Condenamos o golpe, solidarizámonos co povo brasileiro

A decisión adoptada hoxe polo Senado brasileiro de destituír a Dilma Rousseff é o acto final dun golpe de estado institucional que busca poñer fin á democracia no Brasil. Dilma Rousseff non deixa a presidencia do seu país por decisión do pobo;  son a reacción, a oligarquía e a dereita  quen moven os fíos deste golpe de estado en alianza co imperialismo.

A destitución de Dilma supón o triunfo do golpe de estado e un duro revés para quen no Brasil traballan pola redución das desigualdades e pola independencia nacional.

O proceso político aberto en 2003 co primeiro goberno de Lula permitiu que no Brasil se vivira unha etapa de avances, etapa que os golpistas queren pechar agora buscando a regresión dos avances e conquistas sociais obtidas por millóns de brasileiros e brasileiras nestes anos.

Brasil, pola súa dimensión continental e pola súa importancia política, ten unha función estratéxica no grupo de países que en procesos plurais e non exentos de contradicións, buscan construír sociedades nas que primen principios opostos ao capitalismo neoliberal. Por tanto a destitución de Dilma é un duro revés para a integración latinoamericana e para a alianza dos BRICs.

Queremos denunciar unha vez máis a actuación do imperialismo norteamericano que mudou o seu xeito de actuar, abandonando momentaneamente os golpes con derramamento de sangue e optando por novas técnicas con procesos desestabilizadores e operacións de apariencia legal como foron no seu momento os golpes de Honduras e Paraguay e repiten agora no Brasil.

Estamos certos de que este é só un atranco no camiño e de que as clases populares e o conxunto dos demócratas brasileiros van reaxir, manterán a tensión tanto nas institucións como na rúa e conseguirán virar a actual situación e poñer ao país irmán de novo no camiño do progreso e da integración latinoamericana.

Desde Galiza queremos dar ánimo á compañeira Dilma Rousseff presidenta lexítima do Brasil e aos compañeiros e compañeiras do PCdoB e do PT para que se manteñan firmes na loita.

Santiago de Compostela; 1 de setembro de 2016

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do Povo Galego