que a vaga de desencanto fai minguar notabelmente a militáncia das organizacións xuvenis, deixando a unhas inoperativas e varrendo a outras do mapa político. As organizacións nacionalistas ERGA e UMG ven-se tamén afectadas, vendo mermar a sua militáncia a respeito da lograda en 1977. Porén conseguen superar a situación e manter en boa medida a sua capacidade de actuación social, facto que a UMG atribuirá á corrección das análises políticas e a unha prática consecuente, alonxada da perspectiva “xeracional e antipaternal” doutras organizacións.

Poñendo remate a esta fase inicial, en Xaneiro de 1980 a UMG celebra o seu 2º Congreso baixo o lema “Pola incorporación da mocedade galega á loita antiimperialista, cara ao socialismo”. O Congreso profundiza nas análises feitas para a mocidade traballadora, o estudantado e a situación social da xuventude. A partir do 2º Congreso reduce-se notabelmente a actividade pública da UMG, que estivera centrada na situación da mocidade traballadora. O nacionalismo manten-se moi activo no mundo estudantil, pero este é un campo no que a UMG renunciara a actuar directamente polo seu apoio a ERGA. A crise do desencanto non permitiu renovar uns efectivos entre a mocidade traballadora que sempre foran minoria en relación cos estudantes.

En 1981 o nacionalismo vai sofrer unha crise que afectará tamén á UMG. Á altura de Maio desatan-se na UPG divisións nunca ben explicitadas desde diferenzas ideolóxicas ou políticas que levan ao abandono do Partido -e posteriormente da AN-PG- dunha boa parte de militantes e dirixentes. Da mobilidade producida na UMG neses anos dá idea o feito de que o Comité Nacional que chega ao 3º Congreso (Maio de 1982) mantén só dous membros elixidos no 2º.

O comenzo da recuperación organizativa, o crecimento militante e o reinício da actividade pública, hai que situá-lo contra o fin do ano 82 co lanzamento da campaña sobre o servizo militar. Coincidindo co sorteo de quintos dese ano, a UMG pronuncia-se “tacticamente por un servício militar reducido e na Terra”, e apartir daí articula-se unha campaña que se vai prolongar ao longo dos anos 83 e 84.

O 4º Congreso (Novembro de 1984) que se celebra co lema “A mocidade no camiño do futuro. Pola Independéncia Nacional e o Socialismo”, debate, ademais das cuestións organizativas, ponéncias sobre a actuación política da UMG, o movimento estudantil, a situación da mocidade galega e a situación das mulleres e o feminismo. A resolución saida deste Congreso vai sentar as bases da posición mantida polo nacionalismo xuvenil, favorábel á obxección de consciéncia -incluindo a política- e á insubmisión, apartir de entón. Pero tamén haberia que xulgar se as campañas desenvolvidas pola UMG do 82 ao 84 non serviron para sensibilizar á mocidade galega sobre o problema e non contribuiron a posibilitar o vizoso movimento anti-militarista dos finais dos 80 e princípios dos 90.

Apartir do 4º Congreso a UMG logra estabilizar-se. Nos tres anos seguintes parece ter conseguido en boa parte os obxectivos organizativos que nel se tiña marcado. Regulariza-se o funcionamento do Comité Nacional; incrementa-se a militáncia; volta a sair o Guieiro, renovado e con máis regularidade; fan-se esforzos por mellorar as finanzas; recupera-se o traballo no asociacionismo xuvenil e inicia-se a realización de actividades de carácter lúdico.

No verán do 85, coincidindo coa campaña de oposición á entrada do Estado español na OTAN, co Ano Internacional da Mocidade e a celebración en Moscova do XII Festival Mundial da Mocidade e dos Estudantes, a UMG organiza os “Cruceiros da mocidade pola Paz”. Ademais da significación política, a organización pretendia dar-lle un carácter lúdico e de convivéncia, coa realización a bordo de diversas actividades. Efectivamente, parece que a iniciativa tivo éxito xa que se lle dá continuidade: ao ano seguinte organiza-se o 2º Cruceiro baixo o rótulo “Quince horas en barco polas Rias Baixas” e en Agosto de 1987 realiza-se o 3º Cruceiro que incluía acampada nas Illas Cies.

