A UPG reivindica o compromiso de Reboiras e aposta en superar o marco autonómico

  • O Partido realizou a homenaxe no 41 aniversario do seu asasinato a mans da policía española.
  • O secretario xeral, Néstor Rego, cualificou de “imperiosa” a necesidade de Galiza decidir por si propia.

A Unión do Povo Galego (UPG) rendeu, máis un ano, homenaxe ao camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975. Cadrando co 41 aniversario da súa morte o Partido desenvolveu varios actos para reivindicar o compromiso militante patriótico e comunista de Moncho Reboiras.

Ás 12 de mañá realizouse unha ofrenda floral no cemiterio de Imo. Deseguido, tivo lugar un xantar popular que decorreu na Finca da Cortiña, no concello de San Sadurniño e ao que seguiu unha sobremesa de debate arredor da “mudanza real que a Galiza precisa”. As actividades retomaron ás 19h, xa en Ferrol, coa concentración na Praza de Armas e comitiva até o portal número 27 da rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras. Nese lugar foi realizada unha outra ofrenda floral, seguida da intervención do secretario nacional de Organización da UPG, Xosé Manuel Casal Sabín, quen reivindicou a vixencia e necesidade de rememorarmos colectivamente o legado de patriotas como Moncho Reboiras, e máis o canto da Internacional. Ás 19:30h daba comezo o acto político no que interviron o secretario político de zona da UPG en Ferrolterra. Manuel Polo, a membra do Comité Nacional da UMG, Antía Ínsua e máis o secretario xeral da UPG, Néstor Rego.

Rego centrou a súa intervención en enfatizar a necesidade da autoorganización do pobo galego para avantar cara a conquista da Galiza soberna e socialista pola que deu a vida Moncho. O secretario xeral mostrouse certo de que o nacionalismo acertou “cando rexeitou o modelo autonómico por valoralo como inadecuado para dar solución aos principais problemas do País, moito menos ás nosas aspiracións como nación”. “Hoxe o sistema autonómico maniféstase como absolutamente esgotado e inútil fronte á evidencia de que as decisións que máis nos afectan son adoptadas en Madrid e Bruxelas e o goberno galego limítase -e verdade que con un Feijóo que actúa como entusiasta delegado de Génova a aplicalas de maneira submisa”, acrecentou.

Desta maneira, a UPG pon o foco na “imperiosa necesidade” de superarmos o marco autonómico para poder poñer solución efectiva aos problemas reais do povo traballador galego. Neste senso, Rego rexeitou reducir unicamente á nefasta xestión do Partido Popular a situación de emerxencia que padece Galiza, defendendo que sen rachar coa dependencia non é factíbel ningunha mudanza real. “Reducir os nosos problemas a que estamos en mans de maos xestores é a mellor coartada para que nada real nin esencial mude no noso País” advertiu.

É por iso que “ninguén máis que o nacionalismo coloca no debate electoral a soberanía como horizonte estratéxico, a necesidade imperiosa de podermos decidir sobre o noso”, en clara diferenza daqueloutras forzas que defenden o marco autonómico e a Constitución, malia seren os piares básicos do actual réxime político. Rego puxo en valor que o nacionalismo para alén de alternativas estratéxicas ten tamén propostas concretas, de carácter táctico, para resolver os problemas cotiás e máis inmediatos. Propostas que pivotan sobre tres ideas fundamentais, segundo explicou. “Unha: que non somos un País subsidiado que vivamos da caridade dun Estado protector, senón que vivimos do noso propio traballo e esforzo. Dúas: que, moi ao contrario, somo un País espoliado, ao que España rouba o froito do seu traballo, os seus aforros, os seus recursos e os seus dereitos colectivos. E tres: somos un País con enormes potencialidades que só precisan das condicións adecuadas para seren desenvolvidas, condicións que parte da capacidade soberana do pobo galego de decidir sobre si propio.”

Como exemplo das alternativas concretas, pero que permitiran superar o actual marco e transformar positivamente o país, referiu a demanda dun novo sistema de financiamento baseado no concerto económico e unha facenda galega, a reivindicación do marco galego de relacións laborais ou a aposta por un ensino cento por cento público.

En relación aos reptos que ten que encarar o nacionalismo no inmediato, Rego recoñecendo a dificultade dos mesmos aseverou que o BNG está en condicións de os superar positivamente. “Estamos prontos, temos alternativas, temos organización e temos unha equipa humana excepcional encabezada por Ana Pontón”, asegurou, facendo un chamado á toda a base militante do Partido a se mobilizar de maneira intensa e con “entusiasmo”.