UPG rende tributo á camarada Elvira Patiño

O Comité Central da Unión do Povo Galego, na reunión que decorreu no sábado (10) gardou 1 minuto de silencio en sinal de dó polo falecemento da nosa militante, Elvira Patiño, e de recoñecemento a toda unha vida de militancia e compromiso en defensa dos dereitos da clase traballadora galega, das mulleres e da liberación nacional da Galiza.

Elvira Patiño deixounos fisicamente no pasado domingo, 4 de decembro. Até ese momento mantivo o seu compromiso patriótico e revolucionario exercendo como dirixente sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG). No ano 2017 foi electa para encabezar a Secretaría da Muller da central nacionalista. En 2007 pasa a ocupar a Secretaria Confederal de Servizos, Afiliación e Migración; no V Congreso (2009) asume a Secretaria Confederal de Organización e desde 2013 ocupaba a responsabilidade de Servizos e Afiliación.

En comunicación pública, a CIG recoñeceu o seu labor “en defensa dos dereitos da clase obreira galega, a súa contribución á construción e consolidación da propia CIG e o seu activismo para situar a problemática laboral e social da muller no centro do debate sindical”.

Salientou a central nacionalista que sob o seu impulso foron creadas secretarías específicas de muller en cada unha das comarcas e federacións da Confederación e que “o departamento de muller estivese presente de forma permanente na Executiva Confederal con secretaría de seu, garantindo a transversalidade das políticas de xénero na central sindical, así como a participación das mulleres nos organismos”.

Como xa fixemos no día que coñecemos o falcemento de Elvira, a UPG quer render tributo a unha compañeira que foi exemplo de entrega e de traballo militante por unha Galiza ceibe e socialista e, moi especialmente desde a súa responsabilidade sindical, polo mellora das condicións laborais e o recoñecemento de dereitos colectivos para o povo traballador e para as mulleres galegas. Ese exemplo estará sempre connosco. Até sempre, Elvira!.