Esiximos a liberación do activista palestino Bilal Kayed

O militante da Fronte Popular de Liberación de Palestina Bilal Kayed debía ter sido liberado o pasado 13 de xuño despois de pasar máis de 14 anos nas cadeas israelís.

Diante da decisión de Israel de mantelo na cadea durante seis meses máis Bilal Kayed iniciou unha folga de fame e neste momento está hospitalizado e atado á cama sufrindo unha grande presión para que abandone a folga de fame. A súa vida corre serio perigo, pois desde que iniciou a folga de fame ten perdido 25 quilos e tense deteriorado seriamente a súa saúde.

A UPG quere denunciar a actuación inhumana do goberno israelí con  Bilal Kayed e esixe a súa inmediata posta en liberdade.

Ademais debemos denunciar a existencia neste momento de 750 palestinos e palestinas que están na cadea ao aplicárselles a figura da “detención administrativa”, figura que permite deter a persoas sen acusacións de ningún tipo por períodos de seis meses que poden ser prorrogábeis de xeito indefinido.

Esiximos a inmediata liberación de Bilal Kayed e de todos os presos e presas políticos, a desaparición da figura da “detención administrativa”  e o fin da ocupación por parte de Israel dos territorios palestinos.

Santiago de Compostela; 18 de xullo de 2016

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do Povo Galego