Ao longo de 1987 a UMG debate, con vistas á celebración do seu 5º Congreso, a situación do movimento estudantil e xuvenil nacionalista. Debate-se tamén cos que dentro dos CAF (estudantes do PSG-EG e sectores do BNG) son partidários da sua conversión de plataforma aberta en organización estudantil. A asunción de que é positivo dar ese paso, tras máis de 3 anos de experiéncia dos Comités na Universidade e dada a sua asunción dun ideário e dun programa nacionalista, xunto coa consolidación do BNG como frente ampla na que agroman outras alternativas xuvenis, leva á UMG a repensar e a promover a reformulación do campo da mocidade nacionalista. Coa disolución de ERGA e o nacimento de GALIZA NOVA a UMG renúncia -ao igual que xa decidira desde 1982 a UPG a propósito do BNG- a manter actividade pública para prestar o seu apoio á nova organización da xuventude nacionalista.

O 30 de Abril de 1988, tan só catro meses após da celebración do 5º Congreso reunia-se, previamente convocada polo seu Comité Nacional, a Conferéncia Nacional da UMG -loxicamente con carácter extraordinário- co único obxecto de afondar na resolución clave da última cita congresual, isto é, a posta en marcha dunha nova organización xuvenil nacionalista.

A nível interno acorda-se adecuar a estrutura da UMG á nova organización, especializando ou sectorializando a sua dirección para unha actuación alén do plano estritamente estudantil, e facer un chamamento ao conxunto da militáncia para galvanizá-la perante este desafio. Unha vez tomado o acordo político de constituir o que meses máis tarde seria GALIZA NOVA, a UMG volca todo o seu esforzo nese obxectivo.

Lóxica consecuéncia da aparición de GALIZA NOVA vai ser a voluntária perda de protagonismo público da UMG. Esta decisión, colectivamente asumida, parte da análise de que debe ser a organización xuvenil do BNG o único referente público para a mocidade. As, o 30 e 31 de Xullo de 1988 organiza-se por última vez o “Cruceiro da Mocidade pola Paz”. O “Cruceiro” deixaria paso, xa desde 1989, ás “Xornadas de Verán” de GALIZA NOVA como cita obrigada nos veráns para a mocidade nacionalista.

A partires daí, e como consecuéncia lóxica do esforzo en erguer GALIZA NOVA, resinte-se notabelmente a organización da UMG, tal e como é advertido polo 6º Congreso (Novembro de 1990). A normalización da vida interna da UMG non vai ser posíbel até a celebración, dous anos despois, do seguinte Congreso.

Paralelo ao medre do Bloque Nacionalista Galego, producen-se en GALIZA NOVA unha série de integracións de determinados colectivos xuvenis, que sempre contaron co apoio entusiasta da UMG.

Loxicamente nun contexto no que a UMG veiculiza o seu traballo político através de GALIZA NOVA, non é posíbel dar conta de campañas específicas lanzadas á mocidade, mais si de determinadas posicións políticas defendidas, centradas en pór o acento no problema da dependéncia colonial da Galiza en todos aqueles aspectos que teñen relación coas análises realizadas, e consecuentemente, no traballo de intervención social que delas se deriva.

Posibelmente é o 7º Congreso, en Decembro de 1992, o que dá unha imaxe máis lamentábel a respeito do deterioro organizativo sofrido pola UMG nos últimos tempos, facto constatado no próprio congreso polo escaso número de asistentes. É nese momento cando o Comité Nacional asume con sinceridade o repto de mellora da situación organizativa, tamén en relación cunha necesária clarificación ideolóxica interna, realizando-se campañas específicas de apresentación en diversos pontos do país, asi como prestando especial atención a un proceso de toma de decisión asumido por toda a militáncia, convocando-se ao efecto mesmo algunha Conferéncia Nacional, como a celebrada o 18 de Decembro de 1993. Parte-se da análise da utilidade da UMG, portanto da sua vitalidade interna, posta ao servizo de GALIZA NOVA e do Movimento Xuvenil Galego e se poñen en marcha diversos mecanismos para efectivizar esa intención.

De calquer maneira, no 8º Congreso, en Abril de 1995, constata-se unha importante recuperación da UMG, e desde ese momento, un medre sostido da incorporación de novos militantes e na regulación da sua actividade.

