UPG traslada ao PCC condolencias polo falecemento de Fidel Castro e reitera solidariedade co Revolución cubana

Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG, asina no libro de condolencias no Consulado de Cuba e traslada o noso pesar polo falecemento de Fidel Castro e a nosa solidariedade coa revolución cubana.

O Secretario Xeral da Unión do Povo Galego, Néstor Rego, en comunicación encamiñada ao Presidente da República e Primeiro Secretario do Partido Comunista de Cuba, Raúl Castro, transmitiu ao PCC e ao pobo cubano o máis fondo pesar pola desaparición física do Comandante Fidel Castro así como a plena solidariedade coa Revolución cubana.

Na comunicación Néstor Rego afirma que Fidel Castro será lembrado como un dos máis grandes patriotas e revolucionarios da historia, “pois a revolución cubana baixo a súa dirección uniu o sentimento patriótico dun pobo que quería liberarse da bota imperialista coa firmeza das clases populares na loita pola xustiza social”.

Para a UPG, subliña a misiva, o proceso revolucionario cubano foi sempre un referente “e non só polos lazos históricos que unen os nosos pobos nin pola ascendencia galega de moitos revolucionarios” senón sobre todo pola capacidade de -partindo da realidade cubana- unir a loita pola soberanía nacional desde unha perspectiva antiimperialista coa construción dunha sociedade xusta e igualitaria, a camiño do socialismo.

Afirma Néstor Rego que a mellor homenaxe que se pode render a un patriota e revolucionario, como hoxe a Fidel Castro, é manterse firmes na loita polos ideais compartidos. Nese sentido, garante que a Unión do Povo Galego vai continuar con firmeza e con decisión “a loita pola soberanía da Galiza como camiño para a construción do socialismo, solidarios con todos os pobos do planeta que traballan a cada día pola Paz e a Liberdade”.

O Secretario Xeral da UPG achegouse tamén ao Consulado Xeral de Cuba na Galiza para escribir no libro de condolencias e deixar constancia do pesar polo falecemento do líder da Revolución cubana e da solidariedade co povo de Cuba.

A continuación a nota de pésame completa:

Raúl Castro Ruz

Presidente da República de Cuba

Primeiro Secretario do Partido Comunista de Cuba

Estimado camarada:

O Comité Central da Unión do Povo Galego, diante do falecemento no día de onte do Comandante en Xefe Fidel Castro Ruz, quere transmitir ao Partido Comunista, ao pobo cubano e a toda a familia o noso máis fondo pesar e a nosa solidariedade nestes duros momentos.

Fidel Castro será lembrado como un dos máis grandes patriotas e revolucionarios da historia, pois a revolución cubana baixo a súa dirección uniu o sentimento patriótico dun pobo que quería liberarse da bota imperialista coa firmeza das clases populares na loita pola xustiza social.

Para a UPG o proceso revolucionario e a loita por defender unha Cuba soberana e por construír o socialismo foi sempre un referente, non só polos lazos históricos que unen os nosos pobos nin pola ascendencia galega de moitos revolucionarios cubanos. Sobre todo pola capacidade de vostedes para, partindo da realidade e da historia de Cuba, dotarse dunha ferramenta propia, o Movemento 26 de Xullo, que foi medrando e perfeccionándose até vencer e até se transformar no Partido Comunista de Cuba, patriótico e revolucionario, que conseguiu que os cubanos e cubanas se sentisen protagonistas da construción do seu propio futuro.

Hoxe estamos tristes pola desaparición física dun camarada mais, seguindo o seu exemplo, mantémonos firmes na loita polos ideais compartidos. Continuamos con firmeza e con decisión a loita pola soberanía da Galiza como camiño para a construción do socialismo, solidarios con todos os pobos do planeta que traballan a cada día pola Paz e a Liberdade.

Temos a certeza de que a mellor homenaxe que hoxe podemos render e a maior mostra de solidariedade con Cuba, como dixo un día o propio Fidel, é que nos manteñamos na loita até conseguirmos libertar as nosas nacións do xugo imperialista e poder iniciar o noso propio camiño cara á construción do socialismo.

Viva Cuba Libre e Socialista!

Até a vitoria Sempre, Comandante Fidel Castro!

Santiago de Compostela; 26 de novembro de 2016