O CONTEXTO POLÍTICO EN 1997

No ano 1997, cumpriu-se o XX aniversário do nascimento da UMG, organización que segue reafirmando-se nos mesmos princípios fundacionais que a pariran no ano 1977, organización xuvenil patriótica e comunista ao servizo da Galiza.

No mes de Abril produce-se un feito destacado. Galiza Nova convoca unha xornada de mobilización nacional, exixindo emprego e criticando a política nesta matéria da Xunta da Galiza. A xornada de loita consegue un importante paro nos institutos e a realización de diferentes concentracións e manifestacións ao longo de todo o país, o que supón un salto cualitativo e cuantitativo na capacidade de mobilización de Galiza Nova.

Tamén o noso Partido celebraria o 23 e 24 de Febreiro o IX Congreso, baixo o lema “Abrindo futuro para Galiza” na cidade de Lugo, nun ano marcado polas eleizóns autonómicas convocadas para o mes de Outubro. Neste marco é no que ten lugar, o 26 e 27 de Abril, o IX Congreso da UMG, baixo o lema “Sumando razóns e forzas por Galiza”. No Congreso, caracterizado como xa indicamos polo proceso eleitoral que ia acontecer en poucos meses, a UMG recolle nas suas teses que “o BNG representa hoxe o único camiño de futuro de liberación para a nosa nación que cada dia gaña máis sectores sociais e fai máis real o aceso necesário e ineludíbel a responsabilidades de governo”.

Do IX Congreso destacamos a análise polo miúdo que a UMG fai da situación do movemento xuvenil e das liñas de actuación a desenvolver en cada ámbito de traballo. A UMG neste vixésimo aniversário, reafirma-se novamente no labor incansábel en reforzar Galiza Nova, constitui a nosa aposta histórica desde a criazón da organización xuvenil do BNG.

O camarada Paulo Carril, militante destacado polo seu traballo no ámbito da universidade e no sindicalismo nacionalista, resulta elexido novo Secretário Xeral, en substituizón do camarada Roberto Vilameá.

No mes de Outubro celebrarian-se as eleizóns autonómicas. Para o BNG supuxeron converter-se na segunda forza do parlamento, acadando 18 deputados e deputadas con case 400.000 galegos e galegas que depositaron a sua confianza no proxecto que representa o BNG.

O PAPEL DA UMG NOS DEZ ANOS DE GALIZA NOVA

No ano 1998, Galiza Nova, celebrou-se o seu X Aniversário e realizou a sua VI Asembleia, baixo o lema “Máis Mocidade por Galiza” relexendo Martiño Santos Secretário Xeral de Galiza Nova.

A UMG foi a organización que apostou pola criazón de Galiza Nova no ano 1988 e no IX Congreso renovamos esa entrega e fidelidade para con Galiza Nova, isto é, a mocidade do proxecto político de liberación nacional que hoxe representa o BNG. Debemos destacar, nestes dez anos, a aposta decidida da UMG para conseguir que Galiza Nova fose a auténtica plasmación da autorganización da mocidade. Un proceso desenvolvido nas diversas campañas políticas realizadas: campañas que daban respostas ás demandas da mocidade da nosa nación.

No X Congreso da UMG, recolle-se sobre Galiza Nova: “A nosa contribuizón aos reptos e obxectivos do nacionalismo deberá ser a de facer de Galiza Nova o referente organizativo e político que permita dotar ao nacionalismo dunha base social crescente entre a mocidade”.

Por outra banda a UMG manifesta seu respeito ao pluralismo de Galiza Nova como elemento característico da organización, un princípio que serveu para aglutinar a mocidade nacionalista e demostrou a sua utilidade ao longo destes dez anos.

X CONGRESO DA UMG

En Xaneiro de 1999, celebra-se o Xº Congreso da UMG, baixo o lema “Afortalando un Futuro de Soberania Nacional” elexendo o camarada Ramón Ermida Secretário Xeral.

Nas suas teses recolle-se que o nacionalismo galego ten, a curto prazo, reptos importantes aos que debe dar resposta, clarificando a nosa base social e conseguindo a hexemonia do nacionalismo no social e institucional. O debate xira sobre o afortalamento organizativo e ideolóxico das organizacións onde os militantes da UMG desenvolvemos o noso traballo.

XI CONGRESO DA UMG

No XI Congreso, baixo o lema “Incidindo na mocidade, transformando a realidade”, celebrado o 24 e 25 de Marzo de 2001, modifica-se a estrutura das teses, deixa-se de realizar a análise sectorial (que se viña repetindo nos últimos Congresos) e aborda-se en profundidade a necesidade de aumentar a incidéncia social práctica das organizacións xuvenis nacionalistas. Neste Congreso aponta-se as liñas de actuación da militáncia da UMG nas organizacións sociais co obxectivo de aumentar a repercusión social das mesmas:

- O axuste organizativo das estruturas do movimento xuvenil nacionalista para pó-la ao servizo dos obxectivos políticos
- O artellamento dunha resposta coordenada á situación da mocidade por parte de todas as organizacións do nacionalismo en base á consideración do contexto.
- O avanzo, como obxectivo central, na incidéncia social prática do Movimento xuvenil.

É máis, o XI Congreso supuxo unha renovación dos organismos de dirección da UMG, modificando asi a liña de continuidade de militantes nos órgaos de dirección da UMG mantida nos dous anteriores Congresos. O Comité Nacional acolleu novas incorporacións e a eleizón do camarada David Pena, militante que ten destacado pola asunción de responsabilidades tanto nos CAF como en Galiza Nova, demostrando capacidade de traballo e entrega ao nacionalismo, como Secretário Xeral das mocidades da UPG.

A UMG NOS MOVIMENTOS SOCIAIS

Á marxe da actividade própria da UMG, os militantes desempeñamos un papel destacado nas organizacións sociais, principalmente en Galiza Nova como se fixo referéncia, máis tamén debemos destacar o noso labor nos seguintes ámbitos:

ENSINO

Para a UMG as organizacións estudantis CAE e CAF son pezas básicas para acadar a auto-organización do povo galego en todos os ámbitos, sendo ademais de enorme utilidade para respostar aos problemas concretos do ensino galego.

En Novembro de 1997, a UMG organiza unha Conferéncia Nacional de Ensino onde se abordan as chatas das organizacións estudantis, localizadas principalmente no ensino meio. A UMG apostou nestes anos decididamente por avanzar unificación do movemento estudantil nacionalista, coa criazón dunha única organización que abranga tanto o ensino meio como o universitário. Para a UMG, desde o respeito ás diversas posturas que ten habido sobre a cuestión, todas elas lexítimas, é a única garantia de ter unha organización estudantil con maior incidéncia social e estabilidade.

SINDICAL

É coñecida a situación de desemprego e precariedade laboral que padece a mocidade neste país. A UMG advoga por consolidar a nível nacional e comarcal unha estrutura mínima da Secretaria da Mocidade da CIG co obxectivo de dar respostas aos problemas especificos da mocidade traballadora.

ANTIMILITARISMO

A UMG deu o seu apoio a todas as formas de loita (insubmisión e obxección de consciéncia), contra o servizo militar obrigatório, que mesmo levou militantes da UMG a sofreren represión e cadeia.
A situación actual, cun exército español profisionalizado, levou a modificar a liña de actuación contra o militarismo español. A denúncia da UMG concentra-se agora no papel que xoga o exército español como instituizón armada que refusa os dereitos nacionais do noso povo e sobre o seu papel no contexto internacional.

FEMINISMO

A UMG asume a loita emancipadora das mulleres inserido no proceso de loita de liberación nacional. A UMG, sempre pulou, sendo consciente das próprias limitacións do sector polo traballo na Asembleia de Mulleres de Galiza Nova, por ser ésta a organización específica no traballo feminista das mocidades da frente.

ORGANIZACIÓN

Nestes cinco anos, a UMG experimentou unha medra da sua militancia, sendo especialmente significativo desde o IX Congreso celebrado no 1997, cando precisamente a UMG cumpria os seus vinte anos de existéncia. Tamén neste tempo se regularizou o funcionamento dos organismos nacionais, comité nacional e secretariado, facendo-se un seguimento das asembleias de zona e realizando reunións coas mesmas.